Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188-Bis Mércores, 16 de setembro de 2020 Páx. 36296

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 28 de agosto de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 29 de agosto de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo do 29 de agosto de 2020.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 28 de agosto de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Lugo. En virtude da Orde do 2 de setembro de 2020 acordouse o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Lugo, con adaptacións puntuais tendentes a precisar o ámbito das restricións ás agrupacións de persoas e a prever o uso de máscaras para a práctica deportiva en ximnasios ou espazos pechados.

O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto 62/2020, do 4 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo.

Como consecuencia do seguimento e da avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente conforme o disposto no punto cuarto da Orde do 2 de setembro de 2020, pola Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse o mantemento das medidas previstas para todo o ámbito territorial do concello de Lugo na Orde do 28 de agosto de 2020, con algunhas modificacións puntuais, e o levantamento das medidas máis restritivas que aquela orde contiña para o barrio da Milagrosa.

O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto 80/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo.

En cumprimento do disposto no punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente na comarca de Lugo. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Lugo, do 16 de setembro de 2020, indícase que as taxas a 3, 7 e 14 días oscilan lixeiramente pero se manteñen elevadas. O número reprodutivo instantáneo pasa a superar o limiar de 1. Destaca o número de casos e taxas que seguen elevadas no concello de Lugo. Este gromo segue a ter características de alto risco como son: a taxa de incidencia nos últimos 3 días, que baixou lixeiramente respecto do informe anterior pero que se mantén en niveis de risco alto; a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do gromo, que non se modificou significativamente pero que segue estando en niveis de risco alto; e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados, que tampouco se alterou de forma significativa pero que mantén este gromo no nivel de risco alto. O informe recomenda continuar coas medidas xa establecidas no concello de Lugo.

Así, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón o mantemento no concello de Lugo das medidas previstas para todo o ámbito territorial do dito concello na Orde do 28 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, isto é, tendo en conta as modificacións introducidas polas ordes do 2 e do 9 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Lugo

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo, mantense no devandito concello a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, na súa redacción vixente.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 17 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Lugo.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade