Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013

A través do PAIPDG a Xunta de Galicia pretende avanzar na consecución da plena participación das persoas con discapacidade na sociedade e na integración das cuestións que máis afectan a este colectivo en todos os ámbitos de actuación.

Os máis de 230.000 galegos e galegas con discapacidade recórdannos a necesidade de adoptar medidas que garantan a igualdade de trato, a equiparación de oportunidades e a aceptación das diferenzas. Compartindo a importancia que para estas persoas reviste a súa autonomía e independencia individual, incluída a liberdade de tomar as súas propias decisións, a Consellería de Traballo e Benestar ten intensificado a planificación de actuacións en favor das mulleres e dos homes con algunha discapacidade a través da posta en marcha do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013, que unifica os criterios e articula as medidas de política social para este grupo de poboación.

Este plan constitúe un instrumento que o goberno galego pon ao servizo da comunidade para acadar o obxectivo de promover a participación social de toda a cidadanía e camiñar cara a unha sociedade plenamente integradora e inclusiva, partindo da confianza plena nas capacidades e oportunidades de todas as persoas, sen exclusión.

Ademais dun instrumento de impulso, o plan establece o marco de referencia sobre o que traballar no deseño dunha política de apoio e desenvolvemento dirixida ás persoas con discapacidade e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia. Cómpre subliñar que adopta unha perspectiva de abordaxe integral, no que a “discapacidade”, en todas as súas dimensións e tipoloxías, é tida en conta de forma transversal nas políticas implementadas polo goberno da Xunta de Galicia. Así mesmo, ten en consideración a diversidade deste colectivo, así como a diversidade das necesidades e demandas das persoas que o integran.

Áreas de actuación e obxectivos do plan 

Protección dos dereitos: garantir e promover os dereitos das persoas con discapacidade
Área de igualdade de xénero e transversabilidade: garantir a igualdade de oportunidades para as mulleres con discapacidade cara á súa plena participación na vida social, cultural, económica, política
Promoción da autonomía persoal: promover a autonomía para as persoas con discapacidade e asegurar a súa plena inclusión na vida comunitaria
Educación: garantir unha educación infantil, primaria, secundaria e post-obrigatoria de calidade nun marco integrador e normalizador, favorecendo a súa calidade e carácter público
Formación e emprego: formar as persoas con discapacidade para a súa axeitada incorporación ao mercado laboral e mellorar a empregabilidade e a calidade do emprego das persoas con discapacidade, combatendo activamente a súa discriminación
Recursos no ámbito dos servizos sociais: mellorar o conxunto de intervencións, programas, servizos e prestacións para as persoas con discapacidade e as súas familias
Saúde e atención sociosanitaria: garantir unha prevención, rehabilitación e asistencia sociosanitaria das persoas con discapacidade en igualdade de condicións que o resto da poboación
Atención temperá: universalizar a atención temperá, mellorando a súa calidade e capacidade de atención
Cultura, deporte e tempo de lecer: promover a participación das persoas con discapacidade en actividades culturais, deportivas e recreativas, así como o seu adestramento, formación e recursos en igualdade de condicións que as demais persoas

  

Documentos relacionados