DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 23 de agosto de 2024 Páx. 47730

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 14 de agosto de 2024 pola que se amplía o crédito da Orde do 24 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables, a través da realización de actividades de animación sociodeportiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento DE402B).

A través da Orde do 24 de maio de 2024, publicada no DOG núm. 107, do 4 de xuño, establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento do plan corresponsables a través de actividades de animación sociodeportiva. Os obxectivos esenciais desta convocatoria son dar cumprimento ao Plan Corresponsables e, ademais, actuar directamente con programas e accións que incidan directamente na promoción da igualdade entre mulleres e homes fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación das familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos, inclusive.

No seu artigo 1.3 establécese que para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2024, crédito por importe total dun millón trescentos mil euros (1.300.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.441A.481.0, código de proxecto 2021 00175.

A devandita orde establece no artigo 1.4 que ese crédito se poderá incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

O 11 de xullo de 2024 asinouse unha addenda ao Acordo de colaboración do 4 de maio de 2023 entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Política Social e Igualdade para desenvolver medidas previstas no Plan Corresponsables, en virtude da cal se modifica a cláusula terceira do acordo, ampliando en catro centos mil euros (400.000 €) o importe que vai achegar a Consellería de Política Social e Igualdade, con cargo á aplicación orzamentaria 38.07.312G.460.1 (código de proxecto 2021 00175), dos orzamentos da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para o ano 2024, destinados a desenvolver as actuacións previstas no marco do Plan Corresponsables.

Esta achega instruméntase como unha ampliación de crédito na aplicación financiadora da citada Orde do 24 de maio de 2024, polo que entra nos supostos previstos no artigo 1.4 da convocatoria, en relación co artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do crédito orzamentario

Modifícase o artigo 1.3 da parte dispositiva da Orde do 24 de maio de 2024, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, no referente ao crédito orzamentario destinado á dita convocatoria, que se incrementa en 400.000 €, de maneira que o crédito total destinado ao seu financiamento pasa a ser 1.700.000 €.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes