DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 11 de setembro de 2024 Páx. 50187

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 29 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos e de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, coa participación das persoas pescadoras e mariscadoras, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (código de procedemento PE209F).

A Lei 11/ 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, da adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

O Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021 polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, sinala no artigo 3 que o FEMPA terá como prioridade 1) fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, e establece no artigo 14 o obxectivo específico f) de contribuír á protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos cuxo apoio se establece no artigo 25.

Segundo as liñas marcadas pola Comisión OSPAR, enténdese como lixo mariño calquera material sólido que foi deliberadamente vertido ou perdido non intencionadamente nas praias e nas costas ou no mar, incluíndo materiais transportados ao medio mariño desde terra a través dos ríos, sistemas de drenaxe ou de verteduras de augas residuais ou polo vento. Inclúe calquera material sólido persistente, manufacturado ou procesado.

O lixo mariño pódese atopar aboiando na superficie, entre augas, depositado no fondo ou acumulado na costa. Se atendemos ao material, o lixo pode clasificarse en plástico, metal, téxtil, cristal/vidro/cerámica, goma e produtos naturais (madeira procesada, papel e cartón, etc.). A maioría dos residuos flotantes son elementos ou pezas de plástico, mentres que no leito mariño, ademais de plásticos, tamén se rexistran vidro, obxectos metálicos, compoñentes non plásticos de artes de pesca e obxectos voluminosos, entre outros.

Existen evidencias dos impactos negativos que o lixo mariño exerce nos ecosistemas mariños, que se acaban reflectindo en maior ou menor medida nas actividades que dependen deste medio. De especial importancia son os impactos ecolóxicos, os económicos e sociais. Ademais dos correspondentes efectos negativos na biodiversidade do medio, tamén pode dar lugar a perdas económicas no sector pesqueiro.

O Plan Marlimpo, elaborado pola Consellería do Mar no marco do FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), pretendía contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo, saudable, produtivo e bioloxicamente diverso. Entre os anos 2020 e 2023 desenvolvéronse 36 proxectos apoiados polo FEMP en que se recolleron 424 toneladas e residuos mariños e nos cales participaron unha media de 705 persoas mariscadoras e 30 embarcacións en limpezas activas de lixo.

O Plan Marlimpo horizonte 2030 ten por obxecto desenvolver o tipo de actividade 1.6.2 do programa FEMPA 2021-2027 para España, de recollida de residuos coa participación das persoas pescadoras no mar e nas praias, que se encadra no obxectivo específico 1.6 (Contribuír á protección e á recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos) dentro da prioridade 1 do Fondo. As actuacións que se van desenvolver incidirán na redución do lixo mariño facilitando que contribúan a protexer o medio de traballo das persoas pescadoras e mariscadoras e a promover o seu papel fundamental como gardiáns do mar, proporcionando coñecemento sobre o tipo, cantidades e distribución do lixo mariño.

O programa FEMPA 2021-2027 para España recolle que o sector pesqueiro está sendo afectado polas consecuencias do cambio climático, entre outras as condicións meteorolóxicas extremas, os cambios na distribución de especies, a aparición de especies exóticas e a proliferación de algas. Para abordar esta cuestión, como novidade o Plan MARLIMPO pretende contribuír a combater os efectos negativos que ocasionan as proliferacións recorrentes de algas en determinadas zonas do litoral que poden afectar os bancos marisqueiros.

O marisqueo é unha actividade organizada realizada fundamentalmente no marco de plans de xestión onde non só se realizan traballos extractivos, senón que tamén se programan accións de conservación, mantemento ou mellora de condicións do hábitat e/ou mellora da produción, como son labores de semicultivo, e accións de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros.

As arribazóns de algas, sobre todo nas que se producen acumulacións masivas de ulváceas, deposítanse de forma recorrente en zonas concretas do litoral na primavera e no verán e poden provocar unha forte demanda de oxíxeno que afecte os moluscos bivalvos dando lugar á súa mortalidade, así como producir cambios no sedimento reducindo o potencial redox e, polo tanto, unha diminución da biodiversidade. A retirada dos acúmulos de algas constitúe un labor na actividade marisqueira, que está recollido nos plans de xestión dentro das actividades de conservación, mantemento, recuperación ou mellora dos hábitats e zonas de produción.

A Consellería do Mar realizou un estudo das arribazóns de algas con base na información proporcionada polas entidades asociativas do sector, que den como resultado que as zonas de proliferación anormalmente alta de algas no litoral de Galicia se corresponden con fondos de ría. Así, detectáronse como puntos máis excepcionais de alta acumulación de algas de arribazón na costa galega zonas concretas situadas maioritariamente nas rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo.

O obxecto desta orde consiste no desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto protexer e recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos, así como de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, coa participación das persoas mariscadoras.

Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos ao focalizarse na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, non xerar un valor para a entidade e non buscar un maior valor na prestación dos servizos.

Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance que as que emprendan as entidades normalmente e que se enmarcan no artigo 25 do FEMPA. Os proxectos terán como finalidade dispor dun medio mariño limpo e sen contaminantes e contribuír a paliar os impactos das arribazóns de algas nos bancos marisqueiros, e caracterizaranse polo interese colectivo, beneficiando tanto os membros da entidade como o sector pesqueiro. Os beneficiarios serán entidades colectivas sen ánimo de lucro e poderán concorrer individual ou conxuntamente as confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar e demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector.

En relación co principio de non causar danos significativos, o alcance e as condicións do FEMPA aseguran este. O Fondo ten como obxectivo promover a sustentabilidade ambiental no marco da política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión, e inclúe condicións precisas e unha lista de operacións non elixibles para prever operacións daniñas. Ademais, mediante a avaliación do programa sobre a base do número 5 do artigo 8 do FEMPA, garántese que os tipos de accións descritos no programa sexan coherentes, cando proceda, co principio de non causar danos significativos.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos e de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, coa participación das persoas pescadoras e mariscadoras, no mar e nas praias, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

O procedemento que regula esta orde correspóndese co código PE209F da Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Marco normativo

Para todo o non previsto nesta convocatoria, observarase o disposto nas seguintes normas e disposicións de desenvolvemento:

1. Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.

2. Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.

3. Programa FEMPA 2021-2027 para España aprobado pola Decisión da Comisión C(2022) 8732, do 29 de novembro de 2022.

4. Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE, e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

5. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

6. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

9. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

10. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

12. Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

13. Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

14. Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

15. Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

16. Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

17. Calquera outra norma da Unión Europea, normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2024 e a plurianualidade asociada acada o importe de seiscentos cincuenta mil euros (650.000,00 euros), repartidos nas seguintes anualidades:

Partida orzamentaria

2024

2025

Total

46.03.723C.7802

300.000,00

350.000,00

650.000,00

Para o ano 2024 na partida orzamentaria sinalada, código de proxecto 2023 00182, existe crédito adecuado e suficiente na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

2. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando sempre o disposto nos artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos FEMPA e do 30 % pola Comunidade Autónoma.

O cofinanciamento enmarcarase dentro da prioridade 1, Fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, obxectivo específico 1.6, Contribuír á protección e á recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos, tipo de actividade 1.6.2, Recollida de residuos coa participación dos pescadores no mar e nas praias, e tipo de intervención 1, Reducir os impactos negativos o contribuír aos impactos positivos sobre o ambiente e contribuír ao bo estado ambiental.

4. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros, cooperativas do mar e demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por persoas pescadoras ou mariscadoras. As entidades serán sen ánimo de lucro e terán ámbito territorial e a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando as actividades de recollida de residuos e de arribazóns de algas que poidan afectar os bancos marisqueiros sexan realizadas no ámbito territorial dun plan de xestión de marisqueo, só poderán ser beneficiarios das subvencións as entidades de interese colectivo do sector que sexan titulares do plan de xestión.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As persoas sinaladas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As persoas incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Os operadores que se encontren nalgún dos supostos establecidos no artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) nº 2021/1139.

d) As persoas que non estean ao día no pagamento das súas obrigas tributarias ao Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

4. As entidades poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente entre elas, como unha agrupación de entidades. As entidades que concorran conxuntamente deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

5. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

6. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e o pagamento das subvencións, aos sinalados na resolución que establece as condicións de axuda (DECA), así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa que lles sexa de aplicación.

2. As persoas beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

c) Achegar e actualizar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como calquera outra actuación de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, de conformidade co seu número 4.

Cumprir as condicións de admisión do artigo 11.1 do Regulamento (UE) 2021/1139 durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco (5) anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. No caso de incumprimento neste período, recuperarase a axuda concedida de conformidade co artigo 44 do Regulamento (UE) 2021/1139 e co artigo 103 do Regulamento (UE) 2021/1060.

Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11.3 do Regulamento (UE) 2021/1139 en relación con solicitudes de axuda presentadas por un operador respecto do cal a autoridade competente determinase, por medio dunha resolución definitiva, que cometeu fraude, no contexto do FEMP ou do FEMPA.

No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida de conformidade co disposto no artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

e) Manter os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos obxecto de subvención durante cinco (5) anos, ou tres (3) anos no caso de pemes, desde o pagamento final, de acordo co previsto no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060.

Tomarase como data de referencia, para o cálculo dos períodos de tempo mencionados, a data contable do último pagamento da axuda.

Os supostos do dito artigo 65.1 do regulamento mencionado non se aplican no caso de se producir o cesamento dunha actividade produtiva por quebra non fraudulenta.

f) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e á avaliación do programa, para poder dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) 2021/1060 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) 2021/1139.

g) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74.1.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060.

h) Conservar os documentos xustificativos relacionados coa operación que recibe axuda durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que o organismo intermedio de xestión efectúe o último pagamento ao beneficiario.

Os rexistros e documentos conservaranse, ben en forma de orixinais, ben en forma de copias auténticas, ou en soportes de datos comunmente aceptados, entre eles versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais se os ditos documentos compren os requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables, para os efectos de auditoría.

i) A resolución de concesión supón a aceptación da persoa beneficiaria de ser incluída na lista pública que se recolle no artigo 49.3 e 5 do Regulamento (UE) 2021/1060.

j) Dar a coñecer a axuda prestada polos fondos á operación, de conformidade co establecido artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060, para o cal:

1º. Se o beneficiario dispón de web ou contas en redes sociais, realizarán unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.

2º. Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación destinados ao público ou aos participantes, incluirase unha declaración que destaque a axuda da UE, cun parágrafo similar a «Este proxecto é cofinanciado pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura)».

3º. No caso de operacións que impliquen investimentos físicos ou se instalen equipamentos adquiridos e teñan un custo total superior a 100.000 euros: instalarán placas ou valos publicitarios resistentes en lugares ben visibles ao público, en que apareza o emblema da Unión Europea, tan pronto como comece a execución física da operación.

4º. Para as operacións non incluídas no punto 3º, exhibirán nun lugar ben visible para o público un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación, en que se destaque a axuda do FEMPA.

En calquera actuación incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.

O emblema da Unión Europea empregarase, de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1061, cando se realicen actividades de visibilidade, transparencia e comunicación.

Cando os beneficiarios non empreguen o emblema da Unión Europea ou incumpran o establecido nos puntos 1º a 4º desta letra, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro aplicará medidas, tendo en conta o principio de proporcionalidade, e cancelará ata un máximo do 3 % da axuda á operación.

k) Facer mención á orixe do financiamento e velar por darlle visibilidade, en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) 2021/1139.

l) Conservar o rexistro documental e gráfico que avale o cumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade, que estará á disposición das autoridades do programa e da Comisión Europa, cando se solicite.

m) A resolución de concesión supón que a persoa beneficiaria pon á disposición da Unión os materiais de comunicación e visibilidade, logo de petición, e autoriza o emprego destes. Isto non suporá custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa para as persoas beneficiarias nin para os órganos de xestión.

n) No caso de subcontratación, non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ñ) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia ambiental, cando corresponda polo obxecto das operacións.

o) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

p) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

q) Aplicar á actividade subvencionada os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios, que incrementan o importe da subvención concedida.

r) Ter a capacidade administrativa e financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o cal se solicita a axuda.

s) Dispor dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, no caso de que estas impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.

t) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

u) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión os compromisos de participación conxunta e o nomeamento de apoderado para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención os proxectos colectivos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan por obxecto protexer e recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños, mediante a recollida de residuos mariños, incluídas as artes de pesca perdidas, así como a recollida de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, coa participación das persoas pescadoras e mariscadoras.

Exclúense actuacións de recollida de residuos nos fondos mariños das dársenas dos portos.

2. Os proxectos contarán coa participación do sector produtor da pesca na recollida de residuos e de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, e poderán incluír as seguintes liñas de acción:

a) Accións para reducir a cantidade de lixo mariño e mitigar a pesca pantasma mediante a implicación das embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras e mariscadoras a pé na súa recollida no mar e nas praias:

1º. Pesca de lixo activa polas embarcacións de pesca e persoas pescadoras ou mariscadoras a pé, dirixida especificamente á retirada de lixo mariño, incluídas as artes de pesca perdidas, en áreas previamente planificadas e que sexan zonas de maior acumulación de residuos ou zonas especificamente vulnerables con presenza de lixo.

Para os efectos desta orde, as zonas especificamente vulnerables correspóndense con áreas que teñen un índice de vulnerabilidade total alta ou moi alta no marco Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal) ou que se correspondan cunha das figuras de protección ambiental recollida na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Dentro da pesca de lixo activa distínguense as seguintes accións:

i. Saídas específicas de embarcacións pesqueiras para a recollida de residuos mariños en zonas de maior acumulación ou zonas especificamente vulnerables con presenza de lixo.

ii. Recollida específica, polas persoas mariscadoras a pé, de residuos mariños nas áreas de produción de recursos marisqueiros que sexan zonas de maior acumulación de residuos ou zonas especificamente vulnerables con presenza de lixo.

No caso da pesca de lixo activa no ámbito de plans de xestión de marisqueo, as persoas armadoras das embarcacións pesqueiras e persoas mariscadoras a pé participantes no plan poderán percibir unha compensación económica pola recollida de lixo segundo o establecido no artigo 10.1.b). Exceptúase a pesca de lixo activa coa arte de marisqueo desde embarcación con vara, de conformidade co establecido no artigo 8.2.b).

2º. Pesca de lixo pasiva polas embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras que recollen os residuos, incluídas as artes de pesca perdidas, que veñen a bordo nos aparellos durante as faenas ordinarias de pesca, ou polas persoas mariscadores a pé durante a súa actividade normal de marisqueo.

b) Accións para paliar o impacto das arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, mediante a recollida destas coa participación das persoas mariscadoras a pé ou desde embarcación:

1º. Recollida de arribazóns, en zonas de proliferación anormalmente alta de algas que poidan afectar bancos marisqueiros, polas embarcacións pesqueiras ou persoas mariscadoras a pé participantes no plan de xestión.

Para os efectos desta orde, as zonas de proliferación anormalmente de algas e argazos correspóndense coas resultantes do estudo realizado pola Consellería do Mar entre as entidades titulares de plans de xestión, e que se corresponden co ámbito territorial dos seguintes plans de xestión de marisqueo aprobados mediante orde pola Consellería do Mar:

i. Plans de xestión de marisqueo a pé da Asociación de Mariscadores Santa Helena de Baldaio en zonas de autorización e de libre marisqueo.

ii. Plan de xestión de marisqueo a pé e desde embarcación con vara da Confraría de Noia.

iii. Plans de xestión de marisqueo a pé da Confraría da Pobra do Caramiñal en zonas de autorización e de libre marisqueo.

iv. Plan de xestión de marisqueo desde embarcación con vara en zonas de autorización da Confraría da Pobra do Caramiñal.

v. Plan de xestión de marisqueo a pé en zonas de autorización da Confraría de Cabo de Cruz.

vi. Plan de xestión de marisqueo desde embarcación con vara en zonas de autorización da Confraría de Cabo de Cruz.

vii. Plan de xestión de marisqueo a pé en zonas de autorización da Confraría de Rianxo.

viii. Plan de xestión de marisqueo desde embarcación con vara en zonas de autorización da Confraría de Rianxo.

ix. Plans de xestión a pé de marisqueo a pé da Confraría do Carril en zonas de autorización e de libre marisqueo.

x. Plans de xestión a pé de marisqueo desde embarcación con vara da Confraría do Carril en zonas de autorización e de libre marisqueo.

xi. Plan de xestión de marisqueo a pé en zonas de autorización da Confraría de Vilaxoán.

xii. Plan de xestión de marisqueo a pé en zonas de autorización da Confraría de Vilanova.

xiii. Plans de xestión de marisqueo desde embarcación con vara da Confraría de Vilanova en zonas de autorización e de libre marisqueo.

xiv. Plan de xestión de solénidos con técnicas de mergullo da Confraría de Vilanova.

xv. Plan de xestión de marisqueo a pé en zonas de autorización da Confraría de Cambados.

xvi. Plans de xestión de marisqueo a pé da Confraría da Illa de Arousa en zonas de autorización e de libre marisqueo.

xvii. Plans de xestión de marisqueo desde embarcación con vara da Confraría da Illa de Arousa en zonas de autorización e de libre marisqueo.

xviii. Plan de xestión de marisqueo a pé en zonas de autorización da Confraría do Grove.

xix. Plans de xestión de marisqueo desde embarcación con vara da Confraría do Grove en zonas de autorización e de libre marisqueo.

xx. Plan específico de xestión de marisqueo desde embarcación con vara das confrarías de Pontevedra, Raxó, Lourizán, Sanxenxo e Marín.

xxi. Plan de xestión de marisqueo a pé en zonas de libre marisqueo da Confraría de Vilaboa.

As persoas armadoras das embarcacións pesqueiras e persoas mariscadoras a pé participantes nos plans de xestión de marisqueo mencionados poderán percibir unha compensación económica pola recollida de arribazóns de algas en zonas de proliferación anormalmente alta que poidan afectar bancos marisqueiros, segundo o establecido no artigo 10.1.b)

2º. Recollida de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros polas embarcacións pesqueiras e persoas mariscadoras a pé participantes no plan de xestión.

c) Accións para a xestión de residuos, reciclaxe ou valorización procedentes da pesca de lixo ou de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros.

d) Accións de divulgación, sensibilización e formación en materia de loita conta o lixo mariño, incluídas as artes de pesca perdidas, co obxecto de fomentar a prevención e redución do lixo e promover o papel do sector pesqueiro na dita loita.

3. Para o desenvolvemento das accións dos proxectos poderán incluírse, entre outros:

a) Estudos técnicos que xustifiquen que se trata de zonas de maior acumulación de residuos mariños ou zonas especificamente vulnerables con presenza de lixo, no caso de desenvolvemento de accións de pesca de lixo activa.

b) Estudos de caracterización da composición das arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros e/ou de valorización destas, como parte dun proxecto de retirada.

c) Deseño e/ou adquisición de artefacto específico de recollida de lixo mariño desde embarcación.

d) Deseño e/ou adquisición de artefacto específico de recollida de arribazóns de algas desde embarcación.

e) Deseño e/ou adquisición de artefacto ou equipamento auxiliar específico para a recollida de arribazóns de algas na modalidade de marisqueo a pé.

f) Elementos ou servizos de apoio para o manexo e almacenaxe de residuos mariños ou de arribazóns de algas na zona de recollida.

g) Accións en terra para a o almacenamento, manexo, clasificación e caracterización, tratamento, xestión, reciclaxe ou valorización de residuos mariños e de arribazóns de algas que poidan afectar os bancos marisqueiros; en particular:

1º. Adquisición de equipamento específico para a recepción, almacenamento, manexo, clasificación e caracterización, así como para reciclaxe ou valorización.

2º. Investimentos en pequenas infraestruturas destinadas a proporcionar instalacións receptoras axeitadas, así como a súa retirada; entre outras, guindastres para a descarga e compactadoras para a almacenaxe en terra ata o seu transporte á planta de tratamento.

3º. Custos de apoio para a realización manual dos labores de clasificación e caracterización na zona de depósito.

4º. Accións para a xestión dos residuos ou arribazóns de algas.

Artigo 7. Requisitos xerais dos proxectos

Os requisitos xerais dos proxectos recollidos no artigo anterior son os seguintes:

1. A pesca de lixo ou a recollida de arribazóns de algas que se realice no ámbito dun plan de xestión de marisqueo contará coa participación das persoas mariscadoras e embarcacións incluídas no dito plan. Asemade, estas tarefas deberán estar incluídas como actividades de semicultivo no plan de xestión aprobado.

A pesca de lixo activa e a recollida de arribazóns de algas que se realice no marco dun plan de xestión de recursos marisqueiros xerais poderá estenderse a zonas de libre marisqueo cando a acumulación de residuos ou algas poida afectar o ámbito territorial do plan.

2. No caso de recollida de residuos mariños ou arribazóns de algas que afectan os bancos marisqueiros, presentarase un proxecto segundo a modalidade de marisqueo do/dos plan/s de xestión aprobado/s (a pé, desde embarcación ou mergullo).

3. As actuacións requirirán da designación dunha persoa física que supervisará, polo menos, a recollida, a caracterización, de ser o caso, e os rexistros de información das actividades e dos resultados obtidos.

4. Os proxectos serán técnica e economicamente viables.

5. Os proxectos axustaranse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia ambiental cando corresponda polo obxecto das operacións.

6. Todos os proxectos incluirán e desenvolverán accións de comunicación que contribúan á información e á publicidade das accións cofinanciadas polo FEMPA, e permitan difundir os resultados obtidos.

7. Os requisitos en materia ambiental para investimentos materiais son os seguintes:

a) No caso dos investimentos recollidos no artigo 6.3.g).2º, que se encontren fóra de solos urbanos o urbanizables ordenados o sectorizados, as infraestruturas deberán estar xeorreferenciadas para poder apreciar os seus impactos sobre zonas con características ou requirimentos ambientais específicos.

b) No caso de proxectos que requiren a realización de obra, polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo, utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

c) No caso da pesca activa de lixo e a retirada de arribazóns en zonas de proliferación anormalmente alta de algas que poidan afectar os bancos marisqueiros, a actividade de recollida non suporá unha pesada carga ambiental.

8. Os proxectos terán un orzamento na anualidade 2024 que será, como mínimo, un 10 % do orzamento total elixible.

Artigo 8. Requisitos dos proxectos de pesca de lixo

Os requisitos específicos dos proxectos de pesca de lixo recollidos no artigo 6.2.a) son os seguintes:

1. Todos os proxectos de pesca de lixo incluirán algunha acción de divulgación, sensibilización ou formación segundo o establecido no artigo 6.2.d).

2. No caso dos proxectos de pesca de lixo activa recollidos no artigo 6.2.a).1º, as condicións son as seguintes:

a) Os proxectos con actuacións en pesca de lixo activa incluirán coa solicitude da axuda un informe de residuos mariños que xustifique que as accións planificadas se realizarán en zonas de maior acumulación de residuos mariños ou zonas especificamente vulnerables con presenza de lixo.

O informe realizarase obrigatoriamente empregando o modelo que figura na web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa. A presentación nun modelo distinto será causa de inadmisión.

b) A pesca de lixo activa con artes de marisqueo desde embarcación non incluirá a recollida coa arte de marisqueo desde embarcación con vara.

c) A pesca de lixo activa polas embarcacións pesqueiras e persoas mariscadoras realizarase entre luns e venres.

d) A pesca de lixo activa non se poderá simultanear no mesmo día coa actividade pesqueira ou marisqueira.

e) A pesca de lixo activa realizada por embarcacións coa modalidade de marisqueo desde embarcación con rastros remolcados ou recursos específicos, ou persoas mariscadoras a pé no ámbito territorial dun plan de xestión de marisqueo en que participen, requirirá que estean aprobadas as limpezas de residuos como actividade de semicultivo na data de solicitude do proxecto.

Asemade, observarase o disposto no artigo 20 do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, nas condicións de aprobación do plan de xestión de marisqueo e nas autorizacións do departamento territorial correspondente, de ser o caso.

f) A xornada de traballo da pesca de lixo activa polas embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras será dun mínimo de seis (6) horas, que inclúen desde o momento da saída en porto ata a descarga de residuos nel. As embarcacións rexistrarán a actividade ao Plan Marlimpo na ferramenta informática indicada pola Consellería do Mar.

A xornada de traballo no caso da recollida activa polas persoas mariscadoras a pé será dun mínimo de catro (4) horas, que inclúen desde o acceso á zona intermareal ata o seu depósito no lugar de acumulación correspondente.

g) A entidade comunicará ao Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, cunha antelación mínima de sete (7) días naturais anteriores ao da realización dos traballos, a programación prevista das datas de limpeza detalladas por zonas e a relación de embarcacións e persoas mariscadoras a pé que realizarán as actuacións de pesca activa de lixo, utilizando o anexo VII.

No caso de que as condicións climatolóxicas ou outras causas motivadas impidan levar a cabo a limpeza nas datas ou zonas comunicadas, a entidade notificará o imprevisto e indicará a nova programación. Nestes casos, poderá eximirse da obriga do prazo de comunicación indicado no parágrafo anterior sempre que o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca manifeste a súa conformidade.

3. Realizaranse accións de seguimento, clasificación ou caracterización dos residuos mariños mediante o rexistro das cantidades (en quilogramos) e tipos de residuos recollidos.

Os rexistros da información realizaranse empregando os modelos que figuran na web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa), en función do tipo de recollida (activa ou pasiva).

Artigo 9. Requisitos dos proxectos de recollida de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, coa participación das persoas mariscadoras e embarcacións pesqueiras

Os requisitos específicos dos proxectos de recollida de arribazóns de algas que figuran no artigo 6.2.b) son os seguintes:

1. A recollida de arribazóns de algas realizada por embarcacións coa modalidade de marisqueo desde embarcación con vara, con rastros remolcados ou recursos específicos, ou persoas mariscadoras a pé no ámbito territorial dun plan de xestión de marisqueo en que participen, requirirá que estean aprobadas as limpezas de algas como actividade de semicultivo na data de solicitude do proxecto.

Así mesmo, observarase o disposto no artigo 20 do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, nas condicións de aprobación do plan de xestión de marisqueo e nas autorizacións do departamento territorial correspondente, de ser o caso.

2. A recollida de arribazóns de algas poderá realizarse todos os días do ano; no entanto, no caso das embarcacións pesqueiras, lémbrase que, de conformidade co artigo 8, número 1.a) do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, as embarcacións deberán respectar un descanso semanal de 48 horas continuadas, incluíndo a xornada do domingo como descanso obrigatorio.

As embarcacións rexistrarán a actividade ao Plan Marlimpo na ferramenta informática indicada pola Consellería do Mar.

3. A recollida de arribazóns de algas realizarana as persoas mariscadoras ou embarcacións participantes no plan de xestión, ben que tamén se poderá complementar coa limpeza con embarcacións que empreguen un artefacto ou aparello específico para a recollida de algas ou con artes con ou sen modificacións, conforme o establecido no plan aprobado.

4. A recollida de arribazóns de algas en zonas da súa proliferación anormalmente alta que poidan afectar bancos marisqueiros non se poderá simultanear no mesmo día coa actividade pesqueira ou marisqueira.

5. No caso da recollida de arribazóns de algas en zonas de proliferación anormalmente alta que poidan afectar bancos marisqueiros, a entidade comunicará ao Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, cunha antelación mínima de dous (2) días naturais anteriores ao da realización dos traballos, a programación prevista das datas de limpeza detalladas por zonas e a relación de embarcacións e persoas mariscadoras a pé que realizarán as actuacións, utilizando o anexo VII. Cando existan circunstancias sobrevidas que xustifiquen a imposibilidade de prever a necesidade da limpeza, a comunicación terá que ser previa e indicar as causas do imprevisto, pero non se require antelación mínima.

6. Realizaranse accións de seguimento mediante o rexistro das cantidades estimadas (en quilogramos) e grupos e especies principais de algas recollidas.

Os rexistros da información realizaranse empregando os modelos que figuran na web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa), en función do tipo de recollida (zonas de proliferación anormalmente alta de algas ou non).

Artigo 10. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo 6:

a) Contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos para realizar as actuacións para a consecución dos proxectos.

b) Compensacións económicas ás persoas armadoras das embarcacións pesqueiras coa modalidade de marisqueo que corresponda e persoas mariscadoras a pé que realizan a pesca de lixo activa de conformidade co previsto no artigo 6.2.a).1º ou a recollida de acumulacións de arribazóns en zonas de proliferacións anormalmente alta de algas de conformidade co previsto no artigo 6.2.b).1º.

O número máximo de días de actividade de recollida de lixo ou algas subvencionados será a diferenza entre os días autorizados nos plans de xestión de marisqueo vixentes e a media de días de actividade extractiva do trienio 2021-2023.

Os días de actividade serán os que consten nos rexistros da Consellería do Mar.

A media de días de actividade extractiva no trienio 2021-2023 publicarase na web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa

As embarcacións pesqueiras (persoas armadoras) poden recibir unha compensación económica por día de recollida correspondente aos ingresos medios da actividade pesqueira da flota de artes menores no trienio 2021-2023, e en función da área xeográfica e arqueo. No caso das persoas mariscadoras a pé, a compensación terá en conta o nivel de ingresos medios da actividade no trienio 2021-2023, segundo a área xeográfica. As compensacións diarias figuran recollidas no anexo II.

c) Adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver os proxectos.

d) Gastos de persoal contratado especificamente para a execución das actividades do proxecto. O contrato laboral fará mención expresa ao proxecto e á súa dedicación.

Serán subvencionables en concepto de gastos de persoal:

1º. As retribucións brutas pactadas coa entidade ou establecidas en convenio colectivo. Inclúense neste concepto o salario base, os complementos de antigüidade, os complementos derivados da actividade subvencionada, as horas extraordinarias que sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade subvencionada e os complementos de residencia.

2º. A indemnización por finalización do servizo prestado.

3º. As cotizacións sociais e os impostos a cargo da persoa traballadora e a Seguridade Social a cargo da entidade. En relación cos gastos relativos ás cotizacións sociais, para o cálculo do importe elixible deberá descontarse o importe correspondente ás bonificacións ou reducións que poidan estar asociadas ao pagamento desa cotización.

No terán a consideración de gastos de persoal a percepción salarial correspondente á participación en beneficios, as prestacións en especie, as axudas de custo por viaxe, aloxamento e manutención, e o resto de percepcións extrasalariais distintas das mencionadas.

Non se computarán as situacións retribuídas en que non se presta un servizo efectivo, como son as incapacidades temporais, e, neste caso, excluirase tamén a parte proporcional das cotizacións á Seguridade Social que proceda.

e) Poderán aceptarse como gastos da operación, sen ter a consideración de custos de persoal, as axudas de custo por viaxe e manutención do persoal involucrado nas actividades obxecto de axuda, sempre que estas estean directamente relacionadas co proxecto, se identifique a actividade pola que foron xeradas e a persoa que incorreu no gasto. Estes gastos aboaranse segundo as contías máximas que se establezan para o grupo 2º no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre axudas de custo para o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia ou normativa que o substitúa.

f) Os gastos relativos ás garantías constituídas de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se exixan en virtude do artigo 152, número 1, do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

g) Custos indirectos:

Enténdense por custos indirectos aqueles que, aínda que non se poden vincular directamente coa actividade subvencionada por teren carácter estrutural, resultan necesarios para a súa realización, como gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, electricidade, teléfono, gas), mantemento, etc. Os custos indirectos deben corresponder ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Para o cálculo destes custos empregarase o método de financiamento a tipo fixo aplicando unha porcentaxe fixa do 7 % dos custos directos subvencionables, segundo o artigo 54.a) do Regulamento (UE) 2021/1060.

Os gastos da subcontratación, de ser o caso, están excluídos da base dos custos directos para o cálculo dos custos indirectos.

As categorías de custos indirectos subvencionables, que se calculan coa porcentaxe a tipo fixo, non precisan de xustificación dos custos reais.

h) Gastos de amortización dos elementos de transporte (bens inventariables) previamente adquiridos, empregados na execución do proxecto.

Só serán subvencionables os gastos de amortización durante o período subvencionado de execución do proxecto e polo número de días que se empregaron os bens. Os gastos axustaranse ás porcentaxes de amortización recollidas nas táboas oficiais dos coeficientes máximos de amortización establecidos para o imposto de sociedades.

Os gastos de amortización presentaranse desagregados, por días de emprego, e só se poderá imputar o custo de amortización de acordo co método de cálculo seguinte:

Importe amortización anual (prezo adquisición × porcentaxe de amortización anual) × número de días de emprego/número de días de emprego anual

Os gastos de amortización dos bens inventariables mencionados que sexan necesarios para a execución dos proxectos son elixibles sempre que:

1º. O ben non fose adquirido con ningún tipo de subvención, xa sexa europea, nacional, autonómica ou local. Tampouco se admitirá a amortización do custo proporcional da compra asumida pola entidade beneficiaria, no caso de que o ben fose financiado con capital propio e achegas doutras administración públicas.

2º. O importe imputado fose calculado conforme dispón a normativa contable nacional pública ou privada.

3º. Se amortice o uso durante o período subvencionable.

2. Os gastos subvencionables efectuados polo/a beneficiario/a axustaranse aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou programa de traballo.

b) Que se consignasen no orzamento estimado total da acción ou do proxecto.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables; en particular, que consten na contabilidade do/da beneficiario/a, e determinaranse de acordo coas normas contables aplicadas no país en que o/a beneficiario/a está establecido/a e de conformidade coas prácticas contables habituais do/da beneficiario/a en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e á eficiencia.

g) Que presenten a mellor relación entre o importe da axuda, as actividades emprendidas e a consecución dos obxectivos.

3. Os investimentos e gastos subvencionables para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda.

Exceptúanse os custos dos seguintes estudos técnicos, que poderán ser desde seis meses antes da data de presentación da solicitude da axuda: o informe de residuos mariños no caso da pesca activa de lixo recollida no artigo 6.2.a).1º, e o informe de técnico competente relativo á protección fronte ao cambio climático no caso de infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos.

O non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Ademais, a non realización de investimentos con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente ou contrato de traballo, no caso de gastos de persoal.

4. Para todos os gastos subvencionables incluídos na solicitude de axuda, a entidade promotora deberá solicitar e achegar unha oferta, ben que, cando o importe deste gasto supere as contías establecidas no artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o/a beneficiario/a deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben ou presten o servizo e que, polo tanto, non se presenten tres (3) ofertas de distintos provedores, o solicitante acreditará o custo razoable do gasto subvencionable mediante un informe de taxador ou perito independente.

5. A entidade beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o/a beneficiario/a para a realización, por si mesmo/a, da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentado o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido a esta, nin tampouco se poderá subcontratar a dirección, coordinación e administración do proxecto.

6. As entidades beneficiarias que pola súa natureza se encontren dentro do ámbito da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, deberán respectar as normas que na dita lei se establecen.

7. Cando a actividade subcontratada exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a entidade beneficiaria deberá solicitar, de forma previa á subscrición do contrato escrito, a autorización expresa ante o órgano competente.

8. En ningún caso a entidade beneficiaria poderá subcontratarse a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con aquelas persoas ou entidades que se encontren nas circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

9. No caso de agrupacións de persoas xurídicas (artigo 4.4), as entidades que as compoñen no poderán contratar o resto de integrantes para executar as actividades asignadas a cada unha delas no acordo de agrupación.

Artigo 11. Gastos non subvencionables

Para os efectos do disposto nesta orde, os seguintes gastos non serán subvencionables:

1. O imposto de valor engadido (IVE), agás:

a) Para as operacións cuxo custo total sexa inferior a cinco (5) millóns de euros (IVE incluído),

b) Para as operacións cuxo custo total sexa de, polo menos, cinco (5) millóns de euros (IVE incluído), cando este non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

2. Os xuros debedores e outros gastos financeiros, agás as garantías constituídas conforme o artigo 10.1.f).

3. A adquisición de terreos non edificados, terreos edificados e a compra de edificios ou locais.

4. As recargas e sancións administrativas e penais, así como os gastos dos procedementos xudiciais.

5. O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

6. A adquisición de elementos de transporte.

7. A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

8. As compras de materiais e equipos usados.

9. Os custos de manutención, desprazamento de persoas e representación, agás os recollidos no artigo 10.1.e).

10. Os custos de persoal propio da entidade beneficiaria, agás os recollidos no artigo 10.1.d).

11. Gastos de redacción de estudos técnicos, agás o informe de residuos mariños no caso da pesca activa e o informe de técnico competente relativo á protección fronte ao cambio climático no caso de infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos.

12. Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, agás o informe de residuos mariños no caso da pesca activa e o informe de técnico competente relativo á protección fronte ao cambio climático no caso de infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos.

13. Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipos. Os gastos orixinados por unha mera reposición dos anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

14. As obras non vinculadas co proxecto de investimento, vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipos de recreo e similares.

15. As contribucións en especie.

16. A contratación entre beneficiarios para levar a cabo actividades ou servizos do proxecto, e a autofacturación (facturas emitidas polo/a propio/a beneficiario/a da subvención).

17. A transferencia da propiedade dunha empresa.

18. Os gastos de relocalización de operacións, de conformidade co artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060, ou que constitúan a transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a) do dito regulamento.

19. A adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

20. A repoboación directa, a menos que estea expresamente prevista como medida de reintrodución ou outras medidas de conservación nun acto xurídico da Unión Europea, no caso de repoboación experimental.

21. A adquisición de vestiario e equipamento persoal para a pesca e o marisqueo.

22. As artes ou equipos utilizados directamente nunha operación de pesca de recursos mariños.

23. As contratacións externas con persoas físicas ou xurídicas para a dirección, coordinación e administración do proxecto.

24. As compensacións a persoas mariscadoras a pé ou armadores de embarcacións diferentes dos participantes do plan de xestión de marisqueo.

25. Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable, en particular os incluídos no artigo 13 do Regulamento (UE) 2021/1139.

Artigo 12. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto nesta orde, así como co indicado no artigo 41 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 13. Compatibilidade da axuda

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás a excepción sinalada a seguir.

Os investimentos financiados ao abeiro desta orde non se poderán subvencionar con outras axudas procedentes do FEMPA ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. As compensacións ás persoas mariscadoras previstas nos artigos 6.2.a)1º e 6.2.b)1º son incompatibles coa percepción de axudas como persoa armadora, tripulante ou mariscadora a pé para a paralización temporal da actividade pesqueira ao abeiro do establecido no artigo 21 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, así como co dereito ao cesamento de actividade de persoas traballadoras autónomas do Sistema da Seguridade Social.

3. No caso de compatibilidade, o importe da subvención concedida non poderá, en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actuación que vai desenvolver a entidade solicitante. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

4. No suposto de solicitantes ou beneficiarios que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin, concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do obxecto da subvención. En todo caso, deberán facerse constar de forma clara os conceptos de gastos afectados, así como os importes imputados a cada unha delas e as correspondentes anualidades afectadas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 14. Prazos de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 15. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). A presentación da solicitude nun formulario distinto será causa de inadmisión.

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:

a) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.

b) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.

c) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

d) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 10 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Non se encontra en ningún dos supostos do artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139, é dicir:

1º. Non cometeu infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC;

2º. Non estivo involucrado na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no artigo 33 do dito regulamento, ou

3º. Non se determinou por medio dunha resolución definitiva que cometeu fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA.

i) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

j) Que o IVE soportado é recuperable ou non polo promotor.

k) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o cal se solicita a axuda.

l) Que a operación presenta a mellor relación entre o importe da axuda, as actividades emprendidas e a consecución dos obxectivos.

m) Dispor dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, no caso de que estas impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.

n) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

ñ) No caso de investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos, cúmprese co principio de protección fronte ao cambio climático.

o) A operación non inclúe actividades que forman parte dunha operación suxeita a relocalización, de conformidade co artigo 66, ou que constitúan unha transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a, ambos os dous do Regulamento (UE) 2021/1060.

p) Os investimentos non foron iniciados, agás, de ser o caso, o informe de residuos mariños no caso da pesca activa e o informe de técnico competente relativo á protección fronte ao cambio climático.

q) Os bens inventariables para os cales se solicita a subvención dos gastos de amortización, corresponden a investimentos rexistrados na contabilidade da entidade beneficiaria e non foron adquiridos por ningún tipo de subvención, xa sexa europea, nacional, autonómica ou local.

r) Cumpre a normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade, e en materia ambiental, de ser o caso.

3. As solicitudes estarán asinadas polo/a representante legal da entidade solicitante. A presentación das solicitudes non asinadas polo/a representante legal será causa de inadmisión.

4. As entidades solicitantes realizarán unha declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade, de acordo co sinalado no anexo I bis.

5. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento (UE) 202/1139, a autorización terá validez nos cinco (5) anos posteriores á concesión da axuda.

6. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, como organismo intermedio de xestión, recollerá información sobre os titulares reais dos perceptores do financiamento da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) 2021/1060, e con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.

De conformidade co artigo 5, número 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no Rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos, e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario en que veña establecido que a información sobre titulares reais do/da beneficiario/a dos fondos se pode cumprir empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) nº 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.

Artigo 16. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo por parte da persoa asinante e se especifique o acordo polo cal se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

b) Copia dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente.

Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberán indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores.

c) Proxecto que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración conforme os criterios establecidos nos artigos 21 e 22 desta orde.

Forman parte do proxecto a memoria e o orzamento que conteña unha descrición del conforme o modelo que figura na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa. A presentación en modelo diferente será causa de inadmisión.

A memoria do proxecto deberá conter, polo menos:

1º. Datos das entidades solicitantes, e representante, de ser o caso.

2º. Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea nos tres (3) últimos anos naturais. Experiencia da entidade en proxectos relacionados coa recollida de lixo mariño nos cinco (5) últimos anos naturais, de ser o caso. Equipo que a entidade vai destinar para a xestión do proxecto, concretando quen será a persoa supervisora. Elementos que aseguran a capacidade técnica e administrativa da entidade para a realización do proxecto.

3º. Explicación das necesidades que se pretenden cubrir. Identificar o obxectivo xeral do proxecto, que debe describir que é o que o proxecto pretende conseguir. Identificar os obxectivos específicos do proxecto. Explicar quen se beneficiará directamente do proxecto, é dicir, o/os grupo/s obxectivo/s que se verán beneficiados dos resultados dos investimentos, e indicar o número de persoas pescadoras que participarán directamente no proxecto.

No caso dos investimentos recollidos no artigo 6.3.g).2º que se encontren fóra de solos urbanos o urbanizables ordenados ou sectorizados, as infraestruturas deberán estar xeorreferenciadas.

4º. Descrición das liñas de actuación e accións segundo o establecido nos números 2 e 3 do artigo 6 desta orde que se pretenden acometer en cada unha delas.

Nas actuacións indicarase:

i. Ámbito xeográfico de actuación do proxecto e zonas de traballo en que se levarán a cabo as accións de limpeza. Localización cartográfica (planos sobre mapas) e xeorreferenciación das zonas de traballo en que se realizará a limpeza, indicando as superficies destas (en km2) e a superficie total. Nas zonas de traballo identificaranse os bancos marisqueiros concretos (denominación completa) conforme se denominan no plan de xestión, de ser o caso. Características da zona.

ii. Nas actuacións de pesca de lixo activa: coñecemento probado da existencia de residuos. Xustificación de que a recollida se realiza en zonas de maior acumulación de lixo ou zonas especificamente vulnerables, conforme o informe de residuos mariños presentado. Xustificación de que non se produce unha pesada carga ambiental derivada da actividade de recollida; por exemplo, un uso excesivo de combustible para a dita recollida. Relación de embarcacións pesqueiras e/ou persoas mariscadoras a pé que realizarán a recollida de lixo mariño.

iii. Nas actuacións de recollidas de arribazóns: información das limpezas efectuadas nos últimos tres (3) anos naturais no ámbito do plan de xestión marisqueiro; en particular, grupos ou especies principais de algas, nº de días, estimación das cantidades recollidas (en quilogramos), número estimado de persoas mariscadoras que participaron na recollida, número de embarcacións participantes no plan que participaron e número doutras embarcacións. Zonas previstas de recollida. Xustificación da posible afección aos bancos marisqueiros. No caso de recollida en zonas de proliferación anormalmente alta de algas, xustificación de que non se produce unha pesada carga ambiental derivada da actividade; por exemplo, un uso excesivo de combustible para a dita recollida. Relación de embarcacións pesqueiras e/ou persoas mariscadoras a pé que realizarán a recollida.

iv. Plan de traballo en que se indiquen os procesos e as tarefas, os axentes implicados, as súas responsabilidades, os protocolos de traballo, os medios ou elementos que se van empregar, as actividades de transporte, almacenamento, manexo, clasificación, caracterización e reciclaxe, de ser o caso. Elementos de transporte que empregarán propiedade da entidade. que empregarán. Descrición do traballo que van realizar as persoas pescadoras e mariscadoras na zona de recollida e na zona de depósito. No caso da pesca de lixo activa, número de días de recollida e horario da xornada de recollida polas embarcacións ou persoas mariscadoras a pé. No caso da limpeza de algas, número de días de recollida e estimación das horas de traballo polas embarcacións ou persoas mariscadoras a pé. Planos da zona de depósito onde se efectuará o almacenamento temporal de residuos ou argazos. Descrición do destino final do recollido e como se realizará a xestión de residuos. Descrición dos permisos necesarios en actividades concretas, de ser o caso.

No caso da recollida con artefacto específico, xustificarase a súa elección en función das características e condicións da zona de traballo e da ausencia de impacto negativo no hábitat. Incluirase plano ou esbozo.

v. Descrición das entidades colaboradoras que prestarán apoio no proxecto e concreción deste. Considerase entidade colaboradora a que apoia o proxecto realizando achegas non monetarias a este (por exemplo, cesión de espazos, materiais ou servizos) sempre que se poña de manifesto por escrito.

vi. Accións de divulgación, sensibilización e formación en materia de loita contra o lixo mariño, co obxecto de fomentar a prevención e a redución do lixo e promover o papel do sector pesqueiro na dita loita, que inclúa obxectivos, contidos, metodoloxía, programación, etc.

5º. Plan de comunicación. Descrición das accións de comunicación, información e publicidade do proxecto.

O plan de comunicación consistirá en actuacións de comunicación e publicidade; entre outras, desenvolvemento dunha epígrafe explicativa do proxecto na páxina web da entidade, estratexia de difusión en redes sociais, difusión en medios de comunicación, organización e participación de actos públicos e elaboración dunha memoria ou un resumo executivo ao remate do proxecto.

6º. Calendario de realización das accións previstas.

7º. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. No caso de incluír decimais, só se poderán empregar dous.

O orzamento da memoria deberá estruturarse en conceptos detallados e coincidentes cos orzamentos ou facturas pro forma recollidos no artigo 10.4 e número 1.d) deste artigo.

De ser o caso, incluirase a relación de ofertas solicitadas e elixidas.

O cadro que consigne os datos relativos aos gastos de amortización dos elementos de transporte conterá a seguinte información:

i. Valor de adquisición do elemento e valor.

ii. Data de entrada en funcionamento. No caso de diferir da data de factura de compra, xustificarase debidamente.

iii. Data de remate da vida útil do elemento.

iv. Porcentaxe de amortización aplicada, dentro de los límites establecidos nas táboas oficiais de coeficientes máximos de amortización establecidos para o imposto de sociedades, e conforme o dato que figure rexistrado na contabilidade da entidade.

v. Cantidade anual amortizable.

vi. Número de días imputados á operación.

vii. Número de días de emprego anual.

viii. Custo total imputado en concepto de amortización.

8º. Información relativa aos indicadores conforme o previsto nos Criterios de selección de operacións do programa FEMPA 2021-207 para España:

CR10-número de intervencións que contribúen ao bo estado ambiental, en particular de recuperación e conservación da natureza, protección de ecosistemas, biodiversidade, saúde e benestar animal.

9º. Estudo económico-financeiro externo acreditativo da viabilidade económica do proxecto ou resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade, que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa

d) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, contratos, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipos ou sistemas que os integran. Na presentación de ofertas terase en conta o disposto no artigo 10.4.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe unitario por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados. Non se admitirán conceptos de orzamentos sen desagregar, tales como «outros», «imprevistos» ou similares.

As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para seren comparables.

Non é preciso a presentación de orzamentos no caso dos gastos de amortización e das compensacións ás persoas pescadoras e mariscadoras pola da pesca de lixo activa ou a recollida de arribazóns en zonas de proliferación anormalmente alta de algas.

No caso de ter que presentar tres (3) ofertas, a elección entre elas achegarase coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e xustificarase expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

e) As facturas de adquisición dos elementos de transporte ou equipos para o movemento de cargas a nome da entidade, no caso de solicitar gastos de amortización.

f) Documento da entidade colaboradora, que inclúa as actuacións que apoiará no proxecto, conforme o previsto na memoria.

g) Declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade, conforme o anexo I bis.

h) Informe de técnico competente que garanta a protección fronte ao cambio climático dos investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos, de ser o caso.

i) Informe de residuos mariños que xustifique que se trata dunha zona de maior acumulación de residuos mariños ou zonas especificamente vulnerables con presenza de lixo, no caso da pesca activa recollida no artigo 6.2.a).1º, de ser o caso.

j) Calquera outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

2. No caso da pesca de lixo activa ou recollida de arribazóns en zonas de proliferación anormalmente alta de algas, declaración responsable de cada unha das persoas armadoras das embarcacións pesqueiras e das persoas mariscadoras a pé conforme non se encontran en ningún dos supostos establecidos nos números 1 e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, de acordo co anexo III-A ou anexo III-B, segundo corresponda.

3. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a) e b) do número 1 por cada un dos solicitantes, e engadirase:

1º. Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

2º. A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

3º. Declaración responsable de cada unha das entidades, de acordo co anexo IV.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante e/ou da entidade representante.

b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f) Concesións doutras subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 18. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 17 desta orde, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirirlle á entidade solicitante que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 19. Órganos de xestión e resolución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, que realizará, de oficio, cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, incluíndo a viabilidade técnica e económica do proxecto.

2. Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, e non se procederá, polo tanto, á súa valoración.

3. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

4. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 20. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos artigos 21 e 22. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguinte membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal das xefaturas territoriais.

Unha das persoas vogais da Comisión actuará como secretario/a.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (artigos 14 a 22).

4. As persoas involucradas nas fases vinculadas á avaliación e selección asinarán unha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) co fin de garantir a súa independencia.

5. A Comisión de Avaliación:

a) Poderá propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.

b) Poderá establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable para investimentos substancialmente idénticos, independentemente do importe solicitado.

c) Poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica ou á súa necesidade. A limitación poderá realizarse con base nos resultados de proxectos anteriores de recollida de lixo desenvolvidos pola entidade no marco do FEMP.

Artigo 21. Criterio de selección xeral

1. Inicialmente comprobarase o criterio de selección xeral, é dicir, que as operacións van dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa do FEMPA para España. Para isto valoraranse os seguintes subcriterios, clasificando os proxectos en aptos ou non aptos:

a) Contribución do proxecto á Estratexia, de acordo coas liñas descritas no número 1 do programa FEMPA, ao DAFO da prioridade 1 do programa e ao tipo de actividade (puntuación ata 6 puntos: DAFO de 0 a 2 puntos; Estratexia de 0 a 2 puntos; tipo de actividade de 0 a 2 puntos).

Deberá obterse, como mínimo, 1 punto en cada subcriterio, polo que a puntuación total mínima será de 3 puntos e a máxima de 6 puntos.

b) Contribución aos indicadores de resultados (puntuación ata 2 puntos). Neste subcriterio non se poderá ter unha puntuación de 0.

c) Contribución a plans e programas: adecuación do proxecto a plans, políticas ou compromisos nacionais ou internacionais, así como a programas autonómicos ou rexionais (puntuación máxima de 2 puntos). Neste subcriterio non se poderá ter unha puntuación de 0.

Valorarse a contribución á:

i. Comunicación sobre o novo enfoque da economía azul sustentable da UE Transformar a economía azul da UE para un futuro sustentable (0-1 punto).

ii. Estratexia española de economía circular (0-1 punto).

2. O criterio de selección xeral, unha vez valorados conxuntamente todos os subcriterios, terá unha puntuación máxima de 10 puntos e a mínima superior a 4 puntos.

Os proxectos que non acaden unha puntuación mínima superior a 4 puntos neste criterio serán non aptos, e quedarán excluídos para obteren financiamento a través desta orde de axudas, e non se procederá, polo tanto, á súa valoración específica.

Artigo 22. Criterios de selección horizontais e específicos

1. Unha vez aplicado o criterio xeral, a Comisión valorará de novo os proxectos segundo os criterios seguintes, excepto que exista crédito suficiente na convocatoria para atender todos os gastos subvencionables dos proxectos:

a) Criterios de selección horizontais, que suporán unha puntuación máxima de 4 puntos. Estes criterios inclúen os seguintes elementos:

1º. Aspectos ambientais, incluída a mitigación do cambio climático (0-2 puntos).

Esta epígrafe valorarase, en todo caso, cun máximo de 2 puntos. Os aspectos que se valorarán serán os seguintes:

i. Relación coas estratexias mariñas e contribución ao bo estado ambiental dos ecosistemas acuáticos (0-1 punto).

ii. Medidas que promovan a economía circular (0-1 punto).

2º. Aspectos sociais (0-2 puntos), que inclúe:

i. Interese colectivo do proxecto (0-1 punto).

ii. Desenvolvemento de accións formativas e adquisición de novas competencias (0-1 punto).

b) Criterios específicos de viabilidade técnica (0-6 puntos), que inclúen:

1º. Concreción dos obxectivos do proxecto (0-1 punto).

2º. Relevancia e necesidade do proxecto (0-2 puntos).

3º. Calidade, detalle e coherencia da memoria do proxecto, orzamento e cronograma (0-3 puntos).

c) Criterio específico do tipo de actividade (0-3 puntos), no cal se valora o seguinte aspecto:

Afectación do proxecto á pesca costeira artesanal (0-3 puntos).

2. Ponderación da valoración conxunta: os criterios de selección xerais, os horizontais, os específicos de viabilidade técnica e os específicos do tipo de actividade terán, respectivamente, o 30 %, 20 %, 20 % e 30 % do peso total da valoración.

Fórmula para o cálculo do valor da puntuación dos criterios:

Criterio selección xeral:

Vsx = (Po sx/ Pmáx sx) × 30

Criterios de selección horizontais (ambientais e sociais):

Vsh = (Po sh/ Pmáx sh) × 20

Criterios de selección específicos de viabilidade técnica:

Vsvt = (Po svt/ Pmáx svt) × 20

Criterios de selección específicos do tipo de actividade:

Vsta= (Po sta/ Pmáx sta) × 30

Onde,

Vsx, sh, svt e sta é o valor dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Po sx, sh, svt e sta é a puntuación obtida da operación subvencionable dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Pmáx sx, sh, svt e sta é a puntuación máxima dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Para ter en conta a ponderación, os criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade e específicos do tipo de actividade multiplícanse, respectivamente, por 30, 20, 20 e 30.

3. A prelación das solicitudes determinarase pola suma da puntuación acadada polo criterio xeral, criterios horizontais e específicos.

No caso de empate na avaliación, a Comisión aplicará como criterio de desempate o valor das puntuacións outorgadas e, por esa orde, aos valores dos criterios de seleccións horizontais (1º e 2º); de persistir o empate e na mesma orde, o valor dos criterios de selección específicos de viabilidade técnica (1º, 2º e 3º) e, por último, o valor do criterio de selección específico por tipo de actividade.

Artigo 23. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, a persoa presidenta da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará de xeito individualizado as entidades beneficiarias, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

No caso de que exista crédito suficiente na orde para atender todas as solicitudes da convocatoria, non será necesario realizar a valoración dos criterios de selección horizontais e específicos recollidos no artigo 22.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola Comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

3. De non se esgotar o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o punto 2.

Artigo 24. Resolución

1. Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola cal se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de catro (4) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no exercicio orzamentario 2024. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 25. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou o rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo V. De non o faceren, entenderase tacitamente aceptada.

A aceptación da axuda, sexa de forma tácita ou expresa, implicará:

a) A autorización da inclusión da operación subvencionada na lista de operacións seleccionadas para recibir axudas do FEMPA, consonte o sinalado no artigo 49, números 3 e 5, do Regulamento (UE) 2021/1060.

b) A autorización á UE para o uso de materiais de comunicación e visibilidade, previa solicitude, e a posibilidade de utilizalos sen que supoña carga administrativa ou custos adicionais significativos para os beneficiarios nin para os órganos xestores.

Artigo 26. Recursos

As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde, porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Artigo 27. Modificación da resolución e prórrogas

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do/da interesado/a, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

3. A execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordado na resolución de concesión. Con todo, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensacións dos importes duns conceptos cos doutros, ata un 15 % do investimento.

No caso de que exista un cambio de provedor, deberá se comunicado polo promotor expoñendo, de forma razoada, as causas e consecuencias del.

4. As modificacións deberán ser solicitadas polo/a beneficiario/a, por escrito, con anterioridade á súa realización, e a data límite para a solicitude será dun mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación. O servizo xestor da medida, logo das comprobacións pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución ao órgano concedente.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á perda de dereito á axuda concedida.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. No suposto de que o/a beneficiario/a considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar unha prórroga presentando unha memoria onde se indique a situación actual do proxecto, o grao de realización da actividade subvencionada, as causas do atraso na execución e o novo cronograma de actuación.

No caso de que a prórroga sexa aprobada, non poderá exceder a metade do tempo inicialmente concedido. Para o cómputo do prazo de execución, terase por data de inicio da execución a data de solicitude.

7. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

Artigo 28. Xustificación

1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos deberán executarse e xustificarse, como data límite, o 15 de novembro de cada ano.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar solicitude conforme o anexo VI e a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, e dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

1º. Informe da entidade beneficiaria, no cal se describan a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, e se acredite o cumprimento das obrigas de publicidade, asinado polo representante legal. A información presentarase diferenciada por liña de actuación.

Para elaborar o informe cubrirase o modelo que figura na páxina web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa

No caso de pesca de lixo e recollida de arribazóns de algas, o informe incluirá, entre outra, a seguinte información:

i. Reportaxe fotográfica ou vídeos dos traballos e zonas de recollida.

ii. Zonas de recollida (incluíndo localización, coordenadas e superficie das áreas e do total) e caracterización xeral; datas das limpezas; relación e número de embarcacións ou persoas participantes, por data, no caso da pesca activa e da recollida de arribazóns en zonas de proliferación anormalmente alta de algas; nº de embarcacións ou persoas mariscadoras participantes, por data, no caso da pesca pasiva e recollida de arribazóns en zonas que non sexan de proliferación anormal; cantidade (en quilogramos) de residuos retirados por categorías de lixo no caso da pesca activa; cantidade total (en quilogramos) de residuos retirados ou cantidade por categoría de lixo no caso da pesca pasiva, en función do establecido no proxecto, e estimación da cantidade total (en quilogramos) de algas retiradas e grupos e especies principais.

As categorías de residuos mariños corresponderanse coas establecidas nos rexistros de información recollidos no artigo 8.3.

iii. Descrición dos protocolos de traballo das actividades de recollida, clasificación, transporte, almacenamento, caracterización e reciclaxe (de ser o caso). Descrición da xestión e destino final.

iv. No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no programa FEMPA.

2º. Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE, asinada polo/a representante legal, que incluirá, polo menos, concepto facturado e empresa que factura, número de factura, data da factura, data de pagamento e importe xustificado subvencionable.

No caso de adquisición de equipamento, a relación incluirá a marca, o modelo e o número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. A factura correspondente deberá identificar estes datos. Incluirase reportaxe fotográfica dos equipos e acreditarase o cumprimento das obrigas de publicidade.

No caso da pesca de lixo activa e da recollida de arribazóns en zonas de proliferación anormalmente alta de algas, a relación de custos incluirá, para cada día de realización da actividade, a data concreta, a zona de recollida, o nº de embarcacións ou persoas mariscadoras participantes segundo os participantes do proxecto e o importe global da compensación/día.

No caso dos gastos de amortización dos elementos de transporte, indicarase o número de días imputados á operación.

3º. No caso da pesca de lixo activa e da recollida de arribazóns en zonas de proliferación anormalmente alta de algas, certificado da entidade beneficiaria en que se identifiquen, para cada data de recollida, os participantes (embarcacións e persoas armadoras, ou persoas mariscadoras a pé), a zona de recollida. Na pesca de lixo activa, o certificado tamén indicará o tempo empregado nos traballos por participante.

No caso da pesca de lixo activa, xuntaranse os rexistros individuais asinados polos participantes nos labores de recollida, cantidades (en quilogramos), tipoloxía, tempo empregado, etc. Cubriranse os modelos de rexistro por tipoloxía de actuación que figuran na páxina web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa

No caso da recollida de arribazóns en zonas de proliferación anormalmente alta de algas, xuntaranse os rexistros temporais das limpezas, asinados pola persoa supervisora, en que se identifiquen estimación de cantidades (en quilogramos), grupos e especies principais, tempo empregado, etc. Cubriranse os modelos de rexistro que figuran na páxina web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa

4º. Na xustificación da realización de estudos, guías, folletos, etc., o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigas de publicidade.

No caso de realización de accións formativas ou de aprendizaxe, presentarase unha relación destas. Para cada acción achegaranse unha copia do programa, un informe final sobre o desenvolvemento da acción, a listaxe de asistentes e as evidencias de participación destes (sinaturas, fotografías, notas de prensa, etc.). A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigas de publicidade.

5º. Facturas correspondentes aos custos que correspondan, sinalados na relación do parágrafo primeiro do punto 2º deste artigo, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

No caso de facturas de xestión de residuos ou algas, identificaranse as datas e as cantidades sometidas a tratamento, de ser o caso.

6º. No caso de que a persoa beneficiaria teña a condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará toda a documentación relacionada co proceso de contratación, que deberá incluír a identificación do contratista, é dicir, o nome e os apelidos, a data ou datas de nacemento e o número ou números de identificación para efectos do IVE, ou o número ou números de identificación fiscal, e os contratos (data do contrato, nome, referencia e importe do contrato).

Así mesmo, no caso de contratos de valor total superior a 50.000 €, se o contratista recorre a subcontratistas, deberá achegar a seguinte información dos subcontratos correspondentes ao primeiro nivel de subcontratación: nome e número de identificación fiscal ou de identificación para efectos do IVE e a información sobre os subcontratos (data do contrato, nome, referencia e importe do contrato).

7º. Xustificante bancario (transferencia bancaria ou certificación bancaria) no cal consten o número da factura obxecto de pagamento, o/a titular da conta desde a cal se realiza a operación, que deberá coincidir co/coa beneficiario/a da axuda, e a identificación do/da destinatario/a do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.

No caso de compensacións, as persoas armadoras ou persoas mariscadoras, xustificante bancario (transferencia bancaria ou certificación bancaria), no cal consten o obxecto de pagamento, o/a titular da conta desde a cal se realiza a operación, que deberá coincidir co/coa beneficiario/a da axuda, e a identificación do/da destinatario/a do pagamento, que deberá coincidir cos participantes do proxecto que figuren no certificado establecido no punto 3º desta alínea a).

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda, salvo os informes técnicos, e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto no número 1 deste artigo.

8º. No caso de gastos de persoal contratado exclusivamente para o desenvolvemento do proxecto:

i. Contrato de traballo asinado pola persoa traballadora e a entidade, que fará mención expresa ao proxecto para o cal se efectuou a contratación.

ii. Nóminas.

iii. Documentos xustificativos de cotización á Seguridade Social e declaración e liquidación de IRPF coa xustificación do seu pagamento.

iv. Folla de gastos coa acreditación dos pagamentos correspondentes a axudas de custo por viaxe e manutención, indicando data, horario, itinerario, quilómetros, persoa e motivo do desprazamento.

Dentro dos gastos de persoal, as obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivas na data límite de xustificación poderán xustificarse no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

9º. No caso de proxectos que requiran da realización de obra, para acreditar o requisito establecido no artigo 7.7.b), deberanse achegar os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización conseguido.

10º. Unha declaración responsable, asinada polo/a representante legal da entidade, dos custos indirectos asumidos no período en que se realiza a actividade e que foron necesarios para levala a cabo, detallando os conceptos e os importes destinados a cada un deles.

b) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión no cal se recolla a ratificación dos compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

c) No caso de se opor á súa consulta polo órgano xestor, certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

d) De ser o caso, autorizacións ou permisos para o tipo de actividade que se trate. Os beneficiarios deberán estar en posesión das autorizacións ou permisos no momento do pagamento final da axuda, nos casos en que sexan necesarios para a execución do proxecto.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o/a beneficiario/a presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario/a, incluída no anexo VI.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase o/a beneficiario/a para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Pagamento e pagamentos parciais

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao/á beneficiario/a e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.

2. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións subvencionadas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención.

Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 31.

3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o/a solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado/a ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

No suposto de que o custo definitivo real do investimento for inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, esta minorarase proporcionalmente, aplicando a porcentaxe da axuda deducida, sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.

No caso de que o custo definitivo real dos gastos directos for inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda de custos indirectos, minorarase o pagamento da axuda na mesma proporción.

Artigo 30. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 31.

Artigo 31. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo co artigo 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, e deberá acadar, como mínimo, ata os dous (2) meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto.

Artigo 32. Reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

b) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Non lle comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas, no caso de que sexan incompatibles. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

d) Non lle comunicar ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, agás o establecido no artigo 27.

4. O órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se a xustificación for inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que o executado non cumpra a finalidade para a cal se concedeu a subvención, procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda.

b) Suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados co Fondo, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade.

c) O incumprimento do/da beneficiario/a das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente do Fondo, recollidas nos artigos 47 e 50.1 e 2 do Regulamento (UE) 2021/1060, sen adoptar medidas correctoras, suporá un reintegro de ata un máximo do 3 % da subvención.

d) O incumprimento da obriga, relativa a comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, de acordo co artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 35. Publicidade

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade, a través da páxina web da Consellería do Mar (https://www.xunta.gal/mar), a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberanse transmitir á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 36. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 37. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 38. Pluralidade de persoas solicitantes

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá constar na solicitude a listaxe completa de persoas interesadas que a formulan segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Artigo 39. Loita contra a fraude

1. A Consellería do Mar considera a loita contra a fraude, o conflito de intereses e o dobre financiamento un elemento clave na xestión dos fondos co fin de protexer os intereses financeiros da Unión Europea.

En consecuencia, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, como organismo intermedio de xestión do FEMPA, asume unha política de tolerancia cero adoptando medidas de prevención, detección, corrección e persecución da fraude e aprobando unha declaración institucional o 27 de xaneiro de 2023.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Comisión de Avaliación

A creación da Comisión de Avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Frota de caladoiro nacional artes menores

Compensacións diarias (€)

Zona

0-4,99 GT

5-9,99 GT

10-15 GT

Zona I-Vigo

291,52

513,91

725,39

Zona II-Pontevedra

322,12

502,58

548,88

Zona III-Arousa

222,57

598,58

687,42

Zona IV-Muros

301,47

574,08

1.152,55

Zona V-Fisterra

409,76

499,86

639,43

Zona VI-Costa da Morte

320,26

855,42

967,47

Zona VII-A Coruña-Ferrol

280,87

551,36

858,30

Zona VIII-Cedeira

366,04

571,02

673,01

Zona IX-A Mariña

455,20

557,46

776,47

Persoas mariscadoras a pé de marisqueo xeral

Zona

Compensacións diarias (€)

Zona I-Vigo

99,60

Zona II-Pontevedra

128,47

Zona III-Arousa

93,44

Zona IV-Muros

140,55

Zona V-Fisterra

108,01

Zona VI-Costa da Morte

143,77

Zona VII-A Coruña-Ferrol

90,32

Zona VIII-Cedeira

72,37

Zona IX-A Mariña

150,13

Persoas mariscadoras a pé-recursos específicos

Zona

Compensacións diarias (€)

Zona I-Vigo

159,02

Zona II-Pontevedra

40,41

Zona III-Arousa

55,23

Zona IV-Muros

104,36

Zona V-Fisterra

87,40

Zona VI-Costa da Morte

109,27

Zona VII-A Coruña-Ferrol

101,42

Zona VIII-Cedeira

109,49

Zona IX-A Mariña

143,72

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file