O Servizo Galego de Saúde publica as puntuacións provisionais do concurso de méritos para o acceso á categoría de enfermaría especialista en saúde mental

Foron admitidas 138 persoas no proceso selectivo, o 92 % mulleres

Ofértase un total de 94 prazas

Este proceso convocouse en aplicación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se publican as puntuacións provisionais do proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de enfermeira ou enfermeiro especialista en saúde mental.

Ofértanse un total de 94 prazas mediante o sistema de concurso. Delas 65 correspóndense á quenda de acceso libre, 24 a promoción interna e 5 a discapacidade xeral.

Estas 94 prazas engádense ás 31 prazas ofertadas no proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición (con exame realizado o pasado mes de febreiro) e ás 2 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos.

Neste proceso selectivo, resultaron admitidos 138 aspirantes, dos cales 131 accederon pola quenda de acceso libre, 3 pola de discapacidade xeral e 4 pola quenda de promoción interna.

Este proceso selectivo convocouse en aplicación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.

As puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados ao proceso selectivo están publicadas na web do Servizo Galego de Saúde. Ademais, cada aspirante poderá consultar o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en FIDES/expedient-e/sección de procesos.

Contra os resultados da baremación provisional, os aspirantes admitidos disporán dun prazo de reclamacións de 5 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG (é dicir, do 19 ao 25 de xuño, ambos incluídos).

A media de idade das persoas admitidas neste proceso selectivo é de 37 anos e o 92 %  son mulleres.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Data de actualización: 18/06/2024