DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 2 de agosto de 2024 Páx. 45244

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se publica o acordo sobre as condicións de traballo do persoal funcionario do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), asinado o 22 de xullo de 2024 entre a Administración pública e as organizacións sindicais.

Tras a aprobación do Consello da Xunta de Galicia, o 22 de xullo de 2024 asinouse o acordo sobre as condicións de traballo do persoal funcionario do SPIF, entre a Administración pública e as organizacións sindicais.

Polo exposto,

RESOLVO:

Publicar o acordo sobre as condicións de traballo do persoal funcionario do SPIF que se xunta como anexo.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural

ANEXO

Acordo das condicións de traballo do persoal funcionario do SPIF

1. Ámbito de aplicación.

Este acordo aplícaselle a todo o persoal que ocupe postos clasificados de funcionario nas relacións de postos de traballo da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, con independencia de que o seu vínculo sexa de persoal funcionario ou de persoal laboral, e que preste os seus servizos en réxime de quendas nos diferentes centros de traballo adscritos á dirección xeral competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais.

Queda excluído deste acordo o persoal que ocupe postos da escala de axentes facultativos ambientais e axentes forestais, o persoal técnico e calquera outro persoal que conte con regulación propia.

2. Xornadas e quendas.

A xornada de traballo do persoal será en cómputo anual; o traballo realizarase en quendas rotatorias entre as 0.00 e as 24.00 horas.

As quendas de traballo, con carácter xeral, serán de 7 días de traballo efectivo, cada dúas semanas, coa seguinte secuencia rotatoria:

– Luns-mércores-sábado-domingo.

– Martes-xoves-venres.

A xornada de traballo establécese en quendas de 10 horas de prestación efectiva do servizo, sen prolongacións, salvo as reguladas no punto 5 do presente acordo, referidas a incendios de situación operativa nivel 2, de conformidade co disposto no Pladiga. O persoal que preste servizo en quendas que comprendan integramente os períodos comprendidos das 13.00 ás 15.00 horas e das 21.00 ás 23:00 horas terá dereito a dispoñer dunha hora en cada un deses períodos para xantar ou cear, sempre e cando a xornada de traballo se inicie ou finalice unha hora antes ou despois dos mencionados períodos e non resulte desatendido o servizo. Para facilitar este dereito procurarase establecer as quendas que procedan.

As quendas de fin de semana realizaranse en fins de semana alternas.

Establecerase un cuadrante único, que será elaborado pola dirección xeral competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais e de obrigada aplicación na totalidade dos centros de traballo en que se realice o traballo a quendas.

As persoas traballadoras poderán realizar cambios de quendas sempre con autorización expresa do órgano xerarquicamente competente.

A concreción das bandas horarias que deban fixarse en aplicación do presente acordo estudaranse no seo da Comisión de Seguimento regulada no punto 11 do presente acordo.

No seo da dita comisión poderán proporse adaptacións concretas, distintas das bandas horarias que se establezan con carácter xeral, naqueles centros de traballo que polas súas especiais características ou condicións así o aconsellen. O cuadrante único e as carteleiras por parte dos distintos centros deberán estar rematados antes do mes de decembro de cada ano e darase conta deles á Comisión de Seguimento.

3. Servizos máximos.

O número máximo de xornadas de noite en cómputo anual será o resultante da aplicación das cláusulas deste acordo relativas a xornada de traballo, horario e quendas.

As quendas de prestación efectiva de servizos en día festivo non superarán o número de 8 ao ano por traballador/a.

Para estes efectos, terán a consideración de festivos os días 24 e 31 de decembro.

O número máximo de quendas en fin de semana non poderá superar as 26 quendas de prestación efectiva do servizo.

Debe respectarse a xornada anual máxima que estableza a Xunta de Galicia para o persoal a quendas.

4. Descanso.

Garántese que entre a finalización dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán, como mínimo, doce horas.

O persoal terá dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos.

Para este persoal consideraranse hábiles os días en que o/a traballador/a teña asignada unha quenda de traballo (quendas de mañá, tarde ou noite) nas táboas ou cadros horarios.

Establécese unha compensación con descanso, derivada do exceso de xornada anual, de 5 días de traballo efectivo, que serán desfrutados por parte do traballador de conformidade co punto décimo deste acordo.

5. Prolongacións da xornada.

Se por necesidades de servizo é necesario prolongar a xornada de traballo en caso de incendios de situación operativa 2, de conformidade co disposto no Pladiga, os efectivos mobilizados para atender a dita situación seguirán prestando continuadamente o servizo ata un máximo de 2 horas.

Cada hora prolongada compensarase con gratificacións por servizos extraordinarios, de acordo co establecido na normativa vixente.

6. Traballo en domingos ou festivos.

Por cada grupo de dous domingos e/ou festivos efectivamente traballados terase dereito a unha compensación económica de 160 € para o persoal que ocupe postos do subgrupo C1 ou B e 140 € para o persoal que ocupe postos do subgrupo C2.

A partir do ano 2025 estas cantidades incrementaranse a 180 € para o persoal do subgrupo C1 e B e 160 € para o persoal que ocupe postos do subgrupo C2.

Esta cantidade aboarase progresivamente ao longo dos tres próximos exercicios nas seguintes porcentaxes:

– Ano 2024: 50 %.

– Ano 2025: 75 %.

– Ano 2026: 100 %.

Esta compensación reflectirase na nómina no concepto de complemento de produtividade.

Posteriormente, a partir do ano 2027, estas cantidades terán os incrementos xerais establecidos nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma.

7. Compensación por traballos en quendas nocturnas.

Mentres non se regula a percepción do complemento de nocturnidade, garántese que o persoal funcionario non terá unha retribución inferior á que lle correspondería de ser persoal laboral do Convenio colectivo único de persoal laboral da Xunta de Galicia.

8. Brigadas helitransportadas.

As bandas horarias que se establezan para o persoal que ocupe postos de brigadas helitransportadas fixarase en función do orto e do ocaso.

9. Superación de probas de aptitude nos procesos de acceso.

Para poder ser nomeado persoal funcionario interino dos corpos e escalas vinculados ao Servizo de Prevención de Incendios Forestais o persoal debe superar as seguintes probas de aptitude física:

Field Test, o persoal das escalas de:

• B.F Xefe de brigada.

• B.F condutor de motobomba.

• Bombeiro forestal.

– Proba visual, o persoal da escala de:

• Vixilante-emisorista.

10. Vacacións anuais.

O persoal ao cal lle resulte de aplicación este acordo terá dereito a unhas vacacións anuais retribuídas dunha duración de 22 días hábiles por ano completo de servizos, ou dos días que correspondan proporcionalmente se o tempo de servizos efectivos durante o ano fose menor.

O número total de días de vacacións incrementarase cos fixados na normativa xeral por antigüidade, de ser o caso.

Os días adicionais de descanso por exceso de xornada previstos no artigo 4 deberán acumularse ás vacacións que correspondan a cada traballador.

As vacacións desfrutaranse nos días en que teña asignada unha quenda de traballo efectivo.

O desfrute das vacacións estará condicionado ás necesidades do servizo e poderanse desfrutar ao longo de calquera época do ano. A súa denegación deberá ser motivada.

Como mínimo, as vacacións deberán desfrutarse sempre en períodos de 7 días consecutivos de traballo efectivo (dúas semanas seguidas).

Non obstante, sempre que as necesidades de servizo o permitan, poderase solicitar o desfrute independente de ata 6 días hábiles por ano natural.

11. Comisión de Seguimento do acordo.

Coa sinatura do presente acordo constituirase unha comisión para o exame e resolución de cantas cuestións deriven da súa interpretación, seguimento e aplicación.

A comisión estará integrada por dous membros titulares en representación de cada organización sindical asinante das que forman parte da Mesa Xeral de Empregados Públicos e igual número de membros por parte da Administración.

A comisión estará presidida pola persoa representante da Consellería do Medio Rural, e terá a condición de vogal un representante da dirección xeral con competencias en materia de función pública. Poderá asistir á comisión un/unha asesor/a con voz e sen voto proposto/a por calquera das partes.

Para o mellor funcionamento desta comisión nomearase unha persoa secretaria, que redactará e custodiará as actas das reunións á vez que canalizará a relación entre ambas as partes en cantos aspectos deriven do seu funcionamento.

Nesta comisión abordaranse, entre outras, as seguintes cuestións:

Estudo e proposta de concreción das bandas horarias resultantes da aplicación do presente acordo, de conformidade co punto 2.

Estudo das carteleiras do persoal cando se produza unha descompensación entre elas coa finalidade de facer propostas e establecer criterios para que estas sexan homoxéneas e equilibradas, así como as adaptacións concretas, distintas das bandas horarias que se establezan con carácter xeral, naqueles centros de traballo que polas súas especiais características ou condicións así o aconsellen.

Propostas para a realización dun plan anual de mellora de instalacións.

Análise das posibles incidencias en vacacións e licenzas que, como consecuencia da aplicación deste acordo, poidan afectar o servizo.

Formular propostas en materia de formación e seguridade e elevalas aos órganos correspondentes para a súa aprobación.

Estudo, análise e elaboración de propostas sobre mobilidade xeográfica que poida necesitar o servizo.

Calquera outra cuestión relacionada con este acordo.

12. Plan formativo.

Elaborarase a proposta de plan formativo da consellería para este persoal, que será impartido pola EGAP ou Agasp ou homologado por elas. Este plan deberá ser comunicado á Comisión de Seguimento antes do 31 de outubro de cada ano.

13. Vixencia e aplicación do acordo.

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026 e prorrogarase anualmente, salvo denuncia deste por algunha das partes asinantes cunha antelación mínima de seis meses á da data de vencemento do prazo inicial ou de calquera das súas prórrogas.

A Consellería do Medio Rural realizará as modificacións e actuacións necesarias para que as novas carteleiras derivadas deste acordo entren en vigor o 1 de maio de 2024.

Coa entrada en vigor deste documento manteranse as condicións do persoal existentes en todo aquilo que non contradiga o disposto neste acordo. Déixanse sen efecto todos aqueles acordos, convenios ou pactos que contradigan o disposto neste instrumento.

Disposición adicional única. Condicións de traballo do persoal que ocupa postos de natureza fixa-descontinua no Servizo de Prevención de Incendios Forestais.

Ao persoal laboral fixo-descontinuo que preste servizos no Servizo de Prevención de Incendios Forestais seguiránselle aplicando as condicións de traballo establecidas no V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Porén, tras a sinatura deste acordo iniciaranse negociacións para adecuar a aplicación das condicións específicas de traballo fixadas neste acordo ao réxime xurídico do persoal descontinuo do Servizo de Prevención de Incendios Forestais.