DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 15 de xullo de 2024 Páx. 42297

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 5 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á prestación de servizos de asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR616B).

BDNS (Identif.): 773984.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Unicamente poderán ser beneficiarias da axuda regulada nesta orde as entidades privadas recoñecidas ou autorizadas como entidades prestadoras de servizos de asesoramento inscritas no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia e que presten servizos a titulares de explotacións agrarias ou gandeiras que estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación de servizos de asesoramento no ámbito de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocalas para o ano 2024 no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) dentro da medida 7202 Servizos de asesoramento (código de procedemento MR616B).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 5 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á prestación de servizos de asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR616B).

Cuarto. Importe

O importe da axuda será do 100 % do custo do servizo de asesoramento cun límite máximo de 800 euros por explotación. Este límite máximo poderase incrementar ata os 1.000 euros no caso de cumprir algún dos seguintes criterios:

a) Explotación incluída na plataforma Contaláctea coa información debidamente cuberta.

b) Explotación incluída na plataforma Contacarne coa información debidamente cuberta.

c) Explotación que emprega un caderno dixital de explotación agrícola.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural