DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 12 de agosto de 2024 Páx. 46320

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 6 de agosto de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia, cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 (código de procedemento PE113F).

O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados.

O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004 e regula no seu artigo 21 a posibilidade de que o FEMPA apoie unha compensación pola paralización temporal das actividades pesqueiras en determinados casos, entre os que está o considerado no número 2.a) de aplicación de medidas de conservación, en liña co establecido no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre política pesqueira común.

O Programa operativo FEMPA 2021-2027 para España establece entre os seus obxectivos manter a pesca como actividade produtora sustentable mediante a xestión sustentable e a conservación dos ecosistemas mariños. A prioridade 1 do programa, «fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos», encádrase dentro do obxectivo político 2 da Unión, «unha Europa máis verde», centrándose na sustentabilidade ambiental na xestión dos recursos pesqueiros e na diminución do impacto da pesca. O programa operativo establece que as necesidades se centran en continuar coa aplicación dos plans de xestión, implementación de medidas técnicas axeitadas, artes máis selectivas de menor impacto, dixitalización e utilización das mellores técnicas dispoñibles, paradas temporais, mellorar o coñecemento sobre unha base científica da situación de todas as poboacións de peixes, e fortalecer os labores de control en seguimento e vixilancia dos consumos de TAC e esforzos regulados.

Dentro do obxectivo específico 1.3 do PO FEMPA 2021-2027 para España, «promover o axuste da capacidade de pesca ás posibilidades de pesca en caso de paralización definitiva das actividades pesqueiras e contribuír a un nivel de vida axeitado en caso de paralización temporal das actividades pesqueiras», fixa como tipo de acción afín 1.3.2, ao dispor que «como excepción ao disposto no artigo 13, letra e), do Regulamento 2021/1139, o FEMPA poderá apoiar unha compensación pola paralización temporal das actividades pesqueiras en casos de medidas de conservación, plan de xestión do Mediterráneo, medidas adoptadas pola Comisión, medidas de urxencia do artigo 13 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, interrupción de acordos ou catástrofes naturais».

Debido a múltiples factores e circunstancias que afectaron a produtividade dos bancos marisqueiros, tivéronse que tomar en moitos dos plans de xestión autorizados medidas de conservación consistentes na suspensión da actividade marisqueira nos primeiros meses de 2024. A ausencia de ingresos por esta actividade de marisqueo no tempo destes peches dos bancos supuxo un quebranto desde o punto de vista económico e, polo tanto, social no colectivo das persoas mariscadoras a pé, analizando para isto, nos últimos anos, a media do número de mariscadores que realizan actividade extractiva, os días de traballo extractivo, os topes e os prezos medios para as distintas especies e os ingresos medios por mariscador.

Segundo o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, correspóndelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros.

En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras xerais e convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal da actividade marisqueira no marco da aplicación de medidas de conservación dos recursos en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia.

Estas persoas, como persoas traballadoras autónomas, quedan sometidas ao disposto no artigo 10.1.a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. A súa finalidade é compensar coas axudas de paralización temporal para os efectos derivados de implantar a veda temporal, como medida técnica de conservación dos recursos, que supuxo a suspensión temporal da actividade marisqueira nos seguintes plans de xestión aprobados para o período 2024-2026:

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Cariño e Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, modalidade a pé.

– Plans de xestión de marisqueo da Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, modalidade a pé.

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Noia, modalidade a pé e desde embarcación.

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Rianxo, modalidade a pé.

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Cabo de Cruz, modalidade a pé.

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, modalidade a pé.

– Plans de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores do Carril, modalidade a pé.

– Plan de xestión de marisqueo das confrarías de pescadores de Lourizán, Raxó e Pontevedra, modalidade a pé.

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Redondela, modalidade a pé.

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Arcade, modalidade a pé.

– Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Vilaboa, modalidade a pé.

3. O período de referencia subvencionable da paralización temporal da actividade de marisqueo a pé abrangue do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2024, ambos incluídos, cun máximo de seis meses subvencionables. A suspensión da actividade marisqueira derivada da implantación desta medida de conservación deberá ter lugar durante, polo menos, 30 días nese ano civil.

4. O código de procedemento administrativo é o PE113F.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 46.03.723A.770.0, proxecto contable 2024 00204, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

2. O importe máximo das axudas que se concedan no antedito exercicio orzamentario ascenderá a un millón douscentos cincuenta mil euros (1.250.000 €).

3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes. En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento de ditarse a resolución de concesión.

4. As axudas serán cofinanciadas conforme o artigo 21 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021. A contribución do FEMPA será do 70 % e a contribución da Comunidade Autónoma de Galicia será do 30 %.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de permisos de explotación para marisqueo a pé de recursos marisqueiros xerais que participen nos plans de xestión enumerados no número 2 do artigo 1.

O cumprimento deste requisito verificarase mediante a información que figura nos rexistros da Consellería do Mar.

2. Ademais, para obter a condición de persoa beneficiaria, debe ter levado a cabo unha actividade extractiva (días de actividade) de, cando menos, 120 días durante os anos 2022 e 2023.

Estes 120 días mínimos deberanse ter realizado nas modalidades de marisqueo xeral e/ou de recursos específicos.

3. Os días de actividade extractiva verificaranse mediante as notas de vendas realizadas nas lonxas ou centros de venda autorizados e serán os que consten nos rexistros da Consellería do Mar.

Artigo 4. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente que sexa de aplicación.

2. As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

f) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, nos termos regulamentariamente establecidos.

g) Non incorrer, durante o período comprendido entre a presentación da solicitude de axuda e os cinco anos seguintes á materialización do pagamento final, nalgunha das situacións a que fai referencia o artigo 5.2.c) desta orde. Se se produce calquera destas situacións durante o devandito período, deberá reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda, de conformidade co establecido no artigo 44 do devandito regulamento e no artigo 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

h) Respectar a carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, se é o caso.

Artigo 5. Obrigas específicas das persoas beneficiarias

1. Ademais, as persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que o permiso de explotación para marisqueo a pé estea en vigor. Ademais, as persoas mariscadoras a pé non terán autorizada a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación no período de referencia subvencionable.

O cumprimento deste requisito verificarase mediante a información que figura nos rexistros da Consellería do Mar.

b) Estar en situación de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar no momento da solicitude e durante a vixencia do permiso de explotación a que se fai referencia na epígrafe anterior.

c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Non estar en ningún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.

– Ter cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.

– No marco do FEMP ou FEMPA, ter sido declarado culpable de cometer fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371.

d) Ter sido sancionados coa imposibilidade de obtención de préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

3. A axuda por paralización temporal poderá concederse por unha duración máxima de doce meses por persoa mariscadora a pé, durante o marco de programación do FEMPA 2021-2027. Para estes efectos, considerarase que, para cada persoa mariscadora, o período subvencionado a través desta orde corresponde ao período de tempo da aplicación da medida de conservación da veda temporal do correspondente Plan de xestión establecido na táboa do artigo 7, que coincide co período de referencia establecido no número 3 do artigo 1.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. A percepción das axudas compensatorias previstas nesta orde é incompatible co traballo por conta propia ou por conta allea da persoa beneficiaria durante o período da parada subvencionable, así como coa obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, autonómicos, nacionais, da Unión Europea ou dos organismo internacionais.

2. Tamén existirá incompatibilidade destas axudas coa percepción de axudas para o mesmo período de tempo, como persoa armadora ou tripulante, pola paralización temporal da actividade pesqueira ao abeiro do establecido no artigo 21 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.

3. Igualmente, a condición de persoa beneficiaria será incompatible co recoñecemento do dereito á protección por desemprego, cesamento de actividade de traballadores/as autónomos/as e co resto das prestacións económicas do sistema da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo da persoa beneficiaria, coa excepción das prestacións por incapacidade temporal, por maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, e risco durante a lactación, caso en que se descontará este período do dereito a percibir a axuda.

4. No caso de que o recoñecemento da axuda puidese dar lugar a unha incompatibilidade sobrevida co recoñecemento dun dereito anterior por protección por desemprego ou por cesamento de actividade, no caso de traballadores/as autónomos/as, tal circunstancia será notificada pola persoa interesada, debendo esta optar, no prazo de dez días desde a recepción da notificación de concesión da axuda, entre a percepción desta e a protección por desemprego ou cesamento de actividade.

5. Se no referido prazo de dez días non manifesta por escrito a súa elección entre ambas, entenderase que opta pola prestación por desemprego ou cesamento de actividade, denegándolle o cobramento da axuda regulada nesta orde por incompatibilidade e, de ser o caso, procederase ao reintegro desta.

6. Se opta pola axuda regulada nesta orde, realizaranse as regularizacións que procedan respecto da protección por desemprego ou cesamento da actividade concorrentes, coa compensación económica.

7. A solicitude de axudas por paralización temporal será incompatible coa percepción de axudas por paralización definitiva.

Artigo 7. Contía da axuda

1. O importe máximo da axuda concedida ás persoas beneficiarias será unha cantidade que se calculará multiplicando o baremo aplicable por cada día de parada da actividade marisqueira realizado no período de referencia. Os días de parada poderán ser continuos ou interrompidos.

Dado que no tempo en que se implantou en cada un dos plans de xestión a veda temporal non existiu actividade extractiva ningunha, entenderanse como días de parada subvencionables a media dos días de actividade extractiva dos tres anos civís anteriores ao ano 2024 (agás períodos extraordinarios) do período de veda temporal de cada un dos plans de xestión de marisqueo enumerados no número 2 do artigo 1, sempre que ese período estea englobado, total ou parcialmente, dentro do período de referencia subvencionable establecido no número 3 do artigo 1.

A media dos días de actividade extractiva dos tres anos civís anteriores ao ano 2024 (2023, 2022 e 2021) do período de veda temporal de cada un dos plans de xestión de marisqueo, sempre que ese período estea englobado, total ou parcialmente, dentro do período de referencia subvencionable, son os seguintes:

Plans de xestión de marisqueo afectados pola medida de veda temporal

Período de veda temporal englobado, total ou parcialmente, no período de referencia subvencionable

Días de parada subvencionables

Media de actividade extractiva (días de vendas) no período de veda nos anos 2021, 2022 e 2023

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Cariño e Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, modalidade a pé.

1.3.2024-30.4.2024

4

Plans de xestión de marisqueo da Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, modalidade a pé.

1.1.2024-30.6.2024

20

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Noia, modalidade a pé e desde embarcación.

1.1.2024-30.4.2024

18

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Rianxo, modalidade a pé.

1.1.2024-30.6.2024

58

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Cabo de Cruz, modalidade a pé.

1.1.2024-30.6.2024

68

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, modalidade a pé.

1.1.2024– 30.6.2024

67

Plans de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores do Carril, modalidade a pé.

1.2.2024-30.6.2024

32

Plan de xestión de marisqueo das confrarías de pescadores de Lourizán, Raxó e Pontevedra, modalidade a pé.

16.1.2024-30.6.2024

46

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Redondela, modalidade a pé.

1.2.2024-30.4.2024

24

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Pescadores de Arcade, modalidade a pé.

1.1.2024-31.5.2024

14

Plan de xestión de marisqueo da Confraría de Vilaboa, modalidade a pé.

1.1.2024-31.5.2024

21

O baremo da axuda por día de parada será o 90 % do nivel de ingresos medios da actividade extractiva dos mariscadores a pé do colectivo «marisqueo xeral» entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño durante os 3 anos civís anteriores, agás períodos extraordinarios. Dado que o valor dos ingresos medios é de 91 €, o baremo da axuda por día é de 81,9 €.

2. As persoas mariscadoras a pé que só sexan titulares dun permiso de explotación a pé para recursos específicos diferente ás modalidades de percebe e poliquetos consideraranse no colectivo de marisqueo xeral para os efectos do regulado desta orde.

3. A actividade extractiva da persoa mariscadora terá en conta a explotación de todos os recursos marisqueiros para os que estea autorizada.

4. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 9. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos da presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse, mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II desta orde.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar a solicitude (anexo I) debidamente cuberta, onde se fagan constar os datos solicitados. Ademais, xunto a esta solicitude deberá presentar:

– Anexo II. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso

– Certificado do Instituto Social da Mariña (ISM) acreditativo de estar en situación de alta no momento da solicitude e durante o período de referencia subvencionable.

– Informe da vida laboral.

– Informe do ISM de percepción dalgunha das seguintes prestacións no período de referencia subvencionable: por incapacidade temporal, por maternidade ou paternidade, por risco durante o embarazo e por risco durante a lactación, no caso de ser aplicable algunha das situacións recollidas no número 3 do artigo 6.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante nomeada para os efectos de presentación da solicitude.

e) NIF da entidade representante nomeada para os efectos de presentación da solicitude.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións obtida da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

j) Informe acreditativo de que a persoa solicitante non ten sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade correspondente da Consellería do Mar.

k) Consulta de que cada persoa solicitante non estea, nin estivese involucrada nos últimos 24 meses, na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40, número 3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008 polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada; nin que tampouco estea, nin estivese nos últimos 12 meses, involucrada na explotación, xestión ou propiedade dun buque que enarbore o pavillón dun país incluído na lista de terceiros países non cooperantes prevista no artigo 33 do citado regulamento.

l) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA.

m) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, que se obterá a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, e deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que a persoa solicitante non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase á persoa interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

n) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

o) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

p) A condición de persoa mariscadora a pé, que se acredita por ser titular dun permiso de explotación para marisqueo a pé, a súa participación nos plans de xestión enumerados no número 2 do artigo 1, así como o feito de non ter autorizada a suspensión temporal deste. Estes requisitos serán verificados pola Consellería do Mar a través dos datos existentes no seus rexistros.

q) A verificación do número de días de actividade extractiva realizados pola persoa no período de parada subvencionable comprobarase da mesma forma sinalada na epígrafe anterior.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Tramitación das solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte e, neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. O Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, se é o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos, e se así non o fixer, darase por desistida da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se, das certificacións obtidas de conformidade co artigo 11, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos dos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola comisión de avaliación.

5. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta da resolución denegatoria que proceda, no cal se indicarán as causas que a motivan.

6. Aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e documentación necesaria continuarán tramitándose de acordo co establecido neste artigo.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

Unha comisión de avaliación valorará os criterios de valoración que servirán de base para determinar a prelación das solicitudes, no caso de que as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias.

I) No que respecta aos criterios xerais de valoración, de acordo co establecido para as compensacións nos criterios de selección aprobados no Programa do FEMPA e, pola natureza da propia axuda, considérase cumprida a puntuación mínima nos criterios xerais e, polo tanto, garantida a elixibilidade dos expedientes aprobados no ámbito desta orde.

II) Seguindo co establecido nos criterios de selección aprobados do Programa operativo do FEMPA, no que respecta aos criterios horizontais ou específicos de valoración, e dado que os xestores poderán elixir calquera dos criterios recollidos neste documento sen circunscribirse aos pesos e obrigacións de cada bloque de criterios, establécese que para esta convocatoria os criterios elixidos e os seus pesos son os seguintes:

a) Actividade marisqueira (que se verificará de oficio a través das notas de venda) da persoa mariscadora solicitante, nos anos 2022 e 2023:

1º. Ata 50 días: 0 puntos.

2º. De 51 a 100 días: 1 punto.

3º. De 101 a 120 días: 2 puntos.

4º. De 121 a 130 días: 3 puntos.

5º. Máis de 130 días: 4 puntos.

b) Dependencia da persoa mariscadora das capturas realizadas co permiso de explotación de marisqueo a pé para recursos xerais:

1º. Se o valor das capturas realizadas co permiso de explotación de marisqueo a pé para recursos xerais é igual ou inferior ao 50 % do valor total das capturas realizadas pola persoa mariscadora, tomando como base os totais agregados no período 2018-2023: 1 punto.

2º. Se o valor das capturas realizadas co permiso de explotación de marisqueo a pé para recursos xerais é superior ao 50 % e igual ou inferior ao 60 % do valor total das capturas realizadas pola persoa mariscadora, tomando como base os totais agregados no período 2018-2023: 2 puntos.

3º. Se o valor das capturas realizadas co permiso de explotación de marisqueo a pé para recursos xerais é superior ao 60 % e igual ou inferior ao 70 % do valor total das capturas realizadas pola persoa mariscadora, tomando como base os totais agregados no período 2018-2023: 3 puntos.

4º. Se o valor das capturas realizadas co permiso de explotación de marisqueo a pé para recursos xerais é superior ao 70 % do valor total das capturas realizadas pola persoa mariscadora, tomando como base os totais agregados no período 2018-2023: 4 puntos.

c) Número de permisos de explotación con que conte a persoa mariscadora:

1º. Se é titular soamente dun permiso de explotación de marisqueo a pé para recursos xerais: 2 puntos.

2º. Se é titular, ademais do establecido no punto 1º, dun permiso de explotación a pé para recursos específicos diferente ás modalidades de percebe e poliquetos: 1 punto.

3º. Se é titular, ademais do establecido no punto 1º, de dous permisos de explotación a pé para recursos específicos diferente ás modalidades de percebe e poliquetos: 0,5 puntos.

4º. Se é titular, ademais do establecido no punto 1º, de máis de dous permisos de explotación a pé para recursos específicos ou que un dos permisos pertenza ás modalidades de percebe ou poliquetos: 0 puntos.

3. A valoración dos criterios establecidos no punto anterior realizarase de acordo coa información relativa aos rexistros de actividade pesqueira, vendas en lonxa ou puntos de venda autorizados e do sistema de xestión dos permisos de explotación para as persoas mariscadoras, que consten en poder da Consellería do Mar.

4. En caso de empate, priorizaranse as persoas mariscadoras de sexo feminino. De persistir o empate na puntuación obtida, este resolverase tendo en conta a cualificación na letra b). De persistir o empate, atenderase á cualificación na letra a) e, de continuar, á da letra c).

III) No caso de que exista crédito suficiente para atender todas as solicitudes da convocatoria, non será necesario realizar a valoración dos criterios de selección específicos.

C) Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a comisión de avaliación formulará a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a comisión de avaliación figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, así como a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde. Ordenaranse os expedientes seleccionados de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A comisión de avaliación, se é o caso, establecerá un lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non obteñan a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma das solicitudes subvencionables non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a valoración individualizada dos criterios horizontais ou específicos de cada expediente.

5. A persoa que ocupe a presidencia da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 14. Comisión de Avaliación

1. Os expedientes serán seleccionados por unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: persoa que ocupe a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: dúas persoas funcionarias designadas pola presidencia, adscritas á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e a persoa titular da Xefatura do Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión, que exercerá como secretario/a.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe a presidencia. No caso de excepcional ausencia do/da presidente/a, actuará como tal o/a secretario/a.

4. A reunión da comisión de selección poderá realizarse presencial ou telematicamente.

5. A comisión poderá requirir a documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. A Comisión de Avaliación reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de resolución ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 15. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

2. Esta resolución non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de catro meses contados desde o día seguinte ao de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación da axuda. Transcorrido ese prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura; os prazos e modo de pagamento da subvención e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se percibe a subvención.

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 15, non é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de seis (6) meses contados, en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren pertinente

Artigo 18. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente doutras subvencións ou axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro aspecto que se considere que afecta un aspecto substancial da resolución de concesión, poderá dar lugar á súa modificación ou revogación.

Artigo 19. Pagamento

1. Tendo en conta que se trata dunha compensación e que as persoas beneficiarias non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda.

2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, relativa ao correcto cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

3. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

O órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as citadas certificacións no caso de que caducase a validez das certificacións presentadas coa solicitude.

4. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 20. Extinción das axudas

O dereito ás axudas obxecto desta orde extinguirase:

a) Por iniciar actividades laborais por conta propia ou allea durante o período da parada subvencionable.

b) Por iniciárense os efectos económicos das prestacións da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo, coa excepción das prestacións de incapacidade temporal, de maternidade e paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación, caso e que o tempo que perciban estas prestacións será descontado do dereito a percibir a axuda.

Artigo 21. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre algún dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderán anularse os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infraccións ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos anteriores artigos, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 25. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establecen o Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004; o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; o Real decreto 1173/2015, do 29 de decembro, modificado polo Real decreto 528/2022, do 5 de xullo, e polo Real decreto 1013/2023, do 5 de decembro; o documento de criterios de selección para a concesión de axudas no marco do Programa nacional do FEMPA, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file