DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 18 de setembro de 2024 Páx. 51133

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do texto do acordo entre a consellería e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia Educación e Xestión, CECE, ACES, FSIE, UGT, CC.OO. e USO sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado no curso 2024/25 e seguintes.

O 5 de agosto de 2024, o Consello da Xunta de Galicia autorizou o expediente relativo ao Acordo sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado no curso 2024/25 e seguintes, asinado o 28 de agosto de 2024 entre a consellería e as organizacións empresariais e sindicais do ensino concertado Educación e Xestión (Escolas Católicas), CECE-Galicia, ACES-Galicia, FSIE-Galicia, UGT, CC.OO. e USO.

En aplicación do recollido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, procede a publicación do texto deste acordo no Diario Oficial de Galicia. En consecuencia,

RESOLVO:

Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do Acordo sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado no curso 2024/25 e seguintes.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

O VII Convenio colectivo de empresas de ensinanza privada sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, no artigo 56, di que os empresarios e os seus traballadores, de mutuo acordo, poderán tramitar os sistemas de xubilacións anticipadas previstas na lexislación vixente e, na disposición adicional oitava, establece que nas comunidades e cidades autónomas se poderán acadar acordos sobre: 7) Medidas que favorezan a xubilación, tanto parcial como total, dos traballadores.

O Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de seguridade social, e a normativa concordante, regula a xubilación parcial das persoas traballadoras e sinala os requisitos para que esta poida concederse.

Ben que a Administración educativa de Galicia non ten ningunha relación laboral co persoal docente dos centros privados concertados, limitándose a aboar o salario e os demais complementos establecidos pola normativa vixente como pagamento delegado e en nome da titularidade do centro, considera oportuno adoptar unhas medidas que faciliten a xubilación parcial deste colectivo e asumir os gastos que dela derivan.

Logo da consulta levada a cabo no ámbito da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado, logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, as partes asinantes acadan o seguinte Acordo sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado do ensino privado concertado de Galicia no curso 2024/25 e seguintes, conforme as seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto

O obxecto deste acordo é facilitar e establecer as condicións para o acceso á xubilación parcial do profesorado incluído no réxime de pagamento delegado nos centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a realización simultánea de contratos de remuda.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional asumirá os gastos de nómina e da Seguridade Social derivados da xubilación parcial deste profesorado, tanto do que se xubila de forma parcial coma do remudista.

Segunda. Ámbito de aplicación

1. Este acordo é de aplicación ao persoal docente a que se refire a cláusula primeira que solicite a xubilación parcial e cumpra os requisitos que establece a normativa vixente en materia de seguridade social e as condicións seguintes:

– Que estea vinculado por un contrato de traballo de duración indefinida e xornada completa.

– Estea incluído no réxime de pagamento delegado cunha antigüidade mínima en pagamento delegado de 6 anos no momento de iniciarse a xubilación parcial.

2. Tamén se poderán acoller as persoas cooperativistas que cumpran as condicións do número anterior.

3. Exclúese o profesorado substituto.

Terceira. Duración da xubilación parcial

A redución da xornada laboral durante toda xubilación parcial do profesorado estará comprendida entre un mínimo do 25 por cento e un máximo do 50 por cento. O período mínimo de duración da xubilación será de 1 ano.

A Consellería asumirá as retribucións e as cotizacións á Seguridade Social derivadas deste acordo ata a data en que as persoas xubiladas parcialmente acaden a idade legal para acceder á xubilación total.

Cuarta. Solicitudes

1. As solicitudes de xubilación parcial, asinadas polo profesorado interesado, remitiranas os centros docentes concertados ao correspondente departamento territorial da consellería, xunto coa documentación que esta determine conforme a normativa da Seguridade Social e de contratación laboral.

2. A remisión da información especificada no número 1 farase a través da aplicación informática de xestión centrosprivados.

Quinta. Contratación do profesorado remudista

O profesorado remudista deberá cumprir con todos os requisitos que establece a normativa vixente en materia de seguridade social.

Así mesmo, nestas contratacións de persoal docente, será un criterio preferencial, non obrigatorio, que a persoa candidata estea incluída na bolsa de recolocación creada polo Acordo do 14 de xuño de 2023, asinado entre Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia sobre medidas de recolocación do profesorado afectado pola modificación das unidades concertadas. Por esta razón, a persoa representante legal dos centros deberá acreditar na contratación da persoa remudista ter solicitado, mediante a aplicación centrosprivados, a relación actualizada das persoas incluídas na bolsa.

Sexta. Seguimento do acordo

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado que asinan este acordo efectuarán o seu seguimento a través da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado de Galicia.

Sétima. Período de vixencia e aplicación

1. Este acordo terá efectos a partir do 1 de setembro de 2024 e rematará o 31 de agosto de 2029, ou no momento en que se produza a entrada en vigor dalgunha modificación na normativa aplicable respecto das condicións ou dos requisitos de acceso á xubilación parcial.

Desde o inicio do curso 2024/25 poderán solicitar a xubilación parcial as persoas que, de conformidade coa normativa vixente en materia de seguridade social, acrediten os requisitos de idade para solicitar esta xubilación.

2. Sen prexuízo do previsto no número 1 desta cláusula, manterase a situación das persoas xubiladas parciais en aplicación deste acordo ata que acaden a idade ordinaria para solicitar a xubilación total.