DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 12 de agosto de 2024 Páx. 46242

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2024, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación da acta da Comisión Negociadora do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia que modifica e corrixe erros no texto do convenio.

Visto o texto da acta da Comisión Negociadora do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia pola que se modifican e se corrixen erros no texto do convenio, que se subscribiu o 26 de xuño de 2024 entre a representación empresarial da Federación Gallega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CIG, UGT Galicia, CC.OO. de Galicia e USO, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade,

Esta Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

Acta da comisión negociadora do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia

En Santiago de Compostela, ás 12.30 horas do día 26 de xuño de 2024, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais reúnense as persoas que a continuación se sinalan:

– Representación empresarial (Fegam): Enrique Blanco Manzano (presidente).

– Representación social:

UGT Galicia: Javier Martínez Fente.

SN de CC.OO. de Galicia: Roberto Rodríguez García.

CIG: Xesús Pastoriza Santamarina.

USO: José Manuel Santalla Villamor.

As organizaciones empresariais e sindicais asinantes do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/a en ambulancia, asinado o 10 de novembro de 2023 e publicado no DOG núm. 14, do 19 de xaneiro de 2024, advertidos determinados erros no texto do convenio, consideran necesario efectuar as correccións oportunas relativas a erros de numeración, referencia ou concordancia con otros artigos, polo que se fixa nesta acta o texto definitivo.

ACORDAN:

Artigo 3. A entrada en vigor será o día da sinatura, para cadrar esta disposición coa disposición adicional primeira. O novo texto será o seguinte:

«Artigo 3. Vixencia

Este convenio colectivo entrará en vigor o día da súa sinatura e finalizará a súa vixencia o 31 de decembro de 2025».

Artigo 9. Mantense a alínea a) e na b) faise referencia á alínea i) do mesmo artigo. O texto queda como segue:

«Artigo 9. Subrogación do contrato coa Administración e con empresas privadas

Cando unha empresa perda a adxudicación dos servizos concertados mediante concurso público de xestión de servizos públicos, por resolución ou terminación do contrato coa Administración, ou terminación de contrato con entidades privadas, e non decida asumir o persoal de conformidade coa alínea e), por manter actividade suficiente para garantir a ocupación efectiva do persoal asumido, a nova empresa adxudicataria ou contratista estará obrigada a subrogarse nos contratos laborais das persoas traballadoras que viñan prestando ese servizo, respectando en todo caso a súa modalidade de contratación e os dereitos e obrigacións que desfrutasen nos seis meses anteriores á adxudicación na empresa substituída, coa condición de que estes proveñan de pactos e acordos lícitos que se poñan no seu coñecemento, e deberá achegalos á empresa adxudicataria, xunto coa documentación pertinente.

Se entre o cesamento da empresa que viña prestando o servizo e a adxudicación definitiva deste entra de forma provisional outra empresa para prestar o servizo, esta tamén estará obrigada á subrogación do persoal nos termos regulados neste artigo, con independencia do tempo de duración da prestación.

A subrogación producirase, sempre que as partes cumpran os requisitos formais establecidos neste artigo do convenio, pola finalización, perda, rescisión, cesión da empresa adxudicataria entre persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade, e a empresa entrante respectará os dereitos e obrigacións que viñan desfrutando coa empresa substituída. No termo «empresa» están expresamente incluídas as unións temporais de empresas (UTE), legalmente constituídas para contratar coa Administración.

a) A subrogación de persoal producirase única e exclusivamente con respecto ás seguintes persoas traballadoras:

1. Persoal en activo, cunha antigüidade mínima no servizo obxecto dos contrato do últimos catro meses anteriores ao comezo do servizo pola empresa adxudicataria, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ao citado período de catro meses, traballasen noutra actividade.

2. Persoal con dereito a reserva de posto de traballo que no momento do inicio do servizo pola empresa adxudicataria teña unha antigüidade mínima de catro meses nela e estea enfermo, accidentado, en excedencia, vacacións, permiso, descanso semanal e descanso por nacemento de fillo/a.

3. Persoal de novo ingreso que por exixencias do cliente se incorporase á actividade como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores á nova adxudicación daquela.

4. Persoal con contrato de interinidade ou de substitución que substitúa algunha das persoas traballadoras mencionadas no número 2, con independencia da súa antigüidade, e mentres dure o seu contrato.

5. Persoal con contrato de remuda que substitúa outro que estea en situación de xubilación parcial, sempre que a persoa remudada en situación de xubilación parcial sexa igualmente obxecto de subrogación.

Cando o/a traballador/a xubilado/a parcial estea adscrito ao servizo obxecto de subrogación pero a persoa de remuda non, corresponderalle á empresa saínte garantir o seu posto de traballo nesta.

6. Malia o anterior, quedan excluídos da aplicación da presente cláusula de subrogación aquelas persoas traballadoras que sexan directivos/as da súa empresa, así como aqueles unidos por vínculos de consanguinidade e afinidade, salvo que acrediten a existencia de relación contractual.

b) Todos os supostos anteriormente mencionados deberán ser acreditados fidedigna e documentalmente pola empresa cesante á adxudicataria, ao seu persoal e aos/ás representantes deste mediante os documentos que se detallan na alínea i), no prazo de 15 días hábiles contados desde que a empresa adxudicataria llo requira fidedignamente á empresa cesionaria, coa condición de que se trate de documentos que xa se emitiron ou que se deberon emitir.

Para os efectos da acreditación entre a empresa cesante e a empresa adxudicataria, aclárase que se considerarán medios fidedignos de comunicación os seguintes: envío da documentación por conduto notarial, mediante burofax, telegrama ou método equivalente que deixe constancia do contido.

c) O persoal que non desfrutase das súas vacacións regulamentarias ao producirse a subrogación, desfrutaraas coa nova adxudicataria do servizo, que só aboará e cotizará pola parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento e cotización do outro período corresponde á empresa cesante, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

d) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes que vincula: empresa cesante, nova adxudicataria e traballador/a. Con todo, por acordo mutuo da cesante e traballador/a, poderá este/a permanecer na antiga empresa adxudicataria. Neste caso, a cesante non poderá ceder a ningún outro/a traballador/a que non prestase o seu traballo na actividade obxecto do contrato, se a cesionaria non o aceptase.

e) No caso de que a comunicación non se produza no indefectible prazo marcado, entenderase que a empresa opta pola asunción do devandito persoal laboral, e o mesmo ocorrerá con aqueles datos e/ou relación de persoal que se comunique con posterioridade ao prazo establecido.

f) A subrogación efectiva producirase no momento en que a nova adxudicataria comece a prestar servizos e non antes, e a relación laboral anterior a tal momento é da exclusiva responsabilidade da cesante.

g) A empresa cesante responderá das consecuencias derivadas da falsidade ou inexactitude manifesta que a información facilitada lle poida producir á empresa adxudicataria, sen prexuízo da reversión a ela do persoal indebidamente subrogado.

h) Os membros do comité de empresa, os/as delegados/as de persoal e os/as delegados/as sindicais poderán optar, en todo caso, entre permanecer na súa empresa ou subrogarse na empresa adxudicataria, salvo no caso de que a subrogación afecte a totalidade do persoal.

i) A empresa cesante deberá facilitarlle á nova adxudicataria os seguintes documentos:

– Certificación en que deberá constar a parte do persoal afectado pola subrogación, con nomes e apelidos, data de nacemento, estado civil, documento nacional de identidade, número de afiliación á Seguridade Social, número de teléfono no caso de que sexa facilitado voluntariamente pola persoa traballadora, número de fillos/as, natureza dos contratos de traballo e categoría profesional (segundo a clasificación deste convenio).

– Orixinal ou fotocopia compulsada dos seis últimos recibos de salarios do persoal afectado.

– Fotocopia compulsada dos NCR de cotización á Seguridade Social dos seis últimos meses, ou os correspondentes documentos ou soportes que legalmente os substitúan.

– Relación de persoal, especificando nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, número de teléfono no caso de que sexa facilitado voluntariamente polo/a traballador/a, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data do desfrute das súas vacacións. Se o/a traballador/a é representante legal dos traballadores, especificarase o período do seu mandato.

– Fotocopia compulsada dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

– Orixinal e fotocopia compulsada dos títulos habilitantes para o desempeño do seu posto laboral.

– Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador/a afectado/a, en que se faga constar que este recibiu da empresa cesante a súa liquidación de partes proporcionais e non queda pendente cantidade ningunha. Estes documentos deberán estar en poder da nova adxudicataria de forma fidedigna, no prazo de 15 días hábiles contados desde que a empresa adxudicataria llo requira fidedignamente á empresa cesionaria, ou desde o momento en que se emitan ou se deberían emitir.

Non farán falta as compulsas se a empresa adxudicataria acepta expresamente a validez das copias debidamente seladas e asinadas pola empresa saínte. Para ese efecto, a empresa adxudicataria designará unha persoa encargada da verificación de orixinais e copias. Se a empresa adxudicataria, posteriormente, reclamase achega das copias cotexadas, a empresa saínte dispoñerá, a partir da reclamación da empresa adxudicataria efectuada dentro do prazo establecido, de 15 días para a súa presentación.

Con igual sentido de simplificación do proceso e cos mesmos requisitos de aceptación e comprobación, a entrega dos recibos salariais poderá ser substituída pola entrega de listas dos mesmos períodos que tivese que acreditar en que figuren os mesmos datos da nómina.

j) A empresa adxudicataria deberá indemnizar a empresa cesante polos gastos de formación do persoal realizados durante o contrato extinguido e que sexan acreditados debidamente, cando estean relacionados coa acreditación ou titulación profesional exixida pola Administración para a prestación do servizo».

Artigo 10. A referencia é ao artigo 45, non ao artigo 42. O novo texto é o seguinte:

«Artigo 10. Comisión Paritaria

Constitúese unha Comisión Paritaria para a interpretación do convenio.

Estará composta por seis vogais de ambas as partes, patronal e sindicatos asinantes, e noméase un/unha secretario/a entre os compoñentes, que se designará en cada reunión.

Nas reunións aceptarase a presenza de asesores de cada unha das respectivas organizacións, con voz pero sen voto.

Ambas as partes conveñen expresamente en que calquera dúbida ou diverxencia que poida xurdir sobre a interpretación ou aplicación deste convenio, que teña carácter de conflito colectivo, será sometida previamente a informe da comisión antes de emprender calquera reclamación xudicial.

A Comisión Paritaria reunirase cando sexa convocada para o efecto por calquera das partes cun máximo de cinco días hábiles de antelación e os seus acordos requirirán, para ter validez, unha porcentaxe maioritaria da representación sindical (determinada segundo a representatividade en 31 de decembro do ano anterior), así como a metade máis un dos vogais representantes dos empresarios.

Malia o anterior, a decisión en relación co incremento de contratación indefinida prevista no artigo 45.IV.1 deste convenio adoptarase polo voto da metade máis un dos vogais da representación sindical e a metade máis un dos representantes dos empresarios.

Tanto os vogais como os asesores serán convocados por carta certificada en primeira e en segunda convocatorias, cunha antelación mínima de cinco días á realización da reunión ordinaria.

Se en primeira convocatoria non acudise a totalidade dos vogais, realizarase a reunión en segunda convocatoria, que será válida sempre que concorra, como mínimo, a metade máis un de cada parte.

Os acordos tomados serán condicións anexas ao convenio inicial.

No caso de non chegar a un acordo na cuestión ou cuestións debatidas, estas someteranse ao AGA.

As reunións extraordinarias poderán ser convocadas por calquera das partes, tanto da representación social como da empresarial, e as ordinarias, cando sexa necesario.

As partes que compoñan a Comisión Paritaria estarán na obrigación de asistir ás reunións ante unha convocatoria de calquera das partes.

Para os efectos de facilitar a asistencia ás xuntas, os vogais que pertencen á parte sindical, se son persoas traballadoras do sector e asisten á devandita reunión, librarán toda a xornada. No caso de traballar na quenda de noite, librarán a noite anterior á realización da reunión se é de mañá; así mesmo, se a reunión é pola tarde, estes vogais librarán a quenda nocturna seguinte».

Artigo 11. Cámbiase a numeración dos apartados dado que non comezaba con «1º». O novo texto queda así:

«Artigo 11. Cláusula de inaplicación do convenio

O réxime salarial establecido neste convenio non será de necesaria ou obrigada aplicación para aquelas empresas cuxa estabilidade económica poida verse danada como consecuencia da súa adecuación.

Para ese efecto, consideraranse causas xustificadas, entre outras, as seguintes: a existencia de perdas actuais ou previstas, ou a diminución persistente do seu nivel de ingresos ordinarios ou vendas. En todo caso, entenderase que a diminución é persistente se durante dous trimestres consecutivos o nivel de ingresos ordinarios ou vendas de cada trimestre é inferior ao rexistrado no mesmo trimestre do ano anterior.

1º. Sociedades que estean incluídas nas causas de disolución legal seguintes:

a) Como consecuencia de perdas que deixen reducido o patrimonio a unha cantidade inferior á metade do seu capital social.

b) Por redución do capital social por baixo do mínimo legal cando a redución veña imposta legalmente e que emende tal situación.

2º. Empresas que solicitasen concurso de acredores.

3º. Empresas ás cales sobreviñese algunha causa que afecte notablemente o exercicio da súa actividade.

As empresas que pretendan desvincularse do réxime salarial do convenio deberán, no prazo dos vinte días seguintes á publicación daquel no Diario Oficial de Galicia (DOG), notificalo por escrito á Comisión Paritaria do convenio, á representación das persoas traballadoras ou, na súa falta, a estas, e achegarán nun escrito dirixido á representación das persoas traballadoras ou a estas a documentación precisa (memoria explicativa, balances, contas de resultados ou, se é o caso, informe de auditores ou censores de contas ou outros documentos) que xustifique un réxime salarial diferenciado.

Efectuada a notificación anterior, se no prazo de dez días non hai acordo dentro da empresa sobre a desvinculación, darase traslado do expediente á Comisión Paritaria do convenio, que deberá pronunciarse no prazo de dez días, e a súa decisión terá carácter vinculante.

Se na Comisión Paritaria tampouco se alcanzase acordo sobre a materia, someterase o expediente ao procedemento do AGA, en que actuarán como parte interesada as representacións que constitúen a Comisión Paritaria.

A desvinculación, se é aprobada, terá efectividade durante un ano.

No caso de que algunha empresa desexe manter por máis tempo a desvinculación deste convenio, deberá solicitar unha nova autorización na forma e co procedemento previsto neste artigo.

Transcorrido o período de desvinculación sen instarse a súa prórroga ou denegada esta, a reincorporación ás condicións previstas no convenio será automática e efectuarase a revisión e actualización das condicións do período de desvinculación.

Os/as representantes legais das persoas traballadoras ou, se é o caso, estas ou a Comisión Paritaria están na obrigación de tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos a que teñan acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, e observarase, respecto de todo iso, sixilo profesional.

No non previsto neste artigo será de aplicación o establecido no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores».

Artigo 19. Paga de regularización. O texto asinado e publicado debe ser corrixido incluíndo un último parágrafo aclaratorio, tras o que queda o artigo como segue:

«Artigo 19. Pagamento de regularización

No mes inmediatamente seguinte á adxudicación do último dos concursos públicos de transporte sanitario en Galicia, as empresas adxudicatarias aboaranlle ao persoal que prestase servizos desde o 1 de xaneiro de 2023, sumado ao recibo de salarios do devandito mes, un importe adicional da seguinte contía:

– 1.200 euros brutos para unha persoa traballadora a tempo completo que prestase servizos durante os doce meses do ano 2023 ou a parte proporcional que corresponda á xornada parcial ou reducida ou á data en que se incorporase ao longo do ano que corresponda, no caso contrario.

– 175 euros brutos máis adicionais por cada un dos tres primeiros meses do ano 2024 ou a parte proporcional que corresponda á xornada parcial ou reducida ou á data en que se incorporase ao longo do ano que corresponda, no caso contrario.

Nas mesmas condicións e data que para as adxudicatarias dos concursos públicos de transporte sanitario en Galicia, as empresas de transporte sanitario que operan en servizos privados (ou non públicos) deberán aboarlles ás súas persoas traballadoras o importe desta paga de regularización».

Artigo 24. Modifícase o segundo parágrafo, que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 24. Retribución específica do traballo en domingos e festivos

As persoas traballadoras que desenvolvan a súa xornada media ou total entre as 00.00 horas do domingo e as 24.00 deste percibirán un suplemento segundo as táboas desde o 1 de xaneiro de 2024.

As persoas traballadoras que desenvolvan a súa xornada media ou total entre as 00.00 horas do festivo e as 24.00 deste percibirán un suplemento segundo as táboas desde o 1 de xaneiro de 2024».

Artigo 28. Engádese a referencia que faltaba ao «Estatuto dos traballadores». O novo texto é o seguinte:

«Artigo 28. Vacacións

As persoas traballadoras das empresas afectadas polo presente convenio terán dereito ao desfrute dun período anual de trinta días naturais de vacacións retribuídas.

As persoas traballadoras percibirán as vacacións, incluíndo os seguintes conceptos: salario base, antigüidade, complemento de convenio e a media das retribucións percibidas no ano anterior polos conceptos de complemento de transporte, nocturnidade, retribución específica de domingos e festivos. Expresamente, exclúese o aboado en concepto de axudas de custo, horas extraordinarias e o pagamento de regularización previsto no artigo 19 deste convenio.

Para os efectos de calcular a media nas contías variables, sumarase o percibido no total do ano anterior e dividirase entre os días de alta no ano anterior descontando as situacións de suspensión do contrato de traballo por calquera causa.

Para os efectos do desfrute do período de vacacións, a empresa negociará coa representación legal das persoas traballadoras as correspondentes quendas, e poderá partir as vacacións en dous períodos, co fin de que máis traballadores/as as desfruten na quincena estival.

Estas quendas faranse conforme o calendario anual, segundo as prestacións do servizo, e rotativo conforme o criterio que conveña a ambas as partes (representación das persoas traballadoras e representación empresarial), e a rotación comezará polas persoas máis antigas.

Non se poderá solapar o inicio das vacacións cos días de descanso semanal. Para o persoal que desfrute a quincena de vacacións, se así se dispuxese, fóra do período estival, incrementarase nun día de vacacións, agás que por petición propia da persoa traballadora desfrute dun mes completo e ininterrompido en calquera época do ano.

Cando o período de vacacións fixado no calendario de vacacións da empresa a que se refire o parágrafo anterior coincida no tempo cunha incapacidade temporal derivada de embarazo, parto ou lactación natural ou co período de suspensión do contrato de traballo previsto nos números 4, 5 e 7 do artigo 48 do Estatuto dos traballadores, terase dereito a desfrutar as vacacións en data distinta á da incapacidade temporal ou á de desfrute do permiso que, por aplicación do devandito precepto, lle correspondeu, ao finalizar o período de suspensión, aínda que terminase o ano natural a que corresponda.

No caso de que o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal por continxencias distintas ás sinaladas no parágrafo anterior que lle imposibilite á persoa traballadora desfrutalas, total ou parcialmente, durante o ano natural a que corresponden, a persoa traballadora poderá facelo unha vez que finalice a súa incapacidade e sempre que non transcorresen máis de 18 meses a partir da finalización do ano en que se orixinasen.

Para o desfrute das vacacións a persoa traballadora terá coñecemento da súa data cunha antelación mínima de dous meses».

Artigo 33. Modifícase o texto do número 3) e elimínase a referencia aos parágrafos 3 e 9 de licenzas no penúltimo parágrafo do artigo. O texto queda como segue:

«Artigo 33. Permisos e licenzas retribuídas

A persoa traballadora, con aviso previo e posterior xustificación, pode ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos seguintes motivos e polo tempo seguinte:

1. Dezasete días por matrimonio do/da traballador/a ou parella de feito rexistrada no rexistro civil.

2. Dous días por matrimonio ou parella de feito rexistrada no rexistro público, de pai, nai, irmáns/as e fillos/as. No caso de que se celebre fóra do domicilio da persoa traballadora, incrementarase 1 día por cada 300 quilómetros de ida e volta, excepto para o arquipélago canario, balear e estranxeiro, que se computará por desprazamento e non por quilómetros, caso en que será 1 día para a ida e outro para a volta.

3. Catro días por falecemento de parentes en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade ou dous días no caso de segundo grao.

Se calquera destes supostos tiver lugar fóra do domicilio do/da traballador/a, incrementarase 1 día por cada 300 quilómetros de ida e volta, excepto para o arquipélago canario, balear e estranxeiro, que se computará por desprazamento e non por quilómetros, caso en que será 1 día para a ida e outro para a volta.

4. Cinco días por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, incluído o familiar consanguíneo da parella de feito, así como de calquera outra persoa distinta das anteriores, que conviva coa persoa traballadora no mesmo domicilio e que requira o coidado efectivo daquela.

Nos casos de hospitalización, en respecto das condicións establecidas en convenios anteriores, catro días no caso de familiar de primeiro grao e dous días no caso de familiares de segundo grao; poderanse utilizar en días non continuos mentres dure o ingreso no centro hospitalario ou con posterioridade a este e nun período máximo de quince días desde a alta hospitalaria, se non se consumiron durante o período de ingreso.

Se o ingreso hospitalario supera os quince días, os días deste permiso poderanse desfrutar de forma non continua nun prazo máximo de trinta días contados desde o ingreso.

5. Un día por cambio de domicilio habitual.

6. Un día por renovación do permiso de conducir da persoa traballadora que conduza a ambulancia, con independencia da súa categoría laboral.

7. Tres xornadas laborais por asuntos propios; estes días deberán avisarse previamente, pero en ningún caso xustificarse.

8. O tempo necesario para concorrer aos cursos de formación que a empresa estableza.

9. Cumprimento de deberes públicos, polo tempo indispensable, logo de xustificación.

O tempo dedicado, en tempo de descanso, á asistencia a procesos xudiciais relacionados con cuestións de traballo en que o/a traballador/a sexa citado/a xudicialmente será computado como xornada laboral, incluído o tempo de traslado e regreso ao seu domicilio habitual.

10. Unha xornada non remunerada para acompañar a familiares ata segundo grao de consanguinidade, adopción ou afinidade, a consultas ou tratamentos médicos.

11. No caso de acompañamento a consultas ou tratamentos médicos de fillos/as ou tutelados/as menores de 14 anos, será polo tempo necesario e remunerado.

12. Ata oito horas remuneradas ao ano para a asistencia da persoa traballadora por razóns de enfermidade a consultorio médico de atención primaria en horas coincidentes coa xornada laboral. Esta licenza ampliarase ata doce horas remuneradas ao ano no caso de asistencia a médico especialista. En todo caso, nesta materia respectaranse as condicións que por costume ou pacto estean establecidas a nivel de empresa, sempre que sexan máis beneficiosas que o establecido por convenio.

Todo o anterior terá validez nas parellas de feito fidedignas e rexistradas no rexistro público correspondente, así como para os fillos adoptados.

Os permisos establecidos en favor do coidado de pacientes poderán ser desfrutados cando sexan empregados en persoas suxeitas á tutela da persoa traballadora por resolución xudicial e non teñan a condición de parentes nos termos fixados nos números correspondentes.

Estes permisos non serán recuperables, salvo o previsto como xornada non remunerada para acompañamento a familiares a consultas ou tratamentos médicos, logo de acordo coa persoa traballadora».

Artigo 37. Incapacidade temporal

A alínea a) queda redactado como segue:

«a) En accidentes de traballo e enfermidades profesionais, desde o primeiro día, ata o 90 % da base reguladora de cotización á Seguridade Social dos 90 días anteriores á da baixa.

A partir dos 180 días de suspensión de contrato por esta causa, complementarase ata o 100 % da base calculada nos termos previstos na epígrafe anterior.

En todo caso, o complemento aboarase mentres dure a incapacidade temporal por estas continxencias».

A alínea c) queda redactada como segue:

«c) No resto dos supostos derivados de continxencia común, complementarase, ata o 100 % do salario base, máis complemento de convenio, máis antigüidade do mes anterior á baixa:»

Artigo 45. Contratación, promocións e ascensos

Modifícase o punto «III. Postos de nova creación, promocións e vacantes», que queda como segue:

«1. Para os casos de promocións internas e os postos de nova creación, as empresas establecerán, acordándoo coa representación legal das persoas traballadoras, un proceso selectivo con base nun sistema de carácter obxectivo, tomando como referencia as seguintes circunstancias: titulación adecuada e coñecemento do posto de traballo, tendo preferencia en igualdade de condicións e entre varias solicitudes a persoa traballadora con máis antigüidade na empresa.

En ausencia de acordo, terase en conta como primeiro criterio o de antigüidade. En ningún caso se producirá ningunha discriminación».

Artigo 46. Parágrafo 10. Cámbiase o texto do parágrafo polo do anterior convenio. O novo parágrafo 10 da letra B do artigo queda como segue:

«10. En calquera caso, o/a traballador/a sancionado/a poderá acudir á vía xurisdicional competente para instar a revisión das sancións impostas no caso de desacordo».

Artigo 54. Cámbiase no primeiro parágrafo o termo «paritario» por «igual para cada unha de», referido aos delegados sectoriais de prevención. A redacción queda da seguinte forma:

«Co fin de impulsar a prevención de riscos laborais no ámbito deste convenio e respectando as disposicións mínimas legais exixentes, ambas as partes negociadoras crean a figura acreditada do delegado de prevención sectorial con dedicación plena a esta tarefa. O seu número será igual para cada unha das organizacións sindicais asinantes do convenio, e serán distribuídos e nomeados polas respectivas federacións das organizacións sindicais asinantes do convenio. Non será obrigatorio que o seu nomeamento recaia no persoal do sector, e tampouco gozarán de crédito horario a cargo das empresas para a realización da devandita función. O seu ámbito de actuación corresponderase con Galicia».

Artigo 58. No parágrafo que segue o cadro cámbiase a referencia ao «punto 1» por ao «parágrafo anterior». Queda redactado como sigue:

«Malia o recollido no parágrafo anterior, cando unha traballadora comunique a súa situación de embarazo, a empresa e a representación unitaria, de existir esta, deberán reunirse no prazo máximo de 3 días naturais para resolver sobre a súa posible recolocación nun posto de traballo onde non exista risco para ela ou o feto/embrión».

Artigo 59. Cámbianse as remisións aos números do artigo por «do artigo anterior». Queda redactado como segue:

«O disposto nos números do artigo anterior será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do fillo e así o certificase o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora».

Artigo 62. Introdúcense as referencias que faltaban ao Estatuto dos traballadores no texto do número 4:

«4. Suspensión por nacemento de fillo/a, adopción, garda con fins de adopción e acollemento.

O nacemento, que comprende o parto e o coidado do menor de doce meses, suspenderá o contrato de traballo da nai biolóxica durante 16 semanas, das cales serán obrigatorias as seis semanas ininterrompidas inmediatamente posteriores ao parto, que deberán desfrutarse a xornada completa, para asegurar a protección da saúde da nai.

O nacemento suspenderá o contrato de traballo do proxenitor distinto da nai biolóxica durante 16 semanas, das cales serán obrigatorias as seis semanas ininterrompidas inmediatamente posteriores ao parto, que deberán desfrutarse a xornada completa, para o cumprimento dos deberes de coidado previstos no artigo 68 do Código civil.

Nos casos de parto prematuro e naqueles en que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, o período de suspensión poderá computarse, por instancia da nai biolóxica ou do outro proxenitor, a partir da data da alta hospitalaria. Exclúense do devandito cómputo as seis semanas posteriores ao parto, de suspensión obrigatoria do contrato da nai biolóxica.

Nos casos de parto prematuro con falta de peso e naqueles en que o neonato precise, por algunha condición clínica, hospitalización a continuación do parto, por un período superior a sete días, o período de suspensión ampliarase en tantos días como o nado estea hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais e nos termos en que regulamentariamente se desenvolva.

No suposto de falecemento do fillo ou filla, o período de suspensión non se verá reducido, salvo que, unha vez finalizadas as seis semanas de descanso obrigatorio, se solicitase a reincorporación ao posto de traballo.

A suspensión do contrato de cada un dos proxenitores polo coidado de menor, unha vez transcorridas as primeiras seis semanas inmediatamente posteriores ao parto, poderá distribuírse, a vontade daqueles, en períodos semanais que se desfrutarán de forma acumulada ou interrompida, e exerceranse desde a finalización da suspensión obrigatoria posterior ao parto ata que o fillo ou a filla faga doce meses. Con todo, a nai biolóxica poderá anticipar o seu exercicio ata catro semanas antes da data previsible do parto. O desfrute de cada período semanal ou, se é o caso, da acumulación dos devanditos períodos, deberá comunicarse á empresa cunha antelación mínima de quince días.

Este dereito é individual da persoa traballadora, sen que poida transferirse o seu exercicio ao outro proxenitor.

A suspensión do contrato de traballo, transcorridas as primeiras seis semanas inmediatamente posteriores ao parto, poderá desfrutarse en réxime de xornada completa ou de xornada parcial, logo de acordo entre a empresa e a persoa traballadora, e conforme se determine regulamentariamente.

A persoa traballadora deberá comunicar á empresa, cunha antelación mínima de quince días, o exercicio deste dereito. Cando os dous proxenitores que exerzan este dereito traballen para a mesma empresa, a dirección empresarial poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas por escrito.

Nos supostos de adopción, de garda con fins de adopción e de acollemento, de acordo co artigo 45.1.d) do Estatuto dos traballadores, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas para cada adoptante, gardador ou acolledor. Seis semanas deberán desfrutarse a xornada completa de forma obrigatoria e ininterrompida inmediatamente despois da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción ou ben da decisión administrativa de garda con fins de adopción ou de acollemento.

As dez semanas restantes poderán desfrutarse en períodos semanais, de forma acumulada ou interrompida, dentro dos doce meses seguintes á resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou ben á decisión administrativa de garda con fins de adopción ou de acollemento. En ningún caso un mesmo menor dará dereito a varios períodos de suspensión na mesma persoa traballadora. O desfrute de cada período semanal ou, se é o caso, da acumulación dos devanditos períodos deberá comunicarse á empresa cunha antelación mínima de quince días. A suspensión destas dez semanas poderá exercerse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre a empresa e a persoa traballadora afectada, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado, o período de suspensión previsto para cada caso neste apartado poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.

Este dereito é individual da persoa traballadora, sen que poida transferirse o seu exercicio ao outro adoptante, gardador con fins de adopción ou acolledor.

A persoa traballadora deberá comunicarlle á empresa, cunha antelación mínima de quince días, o exercicio deste dereito. Cando os dous adoptantes, gardadores ou acolledores que exerzan este dereito traballen para a mesma empresa, esta poderá limitar o desfrute simultáneo das dez semanas voluntarias por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas por escrito.

No suposto de discapacidade do fillo ou filla no nacemento, adopción, en situación de garda con fins de adopción ou de acollemento, a suspensión do contrato a que se refiren os números 4 e 5 do artigo 48 do Estatuto dos traballadores terá unha duración adicional de dúas semanas, unha para cada un dos proxenitores. Igual ampliación procederá no suposto de nacemento, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento múltiple por cada fillo ou filla distinto do primeiro.

No suposto de risco durante o embarazo ou de risco durante a lactación natural, nos termos previstos no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, a suspensión do contrato finalizará o día en que se inicie a suspensión do contrato por parto ou o lactante faga nove meses, respectivamente ou, en ambos os casos, cando desapareza a imposibilidade da traballadora de reincorporarse ao seu posto anterior ou a outro compatible co seu estado.

No suposto previsto no artigo 45.1.n) da Lei do Estatuto dos traballadores, o período de suspensión terá unha duración inicial que non poderá exceder os seis meses, salvo que das actuacións de tutela xudicial resultase que a efectividade do dereito de protección da vítima requirise a continuidade da suspensión. Neste caso, o xuíz poderá prorrogar as suspensións por períodos de tres meses, cun máximo de dezaoito meses.»

Asinan esta acta as persoas relacionadas no encabezamento en representación de cada unha das organizaciónes asinantes do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia e, así mesmo, delegan no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación da presente acta.

Ao non ter máis asuntos que tratar, levántase a reunión, ás 13.00 horas do día sinalado no encabezamento, e expídese para o efecto a presente acta, que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.

Persoas asinantes da acta de corrección do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia:

Enrique Blanco Manzano
(en representación da Fegam)
DNI:

Xesús María Pastoriza Santamarina
(en representación da CIG)
DNI:

Javier Martínez Fente
(en representación de UGT-Galicia)
DNI:

Roberto Carlos Rodríguez García
(en representación de CC.OO.)
DNI:

José Manuel Santalla Villamor
(en representación de USO)
DNI: