DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 31 de xullo de 2024 Páx. 44993

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2024 pola que se acorda a modificación da Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se delegan competencias en determinados órganos universitarios.

A descentralización é un proceso de transferencia organizada e ordenada da delegación da xestión en favor de órganos con atribucións e capacidades suficientes para administrar recursos na busca de mellorar a eficiencia e a calidade dos servizos da institución.

No contexto actual, hai que ter en conta que a investigación vai demandando unha descentralización da súa xestión, que se concreta en dous obxectivos fundamentais:

– Ser un factor estratéxico para o desenvolvemento da investigación.

– Acadar unha mellor calidade na xestión de medios e recursos.

Evidentemente, a dita descentralización soamente cabe en estruturas/unidades/centros onde quede manifestada a capacidade de asunción da dita competencia, como ocorre cos centros da rede de investigación do Sistema universitario de Galicia.

Os centros de investigación do Sistema universitario de Galicia (CIGUS) están promovidos pola Xunta de Galicia co obxectivo de fortalecer a investigación de excelencia. Estes foron recoñecidos pola calidade e o impacto da súa investigación, ao seren referentes dentro do sistema de investigación universitario galego, e están enfocados en acadar unha estrutura de I+D+i máis forte e competitiva, que atraia talento e, de xeito paralelo, mellore a posición das universidades nas clasificacións internacionais.

Os recentes informes de avaliación institucional dos centros da Rede de Centros de Investigación de Galicia, emitidos pola Xunta de Galicia, insisten na necesidade de dotalos de máis autonomía para acadar unha óptima toma de decisións respecto ás necesidades do seu ámbito.

Por outra banda, hai que destacar que, desde o ano 2021 ata o mes de abril do ano 2024, a USC convocou un total de 2.087 prazas de persoal investigador e técnico de apoio á investigación, polo sistema de convocatorias ordinarias, urxentes e de preselección de conformidade co Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i da USC, das cales o 59,66 % eran para prestar servizos en actividades de investigación da rede CIGUS (que abarca a CIMUS, CIQUS, CITUS, Cretus, IGFAE) e Ibader.

Cómpre así comezar coa descentralización das convocatorias de selección de persoal investigador e técnico de apoio á investigación en favor da Dirección dos centros mencionados, dado que existe masa crítica suficiente conforme os datos mencionados ut supra.

Polo indicado anteriormente, esta reitoría, no uso das atribucións conferidas polos artigos 50 da Lei orgánica do sistema universitario, 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público,

RESOLVE:

Engadir unha nova epígrafe II bis na Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se delegan competencias en determinados órganos universitarios, que queda redactado nos seguintes termos:

«II bis. Delegación en favor doutros órganos.

Décimo terceiro bis. Delegación en materia de selección de persoal para actividades e proxectos de I+D+i

Delégase na dirección dos seguintes centros e institutos de investigación a realización de convocatorias públicas de selección de persoal para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i mediante contrato de duración non permanente e o nomeamento das súas comisións de selección, en coordinación coa Xerencia:

– Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (Cretus).

– Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS).

– Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS).

– Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CITIUS).

– Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).

– Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución terá vixencia desde o día seguinte á data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela