Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52-Bis Mércores, 17 de marzo de 2021 Páx. 15281

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Posteriormente, ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditáronse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, do presidente da Xunta de Galicia, polos que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Estes decretos foron obxecto de diversas modificacións, para manter as medidas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

III

Por outra banda, ante a proximidade da ponte de San Xosé e Semana Santa, o día 10 de marzo tivo lugar o Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no cal se acordaron unha serie de medidas e recomendacións que foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, mediante Orde comunicada do 11 de marzo de 2021, como actuacións coordinadas en saúde pública conforme o establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e que teñen por obxecto responder á situación de especial risco de transmisión da COVID-19 derivada do incremento da mobilidade da poboación e do aumento das celebracións, agrupacións e reunións de persoas durante os festivos indicados. O Acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde foi publicado mediante a Resolución do 11 de marzo de 2021, da Secretaría de Estado de Sanidade (BOE do 12 de marzo).

Cabe destacar que, de acordo co número 2 do artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as medidas contidas na declaración de actuacións coordinadas polo Ministerio de Sanidade resultan de obrigado cumprimento e, polo tanto, deben ser asumidas polas comunidades autónomas aínda que no propio acordo se determina que lles corresponde ás propias comunidades ou cidades autónomas, nas cales estean en vigor medidas máis restritivas que as recollidas no dito acordo, decidir sobre a conveniencia de flexibilizalas ou non «tendo en conta que iso suporía unha modificación dos hábitos establecidos ata agora e que está a cumprir a cidadanía».

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria permite no momento actual que, ao abeiro do marco normativo derivado do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte con esta mesma data a persoa titular da Consellería de Sanidade en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica, e respectando, en todo caso, as medidas obrigatorias recollidas no Acordo do Consello Interterritorial de Saúde.

Debe terse en conta que o Acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde se refire só a medidas que se deben aplicar durante o período comprendido entre o 17 e o 21 de marzo de 2021 naqueles territorios en que sexa festivo o día 19 de marzo, e desde o 26 de marzo ao 9 de abril de 2021. Porén, debe terse en conta que a opción que se adopta neste decreto é a de non establecer excepcións ás medidas ou aprobar medidas concretas para determinados períodos de tempo considerados festivos, polo que se aproban medidas xerais, adaptadas á situación epidemiolóxica actual, sen distinguir entre festividades.

De acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 17 de marzo de 2021, obsérvase o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Non obstante, está a achegarse cada vez máis ao 1 e o seu intervalo de confianza superior está a superalo nestes últimos días. As áreas de Ferrol e Lugo xa superaron o 1 e o resto das áreas están próximas, e algunhas co seu intervalo de confianza superior por riba do 1.

Do total de concellos de Galicia (313), 140 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 182. Isto supón un aumento en 2 concellos a 7 días e en 5 concellos en 14 días.

Entre o 5 e o 11 de marzo realizáronse 67.648 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (46.659 PCR e 20.989 test de antíxeno) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,06, practicamente sen variación con respecto á de entre o 2 e o 8 de marzo, que era do 1,78 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 36 e 78 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai 7 días, que eran de 42 e 96 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 14,3 % a 7 días e do 18,8 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro, e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,4 %, e outro, cun descenso máis lento, cunha porcentaxe de cambio diaria de -1,7 %.

Nas áreas sanitarias as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto a hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes. Concretamente, as taxas a 14 días das áreas están entre os 43,89 casos por cada cen mil habitantes de Santiago e os 148,56 da Coruña.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 206, o que significa un descenso do -20 % con respecto a hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 9,1 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -20 % con respecto a hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 67 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 2,5 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -15,9 % con respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa.

Nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), ningún deles presentou unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, mentres que nos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 9 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 2 menos que no informe do 9 de marzo. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 2 destes concellos.

Segundo os datos reflectidos neste informe, o cambio na tendencia da taxa de incidencia segue a manterse en descenso, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro. Non obstante, obsérvase un aumento da Rt, aínda que no global de Galicia non chegou a 1.

O modelo de predición mostra que a onda está nun lixeiro aumento, pero os seus intervalos de confianza son moi amplos, polo que non se pode predicir ben a súa evolución nos próximos sete e catorce días. A información do modelo hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes (c/105h), sen ningunha área cunha incidencia superior aos 250 casos por cen mil habitantes. A taxa de incidencia a 14 días máis elevada segue a ser a da Área Sanitaria da Coruña.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai 0 concellos con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 c/105h. Nos de menos de 10.000, hai 9 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 c/105h, con 2 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cada cen mil habitantes.

O feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

A ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír con respecto á de hai sete días. Non obstante, hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel máximo na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que, en concellos de escasa poboación, poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas que deben ser postas no debido contexto, e co estudo por parte dos servizos de saúde pública e do comité ou do subcomité clínico das características específicas de cada gromo.

En conclusión, os datos recollidos no informe permiten constatar que, en liñas xerais, a situación epidemiolóxica segue mellorando, o que amosa, inequivocamente, a eficacia das medidas adoptadas, pero non se debe esquecer que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, segue a ser alta, cun elevado número de persoas ingresadas nas UCI, que aínda debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

En particular, debido ás súas taxas a 7 e/ou 14 días, o informe recomenda manter aos concellos de Paradela, da Área Sanitaria de Lugo, e de Vilardevós, da Área Sanitaria de Ourense, no nivel máximo de restrición. Así mesmo, igualmente debido á súa taxa a 7 e 14 días, e posto que os casos a 7 días representan a maioría dos casos a 14 días, o informe recomenda elevar ao nivel máximo de restrición o concello de Maside, da Área Sanitaria de Ourense.

Por conseguinte, á vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia permite a adopción das seguintes medidas:

a) Limitacións á entrada e saída de persoas no ámbito territorial de determinados concellos en que a situación epidemiolóxica presenta unha maior gravidade, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares.

b) Limitación da permanencia de grupos de persoas, que terán que estar conformados unicamente por conviventes, en espazos de uso público e de uso privado, agás en determinados supostos excepcionais e xustificados, naqueles concellos en que tamén se establecen limitacións de entrada e saída do seu ámbito territorial individualmente considerado. No resto dos concellos da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das excepcións establecidas, permítese a reunión de ata catro persoas en espazos pechados de uso público e de seis en espazos abertos de uso público, mentres que nos espazos de uso privado únicamente se poderán reunir conviventes. A medida de limitación de grupos resulta necesaria, adecuada e proporcionada para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros de carácter familiar ou social, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. En particular, a medida de limitación das agrupacións de persoas vai dirixida a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio. Procede insistir, ademais, en que a medida de limitación de grupos non é absoluta, senón que seguirá estando matizada por unha serie de importantes excepcións.

c) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto de tal xeito que non se supere o cincuenta por cento da súa capacidade con carácter xeral no territorio da Comunidade Autónoma, ben que se prevé unha limitación do trinta por cento da súa capacidade nos concellos en que a situación epidemiolóxica presenta maior gravidade. Trátase así de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se establecen para outras actividades, co fin de previr e reducir o risco de transmisión.

d) Limitación da mobilidade nocturna no período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, durante o cal soamente se poderá circular polas vías e polos espazos públicos para a realización de determinadas actividades.

e) Limitación da entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de evitar desprazamentos de poboación, salvo nos supostos adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no número 2 do punto primeiro deste decreto, e sen prexuízo da circulación en tránsito prevista no número 3 do mesmo punto primeiro. De acordo co artigo 9 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, dado que o peche perimetral pretendido afecta a fronteira terrestre cun terceiro Estado, comunicarase a adopción da medida, con carácter previo, ao Ministerio do Interior e ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

f) Como excepción ás limitacións de entrada e saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos galegos e de permanencia en grupos constituídos soamente por conviventes, mantense a posibilidade de levar a cabo accións de caza colectiva sobre as especies cinexéticas do xabaril e do lobo nos supostos expresamente recollidos no punto sexto do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro. Por último, cómpre indicar que estas medidas terán efecto a partir das 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2021.

En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas serán obxecto de seguimento e de avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

IV

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais

1. Quedan restrinxidas a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, considerados individualmente, que se relacionan no anexo.

2. Quedan exceptuados das anteriores limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

a) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

b) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.

c) Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.

d) Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.

e) Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

f) Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.

g) Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.

h) Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.

i) Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.

j) Coidado de hortas e animais.

k) Asistencia a academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.

l) Desprazamento a establecementos comerciais polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade en territorios limítrofes cando non exista alternativa no propio concello.

m) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

n) Adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional permitidos pola Orde da Consellería de Sanidade, do 17 de marzo de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá establecer requisitos, condicións e limitacións aos desprazamentos correspondentes á actividade deportiva federada de ámbito autonómico.

ñ) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

3. Non estará sometida a ningunha restrición a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais sen que resulten de aplicación as limitacións previstas no número 1.

4. En todo caso, recoméndase limitar a mobilidade o máximo posible.

Segundo. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

1. No territorio dos concellos que se relacionan no anexo, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como abertos ou ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Polo tanto, permítense unicamente as reunións familiares, sociais e lúdicas, de carácter informal non regrado, das persoas que pertencen ao mesmo núcleo ou grupo de convivencia, con independencia de que se desenvolvan ao aire libre, e no ámbito público ou privado, en locais pechados ou vehículos privados particulares.

2. No territorio dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia non incluídos no punto anterior limitarase a permanencia de grupos de persoas a un máximo de catro en espazos pechados de uso público e de seis en espazos abertos ou ao aire libre de uso público. En espazos de uso privado, a permanencia de grupos de persoas quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

3. As limitacións establecidas nos puntos anteriores exceptúanse nos seguintes supostos e situacións:

a) As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa.

b) A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.

c) A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.

d) A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.

e) No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

f) As actividades previstas no anexo da Orde da Consellería de Sanidade, do 17 de marzo de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

4. En todo caso, recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia.

Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, salvo nos concello recollidos no anexo, en que non poderá superar o terzo da súa capacidade. Deberá garantirse, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

2. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

Cuarto. Limitación da mobilidade nocturna

Tendo en conta a evolución epidemiolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, e de conformidade co previsto no artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV- 2, durante o período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para realizaren as seguintes actividades:

a) Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.

d) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

e) Retorno ao lugar de residencia habitual, tras realizar algunhas das actividades previstas neste punto.

f) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

i) Abastecemento en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

Quinto. Limitación temporal da entrada e saída de persoas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos motivos previstos no número 4 do punto primeiro deste decreto.

2. En particular, as persoas desprazadas a Galicia deberán cumprir o establecido na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios, polo que as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia da COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma, deberán comunicar, no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia na forma establecida na orde.

3. As persoas desprazadas a Galicia, unha vez que estean no lugar a que se despracen, deberán cumprir as limitacións de entrada e saída previstas, se é o caso, neste decreto, ademais do resto das medidas aplicables.

4. En todo caso, recoméndase evitar ou reducir a mobilidade xeográfica o máximo posible.

Sexto. Actividade cinexética do xabaril e do lobo

1. Quedan exceptuadas das limitacións á entrada e saída de persoas dos ámbitos territoriais previstos no punto primeiro, así como das restricións á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos previstas no punto segundo, as accións de caza colectiva que se realicen exclusivamente sobre as especies cinexéticas do xabaril e do lobo, nos seguintes supostos:

a) Accións de caza sobre o xabaril de acordo coa planificación aprobada para a tempada de caza 2020/21 nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos Tecor, e accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común.

b) Accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandaría ocasionados polo xabaril e/ou o lobo, logo da súa comprobación por parte das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de ambiente.

c) Accións de caza como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico.

2. En todo caso, durante o desenvolvemento destas accións de caza deberán cumprirse as condicións establecidas pola consellería competente en materia de ambiente, así como as medidas de prevención que adicionalmente poidan ser establecidas polas autoridades sanitarias.

Sétimo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 19 de marzo de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Oitavo. Derrogación do Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Queda derrogado o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Noveno. Recursos

Contra este decreto poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, dezasete de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO

Concellos en que son aplicables limitacións específicas de entrada e saída de persoas, de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos
ou privados e de permanencia en lugares de culto

1. Maside.

2. Paradela.

3. Vilardevós.