DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Xoves, 29 de agosto de 2024 Páx. 48601

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2024 de nomeamento dun novo membro do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia.

A presidenta do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia comunicou o día 7.8.2024 a proposta de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

1. Mediante a Resolución do 17 de decembro de 2021, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 31 de decembro, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G) e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

2. A presidenta do dito comité propón como nova membro do CEIm-G a Concepción Vilas Fernández, traballadora social da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

O número 7 do artigo 5 dispón que «o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a».

Acerca da composición numérica, en concreto, o número 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións». Coa proposta de nomeamento dun novo membro, o comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 20.8.2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Nomear a Concepción Vilas Fernández como nova membro do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G).

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade