Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150-Bis Venres, 6 de agosto de 2021 Páx. 39576

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se prorroga a Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, e pola que se modifica o seu anexo.

I

No Diario Oficial de Galicia núm. 140-bis, do venres 23 de xullo de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia.

A dita orde ditouse consonte o disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, en que se establece que as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Tamén establece que a persoa titular da consellería competente na dita materia, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

A adopción das medidas recollidas na Orde do 21 de xullo de 2021 veu determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se xustifica na súa exposición de motivos.

Para facer fronte a ela, a dita Orde do 21 de xullo de 2021 recolleu unha serie de medidas limitativas de dereitos fundamentais que consisten: por un lado, no establecemento de limitacións de permanencia de grupos de persoas no territorio de todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, cun máximo de seis persoas nos espazos interiores e dez persoas en espazos exteriores, agás que sexan conviventes ou estean conformados, como máximo, por dúas unidades de convivencia; e por outro lado, para os concellos con nivel de restrición máximo e alto, entre a 1.00 horas (hora de peche da actividade de hostalaría e restauración nestes concellos, nos cales está pechado o lecer nocturno) e as 6.00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, queda limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Así mesmo, respecto do resto dos concellos da Comunidade Autónoma, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, queda limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes entre as 3.00 horas (hora de peche da actividade do lecer nocturno nestes concellos) e as 6.00 horas.

As citadas medidas foron ratificadas mediante o Auto 88/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Cómpre indicar, por outra banda, que o número 3 do punto cuarto da Orde do 21 de xullo de 2021 dispón que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas na citada orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade. Polo tanto, a Orde do 21 de xullo de 2020 prevé expresamente a posibilidade de acometer a súa modificación coa finalidade de adaptala á realidade da evolución da pandemia.

Posteriormente, mediante a Orde do 29 de xullo de 2021 modificouse o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, para os efectos de incluír no nivel de restricións que en cada caso correspondía os concellos segundo a súa situación epidemiolóxica.

As citadas medidas foron tamén ratificadas mediante o Auto 94/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Nesta liña, débese salientar que, en termos xerais, se mantén na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas nas citadas ordes, polo que cómpre proceder á súa prórroga. Así mesmo, a concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos mudou, polo que tamén se fai necesario acometer unha modificación daquelas coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación, atendendo aos datos recollidos no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 4 de agosto de 2021, do cal pode destacarse o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está por debaixo do 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas están por debaixo do 1, agás a da Coruña, que está no 1.

Do total de concellos de Galicia (N = 313), 16 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 49. Isto supón o mesmo número de concellos a 14 días e un aumento en 14 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 16 e 35, a 14 e 7 días.

Entre o 20 e o 26 de xullo, realizáronse 82.981 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (52.501 PCR e 30.480 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 12,51 %, o que supón un aumento do 16 % a respecto de entre o 13 e o 19 de xullo, que era do 7,59 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 294 e 628 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores a 7 días e superiores a 14, a respecto dos observados hai unha semana, en que eran de 334 e 602 casos por cen mil habitantes, respectivamente (diminución do 12 % a 7 días e aumento do 4,3 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, un primeiro tramo de crecemento lento, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) do 0,6 %, un segundo tramo decrecente, a un ritmo non moi rápido, cunha PCD do -2,2 %, e un terceiro tramo, a partir do 19 de xuño, de crecemento cunha PCD do 11,2 %, e a partir do 17 de xullo un decrecemento lento cunha PCD do -1,1 %.

En canto á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 469,17 casos por 100.000 habitantes de Santiago e os 825,83 de Pontevedra.

As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír a respecto de hai 7 días. Todas as áreas presentan taxas a 14 días con valores superiores aos 450 casos por 100.000 habitantes. A 7 días as taxas son superiores aos 200 casos por 100.000 habitantes. En todas as áreas descenden as taxas a 7 días, agás na da Coruña, desde hai unha semana. A 14 días descenderon as das áreas de Ourense, Pontevedra e Vigo.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 235,9, o que significa un aumento do 43,8 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 8,7 ingresados por 100.000 habitantes, cun aumento, tamén, do 43,8 % a respecto de hai 7 días.

En canto aos ingresos por COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 35,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,3 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un aumento do 64,5 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

Respecto das defuncións pola COVID-19, están a aumentar, aínda que a onda está a descender, debido a que tanto as hospitalizacións como as defuncións levan un atraso a respecto da incidencia de casos. Así, na provincia da Coruña, nos últimos 14 días, as defuncións ascenderon a un total de 10 persoas, na de Lugo a 4 persoas, na de Ourense a 3 persoas e na de Pontevedra a 15 persoas. O total en Galicia das defuncións a 14 días é de 32 persoas e de 22 persoas nos últimos 7 días.

Respecto da situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 43 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 32 do informe anterior, 6 superan os 500 casos por 100.000 habitantes: Foz, Viveiro, Baiona, Cambados, Sanxenxo e O Grove. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 61 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 44 de hai unha semana. Deles, 13 presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes.

En relación coas variantes do virus, desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 29/2021 (do 19 ao 25 de xullo) a porcentaxe de positividade para a posible variante Alfa foi dun 28 % (IC95 %: 26-30 %) e para a variante Delta foi do 69 % (IC95 %: 68-71 %).

Polas diferenzas nas fraccións de mostraxe entre áreas sanitarias, a prevalencia axustouse ao número de casos en cada área, que é notablemente diferente á prevalencia sen axustar 83 % (IC95 %: 81-84 %) e 15 % (IC95 %: 14-17 %) para as variantes Delta e Alfa, respectivamente.

Ata a semana 29, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse: 908 casos da variante Alfa con secuenciación completa. Da variante Beta (B.1.351), 31 por secuenciación completa. Da variante Gamma (P1), 82 casos por secuenciación completa. Da variante Delta (B.1.617.2), 265 casos. Ademais, durante a semana 29 notificáronse por PCR 16 mostras con perfil compatible coa variante Beta, dúas coa variante Gamma, 5 coa B.1.621 e outras 5 máis compatibles con Beta, Gamma e B.1.621. Xuntas, estas mostras supoñen unha prevalencia (sen axustar) do 1 %. Ademais das VOC, tense constancia de 4 mostras coa variante Eta (B.1.525); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526); 19 mostras coa variante Lambda (C.37) e 23 mostras coa variante B.1.621.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo.

Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes. Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade.

Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para reflectir este feito, a partir da adopción deste novo criterio, a incidencia acumulada global a 14 e 7 días axustarase segundo evolucione o risco de ingreso en cada momento. A consideración do risco de ingreso como factor permitirá manter os niveis de restricións establecidos na súa forma actual (nivel máximo, nivel alto, nivel medio e nivel medio-baixo), pero cunha actualización dos valores que provocan a entrada nun ou noutro nivel segundo o factor expresado do risco de ingreso, o que permitirá ter en conta en cada momento de forma dinámica os efectos positivos do avance da campaña de vacinación.

Para determinar nesta orde os concellos de nivel de restrición máximo e alto tivéronse en conta as taxas de incidencia a 14 e 7 días axustadas, mais mantendo as mesmas taxas de incidencia previas ao axuste.

A metodoloxía utilizada para o cálculo da incidencia acumulada axustada por risco de ingreso parte do cálculo dun factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicando as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade ca no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

Igualmente, para o descenso do nivel de restrición, terase en conta a evolución das súas taxas de incidencia que indique un claro descenso desta incidencia e se a aparición de casos novos entra dentro do esperado no contexto dos gromos que se estean a desenvolver nos concellos.

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que no día de hoxe está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible ca a variante Alfa.

Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel máximo de restricións, pola súa taxa axustada a 7 e 14 días, os concellos de Burela, Foz, Viveiro, O Grove e Sanxenxo, a pesar de que nestes concellos a taxa a 7 días está a diminuír, ben que non acadan aínda o limiar que indicaría o nivel alto.

Así mesmo, manteríanse no nivel máximo de restricións pola súa taxa a 14 días os concellos de Muros, Monterroso, Meaño e Baiona. Nestes concellos a súa taxa a 7 días mellorou mais mantéñense taxas a 14 días superiores aos 500 casos por 100.000 habitantes, polo que se considera que deberían permanecer neste nivel máximo un pouco máis á espera de ver a consolidación da evolución da súa situación epidemiolóxica, e de seguir nesta liña é probable que en pouco tempo poidan descender de nivel.

Por outra banda, manteríanse no nivel alto de restricións, polas súas taxas a 7 e 14 días, os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Carballo, Culleredo, Fisterra e Oleiros, da Área Sanitaria da Coruña, área en que na última semana empeorou a súa incidencia a 7 días.

Igualmente, polas súas taxas a 7 e 14 días, manteríanse neste nivel os concellos de Melide, Chantada, Lugo, O Carballiño, Ourense, Verín, A Illa de Arousa, Bueu, Marín, Meis, Poio, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, A Guarda, Gondomar, Nigrán, O Porriño, Redondela e Vigo, concellos pertencentes ás áreas de Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e a pesar de que nelas se observa unha melloría da incidencia a 7 días esta segue a ser alta, xa que se superan, en todas elas, os 200 casos por 100.000 habitantes, o que indica unha alta transmisión do virus.

No mesmo sentido, manteríanse tamén no citado nivel polas súas taxas axustadas a 14 días, xa que se considera necesario esperar para asegurar a evolución favorable da taxa a 7 días, os concellos da Pobra do Caramiñal, Ames, Ribeira, Santiago de Compostela, Ferrol, Ortigueira, Cervo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Barbadás, Ponte Caldelas, Soutomaior, Vilanova de Arousa, Moaña, Mos e O Rosal.

E por último, mantéñense neste nivel alto os concellos de Cariño e Avión, aínda que as súas taxas a 7 e/ou 14 días indican o nivel máximo, xa que son concellos pequenos e cos casos asociados a gromos. Ademais, a evolución destes dous concellos é favorable desde que están neste nivel, polo que se considera suficiente para o control da incidencia neles.

Por outro lado, aumentarían a nivel alto, desde o medio actual, en vez de ao máximo que indican as súas taxas, os concellos de Cee e Pontedeume. En ambos os dous concellos os casos están rastrexados: a meirande parte vinculados a gromos e parte deles son casos importados doutras provincias de España, polo que se considera que, polo de agora, este nivel alto podería ser suficiente para o control da incidencia. Non obstante, estes concellos manteranse en vixilancia por se é preciso aumentalos ao nivel máximo.

Así mesmo, aumentarían a este nivel, desde o nivel medio-baixo actual, e non ao máximo que indica a súa taxa a 7 días, os concellos de Palas de Rei e Xove, xa que se trata de concellos de pouco máis de 3.000 habitantes e poucos casos xa os sitúan nun nivel moi alto, polo que se considera que poderían, polo de agora, aumentar a este nivel alto e mantelo en vixilancia. Ademais, a meirande parte dos casos están rastrexados e asociados a gromos de orixe coñecida.

Igualmente, proponse aumentar ao nivel alto desde o nivel medio actual os concellos de Sada, Padrón, Teo, Barro e Vilaboa, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, xa que en todos eles se observou un aumento de casos nos últimos 7 días, polo que se considera preciso aumentalos de nivel para controlar a súa situación epidemiolóxica xa que o nivel medio non se mostra suficiente, posto que a incidencia seguiu a aumentar.

Tamén se propón aumentar a este nivel alto de restricións, desde o nivel medio-baixo actual, os concellos de Betanzos e Valga, polas súas taxas axustadas a 7 días, e A Laracha, Portas e Salvaterra de Miño, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días. Nestes concellos observouse unha evolución desfavorable desde hai unha semana, polo que este nivel alto se considera o axeitado para o control da súa incidencia no menor tempo posible. Neste momento aínda hai casos sen vínculo epidemiolóxico, polo cal se prevé que poida estenderse máis.

Por outra banda, descenderían ao nivel alto de restricións, desde o nivel máximo actual, os concellos de Cambados, Boiro e O Barco de Valdeorras, os cales mostraron unha evolución favorable da súa incidencia desde que están no nivel máximo.

En relación co nivel medio de restricións, manteríanse neste nivel, polas súas taxas a 7 e 14 días, os concellos de Bergondo, Coristanco, Vimianzo, Carnota, Oroso, Outes, Pontecesures, Rianxo, Silleda, Narón, Sarria, Vilalba, Caldas de Reis, As Neves, Cangas e Ponteareas. Pola súa taxa a 7 días os concellos de Pontecesures e O Pereiro de Aguiar e pola súa taxa a 14 días, ata que se consolide a boa evolución da súa incidencia a 7 días, os concellos de Cedeira e Coles.

Respecto aos concellos da Capela, Beariz, Monterrei e Riós, aínda que as súas taxas indican o nivel máximo, trátase de concellos con pouca poboación e gromos de orixe coñecida, polo que se considera que poden seguir neste nivel medio. E tamén se manterían no nivel medio os concellos en que, aínda que as súas taxas indican o nivel alto, a súa situación epidemiolóxica está a mellorar. Tales concellos serían o de Corcubión, Curtis, Mondoñedo, A Pobra de Trives, A Rúa, Boborás, Celanova, Vilamartín de Valdeorras, A Lama e Arbo.

Por outro lado, aumentarían ao nivel medio de restricións e non ao máximo como indican as súas taxas, xa que se trata de concellos pequenos con casos rastrexados, os concellos de Tordoia e Esgos.

Igualmente, proponse este nivel medio, e non o alto que indican as súas taxas, para os concellos de Laxe, Muxía, Oza-Cesuras, Boqueixón, Touro, Neda, Cospeito, Outeiro de Rei, Xinzo de Limia, Catoira, Cuntis e Mondariz.

Tamén se propón aumentar a este nivel os concellos de Miño e Salceda de Caselas, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días.

E, finalmente, descenderían ao nivel medio desde o nivel alto actual, tal como indican as súas taxas, os concellos das Pontes de García Rodríguez, Arzúa, Ribadumia e Tomiño.

Para o resto de concellos de Galicia recoméndase o nivel medio-baixo de restricións.

II

Sentado o anterior, debe insistirse en que, mediante esta orde, se prorroga a Orde do 21 de xullo 2021 e se adapta á realidade da evolución epidemiolóxica de determinados concellos. Non se modifican as medidas adoptadas na referida orde, senón que soamente se prorroga a súa eficacia ata as 00.00 horas do 21 de agosto de 2021, tendo en conta a situación epidemiolóxica antes sinalada.

Non obstante, tal e como se indica no punto cuarto da dita orde, consonte o seguimento e a avaliación continua da situación que se está a realizar para garantir o respecto aos principios de necesidade e de proporcionalidade, adáptase a orde á realidade actual.

Debe salientarse que a prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde de 21 de xullo de 2021, así como a súa modificación, no que se refire aos cambios nas situacións epidemiolóxicas dos concellos, precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, polo que só se procederá á publicación da orde unha vez obtida a referida autorización.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e estenderase ata as 00.00 horas do 21 de agosto de 2021.

Destácase finalmente que, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde de 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 21 de agosto de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde de 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Modificación da Orde de 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia

Modifícase o anexo da Orde do 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, que queda redactada segundo o anexo desta orde.

Terceiro. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicitarase a autorización xudicial da prórroga e modificación previstas nesta orde, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e publicarase a orde unha vez obtida a referida autorización.

2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO

Concellos en que son aplicables as limitacións de permanencia de grupos

de persoas aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes

entre a 1.00 e as 6.00 horas

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

Baiona

Burela

Foz

Grove (O)

Meaño

Monterroso

Muros

Sanxenxo

Viveiro

B) Concellos con nivel de restrición alta:

Ames

Arteixo

Avión

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barro

Betanzos

Boiro

Bueu

Cambados

Cambre

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Cee

Cervo

Chantada

Coruña (A)

Culleredo

Ferrol

Fisterra

Gondomar

Guarda (A)

Illa de Arousa (A)

Laracha (A)

Lugo

Marín

Meis

Melide

Moaña

Monforte de Lemos

Mos

Nigrán

Oleiros

Ortigueira

Ourense

Padrón

Palas de Rei

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Ponte Caldelas

Pontedeume

Pontevedra

Porriño (O)

Portas

Redondela

Ribadeo

Ribeira

Rosal (O)

Sada

Salvaterra de Miño

Santiago de Compostela

Soutomaior

Teo

Tui

Valga

Verín

Vigo

Vilaboa

Vilagarcía de Arousa

Vilanova de Arousa

Xove»