Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84-Bis Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22835

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 76/2021, do 5 de maio, polo que se modifica o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación da limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Coa finalidade de manter as medidas contidas neste decreto adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica, o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, foi obxecto de sucesivas modificacións polos seguintes decretos: Decreto 49/2021, do 24 de marzo; Decreto 51/2021, do 26 de marzo; Decreto 54/2021, do 7 de abril; Decreto 58/2021, do 9 de abril; Decreto 59/2021, do 14 de abril; Decreto 60/2021, do 16 de abril; Decreto 64/2021, do 23 de abril; Decreto 68/2021, do 28 de abril, e Decreto 73/2021, do 30 de abril, polos que se modifica o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

III

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que o presidente da Xunta de Galicia adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte a persoa titular da Consellería de Sanidade en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

O Comité Clínico, na súa reunión do 4 de maio de 2021, revisou a situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 5 de maio de 2021, destácanse os seguintes datos:

No que se refire á situación epidemiolóxica de Galicia, o informe indica que se constatou que o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, baixou do 1 e unicamente as áreas sanitarias de Santiago de Compostela, Pontevedra e Lugo están preto dese nivel. Este dato, de manterse nese nivel, sería un indicativo da diminución da transmisión.

Tamén se constatou que, do total de concellos de Galicia, 139 concellos non notificaron casos nos últimos 14 días e que o número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 169, o que supón o aumento na cifra de concellos que non notificaron casos nos últimos 14 días (esta cifra era de 138 a semana pasada) e unha diminución do número dos que non os notificaron nos últimos 7 días (esta cifra era de179 a semana pasada).

Entre o 23 e o 29 de abril realizáronse 69.810 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (56.050 PCR e 13.760 tests de antíxenos), cunha porcentaxe de positividade do 2,42 %, que é lixeiramente inferior que a detectada entre o 16 e o 22 de abril (2,46 %).

Ademais, as cifras de incidencia acumulada a 7 e 14 días foron de 44 e 94 casos por cen mil habitantes, respectivamente, que son valores inferiores aos de hai unha semana (50 e 97 casos por cen mil habitantes, respectivamente) Prodúcese, polo tanto, un descenso do -13,6 % nas taxas de incidencia acumulada a 7 días e do -3,2 % nas taxas de incidencia acumulada a 14 días.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días sitúanse entre os 38,33 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 134,05 casos de Pontevedra.

As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto ás de hai 7 días. As taxas a 14 días son iguais ou superan os 100 casos por 100.000 habitantes nas áreas da Coruña, Pontevedra e Vigo. Só aumentaron as taxas a 14 días nas áreas de Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra. As taxas a 7 días aumentaron nas áreas de Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra.

A media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 157,6. Este dato pon de manifesto un descenso do -2,7 % respecto dos datos no período anterior. A taxa total de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos foi de 5,8 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón tamén un descenso do -2,7 % no mesmo período. En canto á taxa de ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 44,1 e a taxa a 7 días foi de 1,6 por cada 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -10,4 %.

Sobre a situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, daqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), só os concellos de Cambados, Marín e Vilanova de Arousa presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), só 11 concellos presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes. Porén, acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores de 500 casos por cen mil habitantes nos concellos de Cualedro e Laza.

No que se refire aos datos por comarcas, mantense no nivel alto de incidencia a comarca do Sar. Están no nivel medio de incidencia as comarcas do Salnés, O Morrazo, Deza e Verín, mentres que descenden ao nivel medio-baixo as comarcas de Vigo, O Condado, Viana, Valdeorras, Baixa Limia, Quiroga, Meira, A Mariña Oriental, Chantada, Terra de Melide, Muros, Bergantiños e A Barbanza.

O informe conclúe que as taxas de incidencia baixaron respecto das constatadas a semana precedente, e obsérvase que o número reprodutivo instantáneo no global de Galicia se sitúa por debaixo de 1. A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes e só as áreas sanitarias da Coruña, Pontevedra e Vigo presentan unha incidencia igual ou superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

Ademais, no que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, só tres concellos presentan taxas de incidencia iguais ou superiores a 250. Nos concellos de menos de 10.000 habitantes só hai 11 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cada cen mil habitantes e unicamente 2 deles presentan unha taxa a 14 días superior aos 500.

O feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes como a P1 do Brasil, a de Suráfrica e agora tamén os contados casos da variante da India.

Pola súa banda, a ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e en unidades de coidados críticos segue a diminuír.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. Concretamente, sitúanse no nivel máximo os concellos cunha taxa de incidencia acumulada a 14 días de 500 casos por cada cen mil habitantes e/ou a 7 días de 250 casos por cada cen mil habitantes. A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto e co estudo por parte dos servizos de saúde pública e do comité ou do subcomité clínico das características específicas de cada gromo. Téñense en conta, ademais, outros criterios tales como a existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como o feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica, unido a unha tendencia nas súas taxas que non vai claramente en descenso.

Non se debe esquecer que nos encontramos nun contexto de desescalada, que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. Aínda que a presión hospitalaria segue descendendo, hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven; non obstante, a estabilización da situación permite seguir avanzando neste proceso de desescalada.

En vista dos datos contidos no informe, mantéñense no nivel máximo de restricións os concellos de Cualedro (pola súa taxa a 14 días), Laza (polas súa taxas tanto a 7 como a 14 días) e Vilanova de Arousa, debido a que a evolución da situación epidemiolóxica deste concello non é boa abondo para garantir a diminución da transmisión da infección; de feito, constatouse un novo aumento dos casos nos últimos días. Pola súa banda, sobe, ademais, ao nivel máximo de restricións o concello de Cambados, pertencente á Área Sanitaria de Pontevedra, polas súas taxas de incidencia a 7 días.

Por tal motivo, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, cómpre modificar o anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

IV

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Modifícase o anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado nos termos previstos no anexo deste decreto.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 7 de maio de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Terceiro. Recursos

Contra este decreto poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO

Concellos en que son aplicables limitacións específicas de entrada e saída
de persoas, de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos
ou privados e de permanencia en lugares de culto

Cambados.

Cualedro.

Laza.

Vilanova de Arousa.