DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 19 de xullo de 2024 Páx. 43372

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, pola que se acorda a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Gloria Cabrera Álvarez.

Gloria Cabrera Álvarez, con DNI 32111284-H, nada en La Habana (Cuba) o 2 de setembro de 1923, faleceu o 29 xuño de 2015 en Culleredo (A Coruña), con derradeiro domicilio, segundo o padrón municipal de habitantes da Coruña, na rúa Vila de Negreira desa cidade, datos que figuran comprobados xunto co da súa veciñanza civil galega, no Informe preliminar, do 4 de xullo de 2024, do Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio. O dito informe foi emitido logo da realización das actuacións previas que levan a considerar procedente a apertura do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato da sinalada persoa causante, pola presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica, de conformidade co disposto na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio no artigo 4 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no seu título III, así como nos artigos 14 e 16 do Decreto 141/2024, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

RESOLVO:

1º. Incoar procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Gloria Cabrera Álvarez.

2º. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, Área Temática de Patrimonio, Anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

3º. Remitir copia desta resolución aos concellos de Culleredo e da Coruña, así como a calquera outro no que durante a instrución deste procedemento se detecten bens da persoa causante, para a súa exposición pública no seu taboleiro de anuncios, por un prazo non inferior a trinta días naturais.

O prazo máximo ordinario para resolver este procedemento é dun ano contado desde a data de adopción desta resolución.

Con anterioridade á resolución do procedemento, calquera persoa interesada poderá presentar alegacións ou achegar os documentos e outros elementos de xuízo que considere oportunos, que se dirixirán á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código de expediente ABI/2018/0014; na rúa da Pastoriza, núm. 8, 15781 Santiago de Compostela.

Conforme o previsto no artigo 112.1, parágrafo segundo, da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra esta resolución non se poderá interpor recurso administrativo, sen prexuízo de que as alegacións de oposición que se presenten a este acto de trámite sexan obxecto de consideración, se procede, na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio