DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 28 de agosto de 2024 Páx. 48488

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de diversas categorías de facultativo/a especialista de área no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), modificada pola Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG núm. 86, do 5 de maio), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Na base 3.4 da resolución de bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente establécese que as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.

Na súa base 7.1 disponse que, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación, o/a concursante poderá modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de prazas efectuada.

Mediante a Resolución do 10 de xuño de 2024 (DOG núm. 116, do 17 de xuño) publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024.

Para a categoría de facultativo/a especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, e conforme a Resolución do 11 de xaneiro de 2024, desta dirección xeral, pola que se publica o acordo da Mesa Sectorial sobre os prazos de execución do concurso de traslados aberto e permanente do persoal facultativo/a especialista de área desas categorías (DOG núm. 15, do 22 de xaneiro), a aprobación da relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as adiouse ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación, o cal se fixou para estas especialidades no 5 de xullo de 2024.

Mediante a Resolución do 10 de xuño de 2024 aprobouse tamén a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para as 5 especialidades mencionadas no parágrafo anterior, e os/as participantes puideron seleccionar os destinos ofertados e realizar as modificacións na orde de prelación.

Finalizado o citado prazo excepcional de presentación de solicitudes do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 para a categoría de facultativo/a especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario para a categoría de facultativo/a especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.

As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as en cada unha das categorías están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

De conformidade coa base oitava da Resolución das bases do 20 de novembro de 2017, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á cal se dirixise a solicitude de participación no concurso.

As persoas que, tendo presentado debidamente a súa solicitude de participación para este ciclo, non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e os destinos provisionalmente asignados.

As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado, non emenden os defectos motivo da exclusión serán definitivamente excluídas da participación neste ciclo.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos