DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 18 de setembro de 2024 Páx. 51157

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2024 pola que se dá publicidade á modificación da Resolución do 17 de xuño de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2024/25 (código de procedemento MR207A).

Mediante a Resolución do 17 de xuño de 2024 (DOG núm. 136, do 15 de xullo) establecéronse as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e convocáronse para o curso académico 2024/25.

O número de prazas disposto inicialmente para cada un dos distintos centros foi recollido no artigo 1.2 da Resolución do 17 de xuño de 2024, e ofertáronse, para o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, un total de 30 prazas de residencia en réxime de pensión completa.

A oferta do CFEA de Sergude viuse reducida con respecto aos últimos anos por mor das obras de adecuación, que actualmente están sendo executadas.

Con todo, a distribución final dos cuartos entre as persoas adxudicatarias das prazas, para homes e mulleres, derivada da Resolución do 19 de agosto de 2024 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de agarda no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria da axencia para o curso académico 2024/25 (MR207A) permite aumentar a oferta de prazas de residencia dispoñibles tratando, deste xeito, de dar resposta á gran demanda detectada.

A finalidade final desta modificación é facilitar o acceso aos ciclos formativos de grao medio e superior da familia agraria e fomentar e potenciar a formación da poboación do medio rural.

Como consecuencia do anterior, modifícase o número de prazas de residencia ofertadas no Centro de Formación e Experimentación de Sergude en réxime de pensión completa de 30 a 32 prazas.

Segundo establece o punto dous do artigo 16 da Resolución do 17 de xuño de 2024, para a cobertura das prazas de residencia en pensión completa ou comedor que queden vacantes durante o curso, a Dirección do respectivo centro residencial acudirá á lista de agarda, seguindo a rigorosa orde de puntuación. Se unha vez chamados todos os suplentes aínda quedasen prazas vacantes no internado, aquelas persoas interesadas que reúnan os requisitos para seren adxudicatarias dunha praza poderán solicitala a través do formulario normalizado MR207A, a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación definitiva de prazas de residencia ou comedor correspondente ao prazo ordinario.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria