DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 8 de xullo de 2024 Páx. 40935

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2024 pola que se amplían o crédito e o prazo de xustificación da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301D).

O 29 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 20 a Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301D).

O artigo 4 da Resolución do 26 de decembro de 2023 citada establece que as subvencións reguladas ao abeiro desta resolución se financiarán con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de trescentos mil euros (300.000,00 €).

O artigo 5 da Resolución do 26 de decembro de 2023 prevé a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

O 6 de xuño de 2024 o conselleiro de Facenda e Administración Pública (P.D. Orde do 15 de decembro de 2021, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos) resolveu autorizar unha modificación orzamentaria da entidade pública empresarial Augas de Galicia por importe de tres millóns trescentos noventa e sete mil novecentos sesenta e sete euros con vinte e seis céntimos, autorizados para ampliar o crédito dispoñible para a Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301D).

Consonte o exposto, actualmente na aplicación orzamentaria correspondente existe crédito dispoñible, polo que se considera oportuno ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente e incrementar o importe total da axuda convocada.

Por outra banda, o artigo 22 da citada Resolución do 26 de decembro de 2023 establece que o prazo para presentar a documentación xustificativa será o seguinte:

«1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 8 de outubro de 2024, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Así mesmo, cómpre remitirse ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación e, pola súa vez, a ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.

Así pois, tendo en conta o momento en que se autorizou a modificación orzamentaria e considerando que se cumpren as premisas que establece o artigo 45.3 antes citado, considérase necesario ampliar o devandito prazo de xustificación das actuacións subvencionadas, co fin de facer viable o proceso de execución dos investimentos subvencionados.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo 1

Amplíase o importe total do crédito das subvencións establecidas na Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301D).

Na seguinte táboa detállase o crédito definitivo:

Crédito

Conta financeira

Importe

Inicial

6566 (subvencións de capital a corporacións locais)

300.000,00 €

Ampliación

6566 (subvencións de capital a corporacións locais)

1.008.375,24 €

Total

1.308.375,24 €

Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 8 da Resolución do 26 de decembro de 2023 para presentar as solicitudes de subvención nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 2

Modifícase o número 1 do artigo 22 da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301D), que queda redactado como segue:

«1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 4 de novembro de 2024, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos consonte o previsto no artigo 39 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

A presidenta de Augas de Galicia
P.D. (Disposición adicional primeira da Resolución do 26.12.2023;
DOG núm. 20, do 29.1.2024)
Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia