DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2024 Páx. 55037

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2024 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación previstos na Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU503G).

O 5 de febreiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 25 a Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU503G).

A dita resolución ten como obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia. O artigo 6.4 sinala que os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de outubro de 2024. Por outra banda, o artigo 24 establece que as entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, con data límite do 31 de outubro de 2024, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos concellos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite debido ás dificultades derivadas do sistema de información de xestión do cumprimento dos fitos e obxectivos definidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 6.4 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU (código de procedemento TU503G). A redacción do artigo queda da seguinte maneira:

«4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 29 de novembro de 2024».

Segundo. Modificar a data límite para presentar a documentación xustificativa que figura no artigo 24 das bases reguladoras mencionadas no punto anterior. A redacción do artigo queda da seguinte maneira:

«1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, con data límite do 29 de novembro de 2024, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 40 % do investimento subvencionable; de non se acadar ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 40 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpran o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas».

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da LPACAP.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia