Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 09 de xaneiro de 1995 Páx. 348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de decembro de 1994 pola que se resolve o concurso público para a concesión de bolsas predoutorais de nova adxudicación, convocado no anexo III da Orde do 1 de xuño de 1994 (DOG do 13 de xuño).

A Orde do 1 de xuño de 1994 (DOG do 13 de xuño), pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de bolsas e axudas de apoio á formación e actualización do persoal investigador prevé, no seu anexo II.A, a concesión de bolsas de nova adxudicación para a realización da tese de doutoramento.

Por Resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación do 8 de novembro de 1994 (DOG do 22 de novembro) e de conformidade coa base 7 do aludido anexo II.A, fíxose pública a relación provisional de beneficiarios das referenciadas bolsas. No apartado segundo da devandita resolución, fixábase un prazo de dez días contados a partir do seguinte ó da publicación dela no DOG co fin de que os interesados, de se-lo caso, formularan as reclamacións oportunas.

Rematado este prazo, estudiadas as reclamacións presentadas pola Comisión de Selección de Política Científica, creada polo Decreto 160/1991, do 16 de maio, (DOG do 28 de maio) e Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 27 de xullo de 1994 (DOG do 10 de agosto), esta consellería, de acordo coa proposta de resolución elaborada pola dita comisión,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Acórdase conceder novas bolsas para a realización da tese de doutoramento ás persoas que se relacionan no anexo I da presente orde.

Artigo 2º.-A contía das bolsas será de 102.250 ptas/mes brutas, desde outubro de 1994 a setembro de 1995. Sen embargo, esta última cantidade poderá ser modificada por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dentro dos límites fixados na propia convocatoria, co fin de consegui-la total homologación destas bolsas coas de formación de persoal investigador convocadas polo Ministerio de Educación e Ciencia para o ano 1995.

Artigo 3º.-No caso de producirse algunha renuncia ás bolsas ás que se refire o artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Universidades e Investigación procederá, se é o caso, a adxudica-la dita axuda a outros candidatos tendo en conta a lista de suplentes que se relacionan no anexo II. A asignación terase pola mesma orde na que se relacionan.

Artigo 4º.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde de convocatoria do 1 de xuño de 1994, suporá a perda do dereito a percibi-la axuda correspondente.

Artigo 5º.-A presente disposición pon fin á vía administrativa segundo o disposto no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1994.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria