DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 30 de agosto de 2024 Páx. 48717

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

DECRETO 176/2024, do 8 de xullo, de creación do Centro Integrado de Formación Profesional de Cantería de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 138/2024, do 20 de maio, lle atribúe á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, no seu artigo 79.6, establece que se impulsará a especialización dos centros de formación profesional, a creación de centros integrados e a xeración de redes de especialización intelixente entre eles.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos que deben reunir os centros integrados de formación profesional (CIFP), concibe estes centros como un instrumento para asegurar unha nova oferta integrada que capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e sirva de recurso formativo permanente á poboación adulta para mellorar as súas condicións de empregabilidade.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, que regula os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece como accións formativas que se inclúen nestes centros as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral das persoas traballadoras e as dirixidas á formación permanente da poboación traballadora ocupada. En canto á forma de creación dos CIFP, o devandito decreto sinala no seu artigo 3 que poderán ser de nova creación ou proceder da transformación de centros xa existentes.

Mediante o Decreto 119/2023, do 20 de xullo, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu o traspaso das funcións, servizos e recursos persoais e materiais da Escola de Canteiros de Poio, así como os bens, dereitos e obrigas dimanantes do traspaso. Así mesmo, o decreto de transferencia sinala que o seu obxecto é a transformación da devandita escola nun centro público docente dependente da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, coa adecuación da súa organización e da oferta de ensinanzas ao establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional e demais normas vixentes na materia.

O traspaso do centro fíxose efectivo desde o día 1 de setembro de 2023, integrándose entre os centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e iniciando o seu funcionamento de forma provisional como Centro Público Escola de Canteiros de Poio; situación de excepcionalidade que debe rematar coa súa transformación nun CIFP, que se integrará na Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia.

Ademais, o centro completa a súa oferta formativa a través da incorporación de ciclos, modalidades de impartición, da formación a persoas desempregadas e o establecemento de sistemas de acreditación de competencias profesionais, contribuíndo de forma clave a fomentar a actividade emprendedora dentro dos niveis non universitarios do sistema educativo galego, así como á inserción e orientación laboral para o progreso nos distintos itinerarios formativos e profesionais.

Os CIFP da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro, serán ademais autorizados pola consellería competente en materia de educación e a consellería competente en materia de traballo, logo de ditame do Consello Galego de Formación Profesional.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día oito de xullo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación do Centro Integrado de Formación Profesional

Créase o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Cantería de Galicia, do Concello de Poio (Pontevedra), incorporándose á Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, pola transformación do centro traspasado á Comunidade Autónoma de Galicia e asumido polo Decreto 119/2023, do 20 de xullo.

Artigo 2. Autorización de ensinanzas

1. A oferta formativa do CIFP de Cantería de Galicia comprenderá as seguintes ensinanzas:

Da familia profesional Edificación e obra civil.

– Ciclo básico de Reforma e mantemento de edificios.

– Ciclo medio de Construción.

– Ciclo superior de Proxectos de edificación.

Da familia profesional Industrias extractivas, o Ciclo medio de Pedra natural-especialidade en cantería.

2. Mediante orde da consellería competente en materia de educación establecerase a composición do centro, así como modificar a oferta formativa contida no número anterior.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de educación para ditar, no ámbito das súas competencias, os actos necesarios para a aplicación e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Eficacia

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xullo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional