Plan de Sistemas TIC na Administración de Xustiza en Galicia (Plan Senda 2014)

A Administración de Xustiza enfróntase con grandes retos derivados dun novo marco legal, das necesidades e demandas dos destinatarios dos servizos públicos e das oportunidades derivadas dos compromisos das administracións implicadas. Senda 2014 avanza no desenvolvemento dos servizos de administración electrónica neste eido.

O Plan Senda 2014 integra as Tecnoloxías da Información e da Comunicación no ámbito xudicial.

Cunha dotación orzamentaria de 34 millóns de euros, Senda 2014 reflicte a aposta da Xunta por integrar as TIC na Xustiza máis aló de actuacións puntuais, mediante accións sostidas no tempo e que teñan prevista a interoperabilidade entre sistemas de información de distintos organismos.

Deste xeito, o Plan Senda 2014 permitirá incorporar e aproveitar o poder transformador das novas tecnoloxías para mellorar na Administración de Xustiza, o tempo de resposta, a calidade da resposta e a transparencia dos procesos.

As actuacións contempladas no Senda 2014 estrutúranse en diferentes liñas que abranguen as áreas de infraestruturas, equipamento e medios, sistemas de información, gravación e videoconferencia, e formación.

En definitiva, trátase de evolucionar cara un modelo integral de sistemas de información na Administración de Xustiza en Galicia, adaptado ás necesidades da comunidade autónoma, garantindo a coordinación e interoperabilidade coas institucións da Administración de Xustiza e as CCAA, que facilite o novo escenario da xestión da xustiza que establece a Nova Oficina Xudicial, e que de respostas as demandas dos profesionais e cidadáns .

Liñas estratéxicas do plan e obxectivos

Liña 1. Nodo Tecnolóxico. Establecemento do nodo tecnolóxico da xustiza en Galicia

Garantir a continuidade e dispoñibilidade dos servizos de TI,mellorando os tempos de resposta ante incidencias, incrementando os niveis de seguridade
Mellora da eficiencia optimizando custes ao consolidar as infraestruturas necesarias para os distintos servizos, aproveitando recursos da administración pública
Rede de comunicacións adecuada e redundada, suficiente para a compartición de recursos e información


Liña 2. Equipamento e Medios. Dotación dos medios técnicos necesarios para a realización da actividade

Determinación do posto de traballo tipo segundo o perfil de usuario/a, e planta xudicial: equipo, comunicacións, ferramentas de escritorio
Acceso remoto o posto de traballo, avanzando nas oportunidades do teletraballo
Establecemento dos mecanismos de renovación continuada


Liña 3. Sistemas de Información.

Evolución cara o expediente xudicial electrónico

Evolucionar cara un modelo integrador da información que permita o Expediente Xudicial Electrónico
Adecuación do sistema de xestión procesual para:
Garantir a calidade da información rexistrada. Evitar a redundancia no rexistro durante a itineración de asuntos xudiciais
Consolidación da información común
Garantira cooficialidade lingüística

Definición do modelo integral de sistemas de información

Automatización de procedementos, trámites e documentación para reducir os tempos de tramitación
Información accesible dende calquera punto xeográfico e para todos os operadores xurídicos que se precise e coas garantías de seguridade adecuadas
Dar cobertura aos procesos de apoio na actividade da Administración de Xustiza
Posta en marcha de sistemas colaborativos para a compartición de información e recursos: plataforma de teleformación, biblioteca virtual…
Definición do cadro de mandos de indicadores de medios, actividade e prestación de servizo
Integración das ferramentas e procedementos de administración electrónica. Acreditación dixital do empregado público da Xustiza

Interoperabilidade con todos os intervenientes e outros organismos

Mellorar o intercambio de información entre os diferentes intervenientes e órganos tanto internos coma externos
Facilitar a itineración e conectividade dos asuntos procesuais
Aliñamento dos sistemas no marco do EJIS e ao test de compatibilidade

Accesibilidade ao cidadán: eXustiza

Creación do Portal da xustiza en Galicia como canle de información ao cidadán
Aumentar a accesibilidade do cidadán a xustiza a través de novos servizos de acceso, información e canles de comunicación e interlocución máis áxiles

Liña 4. Seguridade. Adecuación a normativa de Protección de Datos

Adecuación dos procesos, sistemas e infraestruturas á LOPD


Liña 5. Servizos TIC. Mellora continua da prestación do servizo TIC

Servizos de atención aos destinatarios dos sistemas, que funcione de modo proactivo, acorde coas necesidades da xustiza
Axilizar a interlocución cos usuarios para mellorar a comunicación ante incidencias e cambios no ámbito TIC xudicial
Implantación de procesos de xestión da calidade e xestión TI, baseado nun modelo de mellora continua
Ampliación dos servizos de soporte tecnolóxico, aos ámbitos funcionais


Liña 6. Formación e Implantación. Dinamización do uso dos Sistemas de Información

Capacitación técnica e funcional dos colectivos da administración de xustiza para un maior aproveitamento dos medios TIC no desempeño da actividade profesional