Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195-Bis Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37406

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a situación epidemiolóxica da comarca de Verín, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 18 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se estableceron determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución de la situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 19 de setembro de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 83/2020, do 23 de setembro de 2020, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 18 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Verín.

Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Verín, do 25 de setembro de 2020, indícase que as taxas diarias acumuladas a 7 días presentan unha tendencia lixeiramente ascendente, a taxa acumulada a 14 días obsérvase como vén aumentando nas últimas semanas e a taxa acumulada a 7 días ascende, amosando un valor de máis do dobre do conxunto de Galicia. Ademais o valor do número reprodutivo instantáneo volveu ascender por riba de 1, estando a estimación puntual moi próxima ao 1’5. Dentro da comarca, destaca o concello de Verín, polo número de casos, pola taxa a 14 días, polo número de positivos hospitalizados e polo risco engadido do envellecemento da poboación. O brote ten características de alto risco atendida a taxa de incidencia nos últimos tres días e a porcentaxe de positividade de probas PCR, en especial no concello de Verín polo aumento recente de casos xunto co aumento de ingresos e a circunstancia de ter unha poboación moi envellecida, polo que no informe se recomenda o mantemento das medidas restritivas neste concello.

Así, atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde pública, do 25 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Verín impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 18 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto quinto da Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Verín

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Verín, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 26 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén no concello de Verín serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade