Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 03 de xaneiro de 1995 Páx. 88

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 15 de decembro de 1994 pola que se establece o réxime de subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario.

O Decreto 195/1994, do 16 de xuño, establece o réxime de axudas ás organizacións profesionais do sector agrario e fixa as regras xerais de procedemento e os criterios básicos ós que se debe suxeita-la concesión de axudas ás ditas organizacións profesionais. Nel habilítase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para que o desenvolva tanto en materia de subvencións como no relativo á subscrición de convenios de colaboración.

En consecuencia e de conformidade co disposto no artigo 30.1.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-las subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario pola realización de actividades de representación e de formación dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

Artigo 2.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas establecidas na presente orde as organizacións profesionais vencelladas co sector agrario e as organizacións representativas das cooperativas agrarias legalmente establecidas que teñan como obxecto social a representación profesional dos seus asociados.

Para a concesión destas axudas atribuiráselles carácter preferente a aquelas entidades que tañan carácter xeral.

Artigo 3.-Avaliación das solicitudes e dos seus importes.

1º.-A concesión das subvencións farase depender da natureza e alcance das accións realizadas, de acordo cos obxectivos descritos no artigo 1 desta orde.

Na súa avaliación terase en conta, como criterio preferente, o grao de implantación daquelas organizacións no sector agrario galega. Outros criterios que se apreciarán son os que fan referencia ó interese e calidade das actuacións realizadas, a experiencia na realización das mesmas actividades e os medios ulilizados en cada caso.

2º.-Para tal efecto, as entidades peticionarias deberán acreditar, se é o caso, mediante certificación expedida polo seu presidente, os seguintes extremos:

a) Número de socios.

b) Número de oficinas abertas, horario de atención ó público, servicios que prestan e publicacións que realizan.

c) Subsectores agrarios nos que se atopa implantada e a entidade da dita presencia.

d) Número de traballadores, con especificación das tarefas que realizan e duración do seu contrato. A este respecto achegarase fotocopia compulsada dos contratos de traballo e copia auténtica dos documentos de cotización á Seguridade Social do último ano.

e) Orzamento de gastos anual da entidade. Se pertencen a unha organización de ámbito estatal, deberá facerse especificación da contía da súa aportación.

f) Subvencións recibidas no último ano, por tódolos conceptos, procedentes das administracións públicas.

3º.-Así mesmo acreditarán mediante certificacións expedidas polos organismos públicos competentes os requisitos esixidos pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 4.-Gastos amparables.

Serán obxecto de subvencións as seguintes actividades:

a) Representación perante as institucións autonómicas.

b) Participación nas comisións, mesas de traballo ou calquera órgano colexiado que, para a defensa dos dereitos dos seus representados, constituíra a Administración autonómica.

c) Formación dos asociados e das súas familias, así como dos xerentes das cooperativas agrarias.

d) Impulso do asociacionismo agrario.

Artigo 5.-Subscrición de convenios de colaboración.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá subscribir convenios de colaboración coas organizacións citadas para a realización de actividades específicas que se consideren de elevado interese. Os convenios de colaboración rexeranse polas súas disposicións específicas.

Artigo 6.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención deberán presentarse no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte

ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse, mediante instancia dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, segundo o modelo que se xunta, nos rexistros dos servicios centrais e periféricos dela ou por calquera dos medios e perante os rexistros que se especifican no artigo 38 na vixente lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes irán acompañadas dos documentos que acrediten en cada caso as circunstancias descritas no artigo 3 da presente orde.

Artigo 7.-Resolución.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes resolverá no prazo de un mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, a concesión das subvencións previstas na presente orde.

Na falta de resolución expresa deberá entenderse desestimada a solicitude de subvención.

Artigo 8.-Xustificación do destino das axudas.

As entidades beneficiarias destas axudas poderán percibir pagos parciais dos gastos realizados a medida que os vaian xustificando, ata un máximo do 80% do importe total da subvención que lle fose concedida.

Disposición adicional

As subvencións e os convenios de colaboración contidos na presente orde aboaranse con cargo á partida orzamentaria 09.01.611A.480 <

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Facúltase o secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para que dicte as normas e instruccións precisas para a execución da presente orde.

Segunda.-

A presente orde entrará en vitor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 1994.

Tomás Pérez, Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes