DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 11 de setembro de 2024 Páx. 50279

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as relacións definitivas de admitidos e excluídos no procedemento para a selección de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, convocado mediante a Resolución do 19 de marzo de 2024, e se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización da proba tipo test.

De conformidade co establecido no artigo 5.3 da Orde da daquela denominada Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 30 de novembro de 2017, pola que se establece o procedemento para a selección e o nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, e rematado o prazo para formular reclamacións ou emendas ás solicitudes para a inclusión nas bolsas de interinos de conformidade coa convocatoria realizada pola Resolución do 19 de marzo de 2024, procede publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos para a realización da proba tipo test e de galego no proceso de selección correspondente.

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as listaxes definitivas de admitidos e excluídos ao procedemento para a selección de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, convocado mediante a Resolución do 19 de marzo de 2024.

As listaxes definitivas de admitidos e excluídos para a realización da proba tipo test e da proba de galego, nos casos en que proceda, están á disposición das persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR410A

Segundo. Convocar as persoas admitidas con carácter definitivo para a realización da proba tipo test que terá lugar o vindeiro 28 de setembro de 2024, en chamamento único que se iniciará ás 9.00 horas, nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, sitas na rúa Madrid, 2-4, 2º andar (As Fontiñas) 15781 Santiago de Compostela.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, lapis do nº 2 e goma de borrar.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Será de aplicación o previsto no Protocolo polo que se establece a utilización das instalacións da EGAP, publicado na seguinte ligazón: https://egap.xunta.gal/Documentos/Estaticas/[1608291780]Protocolo_uso_instalacions_EGAP.pdf

Terceiro. Publicar no enderezo https://sede.xunta.gal, no procedemento PR410A, e na páxina web Eidolocal, na epígrafe Máis información (https://www.eidolocal.gal/bolsas-interinos), as aulas da EGAP onde se efectuará a proba tipo test, así como as persoas aspirantes asignadas a cada unha delas.

Cuarto. Poñer en coñecemento das persoas interesadas que os anuncios, avisos e resolucións correspondentes a este proceso selectivo estarán dispoñibles no enderezo https://sede.xunta.gal, no procedemento PR410A.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a directora xeral de Administración Local, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2024

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local