DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 28 de xuño de 2024 Páx. 39922

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2024 pola que se convoca o proceso selectivo para a provisión dunha praza vacante na relación de postos de traballo de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, funcionario/a de técnico/a do CUFIE, subescala formación e innovación educativa, subgrupo A1.

De conformidade co establecido nas resolucións do 19 de decembro de 2022 (DOG número 245, do 27 de decembro) e a súa corrección de erros (DOG número 5, do 9 de xaneiro) e do 24 de maio de 2023 (DOG número 102, do 31 de maio) polas que se aproban as ofertas de emprego público de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) para os anos 2022 e 2023, respectivamente, esta xerencia, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e dos Estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza vacante de técnico/a do CUFIE, escala técnica, subescala formación e innovación educativa, subgrupo A1, mediante quenda libre, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse as probas selectivas para a cobertura das seguintes prazas:

Denominación

Escala

Subescala

Subgrupo

OEP

22

OEP 23

Total

Técnico/a do CUFIE

Técnica

Formación e innovación educativa

A1

1

-

1

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición libre, coas características que se especifican no anexo I.

1.3. Os temarios que rexerán as probas selectivas son os que figuran no anexo II.

1.4. Ao presente proceso selectivo seralle de aplicación a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (TREBEP); a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia; os estatutos vixentes da UDC, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro; e demais normativa concordante, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. Toda a información do proceso selectivo que deba notificarse ás persoas aspirantes publicarase no taboleiro oficial da sede electrónica da UDC: https://sede.udc.gal/services/electronic_board

1.6. Para os efectos de información e consultas, as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a servizo.pas@udc.gal

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas no proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata a data de toma de posesión, os seguintes requisitos:

a) Idade: ter cumpridos os 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

b) Nacionalidade: ser español/a, nacional dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52.1 da LEPG.

c) Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación exixida para o subgrupo correspondente (A1).

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

d) Capacidade funcional: non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións e tarefas correspondentes.

Para estes efectos, toda persoa aspirante, ao asinar o impreso de solicitude, declara que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto ao que aspira e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar ,ese traballo.

e) Habilitación: non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión de dereito a concorrer a probas selectivas.

No caso de ser nacional doutro Estado aplicarase este requisito nos mesmos termos respecto do seu Estado de orixe.

f) Acreditación do castelán: as persoas aspirantes estranxeiras deberán acreditar, de ser o caso, o coñecemento do castelán de acordo co establecido na base 6 desta convocatoria.

g) Non poderá participar no proceso selectivo o PTXAS funcionario de carreira da UDC que xa pertenza á mesma escala obxecto desta convocatoria.

2.2. Acreditación da lingua galega: as persoas aspirantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega co certificado de competencia en lingua galega Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. De non acreditarse, deberán realizar unha proba eliminatoria de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega nos termos especificados no anexo I.

3. Solicitudes.

As persoas que desexaren tomar parte neste proceso selectivo deberán:

3.1. Solicitude de participación.

A persoa aspirante que desexe tomar parte neste proceso selectivo deberá solicitalo a través do impreso que figura no anexo III destas bases, que tamén está dispoñible na páxina web da UDC: https://www.udc.gal/pas/impresos/

3.2. Prazo e lugar de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, que contarán a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

As solicitudes, dirixidas á xerente da Universidade, poderán presentarse no rexistro electrónico da UDC, en calquera oficina de rexistro da Universidade, ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

3.3. Adaptacións de tempos e/ou medios

As persoas aspirantes con discapacidade deberán indicar expresamente na solicitude o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente e achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente.

No caso de necesitar adaptacións de tempos e/ou medios para a realización dos exercicios, deberán indicar o motivo e as necesidades de adaptación. A UDC poderá solicitar á persoa interesada o Ditame técnico de adaptación do órgano competente.

3.4. Documentación complementaria á solicitude de participación.

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento que acredite a súa nacionalidade en vigor. No caso de non ser español/a ou nacional dalgún Estado membro da Unión Europea, ademais, deberá presentarse documentación acreditativa de cumprir o artigo 52.1 da LEPG e unha declaración responsable de que a persoa aspirante non está separada de dereito do/da seu/súa cónxuxe e, se é o caso, de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Fotocopia da titulación académica requirida (non pagamento das taxas do título) ou documento expedido polo Ministerio de Educación cuxa ligazón permita verificar a súa autenticidade.

c) Acreditación do coñecemento do español, de acordo coa base 6, para os/as aspirantes estranxeiros/as.

d) Acreditación do coñecemento do galego de acordo coa base 2.2.

3.5. Xunto coa solicitude achegarase, ademais, o xustificante de pagamento das taxas por dereitos de exame, que serán as seguintes:

Subgrupo A1: 44,17 €.

Ingresaranse na conta corrente número ES76 0049-5030-15-2516011262 do Banco Santander, facendo constar no concepto o número do documento de identificación da persoa aspirante e as probas selectivas nas que participa.

A falta de pagamento e a acreditación destes dereitos dentro do prazo de presentación de solicitudes determinará a exclusión definitiva das persoas aspirantes.

3.6. Porén, de acordo co artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas, total ou parcialmente, do pagamento aquelas persoas que acrediten documentalmente coa solicitude algunha destas circunstancias:

Exención do importe total da taxa:

– Discapacidade igual ou superior ao 33 %: certificado do grao de discapacidade.

– Familia numerosa categoría especial: certificado ou carné familiar en que conste a dita categoría.

– As persoas vítimas de violencia de xénero: acreditación a través de calquera das formas recollidas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. A identidade da persoa vítima de violencia de xénero protexerase ao longo de todo o proceso selectivo para o cal poderá establecerse un procedemento de pseudonimización dos seus datos identificativos, se así o indica na solicitude de participación do proceso selectivo.

Exención do 50 % do importe:

– Familia numerosa categoría xeral: certificado ou carné familiar en que conste a dita categoría.

– Vítima de terrorismo, cónxuxe ou persoa coa que convive con análoga relación de afectividade e fillos/as da persoa ferida ou falecida: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.

– Demandante de emprego cunha antigüidade mínima de seis meses á data de publicación desta convocatoria no DOG e que non estea percibindo prestación ou subsidio por desemprego:

a. Certificación da oficina de emprego en que conste como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

b. Certificación do Servizo Público de Emprego en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está percibindo a prestación ou o subsidio de desemprego.

De non acreditarse debidamente a dita exención total ou parcial, a persoa aspirante quedará excluída ao non aboar os dereitos de exame con posterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3.7. Unicamente procederá a devolución da taxa por dereito de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas.

Será necesario presentar un escrito de solicitude de devolución de taxa no prazo de dous meses, que contarán a partir do día seguinte ao da publicación na sede electrónica das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas. No escrito, dirixido ao Servizo de Persoal Técnico de Xestión e Administración e Servizos, deberá constar o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade ou certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos.

A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra do prazo suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

3.8. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar na súas solicitudes de participación e unicamente poderán solicitar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.

3.9. Para o cómputo de prazos, o mes de agosto será inhábil para todos os efectos.

4. Admisión das persoas aspirantes.

4.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, a xerente ditará unha resolución e declarará aprobadas as relacións provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa indicación das causas de exclusión que procedan e a exención ou non da realización da proba de coñecementos de lingua galega. Estas relacións publicaranse na sede electrónica da UDC.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren nas listaxes provisionais disporán dun prazo de 10 días hábiles, que contarán a partir do día seguinte ao da publicación da referida resolución, para alegar ou emendar o defecto que motivase a súa exclusión. As reclamacións presentaranse nos lugares establecidos na base 3.2. De non realizar este trámite, serán definitivamente excluídas do proceso selectivo.

4.3. Unha vez rematado o antedito prazo, a xerente ditará unha nova resolución coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e o lugar e a data do primeiro exercicio, que se publicará na sede electrónica.

4.4. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nestas bases, que deberán acreditarse, no caso de superar o proceso selectivo, de acordo co previsto na base 10.

4.5. Recurso contra a listaxe definitiva: contra a resolución de exclusión, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante a xerente, no prazo dun mes, ou ben, directamente, un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados ambos os dous desde o día seguinte ao da súa publicación na sede electrónica, de conformidade coa lexislación vixente.

5. Tribunal.

5.1. Composición.

A composición do tribunal cualificador do proceso selectivo será publicada na sede electrónica cunha antelación de, polo menos, un mes respecto da data de inicio dos exercicios.

Os membros do tribunal deberán pertencer a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao exixido para participar no proceso selectivo.

O tribunal terá a categoría que lle corresponda segundo o Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

A composición do tribunal axustarase ao principio de composición equilibrada entre mulleres e homes.

5.2. Abstención e recusación.

As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, e así llo notificarán á xerente, cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP), ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar das persoas que formen o tribunal unha declaración expresa de non se encontraren incursas nalgunha das circunstancias previstas nesta base.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar as persoas integrantes do tribunal cando concorresen nelas algunha das circunstancias previstas no artigo 24 da LRXSP.

De perder algún membro do tribunal a súa condición, por algunha das causas previstas nesta base, a xerente publicará a resolución pola que se nomean os novos membros, con anterioridade ao comezo do proceso selectivo.

5.3. Para a constitución do tribunal, a realización de sesións, as deliberacións e a toma de acordos requirirase a asistencia do/da presidente/a, do/da secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan, e como mínimo, da metade dos seus membros.

De cada sesión que realice o tribunal, o/a secretario/a redactará unha acta, que se aprobará nesta ou na seguinte sesión, co visto e prace do/da presidente/a.

5.4. Durante o proceso selectivo o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas e determinará as actuacións convenientes nos casos non previstos, axustándose en todo momento ao disposto na LRXSP.

5.5. A xerente, por proposta do tribunal, poderá designar asesores/as especialistas. Estas persoas asesoras limitaranse a prestar colaboración naqueles exercicios relativos ás súas especialidades técnicas e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.6. O tribunal decidirá as adaptacións posibles en tempo e/ou medios para que aquelas persoas aspirantes con algunha discapacidade, que o soliciten na forma prevista na base 3.3, gocen de similares condicións para realizar os exercicios que o resto das persoas aspirantes.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir a confidencialidade, na fase de oposición, do contido dos exercicios. Os exames, que sexan escritos, deberán ser corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes, polo que o tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou sinais que permitan coñecer a súa identidade.

5.8. Contra as resolucións do tribunal e os seus actos de trámite poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o reitor, nos termos previstos nos artigos 112.1, 121 e 122 da LPACAP.

5.9. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da UDC (rúa Mestranza, 9, 15001 A Coruña).

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito

6. Persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira,

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición, aquelas persoas que non posúan a nacionalidade española e non acrediten coa solicitude estaren en posesión do diploma de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou superior), do título de licenciatura ou grao equivalente en Filoloxía Hispánica ou Románica ou doutros títulos homologados ou certificacións, ou seren nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español, deberán realizar unha proba en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a e será necesario obter a valoración de apto/a para realizar os seguintes exercicios da fase de oposición.

7. Desenvolvemento das probas.

7.1. O lugar e a data do primeiro exercicio da fase de oposición publicarase na resolución da xerente que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas. O primeiro dos exercicios non terá lugar antes de catro meses desde a publicación desta convocatoria.

7.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas aquelas que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. A orde de actuación das persoas aspirantes comezará por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra «H», de conformidade coa Resolución do 31 de xaneiro de 2024, da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, e xuntarán á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das 48 horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Este aprazamento non poderá demorar o proceso selectivo de maneira que menoscabe o dereito do resto das persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables.

Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

7.3. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

7.4. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal publicará a relación provisoria coa puntuación obtida polas persoas aspirantes que alcanzaran o mínimo establecido para superalo, en cada un dos postos convocados. As persoas aspirantes disporán de cinco días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da publicación na sede electrónica da relación provisoria, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.5. O tribunal publicará a relación definitiva de persoas aprobadas de cada exercicio e o anuncio do sucesivo exercicio nun prazo mínimo de 48 horas de antelación á data sinalada para o seu inicio.

7.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do/da interesado/a, proporá a súa exclusión á xerente e comunicaralle as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a resolución de exclusión, que esgota a vía administrativa, poderanse interpoñer recursos ao abeiro da base 4.5.

8. Valoración dos méritos.

8.1. Unha vez finalizada a fase de oposición, o tribunal abrirá un prazo para a presentación dos méritos por cada aspirante que superase esta fase, que se poderá publicar simultaneamente á do resultado do último exercicio da fase de oposición. As persoas aspirantes que aleguen méritos, na fase de concurso, deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou de copias auténticas.

8.2. Os servizos prestados na UDC acreditaranse de oficio mediante unha certificación expedida pola Xerencia da Universidade referida á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Os servizos prestados noutras administracións públicas españolas acreditaranse mediante unha certificación dos servizos prestados referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Esta certificación será expedida por quen teña atribuídas as competencias en materia de persoal na Administración correspondente.

Non serán computables os méritos referidos a unha data posterior á de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo.

8.3. Contra o acordo de valoración dos méritos poderán presentarse reclamacións no prazo de cinco días hábiles, que serán resoltas polo tribunal mediante un acordo definitivo. No caso de non se presentaren reclamacións, o acordo provisional converterase automaticamente en definitivo.

9. Relación de persoas aprobadas.

9.1. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última, en ningún caso, poderán sumarse para os efectos de superar a fase de oposición.

En caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: último exercicio do proceso selectivo e, se persistise, atenderase á maior puntuación no penúltimo exercicio; de persistir, aínda, atenderase á maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continuase persistindo o empate, dirimirase por sorteo público en presenza dos/as opositores/as empatados/as.

9.2. O tribunal publicará a relación definitiva de persoas aprobadas na que constará a puntuación das persoas aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superaren os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final. Esta relación axustarase ao establecido na base 5.10.

As persoas opositoras que non estiveren incluídas nas respectivas relacións terán a consideración de non apto/a para todos os efectos, único aspecto respecto do que o tribunal poderá certificar.

Contra este acordo poderase interpoñer un recurso de alzada ante o reitor nos prazos e formas que establece a LPACAP.

9.3. O tribunal remitiralle á xerente a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde da puntuación final, coa proposta de que se lles formalice o correspondente nomeamento.

Cando se produza a renuncia dunha persoa seleccionada, antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, a xerente poderá requirir ao tribunal unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación ás persoas propostas para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.

10. Presentación de documentos.

No prazo de 20 días naturais, que contarán a partir do día seguinte á publicación da relación definitiva das persoas aprobadas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal Técnico de Xestión e Administración e Servizos (rúa Mestranza, 9) a documentación acreditativa dos requisitos esixidos na convocatoria e os seguintes documentos:

a) O orixinal do título exixido para acceder ás probas.

b) Unha declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na letra e) da base 2.1.

c) Un certificado médico oficial ou informe de saúde do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ou documento equivalente, acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións segundo o que indica a letra d) da base 2.1.

d) Os/as aspirantes con discapacidade recoñecida deberán presentar unha certificación dos órganos competentes do Ministerio de Traballo e Seguridade Social que acredite tal condición, e igualmente deberán presentar un certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria acreditativo da compatibilidade co desenvolvemento das tarefas e funcións correspondentes.

e) De ser o caso, os orixinais das acreditacións de coñecemento de español, segundo a base 6, e de galego, segundo a base 2.2.

As persoas que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do seu exame se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser nomeados funcionarios/as de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar a dita documentación, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

11. Nomeamento.

11.1. Por resolución da xerente, e por proposta do tribunal cualificador, procederase ao nomeamento de funcionarios/as de carreira da escala técnica da UDC que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

11.2. A petición de destinos por parte das persoas aprobadas deberá realizarse no prazo de cinco días hábiles, tras a oferta destes por parte da Xerencia.

11.3. A toma de posesión efectuarase no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento de funcionario/a de carreira.

12. Listaxes de agarda.

A constitución das listaxes de agarda realizarase ao abeiro da normativa vixente que regule o procedemento sobre a súa elaboración e xestión. Para estes efectos, as persoas interesadas deberán cubrir o anexo IV que figura nesta resolución.

13. Protección e tratamento de datos de carácter persoal.

As persoas aspirantes aceptan a política de privacidade da UDC, recollida na páxina web (https://www.udc.es/gl/pe/politica_privacidade/), e especificada no formulario de solicitude de participación no proceso selectivo.

14. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente, e con carácter potestativo, poderase interpor un recurso de reposición ante esta reitoría no prazo dun mes, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Coruña, 18 de xuño de 2024

O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 16.1.2024)
Mª Jesús Grela Barreiro
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

Fase de oposición: 70 puntos.

Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio, para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais, acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, e consistirá na realización dunha proba en que se comprobará que posúen o nivel de Celga 4 de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega, en especial da linguaxe administrativa, por ser unha linguaxe de especialidade presente na súa esfera profesional. Cualificarase de apto ou non apto. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos.

Segundo exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio: 30 puntos.

Consistirá en contestar un cuestionario tipo test de carácter teórico-práctico constituído por 125 preguntas (máis cinco de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha delas é a correcta, e das cales o 30 % corresponderán ao temario xeral e o 70 % ao temario específico que figuran como anexo II desta convocatoria. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 120 minutos. A puntuación será de 0 a 30 puntos e para aprobar será necesario obter un mínimo de 15.

Terceiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio: 40 puntos.

Consistirá na realización de dous supostos prácticos para elixir entre catro propostos polo tribunal, do bloque específico. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 240 minutos. A puntuación será de 0 a 40 puntos e para aprobar será necesario obter un mínimo de 10 puntos en cada un dos supostos.

Fase de concurso: 30 puntos.

A) Experiencia

Ata un máximo de 20 puntos.

Por servizos prestados na Universidade da Coruña como funcionario interino na escala, subescala e subgrupo da praza á que se opte ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo I en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata a fin do prazo de presentación de solicitudes, 0,24 puntos por mes.

Por servizos prestados noutras administracións públicas como funcionario de carreira ou interino na escala, subescala e subgrupo da praza á que se opte ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo I en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata a fin do prazo de presentación de solicitudes, 0,17 puntos por mes.

Computaranse como servizos prestados os períodos en situación de excedencia por coidado de fillo ou familiar. O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días) e, para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinala en cada punto.

B) Formación.

A formación valorarase ata un máximo de 10 puntos.

Os cursos alegados terán como data límite para a súa finalización o día de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, feiras, simposios e similares.

– As titulacións académicas nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os subniveis de idiomas cando se posúa o nivel de idioma completo.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Cursos de formación xeral e específica ata un máximo de 8 puntos:

A valoración da formación farase atendendo aos seguintes criterios:

Nesta subepígrafe valoraranse os cursos convocados, impartidos e/ou recibidos, ou homologados por:

– Institutos ou escolas de Administración pública.

– Universidades.

– Servizos públicos de emprego.

– Organizacións sindicais.

– Mutuas de traballo e servizos de prevención.

– Impartidos no marco do Acordo de Formación dos Empregados Públicos que traten sobre formación administrativa xeral, así como os cursos de formación e de perfeccionamento que traten sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias dos postos de traballo e os cursos de formación de idiomas da Unión Europea.

Os cursos impartidos sempre se valorarán como se fosen de aproveitamento ou aptitude.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Cursos recibidos de aptitude e cursos impartidos: 0,04 puntos/hora.

– Cursos de asistencia: 0,02 puntos/hora.

Cando no certificado non conste o número de horas, considerarase que a duración do curso é de 10 horas.

A valoración dos certificados de nivel de idiomas, coa excepción do nivel de lingua galega, que se realizará segundo o punto seguinte, realizarase de acordo co número de horas establecido para cada nivel, ao abeiro do artigo 3 do Decreto 81/2018, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo dos niveis básico A1, básico A2, intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cursos de lingua galega ata un máximo de 2 puntos:

– Curso de linguaxe administrativa nivel medio: 1 puntos.

– Curso de linguaxe administrativa nivel superior: 1,5 puntos.

– Celga 5: 2 puntos.

En todos os casos se valorarán unha soa vez os cursos relativos a unha mesma materia, aínda que se repetise a súa participación, e unicamente o de nivel superior ou avanzado.

ANEXO II

Temario

Bloque I: temario xeral.

1. A Constitución española de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

3. Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

4. Decreto 101/2004, do 13 de maio, modificado polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, polo que se aproban os Estatutos da Universidade da Coruña.

5. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Título I: Obxecto, principios e ámbito de aplicación e títulos do III (Clases de persoal) ao IX (Réxime disciplinario).

6. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Artigos 2, 4 e 14 a 29.

7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Título I: Disposicións xerais; Título II: Principios de protección de datos; Título III: Dereitos das persoas; e Título IX: Réxime sancionador.

8. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

9. Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas: Título preliminar; Título I: Dos interesados no procedemento; Título II: Da actividade das administracións públicas; Título III: Dos actos administrativos; Título IV: Das disposicións sobre o procedemento administrativo común; e Título V: Da revisión dos actos en vía administrativa.

10. Lei 40/2015, do 1 outubro, de réxime xurídico do sector público: Título preliminar: Capítulo I: Disposicións xerais; Capítulo II: Dos órganos das administracións públicas (excepto a subsección 2ª da sección 3.ª); Cap. III: Principios da potestade sancionadora; Cap. IV (só a sección 2ª); e Cap. V: Funcionamento electrónico do sector público. Título III: Relacións interadministrativas; Capítulo I: Principios xerais das relacións interadministrativas; e Capítulo II: Deber de colaboración.

11. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Título preliminar; Título I: Dereito á igualdade entre mulleres e homes; Título VI. As condicións de emprego en igualdade na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no sector público autonómico: Capítulo II: O acceso e promoción no emprego público galego; Capítulo III: Formación na igualdade e transparencia retributiva no emprego público; Capítulo IV: Medidas de conciliación e corresponsabilidade; e Capítulo V: Medidas de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo

12. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

13. O Plan de normalización lingüística da UDC. Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña.

14. Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia: Título I: Da ordenación do sistema universitario de Galicia e Título II: Da coordinación e a colaboración.

15. Tratado da Unión Europea, título III: Disposicións sobre as institucións.

16. Tratado de Funcionamento da Unión Europea: sexta parte. Título I: Disposicións institucionais: cap. II sección 1ª: Actos xurídicos da Unión.

17. Información preventiva da UDC en materia de pantallas de visualización de datos.

18. Plan de medidas antifraude da Universidade da Coruña (aprobado polo Consello de Goberno o 25.1.2022).

19. Resolución reitoral do 22.7.2019 pola que se aproba a política de seguridade da información e protección de datos persoais na UDC.

20. Regulamento xeral de uso das tecnoloxías da información e a comunicación da UDC (aprobado polo Consello de Goberno do 23.7.2020).

Bloque II: temario específico.

O contexto universitario:

21. O marco institucional do ensino superior.

22. A arquitectura curricular no ensino superior.

23. A planificación do ensino e a aprendizaxe: deseño e desenvolvemento do currículo.

24. Ensinar e aprender no ensino superior como contexto educativo complexo.

25. Novas tecnoloxías e pedagoxías emerxentes.

26. Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización do ensino universitario e do procedemento de aseguranza da súa calidade (só o capítulo VI).

27. A formación e a innovación docente no plan estratéxico da UDC.

A docencia no ensino superior:

28. A función docente na educación superior.

29. A titoría universitaria.

30. A programación docente.

31. A avaliación das aprendizaxes no ensino superior.

32. Metodoloxía docente: as tarefas e actividades do alumnado.

33. Metodoloxía docente: a motivación e as estratexias de aprendizaxe.

34. As dimensións pedagóxicas do uso das TIC na docencia.

35. O marco de desenvolvemento académico docente (MDAD).

O alumnado do ensino superior:

36. O perfil do alumnado universitario no ensino superior.

37. O proceso de aprendizaxe do alumnado universitario.

38. O apoio para a aprendizaxe do alumnado.

39. A autorregulación na aprendizaxe.

40. Coñecementos neurocientíficos aplicados á educación.

A formación do profesorado do ensino superior:

41. Principios para unha formación do profesorado baseada no Scholarship of Teaching and Learning.

42. A investigación sobre formación docente do profesorado universitario.

43. A formación pedagóxica do profesorado universitario. Luces e sombras.

44. O plan de formación inicial para profesorado universitario da UDC.

45. O plan de formación permanente para profesorado universitario da UDC.

Innovación e avaliación docente:

46. A avaliación da acción docente.

47. Política institucional e avaliación docente na UDC.

48. Metodoloxías activas aplicadas á docencia.

49. A relevancia dos proxectos de innovación educativa na universidade.

50. Innovación e desenvolvemento profesional docente na universidade

51. A estratexia de innovación docente na UDC.

NOTA: debe entenderse que o temario pode verse afectado polas modificacións normativas e lexislativas que puideren producirse ata a data de fin de presentación de solicitudes.

missing image file
missing image file
missing image file