DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 12 de agosto de 2024 Páx. 46189

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

DECRETO 175/2024, do 29 de xullo, polo que se aproba o Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030.

O marco normativo comunitario en materia de residuos evolucionou moito nos últimos anos para dar pasos cara á transformación do noso modelo produtivo lineal nun novo modelo baseado na economía circular.

Neste senso, en decembro de 2015, a Comisión Europea adoptou un novo e ambicioso paquete sobre a economía circular, co fin de estimular a transición dunha economía lineal a unha circular. No marco deste paquete, aprobáronse, no ano 2018, novas directivas en materia de residuos, co establecemento de novos obxectivos de prevención, reciclaxe e restricións ás verteduras nun período de vixencia máis amplo, que chega ata 2035.

Nos últimos anos entraron en vigor a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, no ámbito estatal, así como a nivel autonómico, e a Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, que recollen estas novas disposicións comunitarias.

O Goberno galego está traballando desde hai anos na procura dunha xestión axeitada dos residuos, por medio do despregamento de instrumentos para unha mellor xestión dos residuos, por unha parte, para reducir o uso de recursos no ámbito de Galicia e a presión que este uso exerce sobre os sistemas de apoio (reducindo a cantidade de residuos xerados e recuperando a maior parte para volvelos introducir no ciclo produtivo) e, por outra, para reducir os impactos asociados á extracción destes recursos e a súa xestión unha vez que se converteron en residuos (consumo enerxético, impacto paisaxístico do mobiliario urbano de recolla e das instalacións de tratamento e depósito final de residuos, ruído, cheiros...).

Neste senso, o 16 de febreiro de 2011, publicouse o Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), aprobado no Consello da Xunta o 13 de xaneiro de 2011, que perseguía, entre outras cousas, transmitir á cidadanía os impactos asociados á xestión dos residuos, tanto os vinculados á xeración derivada das nosas pautas de consumo e estilos de vida como as necesidades de xestión en canto a contedores que ocupan espazo público, camións de recolla, infraestruturas, e facilitarlle ferramentas para poder modificar os seus comportamentos cara a hábitos e actitudes dirixidos á prevención ou recolla selectiva.

Segundo o artigo 19 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, os plans e programas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de residuos deben ser aprobados a través dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na lexislación de aplicación e cos efectos indicados nela.

A normativa de ordenación do territorio, Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, establece que os plans referidos ao ámbito da xestión dos residuos son, para os efectos desta normativa, plans sectoriais, polo tanto son un instrumento de ordenación do territorio e teñen por obxecto ordenar e regular a implantación territorial de actividades de xestión de residuos, establecer as condicións xerais para as futuras actuacións que desenvolvan o devandito plan e definir os criterios de deseño e as características funcionais e de localización que garantan a súa accesibilidade e coherente distribución territorial, segundo a súa natureza.

E, por todo isto, comezouse a traballar nun novo plan cuxo contido debía recoller tanto as directrices marcadas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio, como as establecidas nas Lei 6/2021, do 17 de febreiro, e na Lei 7/2022, do 8 de abril.

Así, o novo PXRMG 2023-2030 constituirá o marco de referencia na planificación da xestión dos residuos municipais de Galicia, achegando conceptos, principios e estratexias que se adoptarán na correcta xestión de residuos municipais nos vindeiros anos.

Tal e como xa se sinalou na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, tamén se recolle que os plans e programas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de residuos deberán ser aprobados a través dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na lexislación de aplicación e cos efectos indicados nela, e o plan sectorial é o instrumento recollido na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, que ten por obxecto ordenar e regular a implantación territorial desta actividade sectorial da xestión dos residuos, establecendo tamén o sometemento deste plan á avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Por todo iso, o 23 de setembro de 2022, a Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular solicitou á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental iniciar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria do plan, segundo o establecido no artigo 54 da Lei de ordenación do territorio e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O 27 de setembro 2022 o órgano ambiental iniciou un período de consulta pública en que se formularon observacións e suxestións ao borrador do plan nun prazo de 30 días.

O 20 de novembro de 2022 asinouse o documento de alcance en que se resumen as principais cuestións ambientais formuladas durante o período de consultas.

De conformidade co artigo 54.4 da Lei de ordenación do territorio, a versión inicial do plan aprobouse o 3 de agosto de 2023.

O documento do PXRMG aprobado inicialmente e o estudo ambiental estratéxico, xunto cun resumo executivo do plan e un documento resumo do estudo ambiental estratéxico, foron sometidos a un proceso de información pública que se anunciou no Diario Oficial de Galicia (DOG do 14.8.2023), nos boletíns oficiais das provincias e no Portal da internet de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Paralelamente, leváronse a cabo as consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas e público interesado.

O 14 de marzo de 2024 asinouse a declaración ambiental estratéxica, que considera o Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030 ambientalmente viable.

O 22 de xullo de 2024 a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou a aprobación provisional do Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, en exercicio das súas facultades outorgadas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e nove de xullo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030

1. Apróbase o Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, que estenderá a súa vixencia ata o ano 2030.

2. O texto do Plan estará dispoñible no sitio web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático