Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia – Plan DICO Mindset

O Plan DICO Mindset ten como obxectivo potenciar o sector dos contidos dixitais en Galicia, acelerando o desenvolvemento de proxectos innovadores nesta temática na nosa comunidade autónoma.

O Plan DICO Mindset, no que colaboran, xunto á Amtega, o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia, ten como finalidade levar a cabo a dinamización do sector dos contidos dixitais.

Para tal fin, as liñas de acción esténdense a tres eixos fundamentais:

  • Reforzo do capital humano, a través da empregabilidade e crecemento intelixente, fomentando a actividade empresarial e comercial e impulsando a competitividade e internacionalización de empresas e persoas autónomas
  • Mellora dos servizos sociais a familias e á infancia, apoio á conciliación e á promoción da igualdade, servizos e axudas complementarios da educación e políticas de xuventude e cooperación. Tamén se procurará eliminar obstáculos que impidan ou dificulten o acceso do alumnado ao sistema educativo
  • Aposta por unha sociedade dixital competitiva, reforzando o peso da lingua e cultura de Galicia e desenvolver unha economía dixital. Isto implica mellorar o uso e a calidade das TIC e o acceso ás mesmas

O documento completo do plan estratéxico recolle a seguinte información:

  • Análise do mercado dos contidos dixitais a nivel global, europeo, español e galego utilizando diferentes fontes e criterios de clasificación
  • Descrición de cambios que se producen no entorno e que afectan dun xeito directo aos contidos dixitais
  • Análise e diagnóstico do ecosistema dos contidos dixitais en Galicia
  • Análise para determinar o nivel de madurez dos produtos sabendo que o ciclo de vida dos produtos de contidos dixitais é cada vez máis curto, e confeccionase un DAFO do sector en Galicia
  • Proposta dun modelo de transformación e unha folla de ruta para o impulso da transformación e creación de oportunidades no ámbito dos contidos dixitais

 

Data de actualización: 19/3/2018