Plan Territorial de Emerxencias de Galicia

O Platerga é un instrumento de carácter técnico que comprende un conxunto de normas e procedementos de actuación que constitúen o sistema e dispositivo de resposta das administracións públicas fronte a calquera situación de emerxencia que se produza no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia.

Ante as diversas situacións de emerxencia que poden xurdir na Comunidade autónoma de Galicia e os diversos recursos humanos materiais necesarios para facer fronte ás distintas tipoloxías de riscos que poden darse no noso territorio, faise necesario o establecemento dunha organización, planificación, coordinación e dirección de todos os axentes involucrados na emerxencia.

Para acadar isto, desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior  elaborouse e redactouse o Platerga, un documento técnico que ten como finalidade actuar como marco orgánico-funcional para a planificación das actuacións, xestión das emerxencias e mecanismo de coordinación entre as distintas administración públicas implicadas e destas cos particulares. Do mesmo xeito, establece as instrucións a levar a cabo para permitir a mobilización dos recursos humanos e materiais necesarios para a protección das persoas e dos bens.

Homologación e integración con plans de ámbito inferior

O Platerga é un instrumento de carácter técnico que comprende un conxunto de normas e procedementos de actuación que constitúen o sistema e dispositivo de resposta das administracións públicas fronte a calquera situación de emerxencia que se produza no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia, entendendo como emerxencia a estes efectos aquela emerxencia non ordinaria, é dicir, aquela que supera a capacidade de resposta dos dispositivos habituais de atención a emerxencias, e que non precisa, polo tanto, das medidas adicionais e extraordinarias que supoñen a activación do Plan.

Para a elaboración do Platerga tivéronse en conta os criterios e directrices da norma básica de Protección Civil, para que poidan homologarse e, se é o caso, integrarse noutros plans de ámbito superior. Así mesmo, establécense os criterios e as directrices que permitan integrar nel os plans de ámbito inferior da Comunidade autónoma de Galicia, tales como os de ámbito local (municipais, comarcais) ou de ámbito provincial.

Obxectivo xeral e específicos do plan

O obxectivo fundamental do Platerga é obter a máxima protección para as persoas, medio ambiente e os bens que resulten ou poidan resultar afectados en calquera situación de emerxencia e planificar as actuacións co fin de poder dar unha resposta rápida e eficaz ante calquera das ditas emerxencias no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia, como consecuencia dos riscos identificados neste plan.

Ademais deste obxectivo xeral, indícanse como obxectivos específicos os seguintes:

Planificar o dispositivo necesario de intervencións en situacións de emerxencia e establecer a idónea coordinación de todos os servizos públicos e privados chamados a intervir en caso de activación dalgún dos niveis establecidos no Platerga
Planificar e establecer o esquema da axeitada coordinación para, se é o caso, a integración doutros plans de ámbito inferior no Platerga
Establecer o marco no que deberán integrarse todos os plans especiais e sectoriais da Comunidade autónoma.
Permitir a súa integración, no caso de que se produza a declaración de interese nacional noutros plans de ámbito superior.
Establecer as directrices para a planificación de ámbito local.

 

Ligazóns relacionadas