Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión 2014-2020
O Plan de investimentos recolle as principais liñas de actuación que vai acometer a Eurorrexión, sendo así un instrumento eficaz para avanzar no camiño do crecemento intelixente, integrador e sustentable que a Estratexia Europa 2020 ten trazado.
As liñas principais do Plan de Investimentos son a aplicación da norma comunitaria da concentración, non só nos eixes e nas prioridades senón tamén nos investimentos seleccionados, cunha xerarquización en función das prioridades estratéxicas. O dito plan aposta pola formulación de proxectos realistas que complementen e enriquezan a aplicación das estratexias rexionais en cada un dos espazos de cooperación, combinando así proxectos moi concretos e específicos con outros máis xerais que permitan un certo grao de flexibilidade a sete anos vista.
O plan tamén aposta pola programación integrada, o que implica alcanzar un alto grao de coherencia no uso dos diferentes fondos comunitarios e doutros instrumentos de financiamento, tanto cos programas operacionais rexionais como cos temáticos nacionais. Así mesmo,fai especial fincapé no enfoque aos resultados cun carácter dinámico en canto a proxectos de investimento garantidos pola existencia dunha comisión de seguimento.
Estrutura do PIC
O Plan de investimentos conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal estrutúrase en catro eixes de traballo,en que o primeiro deles avoga por unha Eurorrexión innovadora que aposta pola investigación e a transferencia, mediante a consolidación e potenciación de polos de investigación que se incardinen na RIS3 (Research and Inovation Strategies 3) da Eurorrexión, e potencia a transferencia de resultados ao sector produtivo.
O segundo dos eixes de traballo aposta polo emprego, co obxectivo de converter a Eurorrexión nun territorio atractivo para o investimento produtivo e de fomentar a súa internacionalización económica. O terceiro eixe céntrase na Eurorrexión coma cabeceira en calidade ambiental e patrimonio, mediante a posta en valor e a protección do patrimonio natural e cultural do sistema urbano policéntrico, promovendo a eficiencia dos recursos ambientais. E o cuarto eixe pretende unha Eurorrexión que sexa exemplo en que as súas administracións públicas e as súas institucións estean ao servizo dos cidadáns, promovendo a cooperación transfronteiriza entre administracións públicas como instrumento eficaz para mellorar a calidade de vida da cidadanía.
Data de actualización: 3/3/2016
Documentos relacionados
- Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión 2014-2020