Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2017 Páx. 19362

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2017 pola que se modifica a Resolución do 23 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Mediante Resolución do 23 de outubro de 2015 (DOG núm. 207, do 29 de outubro) publicáronse as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

No artigo 2.11.4 do anexo I destas bases establécese que «en todos os casos, a cantidade anticipada que se vai devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados. A renuncia comporta, ademais, unha penalización do 10 % da dotación da bolsa correspondente ao período de bolsa realizado».

Dado que o obxectivo da bolsa –unha vez cumprido un tempo de formación– é encontrar traballo e precisamente no período de prórroga é cando os bolseiros comezan a atopar traballo e deben renunciar á bolsa, entendemos que esta penalización non debe ser aplicable no período de prórroga polo que se considera oportuno modificar o devandito artigo 2.11.4.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de marzo de 2017, acordou a modificación das bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 23 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva

O artigo 2.11.4 do anexo I da Resolución do 23 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, queda redactado do seguinte xeito:

«2.11.4. Nos casos dun incumprimento parcial, a cantidade anticipada que se vai devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados. A renuncia comporta, ademais, unha penalización do 10 % da dotación da bolsa correspondente ao período de bolsa realizado. Esta penalización non será aplicable no período de prórroga da bolsa cando o motivo da renuncia sexa a incorporación no mercado laboral ou por causa de forza maior».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sendo aplicable aos expedientes iniciados pendentes de resolución.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica