DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 25 de setembro de 2024 Páx. 51996

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de Tesouraría do Concello de Cerceda como posto reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Cerceda, relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base nos seguintes

Antecedente de feito:

Primeiro e único: o Concello de Cerceda achegou a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2024/2591452 e núm. 2024/2633464) a solicitude relativa á creación e clasificación do posto de traballo de Tesouraría reservado a PFHN, xuntando a esta petición a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa para a creación e clasificación do posto de Tesouraría do Concello de Cerceda como reservado a PFHN.

– Certificación relativa aos recursos do orzamento do Concello de Cerceda para o exercicio económico 2024 polo importe de 14.257.353,23 euros.

– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Cerceda, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a un total de 5.058 habitantes.

– Certificado do secretario municipal relativo ao acordo plenario do 19 de setembro de 2023 polo que se aproba inicialmente a relación de postos de traballo do concello, no cal acredita que, logo de realizar a súa publicación no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 183, do 25 de setembro de 2023, se achegaron alegacións, polo que estas foron resoltas e se aprobou definitivamente a relación de postos de traballo do concello por acordo plenario do 8 de xaneiro de 2024, que se publicou no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 28, do 7 de febreiro de 2024.

Por tanto, pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A creación e a clasificación do posto de Tesouraría no Concello de Cerceda como reservado a PFHN veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa Secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de Tesouraría reservado a PFHN da subescala de Intervención-Tesouraría. A Secretaría do Concello de Cerceda está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativa a creación e clasificación do dito posto de traballo reservado, ao cal lle corresponde a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación enumeradas no artigo 5 do Real decreto 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.

Segundo. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para adoptar o presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Cerceda, coas seguintes características:

Entidade local: Concello de Cerceda.

Posto: Tesouraría.

Subescala: Intervención-Tesouraría.

Categoría: sen distinción de categoría.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Nivel de complemento de destino: 30.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local