DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 9 de setembro de 2024 Páx. 49826

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 26 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de infraestruturas de almacenamento enerxético, que favorezan a electrificación da demanda de enerxía para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN425A).

BDNS (Identif.): 783976.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das presentes subvencións:

a) As empresas legalmente constituídas, as asociacións de empresarios e os autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, ás actividades recollidas neste punto e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Segundo. Obxecto

Concesión de subvencións para a realización de proxectos de infraestruturas de almacenamento enerxético que favorezan a electrificación da demanda de enerxía, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 26 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de infraestruturas de almacenamento enerxético, que favorezan a electrificación da demanda de enerxía para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN425A).

Cuarto. Contía

1. A intensidade da axuda, segundo o tipo de beneficiario e a tipoloxía de proxecto, será a seguinte:

Beneficiario

Tipoloxía de proxecto (segundo art. 7)

Proxectos de almacenamento enerxético relacionados coa infraestrutura de recarga de alta potencia (> 100 kW) para vehículos eléctricos

(%)

Resto de proxectos considerados

(%)

Gran empresa

20 %

30 %

Mediana empresa

40 %

40 %

Pequena empresa

50 %

50 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 500.000 €.

3. A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 1.000.000,00 de euros.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso a aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia