Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2017 Páx. 26758

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 12 de maio de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, puntos 23 e 24, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social e en promoción do desenvolvemento comunitario, respectivamente.

En virtude deste título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia para a construción do sistema galego de benestar.

Posteriormente a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, avanzando no enfoque da inclusión social activa, deseñou un sistema que integra as prestacións económicas de activación/inserción vinculadas a proxectos personalizados de carácter social e formativo.

Este enfoque da inclusión social activa, recollido na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, está consolidado como unha das prioridades da Unión Europea e dos Estados membros e é prioritaria para os fondos estruturais. Neste sentido, o artigo 3 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, establece que o Fondo Social Europeo apoiará, como prioridade de investimento, en relación co obxectivo temático «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», a inclusión social activa, con vistas a promover a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da posibilidade de atopar un emprego.

Así mesmo, esta orde reguladora recolle tamén outra das prioridades establecidas na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, incluíndo axudas dirixidas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social regulados na Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, actualmente vixente en virtude da disposición derradeira primeira do Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, coa finalidade de reformar e/ou adaptar os ditos equipamentos ás necesidades das persoas usuarias, ofrecéndolles servizos que redunden nunha mellora en calidade da atención dispensada.

Un dos tres piares en que se basea a inclusión social activa é o acceso a uns servizos de calidade, o que implica, no ámbito dos servizos sociais, a complementariedade entre os diversos axentes que operan no territorio e a importancia de complementar a acción pública coa execución de accións e proxectos por parte das entidades de iniciativa social debidamente autorizadas. Neste senso, a Consellería de Política Social, como órgano que ten asumidas as competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social, servizos comunitarios e inmigración en virtude do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, considera adecuado fomentar o cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social que se axusten aos requisitos de autorización, calidade e complementariedade e aumentar a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social. A este fin responde esta convocatoria, onde se establecen subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social para a prestación de servizos sociais no ámbito dos servizos sociais comunitarios e da inclusión social, incluíndo aqueles específicos en favor da poboación inmigrante, pois estas institucións, ao traballaren directa e continuadamente coas persoas e familias afectadas por factores de exclusión social, coñecen de primeira man as súas necesidades, características e posibilidades, así como os instrumentos máis eficaces para potenciar as súas capacidades e promover a súa participación social e o seu acceso ao mundo laboral.

Baixo esta perspectiva, a orde regula varios tipos de axudas, en primeiro lugar aquelas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como o aloxamento e a manutención, as cales constitúen, en moitos casos, un primeiro nivel de atención que brinda ás persoas usuarias o acceso ao resto dos recursos dispoñibles.

Outras tipoloxías de axudas van dirixidas á promoción de actuacións e á formulación e desenvolvemento de programas dirixidos a complementar, ampliar ou innovar a actuación dos servizos sociais comunitarios, tanto mediante o impulso da especificidade na atención de persoas ou territorios con características singulares, como mediante o complemento da acción que estes levan a cabo.

Así, en consonancia coas previsións recollidas na Lei 10/2013, do 27 de novembro, e na Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020, dáse unha énfase especial aos procesos vinculados á inclusión social das persoas usuarias dos servizos, establecendo unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social, así como ao traballo de acompañamento social e ao apoio preciso para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral. As actividades financiadas neste caso terán como obxectivo o apoio ou reforzo ás persoas que, polo distanciamento dos seus vínculos persoais co contorno social ou a súa condición de inmigrante, precisan dun acompañamento técnico que facilite e/ou posibilite a súa inclusión social e laboral e terán por obxecto tanto a adquisición de habilidades e destrezas coma a formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás súas necesidades, como a preparación para a avaliación das competencias clave exixibles para o acceso normalizado á formación e cualificación profesional. Igualmente, serán obxecto de financiamento as actuacións de dinamización en territorios en exclusión severa que teñan como obxectivo o intercambio de experiencias, vivencias, aprendizaxes e problemáticas comúns e as súas posibles solucións.

Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, nas subvencións financiadas nos programas operativos Feder e FSE Galicia para o período 2014-2020 aplícanse o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, o Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, e o Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxetivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006 e, de xeito supletorio, aplicaranse as disposicións da Lei de subvencións de Galicia e o seu regulamento.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 € adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto global ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custo simplificados.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, polo Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento do réxime de concesión de axudas ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante, e proceder á súa convocatoria para os exercicios 2017 e 2018.

2. Quedan fóra do obxecto das subvencións reguladas nesta orde as actividades e os proxectos que teñan principalmente os seguintes contidos:

a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou outras problemáticas de índole sanitaria, salvo as dirixidas á prevención das discapacidades, especialmente enfermidade celíaca e fenilcetonuria. Estas actividades e proxectos deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na atención ás persoas e familias.

b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de lecer ou recreo.

3. Non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde, aquelas actividades ou proxectos susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

4. O código deste procedemento administrativo é o BS631A.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dez millóns cento vinte e oito mil douscentos cincuenta e dous euros, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2017

2018

Total

12.03.312A.481.3

1.633.334,00

1.341.666,00

2.975.000,00

12.03.313C.481.6

2.140.305,00

1.872.765,00

4.013.070,00

12.03.312C.481.0

253.230,00

221.575,00

474.805,00

12.03.313C.781.0

1.445.377,00

1.220.000,00

2.665.377,00

TOTAL

5.472.246,00

4.656.006,00

10.128.252,00

A partida 12.03.313C.781.0 destinarase ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social e estará cofinanciada ao 80 % con fondos Feder do Programa operativo de Galicia 2014/2020, con encaixe no obxectivo temático 9, Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, prioridade de investimento 9.7, investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e o fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais, Obxectivo específico 9.7.1 Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local, e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais, actuación CPSO 9.7.1.2. «Actuacións de investimento en centros de inclusión social e en centros de menores para a adaptación das necesidades funcionais».

As partidas 12.03.313C.481.6 e 12.03.312C.481.0 destinaranse ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º e poderán estar cofinanciadas ao 80 % con fondos FSE no programa operativo de Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 9, Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, prioridade de investimento 9.1, «A inclusión activa, tamén con vistas a promover a igualdade de oportunidades, así como a participación activa e a mellora da posibilidade de encontrar un emprego», obxectivo específico 9.1.1 «Mellorar a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, a través da activación e de itinerarios integrados e personalizados de inserción».

Da partida 12.03.312A.481.3 destinarase un importe global máximo de 2.523.529,88 €, 1.345.882,60 € con cargo ao exercicio 2017 e 1.177.647, 28 € con cargo ao exercicio 2018, para subvencionar o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado, agás o suposto previsto no seguinte punto.

2. No suposto de subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, ademais do disposto no punto anterior, a entidade deberá contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

No momento da solicitude será suficiente con presentar unha copia da solicitude do permiso de inicio de actividades en que conste o rexistro de entrada.

O órgano instrutor verificará que as entidades solicitantes teñen concedido o mencionado permiso con anterioridade á notificación da resolución da subvención que corresponda.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os seguintes servizos e prestacións:

a) Funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social. Inclúese neste tipo o funcionamento daqueles centros que complementen os ámbitos de intervención social do Sistema galego de servizos sociais neste nivel de atención, os cales se especifican no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, e que corresponden ás seguintes tipoloxías:

1º. Albergues.

2º. Centros de acollida.

3º. Comedores sociais.

4º. Centros de atención social continuada.

5º. Centros de día e inclusión social.

b) Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, nos termos establecidos no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante:

1º. Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos. Inclúense os seguintes servizos coa seguinte desagregación por programas:

1º.1. Servizos de prevención e primeira atención:

1º.2. Programas de valoración, orientación e información dirixido a identificar situacións de risco e factores de vulnerabilidade, así como a informar sobre os recursos e as prestacións do Sistema galego de servizos sociais.

1º.3. Servizos de atención ás necesidades básicas:

1º.4. Servizo da cobertura de necesidade de alimentos.

1º.5. Servizo de provisión de recursos básicos (hixiene, roupeiro, lavandaría, apoio material...).

1º.6. Servizo de atención de rúa e/ou servizo de atención urxente.

2º. Atencións comprendidas dentro dos servizos de apoio á inclusión sociolaboral, servizo de formación adaptada e servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión:

2º.1. Prestacións obrigatorias do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, tanto de inclusión básica como a de inclusión e transición ao emprego. Esta atención comprenderá as prestacións de diagnose; deseño; seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; acompañamento social; accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais; e, no caso dos servizos da sección de inclusión e transición ao emprego, as accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral. Subvencionaranse, así mesmo, outras prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral de carácter opcional, tales como prospección e intermediación laboral activa ou mediación laboral, reforzo socioeducativo para menores e apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa, nos termos que define a Carteira de servizos sociais de inclusión.

2º.2. Accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral, nos termos de prestación obrigatoria do servizo de formación adaptada, que incluirá a formación dirixida ao autoemprego e constitución de cooperativas. Inclúense, dentro da segunda, ademais, o apoio e a participación en proxectos de emprendemento e de inserción sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade vinculados ás potencialidades do territorio, especialmente aquelas baseadas na agricultura social, que se desenvolvan en áreas rurais do territorio galego. Tamén poderán subvencionarse accións de adquisición e/ou fortalecemento das competencias persoais e sociais dirixidas exclusivamente á mellora da administración da economía familiar.

2º.3. Prestación de apoio á conciliación prestada no marco do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, tanto na sección de inclusión básica como da sección de inclusión e transición ao emprego, ou cando se trate dunha prestación vinculada directamente a un servizo de formación adaptada.

2º.4. Prestación de mediación social e/ou intercultural no marco de desenvolvemento dun servizo de apoio á inclusión sociolaboral en calquera das súas seccións. Esta prestación deberá levala a cabo persoal especializado en distintos ámbitos, como sanidade, educación, vivenda ou outros, a través de accións de acompañamento presencial ou de sensibilización directa na contorna social próxima das persoas coas cales se levan a cabo as accións de mediación, que teñan por finalidade o respecto e o fomento de actitudes de tolerancia coa diversidade cultural. As accións de sensibilización non poderán representar máis dun 7 % do importe da axuda concedida para esta actuación.

2º.5. Prestación de dinamización comunitaria no marco de desenvolvemento dun servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión. Tratarase de actuacións en territorios en exclusión severa, que aproveiten espazos de dinamización comunitaria ou de interrelación xeracional ou interterritorial e teñan por finalidade tanto compartir experiencias, vivencias e aprendizaxes, como debater problemáticas comúns relativas á análise das potencialidades tanto económicas como sociais do territorio e as súas posibles solucións, sempre que exixan a presenza e a dedicación de persoal dinamizador ou experto. Para os efectos desta orde, entenderase que un territorio sofre exclusión severa cando a súa dispersión, recente perda de poboación e/ou dificultades de comunicación por estrada impidan ou dificulten de xeito importante o desenvolvemento destes espazos de comunicación. Para os efectos de valorar a dispersión, perda de poboación ou dificultade de transporte por estrada, a comisión de valoración empregará indicadores de estatísticas oficiais que poderá complementar con outros deseñados por axentes ou institucións especializadas.

Serán persoas beneficiarias das actuacións que se subvencionen no punto 4.1.b).2º as perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia, as persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral e, en xeral, as afectadas por factores de exclusión social; neste último suposto, a situación de exclusión social acredítase mediante declaración responsable da entidade de que o beneficiario está nesa situación.

Para a consideración destes factores observarase o establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Así mesmo e en aplicación do artigo 56.5. da citada lei, no caso de unidades de convivencia con varias persoas en condicións de participar nun proxecto de inclusión sociolaboral estableceranse medidas personalizadas para cada unha delas.

Na ficha de descrición da actuación (anexo IV) deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas destinatarias e o seu perfil.

3º. Atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e a permanencia no mercado de traballo da poboación inmigrante, comprendida nos servizos de promoción da participación social e de apoio á inclusión sociolaboral.

Inclúense neste punto as actuacións que se sinalan no punto 4.1.b).2º adaptadas ás necesidades específicas destas persoas; tamén se poderán incluír prestacións do servizo de promoción da participación social, como accións formativas de alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia e accións formativas dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida, así como o servizo de asesoramento técnico especializado en materias propias de estranxeiría, e consistirá na información, asesoramento e apoio nos trámites precisos para as autorizacións e renovacións de residencia, homologacións de títulos, reagrupamentos familiares, nacionalidade e demais cuestións relacionadas coa normativa española en materia de estranxeiría.

Serán persoas beneficiarias dos programas ou actuacións subvencionadas neste punto as persoas inmigrantes que acrediten documentalmente tal condición ou a súa orixe estranxeira e se atopen en risco de exclusión social, de acordo co establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, ou nunha situación de vulnerabilidade derivada da súa condición de inmigrante; esta situación acreditarase mediante declaración responsable da entidade.

Tamén participarán neste programa aquelas persoas solicitantes de asilo ou refuxiadas que puidesen chegar a Comunidade Autónoma galega.

Na ficha de descrición da actuación do anexo IV deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas participantes e o seu perfil.

c) Investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas. Estas poderán adoptar as seguintes modalidades:

1º. A construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de inmobles que garden unha relación directa coas actuacións anteriores.

2º. Adquisición ou desenvolvemento de aplicacións informáticas que estean relacionadas coa actividade do centro.

3º. A adquisición e instalación de equipamento e moblaxe, así como a adquisición de vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro, excluíndose expresamente os vehículos turismos.

2. Poderá solicitarse un máximo de catro actuacións para cada unha das tipoloxías de actuacións singularizadas do punto 1.b) deste artigo, con indicación da súa orde de prioridade. Esta limitación non será de aplicación ás tipoloxías de actuacións mencionadas nos puntos 1.a) e 1.c) deste artigo nin tampouco a aquelas actuacións que teñan inequivocamente un contido formativo concreto e totalmente diferenciado.

3. Todas as accións comprendidas nos puntos 1.b).2º e 1.b).3º serán deseñadas, desenvoltas e avaliadas incorporando a perspectiva de xénero, o cal significa que se estudará en que medida a variable xénero inflúe nos procesos de exclusión e se terán en conta as diferentes circunstancias, expectativas e necesidades que teñen os homes e as mulleres a que se dirixen polo mero feito de ser home ou muller. A perspectiva de xénero aplicarase tamén nas accións da letra c) en que sexa posible.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos subvencionables para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social e realización de actuacións singularizadas:

1º. Gastos directos: terán esta consideración os que a seguir se relacionan, sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran inequivocamente a ela:

1º.1. Gastos de persoal propio da entidade: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial.

1º.2. Gastos de traballadores/as por conta propia para a realización de actividades de formación.

1º.3. Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.

1º.4. Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.

1º.5. Bolsas por asistencia a acción formativas que non sexan percibidas por persoas titulares dunha renda de inclusión social de Galicia que inclúa ese complemento. Esta restrición non será aplicable ás persoas que formen parte da unidade de convivencia da persoa titular da dita renda.

1º.6. Axudas por desprazamento para participantes en accións de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C.

2º. Gastos de carácter indirecto: terán a dita consideración os que a seguir se relacionan, sempre que non correspondan en exclusiva á actuación subvencionada por ter carácter estrutural pero resulten necesarios para a súa realización:

2º.1. Gastos de persoal.

2º.2. Gastos en material funxible.

2º.3. Gastos de alugamento e mantemento das instalacións, que comprenden os gastos de luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

b) Poderá subvencionarse ata o 80 % dos gastos necesarios para a realización do investimento en centros de inclusión e emerxencia social definidos no artigo 4.1.c) que correspondan de maneira indubitada á operación cofinanciada, e deberán estar debidamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto na presente base reguladora, coas especificidades que se indican nos seguintes puntos.

Serán subvencionables a construción, a ampliación, a reforma e a mellora dos centros, así como a adquisición de edificacións xa existentes para seren rehabilitadas ou postas en uso como centros de inclusión e emerxencia social.

Unicamente con respecto ás solicitudes para ampliación da superficie destinada para a atención das persoas usuarias, serán subvencionables as adquisicións de terreos en que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación, ata o límite do 10 % do gasto total subvencionable da operación, de conformidade co artigo 69.3 do Regulamento 1303/2013 e do artigo 7.2 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Estes terreos deberán ser limítrofes, agás no caso de unidades funcionalmente vinculadas ao establecemento principal, as cales, non obstante, deberán estar próximas a este, de tal xeito que a súa utilización permita o desprazamento a pé das persoas usuarias.

En todo caso, o importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles, aspecto que deberá acreditarse mediante certificado dun taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Non será subvencionable a adquisición de terreos ou de bens inmobles que pertenzan ou pertencesen durante o período de elixibilidade ao organismo responsable da execución ou a outro organismo ou entidade, directa o indirectamente vinculado ou relacionado con el.

Así mesmo e unicamente con respecto á adquisición de equipamento necesario de adaptación funcional para prestación dos servizos, este poderá ser de segunda man, sempre que conste unha declaración de quen o vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares; estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxación independente.

Só se subvencionará a adquisición ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas cando estean relacionadas coa actividade do centro.

Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto agás o imposto sobre o valor engadido (IVE), cando non sexa recuperable polo solicitante.

A operación para a que se solicite a axuda poderá ter comezado desde o 1 de abril de 2017 pero, de acordo co artigo 65.6 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, para ser subvencionable non poderá ter concluído materialmente na súa totalidade antes da presentación da solicitude de axuda.

2. En todo caso, as actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. As actuacións sinaladas no artigo 4.1.c) deberán cumprir, ademais das normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, citado máis arriba, as normas do Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxetivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, segundo corresponda en función do financiamento da axuda.

3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de abril de 2017 ao 30 de xuño de 2018. Unicamente para as actuacións de construción, ampliación, reforma e mellora de centros poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual máis aló do 30 de xuño de 2018 e en ningún caso posteriormente ao 30 de novembro do mesmo ano, consonte o establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

5. Con respecto ás subvencións establecidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b) non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan fornecidos pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 18.000 €, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

1. A percepción de axudas para actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. As subvencións para actuacións recollidas no artigo 4.1.b).2º, 4.1.b).3º e 4.1.c) son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda pública de fondos comunitarios para a mesma actuación.

2. No caso de entidades solicitantes de subvención para accións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Nos casos das subvencións para accións recollidas no artigo 4.1.b).2º e 3º nos supostos en que se declare algunha outra axuda ou ingreso para financiar actuacións subvencionadas, o importe da subvención que corresponda despois de aplicar os módulos correspondentes diminuirase na mesma contía que o ingreso percibido.

3. As subvencións para o funcionamento de centros reguladas nesta orde non son compatibles coa reserva de prazas efectuada entre a entidade solicitante e a Xunta de Galicia mediante calquera das modalidades de contratación administrativa nin coa existencia dun convenio de colaboración especificamente asinado para o mantemento de centros e a subvención de actividades.

Artigo 7. Iniciación do procedemento

1. De conformidade co previsto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365, que pode solicitar accedendo á web https://sede.xunta.gal/chave365.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Excepcionalmente, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica que impida a presentación electrónica da solicitude, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Para todas as solicitudes é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade, para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais.

As entidades que solicitasen subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presentar esta documentación, sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante declaración responsable da persoa representante da entidade, en que se indicará a referencia administrativa do expediente onde consta a dita documentación.

b) Memoria da entidade no anexo II que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

2. Documentación específica para as subvencións de funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social 4.1.a):

a) Ficha de identificación do centro para o cal se solicita a subvención (anexo III), que incluirá os seguintes aspectos:

1º. Tipo de centro para o cal se solicita a subvención.

2º. Identificación do centro e da persoa responsable. No caso de non contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, deberán achegar a copia da solicitude do permiso de inicio de actividades.

3º. Horario de atención ás persoas usuarias e número de días de apertura, coa desagregación reflectida no anexo III.

4º. Perfil das persoas usuarias e réxime económico aplicado.

5º. Número de prazas autorizadas. Número previsto de persoas usuarias/día.

6º. Outras unidades e recursos: módulo de unidades familiares, de media estadía, recursos extra e existencia doutros recursos similares na zona de influencia.

7º. Recursos humanos dispoñibles.

8º. Descrición das características técnicas do centro.

9º. Declaración de gastos previstos para cada anualidade recollendo de xeito separado os gastos ata o 30 de novembro de 2017 e, de ser o caso, ata o 30 de xuño de 2018, ambos incluídos.

A información mínima requirida no anexo III poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

3. Documentación específica para as subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos, ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, ademais do servizo de promoción da participación social dirixida, no marco desta orde, de xeito exclusivo á poboación inmigrante 4.1.b):

a) A ficha de descrición da actuación do anexo IV. Esta/s ficha/s deberá/n conter, como mínimo, a información seguinte:

1º. Datos da entidade solicitante.

2º. Denominación da actuación.

3º. Tipo de actuación.

4º. Xustificación da necesidade social e localización territorial.

5º. Obxectivos e descrición xeral da actuación que deberá estar adaptada ás persoas destinatarias, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero nos termos definidos no artigo 4.

6º. Descrición dos recursos humanos e materiais que se van utilizar para garantir o axeitado desenvolvemento da actuación, especificando a titulación e dedicación horaria do persoal á actuación para a cal se solicita a subvención. No suposto de accións formativas que impliquen o compromiso de contratación ou de prácticas non laborais a que se refire o artigo 12.2.a).4º, achegarase documento acreditativo asinado pola empresa.

7º. Cronograma da/s actuación/s: a/s descrición/s conterá o período temporal de desenvolvemento da actuación, con indicación do seu número total de horas e/ou, no caso de que sexa necesario pola súa natureza, días, semanas ou meses de execución efectiva, así como o número previsto de persoas usuarias, coa desagregación reflectida no anexo IV. Esta descrición deberase presentar desagregada, recollendo de xeito separado as actuacións previstas ata o 30 de novembro de 2017 e, de ser o caso, ata o 30 de xuño de 2018, ambos incluídos, segundo o establecido no anexo IV.

Nas actuacións de tipo formativo distinguirase o número de horas teóricas e prácticas e as unidades didácticas ou módulos en que se divida, con expresión da duración de cada un deles.

8º. Perfil e criterios de selección das persoas destinatarias para a actuación e para cada unha das súas fases. Indicarase, de ser o caso, a/as problemática/s específica/s das persoas usuarias. No caso de solicitudes tipo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, este punto deberá axustarse ao establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro.

9º. Metodoloxía que se vai empregar no desenvolvemento da actuación, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero e describir os axustes que se introducirán en función dos roles diferentes que asumen homes e mulleres na sociedade e que poden condicionar o acceso e a calidade da súa participación.

10º. Avaliación cualitativa prevista.

11º. Para as actuacións do artigo 4.1.b).1º, a declaración de gastos previstos para cada anualidade que recolla de xeito separado os gastos ata o 30 de novembro de 2017 e, de ser o caso, ata o 30 de xuño de 2018, ambos incluídos.

A información mínima requirida no anexo IV poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

12º. De ser o caso, declaración responsable prevista no artigo 4.1.b).2º de que a persoa beneficiaria se atopa en situación de exclusión social.

4. Documentación específica para as subvencións de investimento de centros de inclusión ou emerxencia social 4.1.c):

a) Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver (anexo V), xunto con, no caso de subvención para construción, reforma ou ampliación, proxecto de execución ou licenza. Nesta memoria recollerase, de ser o caso, como se atenden os condicionantes de xénero no proxecto proposto.

b) Orzamento desagregado dos gastos, que deberá presentarse recollendo de xeito separado as actuacións previstas ata o 30 de novembro de 2017 e, de ser o caso, ata o 30 de xuño de 2018, ambos incluídos, segundo o establecido no anexo V.

c) No caso de subvencións para construción, reforma ou ampliación, planos da actuación á escala axeitada e proxecto. No caso de presentación de solicitude para equipamento e vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos do centro, este substituirase por unha memoria xustificativa da súa necesidade e documento das súas condicións técnicas.

d) Para as solicitudes de subvencións dirixidas á construción dun novo centro de inclusión e emerxencia social ou a modificación substancial dun centro xa existente, deberá achegar a solicitude de autorización de creación/construción ou modificación substancial.

e) Documentación acreditativa do réxime fiscal da entidade solicitante respecto do IVE, para os efectos de determinar a súa subvencionabilidade.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia , permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co previsto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As entidades están obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se considerarán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

De conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, estes requirimentos de emenda poderán tamén publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aquelas actuacións que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, regulada no artigo 11.

As solicitudes ou actuacións que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. A resolución será notificada nos termos establecidos no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No exercicio das súas funcións, poderá solicitar informe á unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais e tamén informes dos servizos técnicos pertinentes, tanto a nivel central como territorial, os cales non terán carácter preceptivo nin vinculante. Así mesmo, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada no caso daquelas susceptibles de someterse a un réxime de concorrencia competitiva, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social.

b) Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión, a persoa titular da xefatura do Servizo de Prestacións e Acción Social e un/unha funcionario/a adscrito/a á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social.

c) Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia.

En caso de ausencia dalgún membro da comisión de valoración, este será substituído pola persoa designada polo/a presidente/a.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. Unha vez avaliados os expedientes e determinado o importe que lle correspondería a cada actuación, a comisión presentaralle ao órgano instrutor o informe dos resultados da avaliación efectuada.

3. Neste informe figurará de xeito individualizado a avaliación das solicitudes presentadas, con especificación do importe que lle correspondería a cada unha delas.

4. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quede libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido nos artigos 30.2 e 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base, as cales respectarán a orde de prelación previamente realizada.

Artigo 12. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión das subvencións recollidas no artigo 4.1.a) para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, dado que pola súa natureza e finalidade non fai necesaria a comparación entre solicitudes e a súa posterior prelación, será o de concorrencia non competitiva. En virtude do previsto no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ratearase entre as entidades beneficiarias da subvención un crédito global de 2.523.529,88 €, segundo a distribución anual establecida no artigo 2.1, consignado na partida orzamentaria 12.03.312A.481.3 para esta finalidade.

O crédito restante nesta partida orzamentaria distribuirase entre as solicitudes para as actuacións previstas no artigo 4.1.b).1º. O crédito da aplicacións orzamentarias 12.03.313C.481.6 e 12.03.312C.481.0 distribuirase entre as solicitudes da tipoloxía do artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º de xeito proporcional ao número de actuacións de cada tipoloxía susceptibles de seren baremadas.

2. O procedemento de concesión das subvencións para actuacións singularizadas do artigo 4.1.b) que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos e para a atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquelas dirixidas de xeito exclusivo á poboación inmigrante, atenderá a un réxime de concorrencia competitiva.

De non esgotarse todo o crédito destinado a unha tipoloxía de actuación, poderá ser utilizado no resto das tipoloxías previstas neste punto sempre que se respecten os principios de elixibilidade que establezan os fondos financiadores das ditas axudas.

Os criterios de valoración destas actuacións serán os seguintes, cun máximo de 100 puntos por proxecto:

a) Obxectivos, necesidade social e carácter innovador do programa: ata 60 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Complementariedade con outros recursos do Sistema galego de servizos sociais existentes no territorio: ata 15 puntos.

2º. Necesidade social: ata 15 puntos.

3º. Grao de novidade respecto do resto de actuacións presentadas nesta convocatoria: ata 10 puntos.

4º. Presentación dun compromiso de contratación ou de realización de prácticas non laborais asinado por unha empresa ou de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción laboral (EIL) debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia: 20 puntos.

b) Experiencia na realización de programas de inclusión sociolaboral para persoas en situación ou risco de exclusión social, reflectida na execución de programas e na memoria da entidade. Ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Experiencia da entidade no ámbito da inclusión social, considerada en función do número de anos que desde o actual leva dedicándose ininterrompidamente a este labor: ata 4 puntos, 1 por ano.

2º. Colaboración coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de programas: 2 puntos.

3º. Os catro puntos restantes distribuiranse como se indica a seguir:

3º.1. Para as actuacións de apoio e participación en proxectos de emprendemento e de inserción sociolaboral baseadas na agricultura social que se desenvolvan en áreas rurais do territorio galego previstas no artigo 4.1.b).2º.2ª: 4 puntos.

3º.2. Para actuacións 4.1.b).1º:

Número de socios que contribúan ao financiamento da entidade: 4 puntos.

c) Actuacións integrais de carácter transversal en dous ou máis ámbitos da inclusión sociolaboral, como a educación e formación, inserción laboral, acción social, cobertura de necesidades básicas, orientación e información, vivenda, sanidade. Ata 15 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Presentación de actuacións en dous ámbitos: 6 puntos.

2º. Presentación de actuacións en tres ámbitos: 9 puntos.

3º. Presentación de actuacións en catro ámbitos: 12 puntos.

4º. Presentación de actuacións nos cinco ámbitos: 15 puntos.

d) Coordinación e cooperación acreditada cos servizos sociais, equipos de inclusión sociolaboral e outras entidades ou axentes sociais: ata 10 puntos:

1º. Coordinación cos equipos de inclusión sociolaboral no marco do territorio atendido pola entidade: 4 puntos.

2º. Coordinación cos servizos sociais comunitarios: 3 puntos.

3º. Coordinación con outras entidades ou axentes sociais: 3 puntos.

e) Realización de actividades específicas de promoción da igualdade de xénero: ata 5 puntos.

3. O procedemento de concesión das subvencións para investimento de centros de inclusión e emerxencia social reguladas no artigo 4.1.c) será o de concorrencia competitiva atendendo aos seguintes criterios, cun máximo de 100 puntos por proxecto:

a) Necesidade e impacto social do investimento ou equipamento solicitado: 35 puntos.

b) Complementariedade do servizo que prestará o centro con outros dispositivos de atención a persoas en exclusión: 35 puntos.

c) Outras fontes de financiamento para a realización do investimento: 10 puntos.

d) A coordinación dos proxectos con outros axentes do territorio: 10 puntos.

e) Atención aos condicionantes de xénero no proxecto proposto: 10 puntos.

Artigo 13. Determinación do importe das subvencións

1. Para as subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, a determinación do importe das subvencións tomará como referencia o número de persoas que cada centro prevé atender, coa limitación do número de prazas para as cales estea autorizado, e un importe unitario máximo de axuda por persoa atendida por día en función da tipoloxía de centro, do xeito seguinte:

a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 6 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día, cun límite máximo de 218.750 € por centro.

b) Centros de día de inclusión social: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 50.000 € por centro.

c) Albergues: módulo de 5 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 50.000 € por centro.

d) Comedores sociais: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 125.000 € por centro.

e) Centros de atención social continuada: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 50.000 € por centro.

2. Nas subvencións para actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, ademais daquelas do servizo de promoción da participación social dirixida, no marco desta orde, de xeito exclusivo á poboación inmigrante, unha vez valoradas as solicitudes por tipoloxías conforme os criterios establecidos no artigo anterior, obterase unha relación ordenada delas, a cal se empregará como listaxe para a asignación do crédito dispoñible na convocatoria, que se distribuirá do seguinte xeito:

a) Módulo de apoio á inclusión sociolaboral: 20,89 €/hora de traballo efectivo realizado por persoal técnico cunha titulación na área social cun máximo de 2.150 horas para o período subvencionable, que se corresponden coa dedicación dun/dunha profesional a xornada completa, ou varios profesionais con dedicación parcial. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 50 persoas atendidas, das cales o 60 % deberán ter realizadas, polo menos, seis actuacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral das recollidas no artigo 4.1.b).2º.1ª, entre as cales estarán de xeito obrigado as seguintes: 1. Diagnose; 2. Deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; 3. Acompañamento social; 4. Accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais; 5. No caso da inclusión e transición ao emprego, accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral. O resto ata as seis actuacións deberá ser algunha das seguintes: 1. Mediación laboral; 2. Prospección e intermediación laboral activa; 3. Reforzo socioeducativo para menores, e 4. Apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.

O número de persoas atendidas exixido minorarase proporcionalmente en función da dedicación horaria declarada.

Se as persoas atendidas son persoas sen fogar ou se atopan en situación de exclusión severa, circunstancia que se fará constar no momento da solicitude, exixirase para unha dedicación a xornada completa a atención de 19 persoas que deberán ter realizadas, polo menos, seis actuacións presenciais das recollidas no artigo 4.1.b).2º.1ª elixidas do mesmo xeito que no punto anterior.

b) Módulo de formación adaptada teórico/práctico de carácter laboral, sempre que implique a presenza de monitores para o seu desenvolvemento: 24,37 €/hora/traballo efectivo. Incluiranse nas accións formativas laborais as que teñan a finalidade de adquirir as competencias clave, a formación lingüística, e a formación nos valores e características da sociedade de acollida dirixida a persoas inmigrantes.

Os importes establecidos corresponderán integramente cando teñan dereito á certificación acreditativa da súa realización un mínimo de cinco participantes.

c) Módulo de formación adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C: 24,37 €/ hora de formación. Será condición indispensable para o seu financiamento que a persoa estea recibindo atención para a inclusión sociolaboral financiada por esta convocatoria e que esta formación estea incluída no proxecto de inclusión sociolaboral da persoa que a reciba.

d) Módulo de medidas de apoio á conciliación: 16,23 €/hora.

e) Módulo de mediación social e/ou intercultural no marco dos servizos de promoción á participación social, de apoio á inclusión sociolaboral e o servizo integral de inclusión sociolaboral : 18,60 €/hora de traballo efectivo realizado por persoal técnico con formación en mediación intercultural.

f) Módulo de asesoramento técnico especializado no ámbito normativo en materia de estranxeiría: 20,89 euros/hora, cun máximo de 2.150 horas para o período subvencionable, que se corresponden coa dedicación dunha persoa coa titulación en dereito a xornada completa.

g) Módulo de intervención comunitaria en territorios en exclusión severa: 24,37 €/hora para a actividade acreditada.

h) Módulo de prevención e primeira atención: 5 € por persoa/ano en cada actuación, tendo en conta, se é o caso, a proporcionalidade do ano 2018.

i) Módulo de servizos de atención ás necesidades básicas previsto no artigo 4.1.b).1º: 10 € por persoa/ano en cada actuación, tendo en conta, se é o caso, a proporcionalidade do ano 2018.

Os módulos descritos nas letras h) e i) non estarán cofinanciados con FSE.

O crédito asignado para cada anualidade de gasto distribuirase en función da puntuación xeral resultante en orde decrecente, de tal xeito que, unha vez esgotado o crédito dispoñible para unha das anualidades, continuará asignándose o correspondente á outra anualidade de maneira independente. Para estes efectos, a anualidade de 2017 comprenderá actuacións comprendidas ata o 30 de novembro de 2017 e a anualidade de 2018 desde o 1 de decembro de 2017 ata o 30 de xuño de 2018, ambos incluídos.

A contía máxima de axuda por actuación establécese nun importe de 45.000 €.

A Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social supervisará a realización de todas as actuacións previstas e poderá requirir á entidade solicitante a súa modificación se conteñen duplicidades ou contradicións que afecten a correcta xustificación das axudas.

3. Para os efectos de determinar o importe da subvención para o investimento de centros de inclusión social e emerxencia social, terase en conta o orzamento presentado pola entidade solicitante, e esta non poderá superar o 80 % do orzamento total.

En ningún caso o importe máximo da axuda por proxecto que conceda superará o importe de 187.500 €.

Artigo 14. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada.

2. As resolucións ditadas notificaranse ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses, que empezará a contar desde a entrada de cada solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, no caso das subvencións recollidas no artigo 4.1.a) que se tramitan polo procedemento de concorrencia non competitiva, e desde o día seguinte ao da publicación desta orde, nos demais casos. As resolucións das solicitudes sometidas a un procedemento de concorrencia competitiva estarán motivadas e indicarán a puntuación acadada no proceso de valoración. Se vence o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Coa notificación ao beneficiario informarase das condicións da axuda, de conformidade co establecido nos artigos 125.3.c) e d), 125.4.a) e 67.6 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, no artigo 10 do Regulamento de execución (UE) núm. 1011/2014 da Comisión, do 22 de setembro, e no anexo III do Regulamento delegado (UE) núm. 480/2014 da Comisión, do 3 de marzo.

4. Unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación. No caso de non comunicación, entenderase tacitamente aceptada en todas as súas condicións.

5. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actuacións recollidas no artigo 4.1.b) e o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria para que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que considere pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa, polo que se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Será de aplicación aos beneficiarios e beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 17. Obrigas das entidades subvencionadas

1. As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. En todo caso, as actuacións prestaranse de acordo co establecido na carteira de servizos sociais de inclusión definida no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, en todos os aspectos que sexan de aplicación.

b) Manter de forma separada na contabilidade as axudas percibidas, salvo no caso das subvencións financiadas con fondos comunitarios xustificadas a través da modalidade de custos simplificados en que non é necesario levala.

c) En todo caso, respecto das axudas cofinanciadas con FSE ou Feder deberán conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

d) Os beneficiarios comprométense a asumir a responsabilidade de adoptar as medidas necesarias para facer chegar ao público información sobre as operacións financiadas polo PO FEDER/FSE, de acordo co estipulado no artigo 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. En particular deberán facer constar, en todo tipo de publicidade e información sobre as actuacións realizadas, a condición de subvencionadas pola Consellería de Política Social, de ser o caso, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 ou Fondo Social Europeo 2014-2020, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello. En todas as medidas de información e comunicación que leven a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio recibido ao proxecto e deberá figurar o emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea, referencia ao Fondo Feder ou FSE que dá apoio ao proxecto e aos lemas dos fondos. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada. As características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo deberán axustarse ao establecido nos artigos 3, 4 e 5 do Regulamento (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo.

e) Informar, de ser o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e, de ser o caso, cofinanciadas polo Feder e/ou FSE, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, nos partes de asistencia/participación, nas enquisas de avaliación ou nos certificados de asistencia.

f) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Consellería de Política Social e, se así se require, incorporarse como usuarias da aplicación informática deseñada e implantada para a xestión da Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020. Así mesmo, deberán realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seralles facilitado o acceso á aplicación Participa 1420. Polo que respecta aos indicadores relativos ás axudas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social, realizarase un reconto global da capacidade máxima de persoas para as cales está deseñado o centro e, no caso de adquisición de equipamento de uso social, farase unha estimación da poboación beneficiaria durante a súa vida útil.

g) Axustarse na execución das accións aos obxectivos que, de ser o caso, estableza a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Inclusión Social. En particular, e coa periodicidade coa que sexa requirida, deberá comunicar á Dirección Xeral de Inclusión Social o cumprimento das accións subvencionadas por parte das persoas participantes, comunicación en que se fará constar toda a información precisa para dar cumprimento aos requirimentos de información asociados aos indicadores de execución e de resultado do FSE. En particular e con respecto ás persoas participantes, solicitará información sobre os indicadores de execución e resultado para FSE. Para a acreditación deste aspecto, a entidade deberá requirir e custodiar unha declaración das persoas participantes ou outra documentación análoga que lle permita responsabilizarse da súa declaración conxunta perante a Dirección Xeral de Inclusión Social. Esta mesma obriga contraerase cos servizos sociais comunitarios de referencia da persoa participante, cando sexa solicitado para o seguimento da súa intervención social.

h) As infraestruturas e os equipamentos subvencionados deberán permanecer destinados ao fin concreto para o cal se concederon por un período de cinco anos, segundo establece o artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, a que se remite o artigo 7 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 22.3.

i) Comunicar as variacións das datas de inicio e remate das actuacións previstas na solicitude, así como os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social, en especial os relativos á subministración de información, nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e certificado en que se indique o número estimado da poboación beneficiada para a actuación no período subvencionado pola orde de convocatoria.

j) Controlar a asistencia ás accións formativas e garantir que as persoas propostas para certificación acreditativa da realización dunha acción deste tipo teñan asistido, como mínimo, ao 60 % do total das súas horas.

k) Solicitar, de ser o caso, á Dirección Xeral de Inclusión Social a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas cunha antelación de cinco días á data en que se produzan.

l) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

m) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Inclusión Social, e ás verificacións dos organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, incluídas as visitas sobre o terreo, que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Consello de Contas, polo Tribunal de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

n) Contratar un seguro para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades como os dos desprazamentos para a asistencia a elas.

o) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

p) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

3. No que respecta as obrigas previstas nas alíneas c) e d) de comunicar e informar aos cidadáns de que as actuacións foron subvencionadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 ou Fondo Social Europeo 2014/20120 e xustificar o cumprimento dos indicadores de comunicación previstos nos programas operativos, a Dirección Xeral de Inclusión Social requirirá proba documental do cumprimento desta obriga, que deberá ser facilitada no prazo de 10 días. O incumprimento desta obriga ou non proporcionar a proba documental nos prazos exixidos poderá supoñer unha minoración da contía total da axuda na forma prevista no artigo 21.

Artigo 18. Xustificación das subvencións

1. A xustificación das actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º realizarase pola modalidade de módulos, conforme o establecido no artigo 44.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; as actuacións recollidas no artigo 4.1.b).2º e 3º xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) e d) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e 14.2 do Regulamento (UE) 1304/2013, e as actuacións recollidas no artigo 4.1.c) xustificaranse a través da conta xustificativa do gasto realizado.

2. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. O primeiro período comprende as actuacións realizadas entre o 1 de abril de 2017 e o 30 de novembro de 2017 e a xustificación presentarase con data límite do 5 de decembro; o segundo período comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2017 e o 30 de xuño de 2018, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 12 de xullo de 2018. No caso de subvencións para a construción, ampliación e mellora de centro en que, de conformidade co artigo 5.3, se adquiran compromisos máis alá do 30 de xuño de 2018 e antes do 30 de novembro do mesmo ano, a data límite para presentar a xustificación desta anualidade será o 5 de decembro de 2018.

Todo iso sen prexuízo do que estableza a orde da Consellería de Facenda que regula as operacións de cerramento do exercicio, que prevalecerán sobre os prazos aquí indicados.

3. Para xustificar o funcionamento de centros e inclusión social recollidos no artigo 4.1.a) deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva do artigo 20:

1º. Solicitude de pagamento.

2º. Memoria económica xustificativa e declaración de gastos reais correspondente ao período que se pretenda xustificar no anexo VII. A memoria deberá ademais conter unha declaración doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, o seu importe e procedencia, conforme o modelo VI.

3º. Listaxe codificada de persoas usuarias por día á cal se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos no libro de rexistro ou fichas en soporte papel do centro. No caso de comedores, albergues, centros de día e centros de atención social continuada, a listaxe a que se refire este punto substituirase por unha relación do número de persoas que foron atendidas cada día acompañada da certificación acreditativa.

b) Xustificación de cada anualidade:

A mesma documentación que a requirida para a xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva. Nas anualidades en que rematen as actuacións subvencionadas presentarán, ademais, unha memoria segundo o guión establecido no anexo VIII.

4. Para a xustificación das actuacións recollidas no artigo 4.1.b).1º achegarase a documentación que a seguir se relaciona:

a) Xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva do artigo 20:

1º. Solicitude de pagamento.

2º. Declaración responsable no anexo VI.

3º. Memoria económica xustificativa e declaración de gastos reais correspondente ao período que se pretenda xustificar no anexo VII.

4º. Relación codificada de persoas usuarias á que se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos nos rexistros ou fichas en soporte papel do centro da entidade, salvo que se trate de actuacións informativas que se desenvolvan en centros educativos, suposto no que será suficiente presentar unha certificación expedida pola persoa responsable do centro, onde conste o número de persoas asistentes.

b) Xustificación de cada anualidade:

A mesma documentación que a requirida para a xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva. Na anualidade en que rematen as actuacións subvencionadas presentarán, ademais, unha memoria segundo o guión establecido no anexo VIII.

5. Documentación que hai que presentar para xustificar as actuacións previstas no artigo 4.1.b).2º, 3º:

a) Para as prestacións obrigatorias do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, tanto de inclusión básica como a de inclusión e transición ao emprego:

1º. A xustificación parcial comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de abril de 2017 ata o 30 de novembro de 2017 e requirirá a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento parcial.

1º.2. Declaración responsable no anexo VI.

1º.3. Memoria económica e xustificativa no anexo VII.

1º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores e a persoa responsable da entidade, en que conste un resumo do número total de horas no período subvencionado.

1º.5. Cuestionario/formulario de indicadores de execución das persoas atendidas.

1º.6. Se non se solicitou anticipo, xustificante bancario de pagamento á compañía aseguradora.

2º. Na xustificación final para acreditar as actuacións rematadas na súa totalidade deberán presentar, ademais da documentación anterior referida ao período subvencionado, o seguinte:

2º.1. Solicitude de pagamento.

2º.2. Memoria da actuación das actividades realizadas, segundo o guión establecidos no anexo VIII.

2º.3. Acreditación do número total de persoas atendidas no período subvencionado, que se realizará a través dos seguintes documentos: Para as persoas atendidas que non acadasen seis actuacións achegarase o cuestionario/formulario de indicadores de execución debidamente asinado. Para as persoas atendidas que teñan como mínimo seis actuacións achegarase o PDF expediente que se extrae da aplicación informática, asinada polo/a técnico/a responsable e pola persoa participante, e certificado de realización individualizada onde consten os resultados obtidos ata a data por cada participante.

Para actuacións dirixidas á atención a persoas sen fogar ou exclusión severa, certificado asinado polos servizos sociais, que acredite a situación de persoas sen fogar.

b) Para xustificar as accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral e prestacións de dinamización comunitaria no marco de desenvolvemento dun servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión e prestacións do servizo de promoción da participación social, presentarase:

1º. A xustificación parcial comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de abril de 2017 ata o 30 de novembro de 2017 e requirirá a presentación da seguinte documentación xustificativa:

1º.1. Solicitude de pagamento parcial.

1º.2. Declaración responsable do anexo VI.

1º.3. Memoria económica xustificativa do anexo VII.

1º.4. Cuestionario/formulario de indicadores de execución das persoas atendidas.

1º.5. Partes de asistencia das actuacións realizadas ata o 30 de novembro de 2017 onde conste o número total de horas de formación asinados pola persoa participante, polo/a responsable técnico/a da realización da actuación e pola persoa responsable da entidade.

1º.6. Certificación de finalización/realización da actividade subvencionada que conteña a relación de persoas asistentes e o número total de horas realizadas por cada unha delas,

1º.7. No suposto de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C, deberá acreditarse que as persoas participantes teñen iniciado un itinerario e que esta actuación forme parte do seu proxecto de inclusión. A acreditación farase a través da aplicación informática de inclusión social.

1º.8. Se non se solicitou anticipo, xustificante bancario de pagamento á compañía aseguradora. Non será necesario achegar a póliza.

2º. A xustificación final para acreditar as actuacións rematadas na súa totalidade requirirá presentar nos pazos indicados, ademais da documentación anterior referida ao período subvencionado, o seguinte:

2º.1. Solicitude de pagamento.

2º.2. Memoria da actuación das actividades realizadas, segundo o guión establecido no anexo VIII.

c) Documentación que se debe presentar para xustificar as actuacións de apoio á conciliación, de mediación intercultural e asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría.

1º. A xustificación parcial abarcará as actuacións realizadas desde o 1 de abril de 2017 ata o 30 de novembro de 2017 e requirirá a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento parcial.

1º.2. Declaración responsable no anexo VI.

1º.3. Memoria económica e xustificativa no anexo VII.

1º.4. Acreditación das accións realizadas na anualidade 2017.

1º.5. Resumo do total de horas efectivamente dedicadas ao programa polo persoal dedicado á actuación.

1º.6. Cuestionario/formulario de indicadores de execución das persoas atendidas.

1º.7. No caso do servizo de conciliación, se se realiza fóra do domicilio da persoa participante, achegarase xustificante bancario do pagamento á compañía aseguradora do seguro, agás que xa fose presentado na solicitude de anticipo.

2º. A xustificación final para acreditar as actuacións rematadas na súa totalidade requirirá presentar nos prazos indicados, ademais da documentación anterior referida ao período subvencionado, o seguinte:

2º.1. Solicitude de pagamento.

2º.2. Memoria da actuación das actividades realizadas, segundo o guión establecido no anexo VIII.

6. Para xustificar o investimento en centros de inclusión ou emerxencia social recollidos no artigo 4.1.c) achegarase a documentación que se relaciona a seguir:

1º. Solicitude de pagamento.

2º. Declaración responsable do anexo VI.

3º. Conta xustificativa do gasto realizado total ou parcial na anualidade en que se lle concedeu a subvención. Esta realizarase mediante certificación do órgano que teña atribuída na devandita entidade as correspondentes facultades de control.

4º. Relación clasificada dos gastos con identificación do acredor, concepto que permita identificar dun xeito inequívoco a subvencionabilidade do gasto de acordo coas normas aplicables, número de factura, nómina ou documento similar, importe, data de emisión, data de pagamento, sumas parciais (folla por folla) e total da relación.

5º. Facturas ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto e importe e data de pagamento. As facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento en que se establecen as obrigas de facturación.

As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se achegue na relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria. Non se admitirán xustificantes de pagamento en efectivo.

6º. No caso de compravenda, achegarase escritura onde constará que o inmoble obxecto da subvención se destinará, polo menos durante os cinco anos seguintes, á finalidade que serviu de fundamento á petición e, no caso de obra, a correspondente licenza municipal.

7º. Evidencias do cumprimento das obrigas de información e publicidade.

Artigo 19. Anticipos

1. Para as actuacións comprendidas no artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º e que teñan que xustificarse en 2017 poderán realizarse anticipos de pagamento logo da súa solicitude, á cal se xuntará a comunicación do/a director/a ou persoa representante da entidade do inicio da actividade, aceptación da subvención e xustificante de ter pagado á compañía aseguradora a póliza do seguro a que se refire o artigo 17.n).

A estes anticipos aplicaráselles o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, e acadarán distintas porcentaxes, dependendo da contía de cada subvención individual concedida: para aquelas axudas que non excedan o importe de 18.000 €, o anticipo acadará a porcentaxe do 50 % do importe que se subvenciona da anualidade 2017. Se superan ese importe, a porcentaxe do anticipo será o importe de sumar ao importe fixo de 9.000 € o 10 % da diferenza entre a subvención concedida e a cantidade de 18.000 €.

2. Non se poderán realizar pagamentos anticipados para as actuacións incluídas no artigo 4.1.a), 4.1.b).1º e 4.1.c).

Calquera dos anticipos deberá ser solicitado, necesariamente, antes do 30 de setembro de 2017.

Artigo 20. Pagamentos á conta

1. No caso das subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidos no artigo 4.1.a), o pagamento realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas por día, multiplicado polo importe unitario de axuda establecido no artigo 13.1.

2. No caso das subvencións para a prestación de servizos de atención ás necesidades básicas e de prevención e primeira atención previstas no artigo 4.1.b).1º, o pagamento realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas no período subvencionable, multiplicado polo importe unitario establecido no artigo 13.2.

3. Por solicitude da entidade poderanse realizar dous pagamentos á conta da liquidación definitiva, un en cada anualidade, en función das accións realizadas, cuxo importe total non poderá superar o 80 % da subvención concedida en cada anualidade.

4. En todo caso deberá presentarse a solicitude de pagamento final das actuacións realizadas en cada anualidade, con data límite do 5 de decembro de 2017 e do 12 de xullo de 2018, respectivamente. Con cada solicitude de pagamento deberá enviarse a documentación prevista no artigo 18.3 e 4.

Artigo 21. Pagamento das subvencións

1. Unha vez xustificada cada anualidade da subvención de conformidade co artigo 18, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Con respecto ás subvencións para as prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante, previstas no artigo 4.1.b).2º, 3º, e de investimento en centros de inclusión e emerxencia social, farase un pagamento en cada exercicio en función das accións xustificadas. Para facer efectivo o pagamento a entidade deberá presentar a documentación establecida no artigo 18 nos prazos nel establecidos.

3. No caso das subvencións para as prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada e das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral, nos termos de prestación obrigatoria do servizo de formación adaptada, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante, se non se acredita a atención do número mínimo de persoas establecido en función da dedicación horaria declarada ou non se mantén a porcentaxe de persoas que deben ter realizadas seis actuacións, reducirase proporcionalmente a subvención concedida en función da porcentaxe do incumprimento.

4. Naquelas subvencións concedidas para a construción de centros de inclusión e emerxencia social a Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social comprobará, con carácter previo ao pagamento final, que o centro conte coa autorización da Subdirección de Autorización e Inspección de Servizos Sociais para a creación deste.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Particularmente, acadará a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida o incumprimento das obrigas recollidas no artigo 17.b) e 17.d). O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 17.j) e 17.k) implicará que a correspondente acción formativa se considere non realizada, agás no caso da establecida no artigo 17.j), cando se poida acreditar que a non comunicación en prazo se deba a causas imprevistas debidamente xustificadas e comunicadas no momento en que se produzan.

Procederá o reintegro do 5 % no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, e o o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

Suporá a perda dun 5 % non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Suporá a perda dun 5 % da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de 5 anos suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación, como obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc., estas deberán xustificarse en todo caso para poder pagar a subvención, polo que a graduación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte, en controis posteriores ao pagamento, algún incumprimento relativo a esas obrigas.

3. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o beneficiario poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda Pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase informar a Dirección Xeral de Inclusión Social da devolución voluntaria realizada.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Control

1. A Consellería de Política Social poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde. En concreto, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, do que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Inclusión Social xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas Contas e aquelas outras que determine a súa condición de subvencionada polo FSE 2014-2020.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Xestión de servizos sociais, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano s/n, 15781 de Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de inclusión social da Consellería de Política Social para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VIII
Guión para a elaboración da memoria de actuación das actividades realizadas

1. Datos relativos á actuación.

a) Denominación da entidade.

b) Denominación da actuación con indicación do marco en que se desenvolve.

2. Xustificación da actuación.

3. Obxectivos.

a) Obxectivo xeral.

b) Obxectivos específicos.

4. Recursos empregados.

a) Recursos humanos con especificación da súa titulación e dedicación horaria á actuación.

b) Recursos materiais con especificación dos que son cedidos e a cooperación con outras entidades, de ser o caso.

5. Actuacións desenvolvidas.

a) Cronograma.

b) Datas de inicio e remate.

c) Número de horas.

d) Modo de selección de participantes.

e) Metodoloxía (que deberá incorporar a perspectiva de xénero).

f) Relación de participantes con expresión do DNI ou equivalente.

g) Lugar onde se realiza e descrición das instalacións.

h) Outros datos de interese (asistencia, número de baixas, motivación, dificultades, etc.) desagregados por sexo.

i) Coordinación con outros dispositivos (equipos de inclusión, servizos sociais comunitarios, outras entidades, etc.).

6. Datos relativos ás persoas participantes (só para actuacións do artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º. Para o resto de actuacións esta información achegarase a través dos cuestionarios que se lles faciliten).

a) Perfil:

1º. Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

2º. Clasificación segundo idade (por sexo).

3º. Clasificación por nivel de estudos, etc. (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito etc.) por sexo.

5º. Clasificación por situación laboral e sexo.

b) Perfil das persoas con inserción laboral:

1º. Número total de insercións laborais.

2º. Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

3º. Clasificación segundo a idade (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas dos participantes por sexo (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito, etc.).

5º. Clasificación por nivel de estudos por sexo, etc.

6º. Datos relativos ao tipo de contrato, xornada e sector de actividade por sexo.

7. Avaliación cualitativa da actuación.

a) Grao de cumprimento de obxectivos.

b) Protocolo de seguimento de actuacións e participantes.

c) Valoración do alumnado/persoas participantes/usuarias.

d) Resultado de indicadores de avaliación.

e) Conclusións.

(Este guión é orientativo; as entidades poderán engadir nas súas memorias os aspectos que consideren significativos para a valoración das actuacións desenvolvidas).

A entidade deberá presentar unha memoria para cada unha das actuacións subvencionadas.