Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190-Bis Venres, 18 de setembro de 2020 Páx. 36666

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de setembro de 2020 sobre levantamento das medidas de prevención específicas no concello de Arteixo como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no dito concello.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 de A Coruña, do 8 de agosto de 2020.

Froito do seguimento e da avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca da Coruña foron ditadas sucesivas ordes.

Así, na Orde do 12 de agosto de 2020 mantivéronse as medidas de prevención contidas na Orde do 7 de agosto de 2020 e, ademais, estableceuse unha medida de prevención adicional e unha recomendación de autoprotección.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 12 de agosto de 2020 foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, do 14 de agosto de 2020.

Posteriormente, en virtude da Orde do 19 de agosto de 2020 mantívose a eficacia das medidas de prevención e recomendación de autoprotección existentes e modificouse o anexo da Orde do 7 de agosto de 2020, tendo en conta o disposto na Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 19 de agosto de 2020 foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña, do 21 de agosto de 2020.

A posterior Orde do 26 de agosto de 2020 mantivo as medidas de prevención e a recomendación de autoprotección anteriores e formulou unha serie de recomendacións dirixidas aos concellos da comarca da Coruña. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 63/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, do 28 de agosto de 2020.

En virtude da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo, establecéronse medidas máis restritivas no ámbito do dito concello. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 4 da Coruña, do 29 de agosto de 2020.

Na Orde do 2 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, mantívose a eficacia das medidas de prevención e das recomendacións específicas previstas nas ordes citadas anteriormente nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, con algunhas modificacións puntuais. As medidas de prevención deixáronse sen efecto nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, sen prexuízo de manter nestes concellos as recomendacións de autoprotección e dirixidas aos concellos da comarca contidas nas ordes do 12 e do 26 de agosto.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto 44/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña.

Na posterior Orde do 9 de setembro de 2020 mantivéronse as medidas de prevención e as recomendacións sanitarias específicas contidas nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020, soamente en determinadas zonas do concello da Coruña e no concello de Arteixo, con determinadas modificacións puntuais. Ademais, quedaron sen efecto as medidas contidas nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020, previstas para os restantes concellos a que se estaban aplicando (Cambre, Culleredo e Oleiros), así como as medidas máis restritivas previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 para o concello de Arteixo.

O mantemento de medidas restritivas de dereitos fundamentais contido na Orde do 9 de setembro de 2020 foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 65/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña.

Finalmente, en virtude da Orde do 16 de setembro de 2020 mantivéronse as medidas de prevención e as recomendacións sanitarias específicas soamente nas zonas do concello da Coruña e no concello de Arteixo en que xa se estaban aplicando, nos termos previstos nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas na Orde do 7 de agosto de 2020 polas posteriores ordes do 2 e do 9 de setembro.

Conforme o punto segundo da dita orde, as medidas deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

O mantemento de medidas restritivas de dereitos fundamentais contido na Orde do 16 de setembro de 2020 foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 42/2020, do 18 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña.

No informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 18 de setembro de 2020, sobre a comarca da Coruña, indícase que a incidencia acumulada diaria a 3 e 7 días está a descender nesta comarca. Este descenso obsérvase tamén nas taxas medias acumuladas a 3 e 7 días. Igualmente, o número reprodutivo instantáneo e o seu intervalo de confianza está por debaixo de 1. En canto ao concello de Arteixo, a investigación do brote, co illamento dos casos positivos e a corentena dos contactos fixo que as taxas acumuladas a 14 días fosen tamén descendendo de forma progresiva. O informe indica que, tendo en conta a boa evolución epidemiolóxica, non habería inconveniente en suspender as restricións impostas ao concello de Arteixo, mais considera conveniente manter as restricións actuais nas zonas de maior incidencia que afectan determinadas zonas do concello da Coruña, ata verificar que o descenso de casos e taxas estea consolidado.

Así, atendido o disposto no informe, tras escoitar tamén as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Arteixo non impón a necesidade de manter medidas de prevención nin recomendacións sanitarias específicas neste concello, polo que procede deixar sen efecto as medidas e as recomendacións específicas que se viñan aplicando no ámbito territorial do concello citado, sen prexuízo do seu mantemento en determinadas zonas do concello da Coruña conforme o disposto na Orde do 16 de setembro de 2020. En consecuencia, no concello de Arteixo aplicaranse as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para transición cara a unha nova normalidade.

En atención ao exposto, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Levantamento das medidas de prevención e das recomendacións específicas no concello de Arteixo

Quedan sen efecto, no concello de Arteixo, as medidas de prevención específicas previstas na redacción vixente da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, da medida de prevención específica adicional e da recomendación de autoprotección previstas nos puntos segundo e terceiro da Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, así como das recomendacións específicas contidas no punto segundo da Orde do 26 de agosto de 2020 sobre mantemento das medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Segundo. Aplicación das medidas de prevención establecidas con carácter xeral

Serán de aplicación, no concello de Arteixo, as medidas de prevención que con carácter xeral se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 19 de setembro de 2020.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade