Plan estratéxico de RSE de Galicia 2012-2014

O Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia propón unha serie de obxectivos e accións para as empresas, as organizacións, a propia Administración e para toda a sociedade, de cara a crear entre todos un marco axeitado para a incorporación de prácticas socialmente responsables nas empresas galegas.

A responsabilidade social empresarial (RSE) é un concepto, unha forma de actuar, que leva xa un tempo ocupando espazo tanto  no debate político, como empresarial e social. De feito, na Comunidade Autónoma de Galicia asinouse un Acordo entre o Goberno da Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC OO de Galicia a prol da responsabilidade social empresarial, no que se establecen unha serie de principios e actuacións programáticas que agora,  máis ca nunca, neste momento de crise, necesitan dun impulso e desenvolvemento, polo que parece oportuno abordar un Plan Estratéxico de RSE  que teña como reto que as empresas, as organizacións e a administración adopten unha serie de valores que lles sirvan para que saian máis fortalecidas desta situación.

O Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia propón unha serie de obxectivos e accións para as empresas, as organizacións, a propia Administración e para toda a sociedade, que se aplicarán durante o período de vixencia do Plan.

Neste senso, é importante sinalar que o Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial se articula en torno aos seguintes obxectivos xerais:

Formación, coñecemento e difusión da responsabilidade social empresarial

A definición deste obxectivo ten como finalidade que a sociedade e a opinión pública en xeral coñezan que é a responsabilidade social empresarial e que comprendan a importancia e os beneficios de actuar de forma socialmente responsable mediante os seguintes obxectivos específicos:

Impulsar a formación sobre os contidos e a metodoloxía da responsabilidade social empresarial.
Promover a investigación e os estudos sobre a RSE.
Fomentar a difusión e a implantación de accións de RSE.

 

Fomento da RSE para incrementar o número de empresas socialmente responsables

A definición deste obxectivo ten como finalidade que as políticas públicas se dirixan a crear un marco axeitado para a incorporación de prácticas socialmente responsables por parte das empresas mediante os seguintes obxectivos específicos:

Impulsar a formación sobre os contidos e a metodoloxía da responsabilidade social empresarial.
Impulsar programas e axudas para as empresas no proceso de implantación da responsabilidade social.
Impulsar a RSE nas convocatorias de subvencións e nos contratos públicos.
Promover o coñecemento e o recoñecemento social ás empresas galegas máis destacadas no ámbito da RSE.
Fomentar a transparencia informativa das accións de responsabilidade social por parte das empresas galegas.
Promover nas empresas e nas entidades privadas a implantación de boas prácticas laborais, ambientais e enerxéticas.
Fomentar a igualdade entre homes e mulleres en todos os planos de actividade da empresa.

 

Impulsar unha administración pública galega máis responsable socialmente

A definición deste obxectivo ten como finalidade que a Administración galega incorpore, a todos os seus niveis, autonómico e local, os principios da responsabilidade social á planificación, á implementación e á avaliación do conxunto de actividades que desenvolve, con especial fincapé no ámbito dos recursos humanos, e de xeito que a actuación pública sirva como exemplifícante para as actuacións que, en materia de responsabilidade social, poidan desenvolver outros axentes sociais mediante os seguintes obxectivos específicos:

Fomentar na Administración Autonómica galega políticas de recursos humanos socialmente responsables.
Promover na Administración Pública Autonómica o desenvolvemento de actuacións e boas prácticas en materia ambiental e enerxética.
Fomentar o desenvolvemento de actuacións socialmente responsables por parte das distintas administracións competentes a nivel local.

 

Coordinación, impulso, seguimento e avaliación do plan estratéxico

A definición deste obxectivo ten como finalidade asegurar o desenvolvemento das medidas previstas no Plan en termos do nivel de execución, do cumprimento dos seus obxectivos e da consecución de resultados, así como do grao de implicación e participación dos departamentos e entidades colaboradoras na súa implementación efectiva.

Igualmente, busca dotar o Plan dos instrumentos precisos para que o seu seguimento e a súa avaliación sexan factibles e faciliten información útil no proceso de toma de decisións, na incorporación, de ser o caso, de actuacións de mellora de reaxuste, e tamén na previsión de cales deben ser as liñas estratéxicas de acción en materia de responsabilidade social, unha vez remate o período temporal de implementación do Plan mediante os seguintes obxectivos específicos:

Promover a creación e o mantemento de equipos de traballo para o impulso e a coordinación estratéxica e operativa do Plan.
Fomentar o desenvolvemento de actuacións destinadas a realizar un seguimento e unha avaliación continuada do Plan que acheguen información destacada en relación co nivel de execución das medidas previstas nel, co cumprimento de obxectivos e a consecución de resultados, co grao de participación de departamentos implicados e entidades colaboradoras, coa toma de decisións e coa definición de futuras liñas de acción.