Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 04 de xaneiro de 1995 Páx. 162

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 1994, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 282 que afecta os montes Coto de Pedro e Monte de Arriba, do lugar de Vilachán, parroquia de Aguasantas, concello de Rois, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 28 de xuño de 1994, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 28 de xuño de 1994 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais: Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F.; Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta; Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña; José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 282

Montes: Coto de Pedro e Monte de Arriba

Sito no: Lugar de Vilachán

Concello: Rois

1º Resultando que por medio de escrito do 22-5-1989 diversos veciños do lugar de Vilachán, parroquia de Aguasantas, concello de Rois, solicitaron deste xurado a declaración como veciñais dos

expresados lugares, os montes arriba citados, e que teñen as seguintes características:

Superficie: 101 ha

Lindeiros:

Porción denominada Coto de Pedro: Norte: río de Busto que o separa do monte de Busto e Niñarello (Monte Busto nº 284 do C.U.P.). Predios particulares de Busto e montes e predios particulares de Senra. Do piquete nº 1 ó 118 seguindo a orde de piquetes do deslindamento do monte Coto de Pedro nº 298 do C.U.P. Leste: Rego de Portas Quintas do piquete nº 118 ó 125. Sur: Montes de Arriba e Abaixo dos veciños de Beade e Porto e predios particulares de Duei do piquete nº 125 ó 214 seguindo a orde de piquetes. Oeste: Río de Soñora que o separa do monte Agudo nº 171 do C.U.P. e predios de Soñora do concello de Lousame seguindo a orde de piquetes desde o nº 214 ó 240 e deste, ó nº 1.

Porción denominada Monte de Arriba. Norte: co Monte de Senra. Leste: Monte de Vilar de Castro. Sur: Monte de Arriba dos veciños de Beade e Porto e antigo camiño real. Oeste: Predios particulares.

2º Resultando que á vista de tal solicitude o xurado, en sesión do 22-6-1989 acordou inicia-lo expediente de cualificación nº 277 do monte Coto de Pedro, sendo interrompida a tramitación polo cambio na composición do xurado, debido á promulgación da actual Lei de montes veciñais 13/1989, do 10 de outubro.

En sesión celebrada o día 16-9-1992, o xurado acorda retoma-lo expediente, nomeándose como instructor del a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Padrón, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Rois, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 115 de data 18-6-1993), taboleiro de anuncios do concello, lugares de costume e parroquia.

3º Resultando que a xunta promotora fundamenta a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común na posesión pública, pacífica e ininterrompida desde tempos inmemoriais, mediante o aproveitamento dos seus productos, toxo, leña, madeira, etc., facendo estivadas e cultivándoas á forma e modo que por costume o fan os labregos, xustificando a alegación da condición de monte comunal mencionando a orixe do monte e unha sentencia do 26-10-1988 do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Santiago do xuízo declarativo de menor contía 5/1988 no que varios veciños pretendían a declaración de dominio privado ó seu favor.

4º Resultando que durante a tramitación compareceron Herminda Veiga Cruces e outros, reclamando a titularidade de predios que pola situación coinciden na súa totalidade coas parcelas solicitadas pola comunidade veciñal arriba citada, aportando diversa documentación tanto de propiedade como da súa situación física e legal, facendo referencia a sentencias de datas 15-12-1991 e 7-1-1992 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Padrón en xuízos declarativos de menor contía 128/1990 e 110/1991 respectivamente, nos que se declaran como de propiedade particular predios situados nos citados montes, déuselles parte no expediente como titulares de dereitos e intereses lexítimos.

5º Resultando que en escrito do 28-9-1993, rexistro de entrada nº 18.322 de 15-10-1993 do procurador dos tribunais, Óscar García Píccoli, en nome de Rogelio Vidal Lapido, Herminda Veiga Cruces e outros se di entre outras que «se solicitara... ante o Concello de Rois... esgotamento da vía previa á civil ou reclamación previa...». Por maior abastanza faise constar que non variaron as circunstancias de feito no uso e desfrute do monte, nin houbo reclamacións ante os tribunais ordinarios.

6º Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º Considerando que, de conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños dos lugares de Vilachán, parroquia de Aguasantas, concello de Rois, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación. Que dúas das persoas relacionadas como comuñeiros, unha delas da xunta promotora, non son veciños do lugar de Vilachán.

3º Considerando a existencia dos citados titulares e as sentencias dos xuízos declarativos mencionadas anteriormente, así como certificado do secretario do concello sobre o acordo do Pleno do 13-8-1993, conformándose coa reclamación previa ó exercicio de accións civís sobre propiedade no citado monte.

4º Considerando que no desenvolvemento da audiencia previa á deliberación do xurado para tomar un acordo de resolución, a parte opoñente, representada polo procurador dos tribunais, García Piccoli, en escrito no que se fai referencia no 5º resultando, fai expresa mención das demandas en xuízo declarativo contra a Comunidade Autónoma (Xunta de Galicia) e o Concello de Rois, ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Padrón e que en sentencias do 15-12-1991 e 7-2-1992 declarou a condición de natureza privada e pertenza dos veciños reclamantes. Toda vez que non variaron as circunstancias de feito en canto ó uso e desfrute do monte, nin as resolucións dos tribunais modificaron a situación que contradiga o criterio pronunciado por este xurado na súa resolución do 9-7-1976 que manifestou «non ter lugar a súa cualificación, por implica-lo manifestado cuestión relativa ó dominio de tal monte da competencia dos tribunais da xurisdicción ordinaria, a substanciar polos trámites do

xuízo declarativo ordinario».

5º Considerando a anterior resolución do xurado do 9-7-1976 referida ó expediente nº 51 de cualificación dos mesmos montes Coto de Pedro e Monte de Arriba.

Que segundo o informe do xefe do Servicio de Montes e I.F. o Monte de Arriba encóntrase incluído no monte Abaixo e Arriba, declarado veciñal en man común a favor da Comunidade de Beade e Porto mediante resolución do xurado do 27-2-1978 no expediente nº 40.

6º Considerando que o letrado da xunta promotora sinalou o interese social da actual Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, para o cal o posuidor real prevalecería sobre o titular rexistral que non tivese a posesión efectiva.

Vistas as disposicións legais citadas, Lei 13/1989, do 10 de outubro, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais de xeral aplicación.

Por todo isto, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, nesta data

Acorda que non hai lugar a pronunciarse sobre a cualificación como veciñais en man común dos montes Coto de Pedro e Monte de Arriba, afectados polo presente expediente, por implica-lo manifestado nesta cuestión relativa ó dominio de tales montes da competencia dos tribunais da xurisdicción ordinaria, a substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 28 de xuño de 1994.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario