Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 03 de xaneiro de 1995 Páx. 75

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 1994, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Financiera Maderera, S.A., no concello de Padrón (A Coruña), e se lle concede á dita empresa a condición de autoxerador eléctrico (Expediente número 35/1994).

Financiera Maderera, S.A. (Finsa), con domicilio para efectos de notificación na rúa Paraíso, s/n. Padrón (A Coruña), solicitou autorización administrativa para a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica e concesión da condición de autoxerador eléctrico, co obxecto de acollerse ós beneficios previstos no Real decreto 872/1982, do 5 de marzo, sobre tramitación de expedientes de solicitudes de beneficios creados pola Lei 82/1982, do 30 de decembro, sobre conservación de enerxía, achegando o preceptivo anteproxecto da instalación e o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e do aforro de enerxía co esixido no Decreto 2.617/1966, sobre autorización de instalacións eléctricas e no Real decreto 907/1982, do 2 de abril e Orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo do mesmo ano, sobre fomento de autoxeración de enerxía eléctrica e normas para a obtención da condición de autoxerador eléctrico, respectivamente.

A devandita planta de coxeración situarase nos terreos da factoría denominada Cesures, que Finsa posúe en Padrón (A Coruña), a cal se adica á fabricación de fibra MDF e aglomerados de madeira.

Resultando: que de conformidade co establecido no citado Decreto 2.617/1966, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, dictou resolución de data 11 de abril de 1994 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación da referida planta de coxeración, que foi publicada no DOG do 21-6-94 e no BOP da Coruña do 7-6-94, non presentándose no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Resultando: que a planta de coxeración da que se solicita autorización adminsitrativa ten as seguintes características técnicas básicas:

-Dous motores de combustión interna de fuel oil, de 6.750 kW de potencia cada un.

-Dous xeradores eléctricos de 7.500 kVA de potencia cada un.

-Aparellaxe eléctrica de protección, mando, sinalización e medida.

Resultando: que o dito anteproxecto de instalación conta co informe favorable do enxeñeiro industrial da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, Alfredo García-Lorenzana Berroya, e que o delegado provincial emitiu informe favorable sobre a petición formulada.

Considerando: que a Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente consonte o Estatuto de autonomía de Galicia, o Real Decreto 2.563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación co Decreto 2.617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a Orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo de 1982, sobre obtención da condición de autoxerador eléctrico.

Considerando: que a documentación aportada reúne os requisitos sinalados polo Real decreto 907/1982, do 2 de abril, sobre fomento da autoxeración de enerxía eléctrica, e pola mencionada Orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo de 1982, en canto á obtención da condición de autoxerador eléctrico.

Esta dirección xeral

RESOLVE:

1) Autorizarlle a instalación dunha planta de coxeración á empresa Financiera Maderera, S.A. (Finsa), que se vai situar nas instalacións da factoría «Cesures», que a dita empresa ten en Padrón (A Coruña).

2) Outorga-la concesión da condición de autoxerador eléctrico, a cal se condiciona á subscrición do convenio a que fai referencia o apartado terceiro do punto 2.3 da sinalada Orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo de 1982.

O promotor deberá presentar perante a Delegación Provincial da Consellería de industria e Comercio da Coruña, no prazo de un ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal contará os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así coma o punto de interconexión, de acordo co sinalado na Orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 5 de setembro de 1985. Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga a este prazo por causa debidamente xustificada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo de un mes contado a partir do dia seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 1994.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria