DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 13 de agosto de 2024 Páx. 46453

I. Disposicións xerais

Parlamento de Galicia

ACORDO do 30 de xullo de 2024, da Mesa do Parlamento de Galicia, polo que se modifica o Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

Exposición de motivos:

O Estatuto de autonomía de Galicia prevé no seu artigo 53, ordinal 2º, que unha lei aprobada polo Parlamento regule a institución do Consello de Contas para asegurar a rendición das contas da Comunidade Autónoma, que deberán someterse á aprobación do Parlamento. No exercicio das competencias previstas no artigo 152 da Constitución e no artigo 10 do Estatuto de autonomía de Galicia, o Parlamento aprobou a Lei 6/1985, do 25 de xuño, do Consello de Contas, e configurou no seu artigo 1º o Consello como un órgano dependente directamente do Parlamento e asesor deste. Ante as dúbidas xurdidas acerca do ámbito de actuación do Consello de Contas e a pesar da dicción literal do artigo 2 da súa lei reguladora, que ao describir o ámbito de actuación establece unha serie de entes entre os que, loxicamente, non se encontra o Parlamento, cómpre modificar aquelas normas de carácter infralegal que poidan dan lugar a unha incorrecta interpretación do bloque da constitucionalidade que resulta de aplicación nesta materia e así ordenar a actuación do Consello cara ao seu fin institucional: a fiscalización das políticas públicas das administracións activas en Galicia. Esta regulación reforza o rol instrumental do órgano dependente da Cámara na liña da normativa vixente noutras comunidades autónomas onde existe ese ente de control externo (como Cataluña, País Vasco, Baleares, Aragón ou Asturias) e tamén na das Cortes Xerais e o seu órgano dependente, o Tribunal de Contas.

O control externo do Parlamento de Galicia está garantido con plenitude polas previsións dos artigos 153.d) e 136 da Constitución.

Por todo o antedito, conforme o disposto no artigo 30.1.2ª do Regulamento da Cámara e o artigo 3 do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia, a Mesa, na súa reunión do 30 de xullo de 2024, e de acordo coa Xunta de Portavoces,

DISPÓN:

Artigo único. Modificación do Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo

Derrógase a alínea 3 do artigo 23 do Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas todas as disposicións regulamentarias dos órganos de goberno da Cámara contrarias ao disposto neste acordo da Mesa do Parlamento de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta disposición regulamentaria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

María Elena Candia López
Vicepresidenta 1ª