DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 9 de xullo de 2024 Páx. 41410

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

Pola Resolución do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 17 de xuño), aprobouse a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024.

Esta resolución, no seu punto terceiro, establece que a relación de prazas ofertadas por categoría e os centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección de emprego público/concurso de traslados/concurso de traslados aberto e permanente 2024. Ademais, poderá ser consultada polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Advertido erro na relación de prazas ofertadas e/ou resultas nas categorías de enfermeiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, facultativo/a especialista de área de oftalmoloxía, médico/a de familia de atención primaria e pediatra de atención primaria, publicadas o 17 de xuño na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas do persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 227, do 29 de novembro), esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Modificar a relación de prazas ofertadas e/ou resultas no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde o 17 de xuño de 2024, das categorías de enfermeiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, facultativo/a especialista de área de oftalmoloxía, médico/a de familia de atención primaria e pediatra de atención primaria.

Figura como anexo I da presente resolución a relación de categorías e áreas sanitarias nas cales existe modificación da relación de destinos respecto da oferta realizada pola Resolución do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, e que foi publicada con esa data na páxina web do Servizo Galego de Saúde.

A relación de prazas ofertadas nas ditas categorías e os centros nos cales poden existir prazas a resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección de emprego público/concurso de traslados/concurso de traslados aberto e permanente 2024.

Ademais, poderá ser consultada polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Segundo. Os/as profesionais das categorías indicadas no punto primeiro desta resolución que figuren na relación de participantes deste ciclo disporán dun prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de destinos efectuada, se así o desexan.

Os/as participantes que xa presentasen a solicitude de participación conforme o establecido na Resolución do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 17 de xuño), e non desexen modificar a elección de destinos realizados, non terán que realizar ningunha actuación.

As modificacións que se realicen na selección de destinos deberanse presentar por rexistro electrónico e non requirirán a entrega de ningunha documentación. Terase en conta a última modificación presentada por rexistro electrónico dentro do prazo indicado. De igual forma, os/as aspirantes que, resultando admitidos/as con carácter provisional neste proceso, non seleccionasen na instancia de participación ningún destino disporán do prazo de quince días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, para efectuaren a través de Fides/expedient-e, mediante o oportuno rexistro electrónico, a selección de destinos que consideren.

De conformidade coa base 3.5.1 da Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, aquelas solicitudes de participación que, logo do prazo anteriormente sinalado, non conteñan a selección, polo menos, dun destino non terán a consideración de solicitude validamente presentada e quedarán excluídas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.

Terceiro. Os/as profesionais que opten a algún dos destinos que exixen habilitacións específicas para o seu desempeño deberán rexistrar, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a posesión de tal competencia en Fides/expedient-e, na epígrafe doutros méritos, e deberán acreditar documentalmente no mesmo prazo, mediante certificación orixinal ou copia compulsada ou auténtica dirixida á mesma unidade de validación en que presentaron a solicitude de participación, a posesión de tal habilitación. Os/as profesionais que, tendo optado a algún destes postos, non acreditasen na forma e no prazo expostos as condicións exixidas para o seu desempeño non poderán resultar adxudicatarios/as deles.

Cuarto. A adxudicación dun destino neste proceso de mobilidade voluntaria suporá a obriga para o/a profesional adxudicatario/a de cumprir os requisitos e as condicións do posto que se detallan na relación de prazas ofertadas, que se fai pública mediante esta resolución. En caso contrario, o/a profesional decaerá no dereito a obter ou, de ser o caso, manter tal destino con carácter definitivo.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Categoría

Área Sanitaria

Facultativo/a especialista de área de oftalmoloxía

A.S. de Santiago de Compostela e Barbanza

Categoría

Área Sanitaria

Médico/a de familia

A.S. A Coruña e Cee

Categoría

Área Sanitaria

Pediatra de atención primaria

A.S. A Coruña e Cee

A.S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

Categoría

Área Sanitaria

Enfermeiro/a

A.S. A Coruña e Cee

A.S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

A.S. de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

A.S. de Santiago de Compostela e Barbanza

A.S. de Pontevedra e O Salnés

Categoría

Área Sanitaria

Grupo auxiliar da función administrativa

A.S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos