Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212-Bis Mércores, 21 de outubro de 2020 Páx. 42028

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Santiago.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de xeito puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 73/2020, do 4 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela.

Froito do seguimento e da avaliación das medidas ditáronse sucesivas ordes.

Así, en virtude da Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse, sobre a base do sinalado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma data e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Santiago de Compostela, con determinadas modificación puntuais.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 145/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Santiago de Compostela, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto número 88/2020, do 17 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela.

Posteriormente, na Orde do 23 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Santiago de Compostela, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020, así como estender a aplicación das mesmas medidas ao lugar do Milladoiro, parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames. As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 86/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Na Orde do 30 de setembro de 2020 acordouse o mantemento no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames), da eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente. As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 97/2020, do 5 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En virtude da posterior Orde do 7 de outubro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro, parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames, das mesmas medidas de prevención específicas. As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 103/2020, do 9 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

E, finalmente, na Orde do 14 de outubro de 2020, acordouse, así mesmo, o mantemento, no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro, parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames, das mesmas medidas de prevención específicas.

Conforme o punto segundo da orde do 14 de outubro de 2020 as medidas debía ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 110/2020, do 16 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do previsto no punto segundo da Orde do 14 de outubro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 21 de outubro de 2020, indícase que a taxa de incidencia na comarca segue en aumento. Este aumento da taxa é especialmente destacable nos concellos de Santiago de Compostela e Ames, onde a taxa de incidencia a 14 días é superior á observada para Galicia. Ademais, nestes concellos seguen a aparecer casos diarios de xeito continuo. A estimación puntual do número reprodutivo instantáneo amosa un valor por riba do 1, o que indica que existe unha transmisión que pode ser relevante. O abrocho no concello de Santiago de Compostela está a evolucionar claramente en sentido negativo, xa que a incidencia segue a aumentar desde o último informe. Este abrocho segue a ter características de alto risco como é a taxa de incidencia nos últimos 3 días, a cal aumentou considerablemente con respecto ao informe anterior, ou o número de contactos con PCR positiva relacionados con 1 caso. Así mesmo, presenta indicadores de risco medio como a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do brote e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados. Os datos de incidencia observados en Ames e en Santiago de Compostela, xunto co feito de que os indicadores se manteñen en niveis de risco alto e medio, fan preciso actuar dun xeito máis estrito en canto a restricións se refire, xa que as medidas postas en marcha ata o de agora non conseguiron frear o aumento da incidencia. Deste modo, á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, o informe recomenda en todo o concello de Santiago de Compostela e nas zonas máis afectadas do concello de Ames –lugar do Milladoiro, parroquia de Biduído (Santa María)–, aumentar as medidas de prevención específicas actualmente establecidas. Así, con carácter xeral, deben limitarse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social, na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Recoméndase tamén establecer limitacións de capacidade en establecementos comerciais e terrazas de hostalaría e restauración ao 50 %. Así mesmo, nos bares e cafetarías non se poderá consumir no interior do local e o consumo dentro do local nos restaurantes poderá realizarse unicamente sentado na mesa.

Así, tendo en conta o indicado no dito informe, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, resulta necesario, en consecuencia, adoptar, no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Biduído (Santa María) no concello de Ames), medidas de prevención máis restritivas que as aplicables ata o de agora nun dobre sentido. Por unha banda, é necesario restrinxir os grupos exclusivamente aos constituídos polas persoas conviventes para o desenvolvemento de actividades de carácter familiar e social conectadas co maior risco de xeración de abrochos. E, por outra banda, é preciso establecer maiores limitacións de capacidade para determinadas actividades.

En particular, procede salientar que a medida consistente en limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social, na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes ten como finalidade intentar controlar a transmisión aumentando o nivel de restrición dos contactos familiares e sociais, agás os derivados das causas previstas ou outras xustificadas. Debe recordarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, expresa que as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. En particular, a medida que se recolle nesta orde vai dirixida a previr determinadas reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio. Esta medida, ademais, resulta menos disruptiva das actividades esenciais, económicas, laborais e profesionais ca outras, como as limitacións á liberdade de circulación ou os confinamentos, que deben reservarse para cando resulta preciso un maior nivel de restrición. Procede advertir, ademais, de que a medida non é absoluta, senón que se ve matizada por unha serie de importantes excepcións, dado que, ante todo, esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade. Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. Tampouco resultará de aplicación en determinadas actividades respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.

Procede, en consecuencia, adoptar na presente orde medidas de prevención específicas máis restritivas que as actuais, que serán de aplicación no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames), deixando sen efecto as ordes anteriores do 2 e do 9 de setembro de 2020.

O obxecto desta nova orde, polo tanto, é establecer as restricións específicas que serán de aplicación no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames). No non previsto nesta orde, e no que resulte compatible con ela, serán de aplicación as medidas de prevención específicas contidas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que sexa compatible con ambas ordes, no acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 citado.

Por último, as medidas previstas nesta orde terán unha vixencia de catorce días naturais ao ser o período de tempo que se estima necesario para poder valorar debidamente a súa eficacia no control e na contención da evolución da pandemia no ámbito territorial afectado. Non obstante, deberán ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun prazo non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación, en todo momento, á situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, e poderán, en consecuencia, ser modificadas ou levantadas con anterioridade á expiración do dito prazo de catorce días naturais.

II

As medidas que se adoptan na presente orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, cómpre salientar que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, prevé, no seu artigo primeiro, que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

O artigo segundo habilita as autoridades sanitarias competentes para adoptaren medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha actividade. E, para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto con estes e do contorno inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible. E o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, antes citados.

Non se recolle, pois, unha lista pechada de medidas de prevención, senón que poderán adoptarse, de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.

Por outra banda, as medidas de prevención que se recollen nesta orde teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, e a vixilancia, a inspección e o control do seu cumprimento corresponde aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), das competencias dos concellos do control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia) e, polo tanto, garantir a vixilancia, a inspección e o control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento e atendendo á situación concreta, poida establecer o correspondente concello.

Así mesmo, as forzas e os corpos de seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos casos en que se detecte o seu incumprimento. Debe recordarse a este respecto que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de emerxencia sanitaria, resulta esencial a colaboración das forzas e corpos de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia cidadás.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar das medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e alcance

1. O obxecto desta orde é establecer determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames).

2. No non previsto nesta orde, e no que sexa compatible con ela, aplicarase o disposto na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, así como, no que sexa compatible con ambas, o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Restricións ás agrupacións de persoas para a protección da saúde das persoas ante a existencia dun risco de carácter transmisible

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptanse, no ámbito territorial previsto no punto primeiro e de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto quinto, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, aos constituídos só por persoas conviventes.

Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais , así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. Tampouco resultará de aplicación naquelas actividades previstas no anexo desta orde ou, no que sexa aplicable, no anexo da Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.

2. O incumprimento da medida de prevención establecida neste punto poderá dar lugar á imposición das sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

4. Solicitarase a ratificación xudicial da medida prevista neste punto, de acordo co previsto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Outras medidas de prevención específicas

Serán de aplicación as medidas de prevención específicas recollidas no anexo.

Cuarto. Control do cumprimento da medida e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención recollidas nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento da medida de prevención.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen polo incumprimento da medida de prevención ás autoridades competentes.

Quinto. Eficacia

1. Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 22 de outubro de 2020 e manterá a súa eficacia por un período de catorce días naturais.

Non obstante o anterior, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas antes do transcurso do período de catorce días naturais previsto no parágrafo anterior por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

2. No caso da celebración de competicións deportivas e das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 22 a 25 de outubro que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 21 de outubro, non serán aplicables as medidas de prevención específicas previstas nesta orde, sempre que non se estivesen aplicando xa as ditas medidas, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

3. No momento de comezo dos efectos da presente orde quedarán sen efecto a Orde do do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, e a Orde do 9 de setembro de 2020, de modificación daquela.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Medidas de prevención específicas no concello de Santiago de Compostela
e no lugar do Milladoiro (parroquia de Biduído (Santa María),
no concello de Ames)

No concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Biduído (Santa María), no concello de Ames) aplicaranse as restricións específicas previstas a continuación.

1. Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís.

En calquera caso, deberase respectar un máximo de cincuenta persoas en espazos ao aire libre ou de vinte e cinco persoas en espazos pechados.

2. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación.

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto da máxima permitida.

3. Establecementos de hostalaría e restauración.

1. Os restaurantes non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade na zona de comedor para o servizo de comida.

Nos bares e cafetarías non se poderá consumir no interior do local.

2. O consumo dentro do local nos restaurantes poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra e na zona de cafetaría ou bar.

3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou no que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do cincuenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.

4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.

5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas.

6. As medidas contidas nos números 3, 4 e 5 serán tamén de aplicación ás terrazas dos establecementos de lecer nocturno.

7. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas e deberán ser todas elas conviventes.

4. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.

As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de cinco persoas, sexan ou non conviventes, incluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

5. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outras infraestruturas culturais.

Na realización de actividades culturais nestes espazos aplicarase un máximo de ata cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

6. Actividade en cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

En calquera caso, será de aplicación un límite máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

7. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

8. Celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público.

A celebración de eventos deportivos, adestramentos, competicións deportivas que se celebren en instalacións deportivas ou na vía pública poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

9. Piscinas.

Nas zonas de estadía das piscinas establecerase unha distribución espacial para manter distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios e os grupos deberán estar constituídos só por persoas conviventes.

10. Especificidades para determinadas actividades turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

11. Centros de información, casetas e puntos de información.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

12. Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao cincuenta por cento da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de cincuenta participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de vinte e cinco participantes, incluídos os monitores.

2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata cinco persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluíndo os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

13. Uso de espazos públicos.

Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía para as actividades grupais.

14. Centros recreativos turísticos ou similares.

As visitas de grupos serán dun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

15. Celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares.

Poderanse celebrar congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias e eventos e actos similares promovidos por calquera entidade, de natureza pública ou privada, sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida do lugar de celebración, e cun límite máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O recollido neste número será tamén de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e eventos similares.

16. Establecementos e locais de xogo e apostas.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cincuenta persoas en espazos ao aire libre ou de vinte e cinco persoas en espazos pechados. En caso de dispoñer tamén de servizos de hostalaría, seralles aplicable a prohibición do consumo no interior do local establecido para os ditos establecementos.

17. Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.

1. Con carácter xeral, calquera outro local ou establecemento comercial para o cal non se recollan expresamente unhas condicións de capacidade na presente orde, nin en protocolos ou normativa específica que lle sexa aplicable, non poderá superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada ou establecida. En calquera caso, deberase respectar un máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O disposto neste número 1 non será de aplicación nos establecementos comerciais de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos, servizos médicos ou sanitarios, ópticas, produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, salóns de peiteado, prensa e papelaría, combustible para a automoción, estancos, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións, alimentos para animais de compañía, comercio pola internet, telefónico ou correspondencia, tinturarías e lavandarías, sen prexuízo da necesidade de cumprir as obrigas xerais previstas nesta orde e as medidas xerais de hixiene e protección.

2. As actividades en grupos deberán realizarse cun máximo de cinco persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.