DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 29 de xullo de 2024 Páx. 44604

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 16 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2024 (código de procedemento BS508E).

missing image file

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten, entre outras competencias, as políticas de xuventude e voluntariado, de conformidade co disposto no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).

Segundo o artigo 17 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, de xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Para o desenvolvemento das ditas funcións, conta como órgano de apoio co Servizo de Voluntariado e Participación, ao cal lle corresponde, entre outras funcións, xestionar os proxectos europeos de política social en relación coas áreas de voluntariado en Galicia.

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada pola COVID-19.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello acadaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, e creouse o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a el e alcanzar os obxectivos establecidos e serán presentados formalmente polos Estados, como moi tarde o 30 de abril.

En virtude da Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se deberán seguir no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación, as medidas que recolle o plan cumpren cos seis alicerces establecidos polo Regulamento da UE e articúlanse ao redor de catro eixes principais a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca, que integran, pola súa vez, 30 compoñentes ou liñas de acción, para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do plan.

A actuación que se vai desenvolver está amparada no proxecto número 6 (proxectos de innovación dos servizos sociais) incluído no anexo I do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia, asinado o 27 de agosto de 2021 e publicado no Boletín Oficial del Estado nº 230, do 25 de setembro, mediante a Resolución do 11 de setembro de 2021 da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, para a execución de proxectos con cargo aos fondos europeos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia (MRR). Esta actuación encaixa na liña de investimento I2 (Plan de modernización dos servizos sociais: Transformación tecnolóxica, innovación, formación e reforzo da atención á infancia) da compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión, do dito Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Neste escenario, a Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da competencia que ten atribuída en materia de servizos sociais, presenta unha serie de proxectos que se axustan aos requisitos exixidos polo dito compoñente 22, Plan de choque para a economía de coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión, do plan, coa finalidade de mellorar os equipamentos para coidados de longa duración, modernizar os seus servizos sociais e establecer proxectos piloto de innovación en servizos sociais.

Do mesmo xeito que no exercicio económico anterior, a presente orde enmárcase no eixe 3. Cohesión social e territorial, política panca VIII, nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, onde se atopa a compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión. O obxectivo principal desta compoñente é a modernización e reforzo do conxunto dos servizos sociais, con especial atención ao modelo de coidados de longa duración, promovendo a innovación e un modelo de atención centrada na persoa e impulsando a desinstitucionalización.

Esta orde establece as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública do procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para o financiamento do proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2024.

Con estas subvencións financiarase o desenvolvemento de proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural, integrados no dito proxecto piloto Talento interxeracional, cuxa finalidade é aproveitar o talento e a experiencia das persoas maiores voluntarias implicadas para contribuír á modificación da estrutura poboacional, tratando de aumentar a taxa de poboación nas zonas rurais, ofrecendo oportunidades vitais axeitadas ás necesidades reais do medio rural e para mellorar as condicións de vida e os servizos sociais e asistenciais de proximidade mediante un modelo planificado de recuperación económica onde se poidan desenvolver proxectos vitais con certas garantías de futuro e permanencia coa axuda da tecnoloxía e da innovación.

Neste marco fomentaranse iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural coa instauración de modelos de intervención axeitados á realidade social e económica da zona onde se leven a cabo.

A finalidade do proxecto, por unha banda, é recoñecer as posibilidades que ofrece o medio rural e amosar á xuventude as oportunidades de futuro que pode achegar tanto a nivel individual como social e, por outra banda, recoñecer a experiencia das persoas maiores en diferentes eidos produtivos, así como captar as súas necesidades asistenciais, culturais ou vitais máis inmediatas en función das súas preferencias e desexos.

O proxecto contribúe á consecución dos obxectivos ambientais asumidos pola Unión Europea e por España (a través do seu Plan nacional integrado de enerxía e clima-PNIEC). En particular, as reformas e investimento propostas contribúen nun 100 % ao obxectivo de integración do clima e nun 40 %, ao obxectivo ambiental, segundo define o ámbito de intervención 026. Renovación da eficiencia enerxética das infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio do anexo I do Regulamento 375/2018. Ademais, o proxecto respecta o principio de «non facer dano significativo» de acordo coa normativa europea recollida nos artigos 3, letra b), e 17 do Regulamento sobre taxonomía da UE.

Así mesmo, de cara a respectar os coeficientes establecidos pola Comisión Europea a través da etiquetaxe dixital e, en consonancia co campo de intervención 3-108: apoio ao desenvolvemento das capacidades dixitais, enmarcado no Anexo VII do Regulamento (UE) nº 2021/241 polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, o 20 % do orzamento do programa destínase á transición dixital, tendo como unha das liñas de actuación o deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.

De acordo co anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades de acción voluntaria, tanto ás de carácter asociativo como ás que teñan o carácter de entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia, inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, para o financiamento da elaboración e execución de proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional.

As actividades que se van subvencionar serán aquelas baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que poidan servir como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional e que estean comprendidos nas liñas especificadas no artigo 6, que permitan achegar novas oportunidades de emprego e asentamento poboacional ao territorio e que garantan, en todo caso, a consecución dos obxectivos marcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia dentro das políticas panca da nova economía dos coidados e políticas de emprego e, de xeito transversal, da axenda urbana e rural, da loita contra o despoboamento e desenvolvemento da agricultura, e realizar a súa convocatoria para o ano 2024.

A execución dos proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural terá lugar desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2024.

2. Con estas subvencións financiarase o desenvolvemento dos ditos proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural, integrados no proxecto piloto Talento interxeracional, cuxa finalidade é aproveitar o talento e a experiencia das persoas maiores voluntarias implicadas para contribuír á modificación da estrutura poboacional, tratando de aumentar a taxa de poboación nas zonas rurais, ofrecendo oportunidades vitais axeitadas ás necesidades reais do medio rural e para mellorar as condicións de vida e os servizos sociais e asistenciais de proximidade mediante un modelo planificado de recuperación económica onde se poidan desenvolver proxectos vitais con certas garantías de futuro e permanencia coa axuda da tecnoloxía e da innovación.

Neste marco fomentaranse os proxectos de voluntariado coa participación de persoas maiores con experiencia e a través de grupos interxeracionais para a posta en marcha de iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural coa instauración de modelos de intervención axeitados á realidade social e económica da zona onde se leven a cabo.

A finalidade do proxecto é recoñecer as posibilidades que ofrece o medio rural e mostrarlle á xuventude as oportunidades de futuro que pode achegar tanto a nivel individual como social e, por outra banda, recoñecer a experiencia das persoas maiores en diferentes eidos produtivos así como captar as súas necesidades asistenciais, culturais ou vitais máis inmediatas en función das súas preferencias e desexos.

3. O código de procedemento é BS508E.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. A presente convocatoria enmárcase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021, e polo Consello de Europa o 16 de xuño de 2021, e desenvolverase de conformidade coas bases reguladas pola presente orde en réxime de concorrencia competitiva.

2. Para o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes disposicións e actos:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

i) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia do 10 de decembro de 2021.

k) Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) de España e anexo, aprobado polo Consello de Europa mediante a Decisión do 16 de xuño de 2021.

l) Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

m) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

n) Regulamento (UE) nº 2020/2094, do 14 de decembro, polo que se establece un instrumento de Recuperación da UE para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

ñ) Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR).

o) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR.

p) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establecen o procedemento e o formato da información que deberán proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

q) Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

r) Regulamento (UE Euratom) nº 2018/1046, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

s) Regulamento (UE, Euratom) nº 2020/2093 do Consello, do 17 de decembro, polo que se establece o marco financeiro plurianual para o período 2021-2027.

t) Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (C/2023/111).

u) Demais normativa que lle sexa de aplicación.

Artigo 3. Requisitos para adquirir a condición de entidade beneficiaria

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que a seguir se relacionan:

a) As entidades locais ou agrupacións delas que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e que desenvolvan proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional, a que se fai referencia no artigo 1.

Para os efectos desta orde, considéranse entidades locais de carácter rural aqueles concellos que contan con algunha zona, a nivel de parroquia, con baixa densidade de poboación (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística GU2016 (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Teñen a consideración de entidades locais de carácter rural todos os concellos galegos, agás os concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

b) As entidades de acción voluntaria de carácter asociativo que desenvolvan proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional a que se fai referencia no artigo 1.

Estas deberán desenvolver os ditos proxectos en calquera dos concellos galegos que teñan a consideración de entidade local de carácter rural consonte o disposto na letra a), sen necesidade de que a súa actividade principal ou sede social radique nalgún deles.

2. Serán requisitos das entidades beneficiarias:

a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Especificamente, as entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. No caso de agrupación, asociación, mancomunidade de municipios ou calquera outra similar, todas e cada unha das entidades locais que as forman, deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

En calquera caso, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada, solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

e) Ter cumprida a obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no caso das entidades locais.

3. Pola contra, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Para teren a consideración de subvencionables, os proxectos deberanse desenvolver coa participación de persoas voluntarias a través de grupos interxeracionais, que estarán integrados por un sistema de parellas. A parella estará formada por una persoa voluntaria de 55 anos ou máis e unha persoa voluntaria de 16 a 35 anos, sen prexuízo de integrar outras idades ata os 54 anos. A persoa voluntaria de 55 anos ou máis encargarase de titorizar a persoa voluntaria de 16 a 35 anos coa que forma o grupo interxeracional.

Ademais, as actuacións teñen que ir dirixidas a un ou varios dos seguintes obxectivos no ámbito territorial definido por concellos de carácter rural:

a) Deseño e estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa.

b) Recuperación e/ou anovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona.

c) Impulso de novas iniciativas locais en materia de produción de produtos agroalimentarios de calidade e sostibles de cara á súa proxección no mercado.

d) Recoñecemento e posta en valor da riqueza ambiental, patrimonial ou turística da zona coas súas fortalezas e debilidades.

e) Deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.

2. Ademais do indicado no número anterior, para ter a consideración de subvencionables os proxectos non poden ser iguais aos presentados pola mesma entidade, no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado, e deberán desenvolverse integramente no ámbito territorial de entidades locais de carácter rural, entendendo por tales as que se indican no artigo 3.

3. Igualmente, para ter a consideración de subvencionables, os proxectos deberán contar cun mínimo de 4 persoas voluntarias e, de ser o seu número superior, a subvención prevista nesta orde só abranguerá 14 das persoas voluntarias que participen no proxecto, sen prexuízo do disposto no número 4.

A participación de cada persoa voluntaria vai estar comprendida entre os 15 e os 60 días, sempre e cando non se superen as 6 horas diarias.

4. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local de xeito conxunto baixo as fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Nestes casos, poderanse subvencionar proxectos coa participación de ata un máximo de 42 persoas voluntarias e un mínimo de 12 por proxecto. A participación de cada persoa voluntaria vai estar comprendida entre os 15 e os 60 días.

5 Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias ten que abandonar a súa participación no proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, consonte o indicado no número 1. A cada unha delas aboaránselle os gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable, de acordo co artigo 8.g).

Artigo 5. Natureza e obxectivos dos proxectos subvencionables

O proxecto técnico terá unha base eminentemente social que contribúa, por unha banda, ao recoñecemento do valor intrínseco da acción voluntaria e á súa proxección nesta intervención, así como ao enriquecemento persoal das persoas voluntarias, tanto novas coma maiores a través da vivencia e o intercambio de talento, experiencias vitais e de coñecemento, de maneira que se fomente unha convivencia respectuosa e solidaria entre as persoas participantes, unha actitude participativa, a equidade de xénero, os hábitos de vida saudables e un comportamento responsable co medio rural e natural.

Por outra banda, o proxecto orientarase á consecución dos obxectivos especificados no artigo 4.1, con base na realidade social estudada, mediante a posta en práctica de iniciativas emprendedoras viables na comunidade, tendo en conta as necesidades detectadas e enfocadas a gañar asentamento poboacional no medio rural.

Artigo 6. Liñas obxecto de subvención

1. Son liñas subvencionables, polo que nelas se deberán desenvolver os proxectos que se presenten, as seguintes:

a) Liña 1. Coidados: proxectos orientados á identificación de situacións e necesidades de coidados, baseadas en casos reais detectados na zona, e enfocados ao acompañamento ou apoio no fogar de persoas autónomas pero que precisen coidados ou apoios puntuais en determinados períodos de tempo, coa finalidade de promover bolsas de emprego con persoas con formación e capacitación para atender as solicitudes detectadas na zona.

b) Liña 2. Agroalimentaria: proxectos orientados a promover cultivos ecolóxicos e sustentables baseados na economía tradicional da zona e/ou impulso de novas iniciativas con posibilidades de proxección no mercado en transición cunha economía circular e sostible.

c) Liña 3. Protección do ambiente: proxectos orientados á protección e/ou recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas e visualización de zonas especialmente vulnerables desde o punto de vista ambiental.

d) Liña 4. Turística: proxectos orientados á promoción do turismo rural e localización de potenciais zonas ou edificacións susceptibles de aproveitamento para esta finalidade.

e) Liña 5. Cohesión tecnolóxica e dixital: proxectos orientados ao deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.

2. Cada unha das liñas debe contar cun grupo interxeracional consonte o establecido no artigo 4.

3. Cada proxecto ten que encadrarse, como máximo, en tres liñas das indicadas anteriormente, e deberá indicarse a porcentaxe que se lle aplica a cada liña en relación co total do proxecto, nos termos establecidos no artigo 7.

Artigo 7. Orzamento

1. O financiamento destes proxectos efectuarase con cargo ao crédito consignado no orzamento de gastos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por un importe total de setecentos sesenta e un mil trescentos trinta e un euros con vinte céntimos (761.331,20 €), que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 43.05.312F.460.0, para as actuacións subvencionables que desenvolvan as entidades locais, e 43.05.312F.481.0, para as que desenvolvan as entidades de acción voluntaria de carácter asociativo, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución por aplicación:

Aplicación orzamentaria

Código do proxecto

Orzamento

43.05.312F.481.0

2022 00112

380.665,60 €

43.05.312F.460.0

2022 00112

380.665,60 €

Total

761.331,20 €

Da contía prevista para entidades locais, resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas por fusións de municipios, agrupacións, asociacións, mancomunidades de concellos ou calquera outra similar.

2. As subvencións previstas nesta orde financiaranse con cargo aos recursos financeiros derivados do Instrumento europeo de recuperación (Next Generation EU), a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e quedan englobadas dentro da compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de inclusión, na liña de investimento C22.I2, Proxecto número 6 de innovación en materia de servizos sociais.

3. Así mesmo, no marco do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, o convenio de colaboración entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia no cal se acordan os proxectos, fitos e obxectivos establece o financiamento para cada un deles: proxecto número 6 denominado Proxectos de innovación dos servizos sociais, liña de investimento I2.

4. As contías previstas no número 1 distribúense de xeito porcentual entre os diferentes proxectos consonte as seguintes porcentaxes:

a) Liña 1. Coidados: 20 %.

b) Liña 2. Agroalimentaria: 20 %.

c) Liña 3. Protección do medio ambiente: 20 %.

d) Liña 4. Turística: 20 %.

e) Liña 5. Cohesión tecnolóxica e dixital: 20 %.

Non obstante, os importes que non se cubrisen nalgunha das anteriores liñas, tendo en conta as solicitudes presentadas, incrementaranse no resto de liñas de forma proporcional. Finalmente, os remanentes que puideren resultar logo de tomar en consideración os proxectos beneficiarios das axudas en cada unha das liñas agregaranse e asignaranse pola orde de liñas indicadas a aqueles proxectos que non superen o dito importe.

5. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderase ampliar de xeito excepcional a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que procede.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

6. Por outra banda, estas axudas non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias e o obxecto da orde, entidades de acción voluntaria, tanto de carácter asociativo como entidades locais, que elaboren e executen proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural.

Artigo 8. Gastos subvencionables

Para os efectos desta orde, terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos de deseño, elaboración e/ou redacción do proxecto, así como o diagnóstico e a identificación de oportunidades.

b) Os gastos derivados da formación e capacitación, tanto do persoal da entidade de acción voluntaria como das persoas interesadas, mediante a correspondente convocatoria de cursos, xornadas ou talleres de sensibilización e difusión dos contidos dos proxectos e os seus obxectivos.

c) Os gastos ocasionados como consecuencia de viaxes, aloxamento e axudas de custo motivados por reunións de traballo ou formación, que non poderán superar o 10 % do custo do proxecto.

d) Os gastos das retribucións de carácter extraordinario vinculadas a traballos relacionados coas letras anteriores que realice o persoal propio da entidade local como funcións adicionais ás propias do seu cargo, de conformidade coa normativa de persoal de cada entidade local, así como os gastos das entidades asociativas que sexan asimilables a este concepto.

e) Os gastos derivados da creación, establecemento, desenvolvemento de modelos efectivos e viables consonte as directrices e obxectivos requiridos nesta convocatoria e no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

f) Os gastos de material funxible non inventariable, necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

g) Os gastos das persoas voluntarias que conforman o grupo interxeracional en que incorran no marco da execución do proxecto. A entidade fará entrega de 6 euros diarios a cada persoa voluntaria participante no proxecto para cubrir os custos de desprazamento e mantenza. Para xerar dereito ás ditas contías, as persoas voluntarias deberán acreditar mediante o correspondente acordo a súa colaboración voluntaria durante xornadas de 6 horas diarias. Se a xornada diaria é inferior ás 6 horas, sumaranse as horas diarias ata completar unha xornada de 6 horas. Non se computarán os decimais nin os minutos.

h) Os gastos da póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias.

Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Presentarase unha única solicitude por entidade. No caso de que algunha entidade presentase máis dunha solicitude, entenderase que desiste da presentada en primeiro lugar agás que aquela xa estivese resolta.

4. As entidades locais poderán presentar as solicitudes de xeito individual ou de xeito conxunto. As entidades locais que presenten unha solicitude en agrupación con outras non poderán presentar outra solicitude a título individual ao abeiro desta orde.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de», seguida da identificación das entidades de que se trate. Neste caso, deberá indicarse de xeito expreso na solicitude cal destas entidades se debe considerar como representante ou á cal deben dirixirse as actuacións administrativas. Considerarase como tal, en ausencia de designación expresa, a entidade local que figure en primeiro lugar.

5. As solicitudes (anexo I) serán subscritas de xeito directo polas persoas que desempeñen a súa representación.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, correctamente asinada pola persoa que desempeña a súa representación:

a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade, coa súa denominación/ nome, obxectivos, a identificación de problemas para resolver e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha das persoas voluntarias e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades.

b) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación da persoa secretaria sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir a entidade local.

c) No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

d) Anexo II: declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI).

e) Anexo III: declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

f) Anexo IV: declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

2. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. De xeito excepcional, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos de maneira separada da solicitude, deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no artigo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse de xeito automático os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. De xeito excepcional, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Para a comprobación do cumprimento do requisito establecido no artigo 3.2.e), consultaranse os datos de rendición das contas xerais das entidades locais de Galicia publicados polo Consello de Contas na súa páxina web oficial.

Artigo 12. Requirimento de emenda

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da notificación no Diario Oficial de Galicia, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

A dirección xeral competente en materia de voluntariado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá requirirlle á entidade solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao servizo competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral competente en materia de voluntariado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

2. O órgano instrutor poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación das solicitudes.

3. Revisada a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, o citado órgano:

a) Formulará as correspondentes propostas de resolución de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia respecto dos expedientes en que concorran causas para isto.

b) Remitirlle á Comisión de Valoración aqueles expedientes respecto dos cales se verificase a presentación da documentación en prazo e forma e co cumprimento de requisitos previos.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas para a súa valoración de conformidade cos criterios preferenciais por unha Comisión de Valoración, coa seguinte composición:

a) A presidencia, que será exercida pola persoa titular da xefatura de Sección de Formación do Voluntariado.

b) Os vogais que serán dúas persoas funcionarias da dirección xeral competente en materia de voluntariado.

2. A secretaría da Comisión de Valoración será asumida por unha persoa funcionaria do servizo competente en materia de voluntariado, que participará con voz pero sen voto.

3. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado nomeará as persoas que formarán parte da Comisión de Valoración procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. No caso de ausencia de calquera das persoas que compoñen a Comisión de Valoración, ou da persoa que asuma a secretaría, estas serán substituídas, conforme os mesmos criterios de elección recollidos neste artigo, polas persoas que designe o órgano competente para o nomeamento daquelas.

5. A Comisión, como órgano administrativo colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

6. Correspóndelle á Comisión de Valoración a avaliación das solicitudes consonte os criterios que se fixan no artigo 16, logo do que emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade. Do dito informe daráselle traslado ao órgano instrutor para que propoña a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos para a admisión, a Comisión valorará as solicitudes de conformidade cos seguintes criterios e puntuacións:

a) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións, asociacións, mancomunidades de concellos ou calquera outra similar, así como fusións municipais:

1º. Agrupación de municipios:

1º.1. Presentación de solicitude conxunta de agrupación de concellos baixo calquera fórmula (5 puntos).

1º.2. Número de concellos asociados e número de obxectivos dos previstos no artigo 4 que se acadarán coa actuación (ata 7,5 puntos), distribuídos do seguinte xeito, atendendo á consideración como óptima da proposta formulada por catro concellos que acade tres dos obxectivos indicados:

Forma de presentación

Valoración

Dous concellos e un único obxectivo

1

Dous concellos e dous obxectivos

2

Tres concellos e un único obxectivo

3

Dous concellos e tres obxectivos, ou catro concellos e un único obxectivo

4,5

Tres concellos e dous obxectivos

5,5

Tres concellos e tres obxectivos, ou catro concellos e dous obxectivos

6,5

Catro concellos e tres obxectivos

7,5

1º.3. Presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual (ata 7,5 puntos).

Terá a puntuación máxima quen xustifique na memoria unha redución de custos derivada da agrupación de concellos que represente un volume equivalente ao 20 % respecto dos custos dos proxectos no suposto de execución de xeito individual.

2º. Fusións municipais. Presentación de solicitude por parte da entidade resultante da fusión de municipios (20 puntos).

3º. Criterios comúns a todas as solicitudes conxuntas de entidades locais:

3º.1. Coherencia xeral do proxecto, consonte os seguintes criterios (ata 40 puntos):

3º.1.1. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto (ata 20 puntos).

3º.1.2. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade (ata 5 puntos).

3º.1.3. Secuencia lóxica da intervención: situación detallada da cal se parte e a onde se quere chegar, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, con que se conta e os que terán que incrementar (ata 8 puntos).

3º.1.4. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade (ata 3,5 puntos).

3º.1.5. O número de entidades locais que formen parte do proxecto, con actividade principal ou sede social que radica nunha entidade local de carácter rural (3,5 puntos).

3º.2. Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da persoa responsable de voluntariado (ata 8 puntos).

3º.3. Capacidade económica da entidade (ata 7 puntos):

3º.3.1. A maior achega financeira da entidade ao proxecto (ata 3,5 puntos).

3º.3.2. Concorrencia doutras fontes de financiamento do proxecto de carácter privado (ata 3,5 puntos).

3º.4. Interese do proxecto como experiencia piloto no ámbito rural e as súas potencialidades cara á consecución do obxectivo do proxecto de Voluntariado interxeracional de promoción de oportunidades para a xuventude no contorno rural (ata 12,5 puntos).

3º.5. Número de persoas voluntarias participantes no proxecto (ata 5 puntos):

3º.5.1. De 12 a 20 persoas voluntarias: 1,25 puntos.

3º.5.2. De 21 a 29 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

3º.5.3. De 30 a 38 persoas voluntarias: 3,75 puntos.

3º.5.4. De 39 a 42 persoas voluntarias: 5 puntos.

3º.6. Emprego da lingua galega na publicidade, publicacións e información na internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativos á actividade subvencionada (ata 7,5 puntos).

b) No caso de solicitudes presentadas de xeito individual por concellos e entidades de acción voluntaria.

1º. Coherencia xeral do proxecto, consonte os seguintes criterios (ata 50 puntos):

1º.1. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto (ata 22,5 puntos).

1º.2. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade (ata 7,5 puntos).

1º.3. Secuencia lóxica da intervención: situación de que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios con que se conta e os que terán que incrementar (ata 10 puntos).

1º.4. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade (ata 5 puntos).

1º.5. A actividade principal/sede social da entidade solicitante radica nunha entidade local de carácter rural (5 puntos).

2º. Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega, prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da persoa responsable de voluntariado (ata 8 puntos).

3º. Capacidade económica da entidade (ata 7 puntos):

3º.1. A maior achega financeira da entidade ao proxecto (ata 3,5 puntos).

3º.2. Concorrencia doutras fontes de financiamento do proxecto de carácter privado (ata 3,5 puntos).

4º. Interese do proxecto como experiencia piloto no ámbito rural e as súas potencialidades cara a consecución do obxectivo do proxecto de Voluntariado interxeracional de promoción de oportunidades para a xuventude no contorno rural (ata 20 puntos).

5º. Número de persoas voluntarias participantes no proxecto (ata 5 puntos):

5º.1. De 4 a 6 persoas voluntarias: 1,25 puntos.

5º.2. De 7 a 9 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

5º.3. De 10 a 12 persoas voluntarias: 3,75 puntos.

5º.4. De 13 a 14 persoas voluntarias: 5 puntos.

6º. Emprego da lingua galega na publicidade, publicacións e información na internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativos á actividade subvencionada (ata 10 puntos).

Artigo 17. Valoración das solicitudes admitidas e contía máxima da axuda

1. A concesión da subvención está suxeita a un réxime de concorrencia competitiva, polo que se atenderá á orde de prelación segundo a puntuación obtida por cada solicitude ata esgotar o crédito dispoñible en cada caso.

2. Para ter acceso á subvención requírese obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos. Unha vez esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtivesen subvención, aínda que conten con 50 puntos ou máis, pasarán a formar parte dunha lista de agarda, que seguirá a orde de prelación establecida e á cal se acudirá no caso de producirse a renuncia dalgunha das subvencións concedidas.

3. A contía da axuda por proxecto será de 15.000 € para un proxecto en que participe o número mínimo de persoas voluntarias que se prevé nesta orde. O dito importe incrementarase de xeito lineal atendendo ao número de persoas voluntarias previstas no proxecto ata a contía máxima de 25.000 €, que correspondería a un proxecto en que participen 14 persoas voluntarias.

No caso de presentación por máis dunha entidade local de xeito conxunto baixo calquera fórmula: –agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar; ou por entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores- os anteriores importes serán de 36.000 € para proxectos co número mínimo previsto na orde, que se incrementaría de xeito lineal ata os 60.000 € para un proxecto no cal participase un total de 42 persoas voluntarias.

Artigo 18. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe de valoración da Comisión de Valoración, elevaralle ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución de cara á denegación ou concesión das subvencións; neste último caso deberá determinar a contía que lle corresponda a cada entidade.

2. O órgano competente para resolver será a dirección xeral competente en materia de voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

3. A resolución da solicitude da axuda terá lugar no prazo de 15 días hábiles desde a elevación da proposta de resolución.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

5. Unha vez publicada a resolución polo órgano concedente, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de 10 días hábiles para realizar envío da relación nominal de persoas voluntarias participantes, que contará coa seguinte información: nome e apelidos das persoas voluntarias, data de nacemento e NIF de cada unha delas, días de actividade, entre un mínimo de 15 e un máximo de 60, número de horas que farán ao día, ata completar xornadas de 6 horas, e cantidade total que correspondería a cada persoa voluntaria (a razón 6 euros por persoa voluntaria e día, sendo un día unha xornada de 6 horas). Coa dita relación deberase xuntar unha declaración responsable da persoa representante legal da entidade de ter asinado con cada unha das persoas voluntarias o correspondente compromiso de colaboración.

En caso de que participen nos proxectos de acción voluntaria subvencionables persoas mozas maiores de 16 anos e menores de 18, a entidade beneficiaria deberá obter a correspondente autorización do pai, da nai ou do/da titor/a legal.

Artigo 19. Modificación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das subvención, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Publicación dos actos e resolucións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. Será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (https://www.xunta.gal/cultura-lingua-xuventude).

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. Publicada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar, no prazo de dez días (10) hábiles, a súa aceptación e comprometerase a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención concedida presentarase de xeito obrigatorio por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo VIII).

Artigo 22. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou ou poderán ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativo, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, se o acto fóra expreso. Se o acto non é expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, tal e como establece o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, procederá a impugnación directa ante o Tribunal Superior de Xustiza, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, se o acto é expreso, e de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 23. Xustificación das subvencións

1. Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, a data límite para presentar a xustificación dos gastos é o día 8 de novembro de 2024.

A entidade beneficiaria deberá presentar, a través da Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación que xustifique o cumprimento das accións do proxecto subvencionado.

2. As entidades de acción voluntaria de carácter asociativo deberán presentar a seguinte documentación para xustificar os obxectivos e fitos aos cales se dá cumprimento coa subvención concedida, de conformidade cos mecanismos de verificación establecidos para o efecto:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

De xeito adicional, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das experiencias voluntarias das persoas voluntarias participantes. Igualmente, a dita entidade deberá solicitar da dirección xeral competente en materia de voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor das persoas participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.

b) Unha memoria económica na cal se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente está relacionado coa execución do proxecto e, por tanto, deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

Presentarase un informe económico en que se analicen en profundidade os resultados do proxecto desenvolvido desde a perspectiva da súa adecuación como posible canle para contribuír á xeración de oportunidades, especialmente para a xente nova, no ámbito rural, e os resultados en canto á eventual validez para outros ámbitos territoriais.

c) Anexo V. Cantidades vinculadas á concesión e á xustificación.

d) Anexo VII. Xustificación de gastos das entidades de acción voluntaria de carácter asociativo, xunto coa seguinte documentación:

1º. Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil, dos gastos realizados e documentación acreditativa do pagamento. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, polo que todas as facturas se deberán presentar xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

2º. Respecto dos gastos de mantenza e desprazamento que sexan satisfeitos directamente ás persoas voluntarias, estas entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da persoa perceptora, o seu DNI e o concepto polo cal se retribúe.

3º. Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.

4º. Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, estas entidades achegarán necesariamente as copias das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111.

En canto ás partidas que se refiran a colaboracións puntuais de carácter técnico, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da persoa perceptora, o seu DNI, o concepto polo cal se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) ou cotas por seguros sociais do 2024 liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes gastos considérase xustificado coa presentación do documento no cal se reflicta o importe da retención, cotización ou pagamento devindicados na data de xustificación.

As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

5º. Os gastos en concepto de gratificación ás persoas que colaboren puntualmente nos proxectos sen ter ningún tipo de relación contractual laboral coa entidade beneficiaria xustificaranse a través das copias dos recibos das cantidades aboadas por tal concepto e o correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

6º. En canto aos fondos propios, de habelos, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe destes, a súa procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

7º. Declaración responsable da persoa representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Información e ligazón ao sitio da internet da entidade beneficiaria das subvencións, no caso de que dispoña dun, onde informará o público do posible apoio obtido dos fondos NextGenerationEU ou do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, e fará unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacará o apoio financeiro da Unión Europea.

f) Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, ingresos e pagamentos, incluído, de ser o caso, o ingreso de axudas, pagamentos a provedores e outros.

g) Anexo II: declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI).

h) Anexo III: declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resliciencia (PRTR).

i) Anexo IV: declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

3. As entidades locais beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación para xustificar os obxectivos e fitos aos cales se dá cumprimento coa subvención concedida, de conformidade cos mecanismos de verificación establecidos para o efecto:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. De xeito adicional, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das experiencias voluntarias das persoas voluntarias participantes. Igualmente, a dita entidade deberá solicitar da dirección xeral competente en materia de voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor das persoas participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.

b) Anexo V. Cantidades vinculadas á concesión e á xustificación.

c) Anexo VI. Xustificación de gastos das entidades locais.

d) Custo real do proxecto realizado mediante a presentación dunha conta xustificativa, que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Esta conta xustificativa conterá a seguinte documentación:

1º. Unha certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da persoa que exerza a alcaldía ou presidencia, relativa:

1º.1. Á aprobación da conta xustificativa polo órgano competente.

1º.2. Ao cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Ao informe da Intervención da entidade local dos gastos realizados e que figuran na conta xustificativa da subvención, polos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación:

2º.1. Identificación da persoa acredora.

2º.2. Número de factura ou documento equivalente.

2º.3. Importe e data de emisión.

2º.4. Data de recoñecemento da obriga por parte do órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2º.5. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3. da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2º.6. Para os efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais, contados a partir da data do ingreso na súa conta bancaria de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. Non obstante, no caso de se realizaren pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria en calquera momento e con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención; queda excluída a obriga da acreditación documental destes pagamentos no antedito prazo de sesenta días naturais.

e) Información e ligazón ao sitio da internet da entidade beneficiaria das axudas, no caso de que dispoña dun, onde informará o público do posible apoio obtido dos fondos NextGenerationEU ou Plan de recuperación, transformación e resiliencia e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, e fará unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacará o apoio financeiro da Unión Europea.

f) Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, ingresos e pagamentos, incluído, de ser o caso, o ingreso de axudas, pagamentos a provedores e outros.

g) Anexo II: declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI).

h) Anexo III: declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resliciencia (PRTR).

i) Anexo IV: declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

4. O servizo competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral competente en materia de voluntariado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, como órgano competente para a instrución do procedemento, poderá solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que considere oportunos.

No caso de que a entidade beneficiaria non os remita dentro do prazo que se sinale, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se presentar esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días hábiles a presente para os efectos previstos neste artigo.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario/a das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación xustificativa, poderase efectuar o pagamento da subvención concedida, sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o cal se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior á cantidade concedida, a contía da subvención será minorada de maneira proporcional.

Artigo 25. Pagamentos anticipados e á conta

1. As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención un anticipo (anexo IX) de ata o 80 % da subvención concedida, se esta non supera os 18.000 euros, porcentaxe que se poderá ver incrementada de superar a subvención o dito importe, e ata nun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

2. De conformidade co establecido polo artigo 61.3 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, as entidades beneficiarias dos anticipos deberán acreditar que están ao día do pagamento das obrigas de reembolso doutros préstamos ou anticipos concedidos anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión destes fondos nos orzamentos xerais do Estado. Cando non poida acreditarse doutro xeito o órgano competente presentará unha certificación.

3. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da constitución da garantía prevista nos artigos 62.3 e 63.2 da dita norma.

Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir en todo caso os requisitos e obrigas reflectidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación. En particular, serán as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos e das condicións establecidos nas normas reguladoras da convocatoria.

b) Xustificar ante o órgano concedente, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións que determinaron a concesión da subvención, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión e desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (en diante, OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e así como aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, e facilitar canta información e documentación lles sexa requirida.

En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando cumpra, a Fiscalía Europea para exercer os dereitos que lles recoñece o artigo 129, número 1, do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

d) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o adecuado exercicio das tarefas de comprobación e control.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

f) Manter un sistema de contabilidade separado do ingreso da axuda percibida ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e conservar a documentación xustificativa durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación. Se o financiamento é inferior ou igual a 60.000 euros, o período será de 3 anos.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control, durante o período que establece o artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº  021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

h) Deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» (principio «Do no significant harm»-DNSH) que define o artigo 2.6 do Regulamento (UE) nº 2021/241, respecto dos 6 obxectivos ambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP 1030/2021 e definidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 (Regulamento de taxonomía da UE).

h.1º) Mitigación do cambio climático.

h.2º) Adaptación ao cambio climático.

h.3º) Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

h.4º) Transición cara a unha economía circular.

h.5º) Prevención e control da contaminación.

h.6º) Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Atendendo ao tipo concreto de actuación, poderá resultar exixible o condicionado específico que recolle o número 8 da compoñente 22 do PRTR para o investimento I2 (C22.I2).

i) As entidades beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

j) As entidades beneficiarias serán responsables da fiabilidade e do seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución da cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

k) As entidades beneficiarias deberán asumir calquera outra obriga comunitaria e nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2. Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as entidades beneficiarias adquiren igualmente as obrigas que se relacionan a continuación, de conformidade co establecido na normativa comunitaria e nacional aplicable como consecuencia deste financiamento:

a) As entidades beneficiarias terán a obriga de achegar a información que lle permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

b) As entidades beneficiarias deberán establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolvan terceiros, subcontratacións, contribúen ao logro das actuacións previstas e que os devanditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores de seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Así mesmo, a entidade beneficiaria da axuda deberá prever mecanismos para asegurar que os contratistas ou subcontratistas cumpran co principio de «non causar un prexuízo significativo» aos seis obxectivos ambientais no sentido do artigo 17 do Regulamento 2020/852 relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088). Ademais, os contratistas ou subcontratistas deberán cumprir cos principios transversais de xestión establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Recadar e asegurar, para os efectos de auditoría e control e para dispor de datos comparables sobre o uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, o acceso ás categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

d) As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas en materia de información, comunicación e publicidade previstas no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241, relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións: carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados ou similares.

Na medida en que a execución da actividade o permita, deberá exhibirse un panel de tamaño A3 (297×420 mm) nun lugar ben visible, preferentemente no acceso ao recinto nos casos das subvencións concedidas para investimentos materiais (anexo X) que faga referencia clara e inequívoca á axuda concedida con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polos logotipos oficiais da Xunta de Galicia, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como o emblema da Unión Europea cunha declaración de financiamento adecuado que diga «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», xunto co logotipo do PRTR, dispoñible na ligazón https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual.

3. As entidades beneficiarias tamén están obrigadas ao cumprimento de calquera outra obriga que lles resulte aplicable e veña determinada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia ou pola normativa que regula o dito plan e os fondos NextGeneration EU.

4. Sen prexuízo do disposto nos números anteriores, as entidades beneficiarias deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días hábiles antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á dirección xeral competente en materia de voluntariado.

Artigo 27. Fiscalización e control

As subvencións concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas ás actuacións de control da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o seguimento dos proxectos obxecto de subvención, así como á función interventora e de control financeiro exercida, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión dos fondos de recuperación e resiliencia e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 28. Reintegro das axudas ou subvencións

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, entre os cales están:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impidan.

b) Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención. Neste último caso realizarase o reintegro da contía correspondente á parte proporcional do proxecto non xustificado.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na presente orde.

d) Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión, establecidas no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ao cumprimento do obxectivo, á regularidade das actividades e á concorrencia doutras axudas.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades beneficiarias cando derive a imposibilidade de levar a cabo o proxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou á execución das actividades que constitúen o proxecto subvencionado.

2. De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación da resolución de concesión levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

3. Para os efectos de reintegro das subvencións, observarase o disposto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo de requirimento destas, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no titulo I da citada Lei.

Artigo 30. Incompatibilidade das subvencións

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta convocatoria serán compatibles con calquera outra axuda doutros programas ou instrumentos de calquera Administración pública ou organismo ou ente público, nacional ou internacional, particularmente da Unión Europea, en canto que a dita axuda non cubra os mesmos custos e que, de forma acumulada, non superen os custos subvencionables.

En calquera caso, o importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 19.

Artigo 31. Medidas antifraude

Para o financiamento con fondos do PRTR, o órgano de concesión da subvención aplicará medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr os conflitos de intereses e o dobre financiamento.

Na loita contra a fraude a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude actuará de conformidade co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que é de aplicación a esta convocatoria. A ligazón ao citado plan no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/es/integridade-institucional/plans-antifraude.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (Siaci) (https://012.xunta.gal/portada). A ligazón á canle de denuncias é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 32. Análise sistemática do risco de conflito de intereses no procedemento de concesión de subvencións, no marco do PRTR

A presente convocatoria está suxeita á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano competente para a concesión da subvención poderá solicitarlles aos beneficiarios a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegaráselle ao órgano que concede no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, con indicación no lugar do solicitante, dos titulares reais recuperados polo órgano competente para a concesión.

Disposición adicional primeira. Publicidade e comunicación á Base de datos nacional de sbvencións e Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de sbvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas. A BDNS daralle traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na BDNS, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, Serie L).

3. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para realizar os actos de autorización e disposición de gasto, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamentos previstos no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira. Infraccións e sancións

As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normas de aplicación.

Disposición adicional cuarta. Rexistro de subvencións e información

Coa presentación da solicitude (anexo I) a entidade beneficiaria dá a súa conformidade para que os datos facilitados para a concesión da subvención figuren no Rexistro Público de Subvencións, coas excepcións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A relación de entidades beneficiarias será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor un recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado para ditar cantos actos e instrucións sexan precisos para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Disposición adicional segunda do
Decreto 49/2024, do 22 de abril, e Orde do 28.6.2024)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file