Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256-Bis Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50300

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 222/2020, do 22 de decembro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola devandita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, non obstante, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas, como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención, tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial esténdese, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do devandito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto de persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Así, o devandito decreto respondeu á situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a adopción, na condición de autoridade competente delegada, das seguintes medidas:

a) Establecemento, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, de limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares limítrofes dos correspondentes ámbitos territoriais delimitados.

b) Limitación, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, e con carácter xeral no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados, aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Malia o anterior, en determinados ámbitos territoriais e unha vez atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos cales existe unha forte interrelación, procedeuse a establecer a medida máis restritiva consistente na limitación de grupos aos constituídos por catro persoas, agás que sexan persoas conviventes.

c) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. Mantivéronse, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a súa aplicación á nova situación existente. Todo isto co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se prevén para outras actividades co obxectivo de previr e reducir o risco de transmisión.

Respecto da eficacia das medidas, de acordo co punto quinto do decreto, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas deben ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Por último, adoptáronse medidas temporais restritivas da mobilidade da entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de decembro de 2020.

Posteriormente ditouse o Decreto 203/2020, do 4 de decembro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Neste decreto, dada a evolución favorable que se produciu nos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso, levantáronse neles a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto que eran de aplicación nalgún deles de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Boiro determinou a necesidade de aplicación nese concello, con urxencia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do devandito decreto.

Así mesmo, mediante o Decreto 212/2020, do 11 de decembro, modificouse de novo o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Así, dada a evolución favorable que se produciu nos concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia, determinou que se levantasen, neses concellos, a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, que eran de aplicación nalgún deles de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Así mesmo, dada tamén a melloría observada no concello de Lugo, determinou que se levantasen nese concello as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, que eran de aplicación nel de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Adicionalmente, a melloría observada no concello de Narón determinou que puidese pasar a integrarse no peche perimetral conxuntamente co concello de Ferrol e, tamén, a mellora do concello do Porriño permitiu que pasase a formar parte do peche perimetral que está xa establecido cos concellos de Mos, Vigo, Nigrán e Gondomar. Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria desfavorable dos concellos de Camariñas, Zas, Tomiño, O Rosal, Sarreaus e A Rúa determinou a necesidade de aplicación neses concellos, con urxencia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Posteriormente, por Decreto 213/2020, do 16 de decembro, modificouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Así, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 16 de decembro de 2020, os concellos de Barro, Carballo, Coristanco, Laxe, Ponteceso e Cee pasaron a un nivel de restrición básico.

No relativo á comarca de Fisterra, na cal existía restrición perimetral conxunta dos concellos de Cee, Dumbría e Muxía, polo descenso observado no concello de Cee, dispúxose a súa saída do peche perimetral.

Así mesmo, detectáronse determinados concellos en que, dado os seus valores altos nas taxas acumuladas a 14 días, adoptáronse medidas do nivel de restrición medio-alto e peche perimetral individualizado para cada un de tales concellos. Estes concellos foron os concello de Rodeiro, A Illa de Arousa, Fisterra e Carnota.

Ademais, dada a taxa acumulada a 14 días observada no concello de Mazaricos e os valores das taxas acumuladas a 14 días de Santa Comba e Negreira adoptáronse tamén nestes tres concellos restricións de nivel medio-alto e peche perimetral conxunto entre eles.

Na comarca da Barbanza, polo ascenso observado no concello de Ribeira, adoptouse neste concello o nivel de restrición máximo.

Na comarca do Morrazo, dada taxa acumulada a 14 días no concello de Bueu, adoptouse neste concello o nivel de restrición máximo.

E na comarca de Vigo, no concello de Baiona, adoptáronse tamén as restricións máximas.

Por último, respecto do concello de Santiago, dado o ascenso nos valores estimados das taxas a 3, 7 e 14 días, adoptáronse para tal concello medidas de nivel de restrición medio con peche perimetral do concello.

III

O proceso constante de revisión da situación sanitaria e epidemiolóxica resulta indispensable para manter un nivel de perfecta correspondencia entre as medidas adoptadas e a situación sanitaria que as xustifica. Neste sentido, a evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria unha modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Así, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 21 de decembro de 2020, dada a evolución favorable e o valor das taxas acumuladas a 14 días nos concellos de Meis, Ribadumia, Muxía, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Ponte Caldelas, recoméndase que estes concellos adopten o nivel de restrición básico.

Respecto do concello de Moaña, na comarca do Morrazo, atópase en nivel de restrición máximo mais a evolución dos seus datos epidemiolóxicos, no que os casos a 14 días pasaron a 22, o que se traduce nunha taxa acumulada a 14 días de 113,4 por cen mil habitantes, son favorables.

Polo tanto, a evolución das taxas deste concello fan recomendar que a situación de risco pase a ser de nivel medio, o que implica a adopción de medidas de restrición menos limitativas como a posibilidade de agrupacións máximas de 6 persoas, agás que sexan conviventes.

Asi mesmo, a evolución dos datos epidemiolóxicos dos concellos de Vilalba, Tui e Ponteareas, cun descenso nas súas taxas a 14 días, fan que se propoña reducir o nivel de restrición para estes concellos de nivel máximo actual ao de medio-alto. Así, no concello de Vilalba a taxa a 14 días baixou de 284,3 por cen mil habitantes a 184’8. No concello de Tui, da comarca do Baixo Miño, a taxa acumulada a 14 días atópase nun valor de 191,6 por cen mil habitantes e no concello de Ponteareas amosou un descenso a 174,2 por cen mil habitantes.

Por último, respecto do concello de Rianxo, que estaba ata agora no nivel básico de restricións, o ascenso da incidencia acumulada a 14 días observada neste concello, que acada valores 1,5 veces maiores á da semana anterior pasando a ter 308,2 casos por cen mil habitantes, leva a recomendar a adopción do nivel de máximas restricións neste concello. Dentro destas medidas inclúense, entre outras, a do peche temporal das actividades non esenciais, o peche do interior dos establecementos de restauración, a limitación de capacidade e as agrupacións de persoas ata un máximo de 4 persoas, agás que sexan conviventes.

Tendo en conta o indicado nestes informes e logo de escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, no que atinxe aos concellos citados anteriormente.

Así mesmo, coa finalidade de acadar unha maior claridade e seguridade xurídica, óptase no presente decreto por unha reprodución completa dos puntos obxecto de modificación da norma anterior na cal se recolle a enumeración total dos concellos afectados polas correspondentes limitacións coa finalidade de mellorar a súa comprensión e estruturación.

Por outra banda, en cumprimento do Acordo do 2 de decembro de 2020, do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, deben adoptarse unha serie de medidas especiais aplicables no período das festas de Nadal, debido á unha intensificación da interactuación social e mobilidade da poboación nas citadas datas, relativas ás seguintes materias:

a) Limitación temporal da entrada e saída de persoas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 23 de decembro de 2020 ás 00.00 horas e o día 7 de xaneiro de 2021 ás 00.00 horas.

b) Encontros con familiares para celebrar as comidas e ceas de Nadal dos días 24 e 25 de decembro de 2020.

c) Limitación da mobilidade nocturna na noite do 24 ao 25 de decembro de 2020.

Así mesmo, recóllese unha medida especial relativa á mobilidade dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 23 de decembro ás 00.00 horas e o día 25 de decembro ás 23.00 horas.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Un. Modifícase o número 1 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«1. Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais delimitados de forma conxunta:

a) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo e Cambre.

b) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.

c) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar e O Porriño.

d) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ferrol e Narón.

e) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Sanxenxo e O Grove.

f) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Santa Comba, Mazaricos e Negreira.

g) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vimianzo, Camariñas e Zas.

h) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da Guarda, Tomiño e O Rosal».

Dous. Modifícase o número 2, no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«2. Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais:

a) Do ámbito territorial do concello de Lugo.

b) Do ámbito territorial do concello de Sarreaus.

c) Do ámbito territorial do concello de Redondela.

d) Do ámbito territorial do concello de Cangas.

e) Do ámbito territorial do concello de Ponteareas.

f) Do ámbito territorial do concello de Boiro.

g) Do ámbito territorial do concello da Rúa.

h) Do ámbito territorial do concello de Moaña.

i) Do ámbito territorial do concello de Tui.

j) Do ámbito territorial do concello de Vilalba.

k) Do ámbito territorial do concello de Cambados.

l) Do ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez.

m) Do ámbito territorial do concello de Santiago de Compostela.

n) Do ámbito territorial do concello de Ribeira.

o) Do ámbito territorial do concello de Bueu.

p) Do ámbito territorial do concello de Baiona.

q) Do ámbito territorial do concello de Soutomaior.

r) Do ámbito territorial do concello de Meaño.

s) Do ámbito territorial do concello de Dumbría.

t) Do ámbito territorial do concello de Carnota.

u) Do ámbito territorial do concello da Illa de Arousa.

v) Do ámbito territorial do concello de Rodeiro.

w) Do ámbito territorial do concello de Fisterra.

x) Do ámbito territorial do concello de Vilagarcía de Arousa.

y) Do ámbito territorial do concello de Rianxo».

Tres. Modifícase o número 2 do punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«2. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes, nos concellos seguintes:

a) Ferrol e Narón.

b) Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño e Gondomar.

c) Vilagarcía de Arousa.

d) A Rúa.

e) Pontevedra, Marín e Poio.

f) Cangas.

g) Carnota.

h) Meaño.

i) Dumbría.

j) Vimianzo, Camariñas e Zas.

k) Sarreaus.

l) A Illa de Arousa.

m) Rodeiro.

n) Fisterra.

o) Santa Comba, Mazaricos e Negreira.

p) A Guarda, Tomiño e O Rosal.

q) Ribeira.

r) Sanxenxo e O Grove.

s) Tui.

t) Ponteareas.

u) Rianxo.

v) Vilalba.

w) Bueu.

x) Redondela.

y) Baiona.

z) Cambados.

aa) As Pontes de García Rodríguez.

ab) Boiro.

No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de catro persoas.

A limitación prevista neste número non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Respecto das actividades previstas nos anexos III e IV da Orde do 3 de decembro de 2020, serán de aplicación as limitacións de capacidade máxima e/ou de número máximo global de persoas asistentes ou participantes previstas neles. A limitación de grupos dun máximo de catro persoas, excepto conviventes, contida neste número, só se aplicará aos límites específicos para actividades grupais recollidos nos ditos anexos».

Catro. Modifícase o punto sexto do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«Sexto. Limitación temporal da entrada e saída de persoas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

Entre o día 23 de decembro de 2020 ás 00.00 horas e o día 7 de xaneiro de 2021 ás 00.00 horas, establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no número 3 do punto primeiro deste decreto. Así mesmo, excepcionaranse das limitacións de entrada e saída os desprazamentos a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace, entre o día 23 de decembro de 2020 ás 00.00 horas e o día 30 de decembro de 2020 ás 00.00 horas, sen prexuízo da ulterior revisión desta excepción para os efectos de decidir ou non o seu mantemento, e aínda que estes lugares estean sometidos a limitacións de entrada e saída de acordo con este decreto.

En particular, as persoas desprazadas a Galicia deberán cumprir o establecido na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoal procedentes doutros territorios, polo que as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma, deberán comunicar, no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia na forma establecida na orde.

As persoas desprazadas a Galicia, unha vez no lugar a que se despracen, deberán cumprir as limitacións de entrada e saída previstas, se é o caso, neste decreto, ademais do resto das medidas aplicables.

En todo caso, recoméndase evitar ou reducir a mobilidade xeográfica o máximo posible».

Cinco. Engádese un novo punto sexto bis ao Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«Sexto bis. Medidas especiais aplicables no período das festas de Nadal

1. Mobilidade dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre o día 23 de decembro ás 00.00 horas e o día 25 de decembro ás 23.00 horas, para os ámbitos territoriais previstos no punto primeiro deste decreto, quedan exceptuados das limitacións de entrada e saída aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace.

2. Encontros con familiares.

En relación coas limitacións da permanencia de grupos de persoas prevista no punto segundo deste decreto, os encontros con familiares para celebrar as comidas e ceas de Nadal dos días 24 e 25 de decembro de 2020 quedarán sometidos aos seguintes condicionantes:

a) En todo caso, recoméndase que os encontros familiares se limiten á unidade de convivencia.

b) No caso de que os encontros familiares se produzan entre persoas de dúas unidades de convivencia diferentes, estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de dez persoas.

c) No caso de que os encontros se produzan entre persoas de máis de dúas unidades de convivencia diferentes estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de seis persoas. Dentro deste número máximo de seis persoas non computarán os nenos e nenas menores de dez anos. En todo caso, os encontros estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de dez persoas.

Nos encontros familiares previstos neste número, deberá terse especial precaución e coidado coas persoas en situación de vulnerabilidade para o COVID-19.

3. Limitación da mobilidade nocturna.

Na noite do 24 ao 25 de decembro de 2020, a hora de comezo da limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno prevista no artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, amplíase ata as 1.30 horas, unicamente para permitir o regreso ao domicilio. En ningún caso se utilizará esta ampliación horaria para desprazarse a diferentes encontros sociais.

4. Aplicabilidade das medidas xerais de prevención.

En todo o non previsto neste punto será de aplicación as medidas de prevención previstas neste decreto, na Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e demais medidas aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Medidas aplicables entre o día 30 de decembro e o 6 de xaneiro.

As medidas especiais aplicables para o período comprendido entre o día 30 de decembro e o 6 de xaneiro serán establecidas á vista da evolución da situación epidemiolóxica.

6. Revisión destas medidas.

En todo caso, as medidas especiais previstas neste punto para o período das festas de Nadal deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento».

Segundo. Eficacia

Este decreto terá efectos desde as 00.00 horas do día 23 de decembro de 2020.

Terceiro. Recursos

Contra o presente decreto poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia