Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia - Horizonte 2020

A abordaxe desta estratexia constitúe unha importante responsabilidade social e política e o compromiso cun modelo sociosanitario e educativo mellor preparado para afrontar a prevención desde todos os ámbitos.

O goberno da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, aprobou  en xuño de 2013 a Estratexia marco para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia - Horizonte 2020, consciente de que o enfoque preventivo é unha das claves máis efectivas para lograr un envellecemento activo e unha forma tamén de atención á dependencia, xa que contribúe a unha autonomía persoal máis duradeira.

A razón principal desta decisión atópase na consideración da prevención da dependencia como un acto de priorización de intervencións públicas no ámbito social para a mellora da calidade de vida da poboación galega, así como de racionalidade económica e solidaria coas futuras xeracións. A protección e mellora da calidade de vida das persoas é fundamental para que Galicia poida crecer e ser sustentable e fai falta que nesta tarefa implíquense todas as administracións públicas, as entidades persoais e as persoas que integramos o corpo social e político desta comunidade autónoma.

A estratexia elaborouse cun enfoque fundamentalmente participativo, cunha resposta de case o 70% das persoas e entidades convocadas en grupos de traballo e case a metade no nivel de resposta dos grupos de investigación universitarios de Galicia consultados. Tamén se levou a cabo un intenso traballo de diagnóstico da situación en base a fontes secundarias de datos estatísticos e outras fontes documentais relacionadas coa materia.

Obxectivos e áreas de actuación

O goberno galego, a través desta estratexia establece unha serie de obxectivos e recomendacións que permitirán orientar a organización e funcionamento dos diferentes servizos (sociais, sanitarios e educativos) cara a unha mellora das condicións de vida das persoas en termos de saúde e autonomía persoal, cara á prevención dos factores de risco e de limitacións funcionais e á atención integral. Son propostas de actuación que se deberán ir concretando nos próximos anos para a consecución dos obxectivos definidos e coa colaboración de todas as administracións, axentes sociais e colectivos implicados.

A concienciación social en relación coa adopción de hábitos de vida saudables, o aumento da esperanza de vida libre de dependencia e a mellora da calidade de vida das persoas que se atopan xa nunha situación de dependencia son obxectivos desta estratexia, que marcará a folla de ruta das políticas de prevención e promoción da autonomía persoal nos próximos anos.

A consecución destes obxectivos implica a necesaria coordinación e cooperación interadministrativa para garantir unha atención integral e integrada e para o desenvolvemento da calidade dos servizos especializados de atención ás persoas, tanto os dirixidos á poboación en xeral, como á que está en situación de risco como á que se atopa xa nunha situación de dependencia.

As áreas de actuación da estratexia e os seus respectivos obxectivos operativos determináronse con base nos seguintes obxectivos xerais de partida:

Fomentar a prevención da dependencia e a promoción da autonomía persoal de forma que se garanta a igualdade de oportunidades en todo o territorio autonómico.
Contribuír a aumentar a esperanza de vida libre de dependencia da cidadanía, a promover estilos de vida saudables entre o conxunto da poboación que fomenten a autonomía e a promover hábitos saudables e de autocoidado entre as persoas con dependencia para mellorar a súa saúde e funcionalidade.
Impulsar medidas de prevención da dependencia na poboación xeral e facilitar o acceso das persoas en situación de dependencia ás medidas preventivas actualmente accesibles á poboación autónoma cos seus mesmos perfís de risco.
Reducir o impacto da dependencia sobre a calidade de vida de quen a padecen e quen exercen o seu coidado.
Garantir que, tanto as persoas en situación de dependencia como coidadoras, podan beneficiarse de actividades preventivas de calidade, baseadas na mellor evidencia científica dispoñible.
Promover a sensibilización e a formación en todos os colectivos profesionais implicados na prevención e detección precoz da dependencia e na promoción da autonomía persoal.
Impulsar a investigación orientada á acción en torno á prevención da situación de dependencia.
Promover o traballo intersectorial e a participación da cidadanía, especialmente dos colectivos afectados, no desenvolvemento de cada unha das áreas de intervención que se contemplen.