DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 9 de agosto de 2024 Páx. 46033

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 31 de xullo de 2024 pola que se aproban as táboas de avaliación documental de determinadas series documentais do patrimonio documental de Galicia e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, determina no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.

Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establece a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia, e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, custodia e acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.

A Lei de arquivos e documentos establece que non se poderá eliminar ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento a seguir na avaliación para a selección de documentos.

No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Aprobadas, de ser o caso, as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.

Así mesmo, mediante a Resolución do 18 de abril de 2017, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se aproban e se fan públicos os criterios de avaliación para a selección, transferencia de custodia e acceso aos documentos, así como o formulario normalizado para a elaboración dos estudos de identificación e avaliación de series documentais propostos polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 15 de marzo de 2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio), con carácter xeral, no ámbito da Administración autonómica, os documentos anteriores ao ano 1990 considéranse de conservación permanente e, polo tanto, non serán eliminados.

De acordo con esta normativa e procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia que, na súa sesión do 5 de xullo de 2024, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

RESOLVO:

Primeiro

Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta resolución e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 5 de xullo de 2024:

• AA6313 Expedientes de avaliación das bolsas e axudas do Ministerio de Educación ao estudo nos niveis non universitarios.

• AA6274 Acceso, admisión e matrícula de alumnado en centros educativos sostidos con fondos públicos.

• AA6310 Rexistros de entrada e saída de documentos.

Segundo

Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2024

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO

Extractos das táboas de avaliación de series documentais

– Táboa: T0119.

Código da serie: AA6313.

Denominación: expedientes de avaliación das bolsas e axudas do Ministerio de Educación ao estudo nos niveis non universitarios.

Procedencia: Educación. Educación non universitaria.

Datas extremas da serie: 1983-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1983-2024.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 5 de xullo de 2024.

Acceso restrinxido. 50 anos.

Transferencias:

• Ao arquivo central aos 2 anos da finalización do expediente.

• Ao arquivo intermedio aos 2 anos de finalización do expediente.

• Arquivo histórico aos 5 anos da finalización do expediente.

Selección: eliminación parcial aos 5 anos da finalización do expediente.

– Táboa: T0120.

Código da serie: AA6274.

Denominación: acceso, admisión e matrícula de alumnado en centros educativos sostidos con fondos públicos.

Procedencia: Educación. Educación non universitaria.

Datas extremas da serie: 1982-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1982-2024.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 5 de xullo de 2024.

Acceso restrinxido. 30 anos.

Transferencias:

• Ao arquivo central aos 5 anos da finalización do curso académico.

• Ao arquivo intermedio aos 15 anos da finalización do curso académico.

• Arquivo histórico aos 25 anos da finalización do curso académico.

Selección: eliminación total ao ano de finalizar o período de matrícula.

– Táboa: T0121.

Código da serie: AA6310.

Denominación: rexistros de entrada e saída de documentos.

Procedencia: Xunta de Galicia. Transversal.

Datas extremas da serie: 1982-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1982-2024.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 5 de xullo de 2024.

Acceso restrinxido. 30 anos.

Transferencias:

• Ao arquivo central ao ano desde o dilixenciado do seu peche ou ao remate do ano natural.

• Ao arquivo intermedio aos 5 anos desde o dilixenciado do seu peche ou ao remate do ano natural.

• Ao arquivo histórico aos 15 anos desde o dilixenciado do seu peche ou ao remate do ano natural.

Selección: conservación permanente.