Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 05 de xaneiro de 1995 Páx. 205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 29 de novembro de 1994 pola que se regulan axudas para arrendatarios de predios rústicos que exerzan o seu dereito á propiedade pola aplicación da Lei 1/1992, do 10 de febreiro, relativa ós arrendamentos históricos.

A Lei 1/1992, de arrendamentos históricos, prorroga ata o día 31 de decembro de 1997 os arren-

damentos recollidos na dita lei, conferindo o dereito de acceso á propiedade durante o referido prazo.

O Real decreto 1.147/1992, do 25 de setembro, establece unha liña especial de axudas para facilitarlles ós arrendatarios históricos o exercicio do dereito de acceso á propiedade, nas que participan o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Comunidade Autónoma, segundo o convenio establecido entre ámbalas dúas administracións.

Con independencia desta liña especial de axudas, a Comunidade Autónoma, co ánimo de facilita-lo exercicio do citado dereito, aportará dos seus propios fondos as cantidades necesarias para outros gastos por razóns fundamentais sociais e que contribúan a facer posible a finalidade que pretende a lei.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1-Os arrendatarios de predios rústicos, a que se refiren a Lei 1/1992, do 10 de febreiro, e 83/1980, do 31 de decembro, que comunicaron a súa intención de exerce-lo dereito de acceso á propiedade antes do día 12 de febreiro de 1994, poderán ser auxiliados cos préstamos e subvencións que establece o Real decreto 1.147/1992, do 25 de setembro.

Artigo 2-Tipos de axudas.

As axudas consistirán en:

a) Subvencións directas de capital.

b) Subvencións de tramitación.

c) Préstamos con xuro bonificado.

d) Préstamos de xuro preferencial.

Artigo 3-Subvencións directas de capital.

1.-A subvención directa de capital só se poderá conceder por petición do beneficiario cando este obteña máis do 50% da súa renda anual da actividade agraria e a súa explotación non supere dúas unidades de traballo-home. Para estes efectos enténdese por unidade de traballo-home o traballo que un agricultor desenvolve durante mil novecentas vinte horas do ano.

2.-No caso de que o arrendatario estea xubilado e non obteña da actividade agraria máis do 50% da súa renda anual poderáselle concede-la axuda prevista no apartado anterior, sempre que teña un fillo que conviva con el, e que traballando na explotación do pai, obteña máis do 50% da súa renda anual da actividade agraria.

3.-A porcentaxe de subvención aplicarase sobre unha cantidade máxima de:

a) Dez millóns de pesetas cando a superficie do predio adquirido sexa superior á superficie que teña o arrendatario en propiedade antes da adquisición.

b) Seis millóns de pesetas cando a superficie do predio adquirido sexa inferior á superficie que teña o arrendatario en propiedade antes da adquisición.

4.-A contía máxima das subvencións directas expresada en porcentaxe do prezo do predio ou predios que se adquiran, ata os limites previstos no apartado 3, será de 40 por 100, o financiamento do cal lle corresponderá á Administración do Estado, a través da Secretaria Xeral de Estructuras Agrarias e da Comunidade Autónoma, segundo o convenio existente.

Artigo 4-Subvencións de tramitación.

lndependentemente das subvencións directas de capital, a Comunidade Autónoma poderá subven

cionar ata o 100% os gastos de tramitación, formalización de escrituras e inscrición rexistral, incluídos os que se deriven de hipotecas constituídas en garantías de créditos, así como os gastos derivados de realización de estudios cartográficos, de investigación de situación xurídica ou similares sobre os fondos arrendados e que coadxuven á obtención das axudas para facilita-lo acceso á propiedade.

Artigo 5-Préstamos con xuros bonificados.

1. Poderán acollerse aqueles arrendatarios que non cumprindo os requisitos do artigo 3º ou ben que cumpríndoos elixan este tipo de axuda. Os préstamos concedidos sobre o prezo dos predios adquiridos axustaranse ás condicións establecidas no artigo 7º. Neste caso non será de aplicación a subvención directa recollida no artigo 3º.

2. O tipo de xuro resultante para os préstamos bonificados será:

a) Cando o adquirente cumpra as condicións establecidas no artigo 3º.

-O 6% se o predio está situado nas zonas desfavorecidas, declaradas de acorde co establecido nos artigos 2 e 3 da Directiva 75/268/CEE do Consello, do 28 de abril de 1975.

-O 7% se o predio non está situado nas ditas zonas desfavorecidas.

b) Cando o adquirente non cumpra as condicións establecidas no artigo 3º, o 9%.

Artigo 6.-Préstamos con tipos de xuro preferencial.

1. Os beneficiarios das subvencións directas previstas no artigo 3º poderán solicita-los préstamos non bonificados pola diferencia entre aquelas e o prezo do predio. A suma do dito préstamo e da subvención directa non poderá exceder de 15 millóns de pesetas.

2. O tipo de xuro será o preferencial vixente no momento da formalización do préstamo.

Artigo 7-Condicións dos préstamos.

Os préstamos previstos nos artigos 5º e 6º axustaranse ás seguintes condicións.

a) A contía máxima dos préstamos poderá alcanza-lo prezo do predio ou predios que se adquiran, ata o límite de 15 millóns de pesetas.

b) A garantía para a devolución do préstamo poderá se-la hipotecaria sobre o predio ou predios adquiridos ou, no seu defecto, outras garantías suficientes.

c) O prazo de reintegro do préstamo será o de quince anos, contados a partir da data da súa formalización cunha carencia de tres anos, efectuándose a amortización do capital do préstamo a partir do cuarto ano, en doce mensualidades.

Artigo 8-Financiamento das axudas,

1.-As subvencións directas de capital serán financiadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través da Secretaria Xeral de Estructura Agrarias e a Comunidade Autónoma, segundo as porcentaxes no convenio asinado para o efecto.

2.-Os gastos financeiros correspondentes á porcentaxe das subvencións directas de capital, segundo o convenio citado, a sufragar con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, así como os derivados das subvencións de tramitación recollidas no artigo 4º, imputaranse á aplicación 09.02.421A.770 (axudas para adquisición de terras procedentes de arrendamentos his

tóricos), dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, dotada cun crédito de 60.000.000 de pesetas.

3.-A bonificación no tipo de xuro dos préstamos será financiada pola Secretaría Xeral de Estructuras Agrarias do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na súa totalidade.

Artigo 9-Tramitación das axudas.

A tramitación e resolución dos expedientes de solicitude das axudas por parte dos beneficiarios, será realizada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

As solicitudes de axudas presentaranse nos servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, así como nas delegacións provinciais, axencias comarcais da zona, ou axencias de extensión agraria, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de adquisición, onde se acredite a condición de arrendamento histórico.

b) Relación de gastos, cos seus xustificantes, obxecto da subvención.

c) Declaración da renda que acredite que obtén máis do 50 por 100 da renda anual da actividade agraria.

d) Certificación de estar afiliado á Seguridade Social Agraria.

e) Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

f) Antes de proceder ó cobramento deberán acreditar que se encontran ó corrente das obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Outros documentos en función da axuda solicitada.

Artigo 10

O arrendatario verase obrigado a subscribir contrato-tipo coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, de acordo coas estipulacións establecidas nel.

Artigo 11

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro de 1995.

Artigo 12

Para a concesión destas axudas, terase en conta como criterios de prioridade, ó longo do exercicio económico, entre outros, a maior antigüidade no arrendamento, a superficie afectada por este, así como a existencia ou non de mutuo acordo entre ámbalas dúas partes.

Disposicións adicionais

Primeira: As solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 21 de abril de 1994 ás que non foi concedida a subvención solicitada poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga consta-lo interesado.

Segunda: Que, estando pendente de aprobación e publicación a lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 1995, as solicitudes que se orixinen como consecuencia da publicación da orde de subvención serán tramitadas de conformidade e cos efectos contidos na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 (DOG nº 18, do 19-6-1986), modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991 (DOG nº 229, do 26-11-1991).

Terceira: Que a dotación orzamentaria está contida no proxecto de orzamentos para 1995.

Cuarta: Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dictar aquelas disposicións complementarias precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde, no ámbito das súas competencias.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1994.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes