DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 11 de xullo de 2024 Páx. 41963

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 3 de xullo de 2024 pola que se convoca o Programa de axudas á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G).

BDNS (Identif.): 773763.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/773757

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/773760

Os códigos asignados pola Base de datos nacional de subvencións corresponden a un mesmo texto de convocatoria.

Primeiro. Persoas ou entidades beneficiarias

1. Ao abeiro do artigo 51 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, ben sexan persoas físicas ou ben teñan personalidade xurídica de natureza privada.

b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades de propietarios constituídos conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos citados artigos, relativa á obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, no suposto da liña B, no caso de que non se presente o proxecto técnico xunto coa solicitude. Nos demais supostos, dado que a xustificación se presenta xunto coa solicitude, non poderá procederse ao pagamento da axuda mentres non se acredite estar ao día no cumprimento das ditas obrigas.

3. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de Estado:

a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos tres anos previos e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 300.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos tres anos previos e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 300.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38 bis.

O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:

1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

2º. Que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador.

3º. Que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 bis do devandito Regulamento 651/2014, isto é, o 35 % dos custos subvencionables, porcentaxe que pode incrementarse nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2024 o Programa de axuda á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 54 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, coas modificación establecidas polo Real decreto 903/2022, do 25 de outubro, polo que se modifican o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regulan o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, así como o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, e o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coas especificacións e limitacións recollidas nesta resolución.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

e) Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e demais disposicións relativas á execución e xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e do Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

Na falta do non previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que poidan resultar aplicables.

3. Estas axudas estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, e aplicarase a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38 bis.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 2.071.770,00 euros, repartido nas seguintes anualidades:

Aplicación

Anualidade 2024

Anualidade 2025

06.81.451A.770.8 (empresas)

315.712,00 euros

100.000,00 euros

06.81.451A.780.8 (persoas físicas)

956.058,00 euros

700.000,00 euros

O programa de axuda á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

2. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación pola resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terán efecto despois da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 13 de setembro de 2024.

Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgota o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo