DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 13 de agosto de 2024 Páx. 46671

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2024 pola que se aproba unha modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria e se lle dá publicidade.

Mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 12 de xullo de 2019 (DOG do 24 de xullo) aprobouse unha modificación do prego de condicións da IXP Barbanza e Iria. Algún tempo despois, foron chegando á Axencia Galega da Calidade Alimentaria algunhas solicitudes de modificación puntual do dito prego, presentadas por persoas interesadas.

Para o estudo das posibles modificacións que incorporar, a Axencia convocou, para o pasado día 2.7.2024, unha reunión con todas as adegas elaboradoras de viño desta indicación xeográfica. Nesa reunión debatéronse estes cambios e, como resultado dela, elaborouse unha nova versión do prego de condicións.

O artigo 24 do Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, clasifica as modificacións dos pregos de condicións en dúas categorías, modificacións «da Unión» e modificacións «normais», e o dito regulamento e a restante normativa europea de aplicación, a que logo nos referiremos, establecen un procedemento de tramitación diferente segundo que a modificación responda a un ou a o outro tipo. Así, as modificacións da Unión ten que aprobalas a Comisión Europea e deben someterse previamente a un procedemento que inclúe unha fase de publicidade e a apertura dun período para a presentación de oposicións, primeiro no Estado membro e despois no territorio do resto da Unión, mentres que as modificacións normais -que son modificacións de menor relevancia– se tramitan cun procedemento máis simplificado e ten que aprobalas a autoridade competente do Estado membro, que despois debe comunicalas á Comisión.

As modificacións que se pretende introducir no prego de condicións da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria, que describiremos máis adiante, responden todas elas á consideración de modificacións normais, xa que non supoñen un cambio no nome da denominación ou no seu uso, nin afectan a categoría dos produtos designados por ela, nin existe risco de anular o vínculo do produto co territorio, e tampouco implican restricións ao comercio, que son os aspectos cuxa modificación requiriría a súa aprobación pola Comisión Europea, conforme se indica no punto 3 do citado artigo 24 do Regulamento (UE) núm. 2024/1143.

O procedemento para as modificacións normais dos pregos de condicións das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas recóllese actualmente, ademais de no citado artigo 24 do Regulamento (UE) nº 2024/1143, no artigo 17 do Regulamento delegado (UE) nº 2019/33 da Comisión, e no artigo 10 do Regulamento de execución (UE) nº 2019/34, ambos os regulamentos do 17 de outubro. Estes dous regulamentos desenvolven o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e son de aplicación mentres non se aproben os regulamentos que han desenvolver o citado Regulamento (UE) nº 2024/1143. Segundo o indicado no punto 1 do dito artigo 17 do Regulamento delegado (UE) nº 2019/33 da Comisión, ao ser unha modificación cualificada como normal, non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

As modificacións que se van introducir descríbense a continuación. Por unha parte, inclúese unha nova variedade na lista das admitidas na elaboración dos viños Barbanza e Iria, en concreto, a variedade branca Ratiño galega, unha vez que os estudos realizados serviron para acreditar que se trata dunha variedade autóctona e non dun clon doutra variedade, e por iso foi recoñecida administrativamente como unha nova variedade de Vitis vinífera a través da Orde APA/1097/2021, do 7 de outubro, pola que se dispón a inclusión de diversas variedades de distintas especies no Rexistro de Variedades Comerciais (BOE do 11 de outubro).

Por outra parte, faise unha pequena ampliación do ámbito territorial desta indicación xeográfica protexida, de xeito que se inclúe a parroquia de Seira, do termo municipal de Rois, limítrofe coa área actualmente delimitada.

Por outra parte, actualízase o logotipo identificador destes viños, substituíndo nel a mención «viño da terra» por «indicación xeográfica protexida» que, aínda que equivalentes, está hoxe máis introducida no mercado.

Ademais, aprovéitase a circunstancia da modificación do prego de condicións para actualizar unha cita legal que, polo transcurso do tempo, estaba xa desfasada. Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, e coas competencias da Axencia Galega da Calidade Alimentaria nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria se inscriban no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria, sobre a cal se basea esta resolución, que figura como anexo dela. Ademais, o dito prego de condicións, así como o correspondente documento único, están dispoñibles na páxina web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://agacal.xunta.gal/sites/default/files/calidade-alimentaria/vinos/PC_Barbanza_Iria_xullo_2024_GAL.pdf

https://agacal.xunta.gal/sites/default/files/calidade-alimentaria/vinos/Documento-unico-IXP-Barbanza-e-Iria-xullo-2024_GAL.pdf

O citado documento único ofrece un resumo fidedigno do prego de condicións.

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos do seu traslado á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, pode interporse recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2024

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria

1. Denominación que debe protexerse.

«Barbanza e Iria».

2. Descrición dos viños.

Son viños brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007. No momento da súa posta ao consumo o viño terá as seguintes características:

2.a) Características analíticas

– Graduación alcohólica adquirida mínima ( % vol.):

• Viños monovarietais: 11 % vol.

Resto dos viños: 10 % vol.

Graduación alcohólica total mínima ( %):

Viños monovarietais: 11 % Vol.

• Resto dos viños: 10 % Vol.

Contido máximo en azucres totais: cumpriranse os requisitos que se recollen no anexo III, parte B, do Regulamento delegado (UE) nº 2019/33 da Comisión, do 17 de outubro, para que os viños teñan a consideración de «secos».

Acidez total mínima: 5,0 g/l de ácido tartárico.

Acidez volátil máxima: 0,9 g/l de ácido acético (15 meq/l) tanto para os viños brancos como para os tintos. No caso dos viños que se comercialicen con polo menos un ano de envellecemento, este límite elevarase a 1 g/l de ácido acético (16,66 meq/l).

Contido máximo de dióxido de xofre total:

• 175 mg/l para os viños brancos.

• 150 mg/l para os viños tintos.

2.b) Principais características organolépticas.

Os viños obtidos serán viños lixeiros, limpos, brillantes e ben cubertos de cor en fase visual; con aromas francos en que se aprecien as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas; en boca serán suaves, frescos, saborosos e equilibrados e, finalmente, con pequenos toques de acidez.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

As prácticas de elaboración levaranse a cabo de forma controlada, co obxectivo de que o viño resultante manteña os atributos fisicoquímicos e organolépticos da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria.

O rendemento na extracción do mosto e a súa separación dos bagazos non será superior a 67 litros de mosto por cada 100 kg de uva.

4. Delimitación da zona xeográfica.

Os viños designados coa indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria» deberán proceder exclusivamente de viñedos da zona de produción e elaboración constituída polos terreos aptos para a produción de uva dos termos municipais de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga, así como as parroquias de Camboño, Fruíme e Tállara do termo municipal de Lousame; as parroquias de Iria Flavia e Padrón, do termo municipal de Padrón; as parroquias de Baroña, Caamaño, Queiruga, Ribasieira, San Pedro de Muro e Xuño, do termo municipal de Porto do Son, e a parroquia de Seira, do termo municipal de Rois.

A maior parte desta zona xeográfica atópase na provincia da Coruña, coa excepción dos termos municipais de Catoira, Valga e Pontecesures, que pertencen á provincia de Pontevedra. No anexo I deste prego de condicións recóllese graficamente o territorio desta indicación xeográfica e a súa localización en Galicia, España e Europa.

5. Rendemento máximo.

As producións máximas de uva admitida por hectárea serán de 12.000 kg para as variedades brancas e de 8.000 kg/ha para as variedades tintas.

Dado que na elaboración destes viños non se permiten rendementos superiores a 67 litros de mosto por cada 100 kg de uva, as producións máximas de viño admitidas por hectárea serán 80,40 hl para os viños obtidos a partir de uvas brancas e 53,60 hl para os viños obtidos a partir de uvas tintas.

6. Variedades de uva de vinificación.

Os viños elaboraranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades:

Variedades brancas: albariño, caíño branco, godello, loureira (loureiro branco ou marqués), treixadura, albarín branco (branco lexítimo), chenin blanc (agudelo), torrontés e ratiño galega.

Variedades tintas: brancellao, caíño tinto, espadeiro, loureiro tinto, mencía, sousón e merenzao.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

a) Factores naturais e humanos.

Dentro da enorme heteroxeneidade climática que presenta Galicia como consecuencia da directa influencia mariña e do relevo do territorio, a comarca do Barbanza presenta un clima claramente determinado que podemos clasificar como oceánico – húmido, con temperaturas medias anuais de 15 ºC e precipitacións desde os 1.800 aos 2.200 mm.

Dentro desta comarca, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo áchase por baixo dos 150 m s.n.m., situada en zona costeira (zona baixa do litoral marítimo norte da ría de Arousa, así como na canle inferior e desembocadura do río Ulla cara á mencionada ría), en terreos de val fluvial e zonas de penechaira, con suaves pendentes, con clara orientación sur, protexida pola serra do Barbanza, que exerce un importante efecto barreira sobre a penetración dos ventos oceánicos, o que crea as condicións idóneas para unha área de gran produtividade agrícola.

A comarca agrícola en que se producen os viños de Barbanza e Iria goza dunhas 1.400 horas de sol ao ano e de temperaturas suaves con amplitude térmica reducida, entre 8 e 15 ºC, con temperaturas elevadas no período invernal (por riba dos 10 ºC de temperatura media no mes de xaneiro), con práctica ausencia de xeadas e cunhas precipitacións que se sitúan entre os 1.200 e 1.400 mm, ao que debe unirse unha peculiar orientación da serra do Barbanza que produce unha debilitación estival das precipitacións que, ao combinarse con temperaturas relativamente altas na mesma época, induce a valores elevados de evapotranspiración (superior a 800 mm) e, consecuentemente, unha acusada influencia mediterránea neste período, con temperaturas medias entre 15 e 24 ºC, o que claramente beneficia o cultivo do viñedo.

A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e ricos en materia orgánica no seu estrato superficial polo abundante depósito de sedimentos e materiais recentes nas ladeiras e pequenos vales desta comarca. Son, na súa maioría, solos antigos, profundos e de cor escura polo seu contido en materia orgánica, o que os fai cálidos para o cultivo.

O substrato litolóxico está constituído na súa maior parte por afloramentos graníticos do período Herciniano e rochas sedimentarias escasamente metamorfizadas.

A proporción de elementos grosos é moderada, o que achega alta permeabilidade e facilidade de labra, e presentan unha textura lixeira, sendo a máis habitual a textura franca ou franco-areosa, con boa drenaxe e adecuada aireación.

Estes solos son, ademais, soltos e moderadamente ácidos, especialmente en zonas de ladeira de escasa pendente, polo que resultan favorables para a consecución de excelentes calidades.

O vínculo destes viños coa súa zona xeográfica baséase tamén na reputación obtida no mercado. Está reputación, recoñecida mesmo con anterioridade á obtención formal da protección, reflíctese en datos tales como:

– Hai xa máis de 400 anos, a principios do século XVII, cando estas terras pertencían ao arciprestado de Iria, os documentos eclesiásticos dinnos que «todo alcanza moi boa terra de pan trigo, paínzo, centeo e viñas en que se recolle razoable viño».

– Nesta época, nas rendas da Reitoría de San Pedro de Dimo (Catoira) facíase a seguinte repartición «dos froitos fanse vinte e catro partes: once lévaas o cura e dez o cabido de Santiago, e tres o colexio maior da dita cidade. Vale a parte do cura corenta cargas de todo pan e dúas pipas de viño».

– Pascual Madoz, no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar (1845), comenta que estas terras teñen «boa ventilación, con clima temperado e saudable. O terreo participa de monte e chaira, é de boa calidade. Produce cereais, legumes, hortalizas, froitas e bastante viño».

b) Detalles do produto.

Son viños que deben manter, como atributo fundamental, a súa xuventude, lixeireza e suavidade, tanto en cor como aroma e sabor, ademais dunha graduación alcohólica moderada.

Os viños brancos presentan tons amarelos dourado brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final.

Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermello picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.

c) Interacción causal.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que alcanzou, basicamente no mercado galego.

Os viños elaborados conforme as prescricións deste prego son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o efecto do factor humano, que se concreta no adecuado axuste varietal (o viño é elaborado maioritariamente con variedades autóctonas da zona, adaptadas ao medio natural), a implantación das viñas nos solos francos, profundos e permeables, característicos desta área xeográfica (que foron secularmente escollidos polos viticultores, coa sabedoría que dan os anos de experiencia) e as correctas prácticas culturais, entre as que destaca a poda e condución das viñas, que se realiza manualmente e con mestría para facer un adecuado control do potencial vitivinícola.

Todas estas condicións tenden a conferir aos viños producidos nesta comarca equilibrio e harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

A especificidade dos viños desta comarca e a súa reputación serviron como base para que a Administración española recoñecéseos como «Viño da Terra» no ano 2006.

8. Requisitos aplicables.

a) Marco xurídico.

Lexislación nacional:

Orde APA/1406/2007, do 25 de abril, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, pola que se publica a Orde do 11 de decembro de 2006, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, pola que se recoñece a indicación xeográfica protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria e se establecen as normas da súa utilización nos viños de mesa producidos na área xeográfica delimitada, e as súas modificacións posteriores:

Orde ARM/3246/2008, do 24 de outubro, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, pola que se publica a Orde do 28 de abril de 2008, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que modifica a Orde do 11 de decembro de 2006.

b) Requisitos adicionais.

En particular, esta norma establece, entre outras obrigas, as seguintes:

Requisitos para a elaboración e o embotellado:

• Nas adegas de elaboración e/ou embotellado unicamente se elaborarán e embotellarán viños producidos a partir de uvas da zona delimitada.

• As adegas de elaboración deberán comunicar á autoridade de control, cunha antelación mínima de sete días, a data de recepción da vendima, e deberán notificar tamén a finalización desta nun prazo de 48 horas. Presentarán tamén á autoridade de control, antes do 10 de decembro de cada ano, as declaracións de entrada de uva e de produción de viño da campaña.

• Na elaboración de viños monovarietais, polo menos o 85 % da uva utilizada será desa variedade.

• Os viños elaboraranse e embotellaranse na zona xeográfica de produción delimitada. O transporte e embotellado fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellado en orixe permite preservar as características e a calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polas adegas da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria, fan necesario o envasado en orixe, co fin de preservar todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

• As adegas comercializadoras son responsables de que os viños que comercialicen cumpran as exixencias da norma e someterán todas as partidas de viño, entendendo por partida aquel volume de viño delimitado pola adega que presenta características homoxéneas, ás necesarias análises, que poderán ser realizadas cos medios propios da adega sempre que queden reflectidas nun documento que inclúa a identificación da partida. Este documento estará ao dispor da autoridade de control.

• O embotellado destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

Requisitos de etiquetaxe:

• O viño comercializarase coas correspondentes contraetiquetas fornecidas pola autoridade de control logo da solicitude por parte das adegas; nestas solicitudes, as adegas identificarán a/s partida/s para embotellar e achegarán os correspondentes datos analíticos favorables para considerar estes viños como aptos.

• Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada fornecida pola autoridade de control, que incluirá o logotipo da indicación xeográfica que figura no anexo II deste prego de condicións (dúas versións, unha en galego e outra en castelán).

• Para a indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria o termo tradicional a que se refire o artigo 112.a) do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 é: «viño da terra». Tal mención tradicional poderá substituír na etiquetaxe dos viños a expresión «indicación xeográfica protexida».

9. Controis.

a) Autoridade competente

Nome: Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Enderezo: avenida Camiño Francés, 10. 15781 Santiago de Compostela.

Teléfono: 0034 981 54 00 55.

Correo electrónico: agacal.certificacion@xunta.gal

A Agacal é unha axencia, dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, encargada da comprobación do cumprimento do prego de condicións.

b) Tarefas de control.

b.1) Alcance dos controis.

Análises químicas:

A Agacal verifica que os elaboradores realizan análises químicas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións.

A Agacal entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non se poderán comercializar baixo o nome da indicación xeográfica protexida.

Operadores:

A Agacal comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular comproba que os elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a: procedencia de uva, variedades empregadas, rendementos de produción, rendementos de extracción de mosto e análise dos parámetros químicos.

Produtos:

A Agacal, mediante a toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo a indicación xeográfica cumpre as especificacións establecidas no punto 2, utiliza adecuadamente a contraetiqueta asignada e se cumpren os demais requisitos que se recollen neste prego de condicións.

b.2) Metodoloxía nos controis na verificación anual.

Controis sistemáticos.

A Agacal realiza controis sistemáticos do sistema de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o amparo da indicación xeográfica protexida cos obxectivos seguintes:

– Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

– Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento de produción de uva.

– Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasado.

– Comprobar que se realizan análises químicas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

Controis aleatorios.

A Agacal fai controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

ANEXO I

Situación e delimitación da zona xeográfica

missing image file

ANEXO II

Logotipo identificador da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria

missing image file