Feijóo explica as novidades do Pladiga 2020 que reforzará os medios aéreos e se adaptará ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria

Afirma que se incorporarán os protocolos necesarios para garantir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene

Subliña que o dispositivo humano, de máis de 7.000 persoas, será moi semellante ao de anos anteriores, pero con maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio

Destaca, no tocante aos avances tecnolóxicos a visualización actualizada de imaxes vía satélite, a compartición de pantalla entre varios usuarios, ou a implementación de formas ou siluetas provisionais de evolución do lume

Sinala que tamén se actualiza a información relativa ás parroquias de alta actividade incendiaria, reducíndose o número en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes en 2019 ás 28 deste ano

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer hoxe as novidades do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2020 que reforzará os medios aéreos, cun incremento de capacidade de transporte auga, e adaptarase ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria, coa incorporación dos protocolos necesarios para garantir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene.

Entre as novidades, este documento –que foi aprobado polo Consello da Xunta do pasado 8 de maio– suporá un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, de prever a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento máis de 3.200 xa existentes.

Nesta planificación preventiva recóllense traballos silvícolas preventivos; a creación e mellora de infraestruturas de defensa; e intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións para incrementar o valor do monte e defender as vivendas fronte o lume. Actuacións que se iniciaron o 18 de maio e que se prolongarán, sempre e cando o permitan as condicións climatolóxicas, ata o 13 de xullo.

En relación aos medios aéreos, destacou o incremento da capacidade de transporte de auga e sobre o dispositivo humano, o titular do Goberno galego aseverou que será moi semellante ao de anos anteriores, pero con maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio. Así, en total, estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. “Todos eles terán á súa disposición 360 motobombas”, dixo, avanzando a adquisición de 11 motobombas e a cesión doutras 5 a distintos concellos de Galicia.

Así mesmo, o despregue do persoal de terra reforzarase coa permanencia un mes máis dos efectivos fixos descontinuos –case 1.000 persoas-, que o ano pasado estiveron sobre o terreo cinco meses e nesta campaña van estar seis.

No tocante ás melloras tecnolóxicas, Feijóo destacou a visualización actualizada de imaxes vía satélite; a compartición de pantalla entre varios usuarios; ou a implementación de formas ou siluetas provisionais de evolución do lume.

Ademais, nas tablets coas que contan os axentes e técnicos se incluirán datos cartográficos actualizados, localización GPS dos recursos asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar, información da evolución do lume; fotografía xeorreferenciada e capacidades de edición, información dos puntos de auga, etc.

Por outro banda, no texto tamén se actualiza a información relativa ás parroquias de alta actividade incendiaria, reducíndose o número en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes en 2019 ás 28 deste ano.

O presidente da Xunta concluíu poñendo en valor o traballo voluntario dos bombeiros forestais e axentes ambientais do servizo durante a emerxencia sanitaria. Ao respecto, recordou que levaron a cabo arredor de 6.000 desinfeccións nos exteriores dos centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións en ata 200 concellos de menos de 5.000 habitantes.

Imaxes relacionadas